DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 07 de agosto de 2009 Páx. 13.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 30 de xullo de 2009 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.

Supostos de feito:

1. Ángel Varela Varas, secretario da fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o vinte e nove de decembro de dous mil oito, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo tres mil douscentos oitenta e catro, pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova); Caixa de Aforros de Galicia; Unión Fenosa, S.A.; Industria de Diseño Textil, S.A. (Inditex); Inveravante Inversiones Universales, S.L.; Fundación Benéfica Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa; Banco Gallego S.A.; R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.; Cooperativas Ourensanas, Soc. Cooperativa Galega; Epifanio Campo Fernández; Gallega de Distribuidores de Alimentación, S.A. (Gadisa); Hijos de Rivera, S.A.; Transmonbús, S.L.; Grupo Nosa Terra 21, S.A.; e Hijos de J. Barreras, S.A.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

A promoción, fomento e difusión da cultura de Galicia e a súa relación co exterior, en particular con Europa e Iberoamérica.

A promoción, programación, xestión e explotación de actividades culturais, así como a xestión das infraestruturas relacionadas co Centro de Arte Internacional, Museo de Nenos/as e co Centro de Recursos Obradoiro, de titularidade da Fundación Cidade da Cultura.

A xestión das actividades complementarias ou a produción dos bens susceptibles de contraprestación que sexan ofertados aos cidadáns nos centro integrantes do complexo Cidade da Cultura.

4. O padroado inicial da fundación, que consta na escritura de constitución, está formado polo Banco Gallego, S.A., como presidente; o presidente do padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia como vicepresidente primeiro; o vicepresidente do padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia como vicepresidente segundo; Hijos de Rivera, S.A. como vicepresidente terceiro; e polos seguintes vogais: secretario da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova); Caixa de Aforros de Galicia; Unión Fenosa, S.A.; Industria de Diseño Textil, S.A.; Inveravante Inversiones Universales, S.L.; Fundación Benéfica Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa; R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.; Cooperativas Ourensanas, Soc. Cooperativa Galega; Epifanio Campo Fernández; Gallega de Distribuidores de Alimentación, S.A. (Gadisa); Transmombús, S.L.; Grupo Nosa Terra, 21, S.A.; e Hijos de J. Barreras, S.A.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil nove.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, de 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza