O artigo 99.2º da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, na súa redacción orixinaria, incorporou como novidade no noso ordenamento xurídico a posibilidade de que existise unha soa secretaría para varios xulgados de paz. De conformidade con esta previsión, o artigo 50 da Lei 38/1988, do 28 de decembro, de demarcación e planta xudicial, establece un réxime para a agrupación de secretarías de xulgados de paz servidas por funcionarios de xustiza e outro réxime aplicable ás agrupacións de secretarías atendidas polo denominado persoal idóneo nomeado polos concellos.
Polo Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro (BOE do 17 de decembro), traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos que dentro do territorio de Galicia desempeñaba a Administración do Estado sobre revisión e aprobación das agrupacións das secretarías de xulgados de paz, fixación do seu cadro de persoal e adscrición, se é o caso, de funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de xustiza aos xulgados de poboacións de máis de 7.000 habitantes e aos que pola carga de traballo se considere xustificado.
En exercicio das competencias transferidas, a comunidade autónoma, a través do Decreto 168/2008, do 24 de xullo, regulou as agrupacións das secretarías de xulgados de paz, establecendo a súa constitución de forma gradual en función das posibilidades organizativas e orzamentarias da Xunta de Galicia.
No marco destas competencias, establécense nesta orde as primeiras agrupacións das secretarías dos xulgados de paz que se sinalan.
Na súa virtude, logo do informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos consellos galegos de avogados e procuradores e oídas as organizacións sindicais con representación no ámbito do persoal ao servizo da Administración de xustiza,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto a constitución dun total de nove agrupacións de secretarías de xulgados de paz, dúas na provincia da Coruña, dúas na provincia de Lugo, dúas na provincia de Ourense e tres na provincia de Pontevedra.
Artigo 2º.-Agrupacións das secretarías de xulgados de paz nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra.
Constitúense as agrupacións de secretarías dos xulgados de paz que figuran no anexo I desta orde a través da ampliación do ámbito territorial e funcional de actuais centros de destino da Administración de xustiza, que serán servidas por persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
Artigo 3º.-Agrupación das secretarías de xulgados de paz na provincia de Lugo.
Constitúense as agrupacións de secretarías dos xulgados de paz que figuran como anexo II desta orde a través do establecemento de novos centros de destino da Administración de xustiza, que serán servidas por persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.
Artigo 4º.-Plans de actividades e desprazamentos.
As delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con audiencia dos concellos integrados na agrupación, elaborarán un plan semestral de actividades e desprazamentos para realizar as funcións das agrupacións das secretarías de xulgados de paz, que será autorizado pola Dirección Xeral de Xustiza.
Artigo 5º.-Relacións de postos de traballo de persoal ao servizo da Administración de xustiza.
As relacións de postos de traballo dos secretarios das agrupacións e dos funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e de auxilio xudicial das agrupacións comprendidas no artigo terceiro serán determinadas conforme o disposto na Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial; as agrupacións comprendidas no artigo segundo manterán os cadros de persoal actualmente vixentes.
No concello en que se fixa a sede da correspondente agrupación constituirase o centro de destino.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Xustiza para fixar a entrada en funcionamento das agrupacións de secretarías de xulgados de paz mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, así como para ditar cantas disposicións complementarias sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO I
Agrupacións de secretarías de xulgados de paz constituídas a través da ampliación do ámbito territorial e funcional de actuais centros de destino da Administración de xustiza.
-Provincia da Coruña:
Agrupación número 1: desempeñada por persoal ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz de Fene: dous funcionarios do corpo de xestión, un funcionario do corpo de tramitación e un funcionario do corpo de auxilio, comprende as dos xulgados de paz de Fene (14.346 habitantes) e A Capela (1.487 habitantes). Poboación total: 15.833 habitantes. Sede en Fene.
Agrupación número 2: desempeñada por persoal ao servizo da Administración de xustiza de Mugardos: un funcionario do corpo de xestión e un funcionario do corpo de auxilio, comprende as dos xulgados de paz de Ares (5.405 habitantes) e Mugardos (5.630 habitantes). Poboación total: 11.035 habitantes. Sede en Mugardos.
-Provincia de Ourense:
Agrupación número 1: desempeñada polo persoal ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz de Allariz: un funcionario do corpo de xestión e un funcionario do corpo de auxilio. Comprende as dos xulgados de paz de Allariz (5.433 habitantes), Paderne de Allariz (1.602 habitantes) e Xunqueira de Ambía (1.863 habitantes). Poboación total: 8.898 habitantes. Sede en Allariz.
Agrupación número 2: desempeñada polo persoal ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz de Viana do Bolo: un funcionario do corpo de xestión e un funcionario do corpo de auxilio. Comprende as dos xulgados de paz de Viana do Bolo (3.517 habitantes), O Bolo (1.223 habitantes), Larouco (571 habitantes) e Vilariño de Conso (727 habitantes). Poboación total: 6.038 habitantes. Sede en Viana do Bolo.
-Provincia de Pontevedra:
Agrupación número 1: desempeñada polo persoal ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz de Forcarei: un funcionario do corpo de xestión e un funcionario do corpo de auxilio. Comprende as dos xulgados de paz de Forcarei (4.505 habitantes) e Cerdedo (2.330 habitantes). Poboación total: 6.835 habitantes. Sede en Forcarei.
Agrupación número 2: desempeñada polo persoal ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz de Mondariz: un funcionario do corpo de xestión e un funcionario do corpo de auxilio. Comprende as dos xulgados de paz de Covelo (3.602 habitantes), Mondariz (5.354 habitantes) e Mondariz-Balneario (740 habitantes). Poboación total: 9.696 habitantes. Sede en Mondariz.
Agrupación número 3: desempeñada polo persoal ao servizo da Administración de xustiza do Xulgado de Paz da Cañiza: un funcionario do corpo de xestión e un funcionario do corpo de auxilio. Comprende as dos xulgados de paz da Cañiza (6.714 habitantes) e Crecente (2.677 habitantes). Poboación total: 9.381 habitantes. Sede na Cañiza.
ANEXO II
Agrupacións de secretarías de xulgados de paz constituídas a través do establecemento de novos centros de destino da Administración de xustiza.
-Provincia de Lugo:
Agrupación número 1: integrada polos xulgados de paz de Rábade (1.668 habitantes) e Outeiro de Rei (4.695 habitantes). Poboación total: 6.363 habitantes. Sede en Outeiro de Rei. Estará servida, polo menos, por un funcionario do corpo de xestión.
Agrupación número 2: integrada polos xulgados de paz de Abadín (3.141 habitantes), A Pastoriza (3.726 habitantes) e Riotorto (1.634 habitantes). Poboación total: 8.501 habitantes. Sede na Pastoriza. Estará servida, polo menos, por un funcionario do corpo de xestión.

