DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 20 de xullo de 2009 Páx. 12.370

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 351/2009, do 9 de xullo, polo que se regula a legalización de documentos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que deban producir efectos no estranxeiro.

A dilixencia de legalización consiste nun recoñecemento de sinatura mediante o que unha autoridade que teña atribuída a competencia para iso declara a autenticidade da sinatura do signatario dun documento administrativo. A dita dilixencia é un requisito imprescindible para que os documentos expedidos en España xurdan efectos no estranxeiro, salvo nos supostos determinados e nos países exceptuados en virtude de convenios internacionais subscritos pola Administración xeral do Estado. Nestes últimos casos, os documentos administrativos que teñan que producir efectos nos Estados que forman parte do Convenio internacional da Haia do 5 de outubro de 1961, deberán conter a apostila correspondente, de acordo coa normativa que regula o dito convenio (BOE nº 229, do 25 de setembro de 1978, nº 248, do 17 de outubro de 1978, e nº 226, do 20 de setembro de 1984).

O procedemento para o recoñecemento das sinaturas das autoridades e empregados/as públicos/as da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aparece regulado na actualidade polo Decreto 106/2008, do 15 de maio, que atribuía a función de legalización de documentos que deban producir efectos no estranxeiro á extinta Secretaría Xeral de Relacións Institucionais e, na súa ausencia, segundo se dispón na dita norma, ao titular da subdirección xeral organicamente dependente daquela.

Como consecuencia da nova configuración departamental da Xunta de Galicia, e tendo en conta concretamente a actual estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, aprobada polo Decreto 303/2009, do 21 de maio, conforme a cal a competencia orixinaria de legalización lle corresponde á Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, cómpre proceder á modificación do procedemento regulado no Decreto 106/2008, para adecualo á estrutura e competencias que fixa o Decreto 303/2009 en relación con este procedemento.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día nove de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer o procedemento para o recoñecemento das sinaturas das autoridades e empregados/as públicos/as da Administración da comunidade autónoma nos documentos que teñan que producir efectos no estranxeiro, para a súa posterior legalización polos órganos administrativos designados por este decreto.

Artigo 2º.-Legalización de sinaturas.

Atribúeselle a función de legalización de sinaturas de documentos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que vaian producir efectos no estranxeiro á dirección xeral ou órgano equivalente competente na materia de relacións institucionais. No caso dos expedientes de adopción de menores, o recoñecemento de sinaturas será efectuado pola persoa titular da secretaría xeral do departamento da Xunta ao cal estean atribuídas as competencias en materia de menores, e na súa substitución, pola persoa titular do órgano superior con competencias directas na dita materia.

Artigo 3º.-Órganos que deben visar os documentos para a súa legalización.

Os documentos emitidos por calquera órgano ou autoridade da Administración autonómica deberán ser visados:

a) Polas persoas titulares das secretarías xerais de cada consellería.

b) Polas persoas titulares da presidencia, dirección ou cargos equivalentes dos organismos autónomos, entes públicos dependentes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e axencias públicas autonómicas.

Artigo 4º.-Procedemento de recoñecemento da sinatura.

As sinaturas da persoas titulares dos órganos sinalados no artigo anterior enviaranse á dirección xeral ou órgano equivalente competente en relacións institucionais, para o seu recoñecemento previo á legalización, de xeito que a dirección xeral ou órgano equivalente e os órganos designados a continuación só legalizarán os documentos que as conteñan.

A dita legalización de documentos será realizada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de relacións institucionais ou órgano equivalente, e na súa ausencia, vacante ou enfermidade, pola persoa titular da xefatura de servizo ou órgano xerarquicamente dependente que teña atribuída a competencia en legalizacións. No caso dos expedientes de adopción de menores, a sinatura válida será a da persoa titular da secretaría xeral do departamento competente en materia de menores, que será substituída, nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, de acordo co previsto no artigo 2º.

Pola súa vez, as sinaturas dos órganos que realizan o recoñecemento anteriormente descrito figurarán recoñecidas no Ministerio de Asuntos Exteriores e no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º.-Texto da dilixencia de legalización.

A dilixencia de legalización realizarase mediante a inserción ao dorso do documento que se vai legalizar, ou nun espazo que non afecte o seu contido, do seguinte texto:

«Dilixencia: de acordo cos antecedentes que constan no meu poder, a/s sinatura/s que antecede corresponde/n a... (nome, apelidos e cargo que figuren no documento). Lugar, data e sinatura».

Disposicións adicionais

Primeira.-A dirección xeral ou órgano equivalente competente en relacións institucionais disporá dun ficheiro coas sinaturas das persoas titulares dos órganos designados por este decreto para a acreditación das sinaturas correspondentes de cada departamento.

Segunda.-Quedan excluídos da aplicación deste decreto os documentos académicos sometidos a legalización, que continuarán rexéndose pola súa normativa específica.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 106/2008, do 15 de maio, polo que se regula a legalización de documentos da Comunidade Autónoma de Galicia que deban producir efectos no estranxeiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular do departamento da Xunta de Galicia competente en materia de relacións institucionais para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza