O Concello de Rairiz de Veiga remite o Plan Xeral de Ordenación Municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante, LOUG).
I. Antecendentes.
O Concello de Rairiz de Veiga carece de planeamento urbanístico municipal, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense.
Con data do 28-3-2005, a CPTOPT emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1º da LOUG.
O Concello Pleno aprobou inicialmente o PXOM o día 2-6-2006, someténdoo a información pública e solicitando informes sectoriais.
O Pleno do Concello de Rairiz de Veiga aprobou provisionalmente o 17-12-2007 o plan xeral, tras a emisión dos informes técnico e xurídico de data 26-11-2007 e 3-12-2007.
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible resolveu en data 28-4-2008 declarar a inviabilidade do sometemento do PXOM aos trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.
A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, mediante Orde de 29-7-2008 acordou, de conformidade co disposto no artigo 85.5º b) da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva do PXOM, debendo introducirse as modificacións necesarias que nela se establecían; e ser aprobado de novo polo concello.
A Confederación Hidrográfica do Norte emitiu informe en data 6-6-2008.
A Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio informou o 3-9-2008, ao abeiro do artículo 26.2º da Lei 32/2003 xeral de telecomunicacións.
O concello adoptou o acordo de aprobación do novo documento para aprobación definitiva, o 18-3-2009, logo de informes técnico e xurídico do 2-2-2009 e 4-3-2009.
O expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, tendo entrada no rexistro desta en data 15-4-2009.
II. Consideracións e fundamentos.
De conformidade co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal lle corresponde ao conselleiro.
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, á vista do informe do Servizo de Planificación Urbanística II, eleva o 9-7-2009 proposta, que se subscribe nos seus xustos termos, en que se fan as seguintes consideracións:
Estudado o documento aprobado polo Concello Pleno en sesión de 18-3-2009, que agora se somete a aprobación definitiva, púidose comprobar o cumprimento en xeral das observacións formuladas na Orde da CPTOPT de 29-7-2008, agás en canto a:
a) Clasificación dos solos urbanizables UDI-1 e UNDI-02:
Segundo o plano de información, eses ámbitos pertencen a montes de man común, tendo que clasificarse como solo rústico de protección forestal conforme co 32.2º b) da LOUG.
b) Outras cuestións sobre clasificación do solo:
A delimitación do espazo natural da Veiga de Ponteliñares, das NNCCSS provinciais, resulta invadida polas áreas de expansión dos núcleos da Saínza de Arriba e Peaguda, contravindo o establecido no artigo 32.2º f) da LOUG, agás xustificación de conformidade co expresado no artigo 28 das citadas normas.
En canto á exclusión da clasificación como solo rústico de protección de espazos naturais dos terreos ocupados por cursos fluviais e as súas marxes, así como por liñas eléctricas, debendo superpoñerse as categorías de solo rústico de protección de espazos naturais coas de protección de augas e de infraestruturas (artigo 32.3º da LOUG).
c) Documentación e normativa:
-Conforme o informe de telecomunicacións, modificarase o artigo 4.8º.6 da normativa urbanística, eliminando o requisito da distancia mínima desde as instalacións emisoras de telecomunicación a centros de ensino, sanitarios ou asistenciais e núcleos de poboación.
-Os terreos que, conforme o artigo 32 c) da LOUG, deben ser clasificados como solo rústico de protección de infraestruturas aparecen grafados coa trama correspondente a solo rústico de protección de patrimonio, o que semella un erro de grafismo.
III. Resolución.
En base ao antedito,
resolvo:
Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Rairiz de Veiga (Ourense) de acordo co punto 5º a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que deixa en suspenso o seguinte:
-Os ámbitos dos solos urbanizables UDI-1 e UDI-2.
-As áreas de expansión dos núcleos da Saínza de Arriba e Peaguda que afectan á delimitación do Espazo Natural da Veiga de Ponteliñares, das NNCCSS Provinciais.
-Os terreos ocupados por cursos fluviais e as súas marxes, así como por liñas eléctricas, incluídos en espazos naturais (artigo 32.3º da LOUG).
-O artigo 4.8º.6 da normativa, que infrinxe o informe sectorial de telecomunicacións.
-A trama errónea de protección de patrimonio en vez da de protección de infraestruturas.
Segundo.-O concello deberá emendar as deficiencias sinaladas no punto II anterior, elaborar un novo documento coas correccións indicadas, e logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación, elevar este ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.
Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.
Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2009.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

