DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 15 de xullo de 2009 Páx. 12.237

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE GUITIRIZ

ANUNCIO.

Faise público para os efectos do establecido no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que o Pleno do Concello de Guitiriz, en sesión realizada o 2 de xullo de 2009, aprobou o seguinte acordo relativo á aprobación inicial do PXOM de Guitiriz e suspensión de licenzas:

1. Aprobar inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Guitiriz, elaborado polo equipo técnico UTE Cartografia de Guitiriz (en anagrama), no cal se inclúe o informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

2. Someter a documentación integrante de devandito plan xeral á información pública por un prazo de dous meses, mediante anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia e en dous dos diarios de maior difusión da provincia (La Voz de Galicia e El Progreso). Para estes efectos, o período de información pública rematará transcorridos dous meses desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Simultaneamente ao trámite de información pública, o Concello solicitaralle ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios, que deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, excepto que a lexislación sectorial sinale outro prazo.

Os documentos do PXOM que inclúe o informe de sustentabilidade ambiental (ISA) someteranse ás consultas previstas no documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica (AAE) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Guitiriz. A fase de consultas realizarase simultaneamente coa de información pública exixida pola normativa urbanística durante o prazo de dous meses, en que o PXOM aprobado inicialmente será exposto para o seu exame e formulación de observacións, segundo o artigo 7.5º da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e litoral de Galicia.

Así mesmo, simultaneamente e durante o prazo de información pública, daráselles audiencia aos municipios limítrofes.

O documento do PXOM e o informe de sustentabilidade ambiental, xunto co expediente tramitado, estarán á disposición do público nas dependencias do Concello de Guitiriz, en horario de oficina.

3. De conformidade co sinalado no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o acordo de aprobación inicial determina por si a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas, nos ámbitos que se relacionan nos puntos seguintes. Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento:

a) En todas as zonas afectadas por sistemas xerais o locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres, en calquera clase de solo, excepto naquelas zonas que sirvan para a súa propia execución.

b) En solo urbano non consolidado do PXOM, suspenderase en todos os casos.

c) En solo urbano consolidado suspenderase só naquelas zonas en que non se poidan cumprir ambas as ordenacións ou normativas simultaneamente (NSP vixentes e PXOM) e, sobre todo, naquelas zonas afectadas por vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres, agás que sirvan para a súa propia execución.

d) En todos os ámbitos de solo urbanizable (delimitado e non delimitado).

e) Consideraranse tamén suspendidas as licenzas de demolición ou edificacións en todos os elementos do catálogo recollidos no presente PXOM (en todos os ámbitos novos ou ampliados de protección de elementos catalogados).

f) Nos ámbitos de planeamento remitido a plans de desenvolvemento, excepto nos aprobados definitivamente sempre e cando o PXOM non estableza modificacións neses ámbitos (neste caso a suspensión afectará só esas zonas modificadas).

g) No solo rústico, dado que nas licenzas (excepto no caso de infraestruturas e peches) se require a autorización previa da CPTOPT (entre outras administracións que deban autorizar en cada caso) e estimando que esas administracións van regular, adecuadamente, as autorizacións que se poidan conceder transitoriamente mentres non se aprobe definitivamente o PXOM, só se suspenderán as licenzas no caso xeral do punto a) anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de viais, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres, agas que sirvan para a sua propia execución.

Nos ámbitos delimitados polo PXOM, que se somete á aprobación inicial, como núcleos rurais entenderanse suspendidas as licenzas urbanisticas que resulten incompatibles co réxime xurídico aplicable a eses núcleos rurais.

Nos ámbitos de NR para os que se delimite e prevexa a execución de plans específicos de protección, rehabilitación e mellora do medio rural, con actuacións de carácter integral, suspenderanse, en todo caso, as licenzas.

h) Os actos xenéricos para os que se suspende o outorgamento das licenzas (cando non se especifican exactamente) son os de parcelación de terreos, edificación e demolición.

i) Non se suspenden as licenzas de actividade nin as de primeira ocupación, salvo disposición expresa en contrario. No caso de ser necesaria a execución de obras, terase en conta o disposto nos restantes puntos.

j) Non se suspenden as licenzas de obras menores, nin as reformas interiores, salvo disposición expresa en contrario.

k) Nos casos (principalmente no caso c) anterior en que se poida alcanzar unha solicitude cun acordo volumétrico intermedio entre os plans de aplicación coordinada (NSP vixente e PXOM), pero sen superar os máximos ou mínimos que no caso de alturas, fondos etc. poida establecer cada documento (con carácter obrigado ou non), serán os servizos técnicos municipais os que determinen a congruencia das solicitudes e a súa integración na ordenación urbanística final, sen superar o valor máis desfavorable para cada parámetro volumétrico de entre os que os citados plans outorguen.

Guitiriz, 3 de xullo de 2009.

Regina Polín Rodríguez

Alcaldesa