DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 14 de agosto de 2009 Páx. 13.549

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2009 de suspensión do procedemento para outorgamento de autorizacións de instalacións de parques eólicos tramitado ao abeiro do Decreto 242/2007, do 13 de decembro.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por medio do Decreto 242/2007, do 13 de decembro (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2008) regúlase o réxime xurídico das instalacións de produción de electricidade a partir da enerxía eólica radicadas dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a devandita disposición establece as condicións técnicas, ambientais, socioeconómicas e de eficiencia enerxética que deberán respectar en todo caso as instalacións de parques eólicos autorizadas na comunidade autónoma e aqueles criterios de interese social que serán empregados para a selección dos anteproxectos de parques eólicos, no caso de que o número de solicitudes supere a potencia que se vaia tramitar en cada período de referencia. Igualmente, establécese o procedemento para a selección de anteproxectos de parques eólicos e para o outorgamento das autorizacións de construción das referidas instalacións.

Sobre o borrador do devandito decreto a Asesoría Xurídica Xeral emitira informe con observacións de legalidade con data 5 de xullo de 2007. Así mesmo, o Consello Consultivo de Galicia emitira informe desfavorable (Expediente CCG 727/2007).

Segundo.-Por Resolución do 26 de decembro de 2008, da Consellería de Innovación e Industria, aprobouse a relación de anteproxectos de instalación de parques eólicos seleccionados consonte a Orde do 6 de marzo de 2008, pola que se determinaba o obxectivo de potencia máxima en megawatts para tramitar no período 2008-2012 e se abría o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de parques eólicos. A referida orde de convocatoria ditábase en aplicación do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia.

Terceiro.-Consonte o establecido na devandita resolución en aplicación do referido decreto, no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte ao da notificación da resolución de admisión a trámite ou selección, os titulares de anteproxectos seleccionados debían presentar as solicitudes e demais documentación que se lles especificaba co obxecto de continuar coa tramitación administrativa necesaria para o outorgamento das autorizacións administrativas para a instalación de parques eólicos.

Cómpre precisar neste momento que a superación da fase de selección constituía simplemente un requisito para continuar co procedemento, pero en ningún caso prexulgaba o efectivo outorgamento das autorizacións.

Cuarto.-Dentro do prazo previsto no punto anterior presentáronse nas dependencias da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas as oportunas solicitudes de autorización.

Quinto.-En uso das competencias que a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuídas, apreciada a necesidade e o interese público de deseñar un novo modelo no aproveitamento de enerxía eólica que, repercutindo positivamente sobre a sociedade galega, resulte equitativo e plenamente acorde co ordenamento xurídico vixente, a Consellería de Economía e Industria está a tramitar un anteproxecto de lei polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia e polo que se crean simultaneamente un canon eólico que grave as deseconomías ambientais e paisaxísticas xeradas polas instalacións eólicas e un fondo de compensación ambiental mediante o cal os beneficios xerados polo canon se vinculen a melloras nos municipios afectados pola implantación de parques eólicos. O cambio operado no modelo de aproveitamento eólico mediante a creación destes novos instrumentos, unido á previsión dunha nova planificación de convocatorias sucesivas por grupos de áreas de desenvolvemento eólico e por

cotas asignadas a cada grupo, exixe modificacións substanciais no procedemento de autorización, que igualmente se regula no anteproxecto que se está a tramitar, depurándose ademais as restantes irregularidades normativas que xa foran percibidas con carácter previo ao inicio da tramitación desta nova norma.

Sexto.-A norma que se está a preparar atópase en fase de anteproxecto de lei, elaborada polo centro directivo competente e elevado, para o seu coñecemento e constancia, ao Consello da Xunta de Galicia con data do 6 de agosto de 2009 para, a partir de aquí, continuar coa tramitación precisa para a súa aprobación como proxecto de lei polo devandito Consello e ulterior tramitación e aprobación parlamentaria. Deste estado de tramitación déixase constancia na acta correspondente ao referido Consello da Xunta.

Sétimo.-Paralelamente á tramitación deste anteproxecto e logo da consulta formulada neste sentido, a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia con data do 30 de xullo de 2009, emitiu un informe en que pon de manifesto que o referido Decreto 242/2007 adoece de falta de legalidade, vicios que afectan esencialmente o procedemento e as melloras voluntarias do artigo 9.2º, especialmente a relativa á participación pública recollida no seu punto primeiro, a cal chega a ser cualificada como nulidade ex artigo 62.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, é dicir, nulidade de pleno dereito.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O conselleiro de Economía e Industria é competente para adoptar esta resolución, a proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas, e consonte o disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 117, do 17 de xuño) e no Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia (DOG nº 2, do 3 de xaneiro de 2008).

Segundo.-Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 72 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que establece a posibilidade de adopción das medidas provisionais oportunas logo de iniciado o correspondente procedemento, sendo neste caso o obxecto da suspensión asegurar que a iniciativa lexislativa do Goberno, que se remitirá ao Parlamento para a súa aprobación como lei, non se atope xa condicionada por unha situación consolidada ao abeiro dun decreto de aplicación incompatible coa nova planificación deseñada e respecto do cal observou pola propia Asesoría Xurídica Xeral manifestos vicios de ilegalidade.

Terceiro.-A incompatibilidade do novo modelo eólico previsto polo anteproxecto de lei que se está a tramitar, baseado na creación do canon e do fondo de compensación co legalmente cuestionable compromiso adicional de participación pública contido no punto primeiro do artigo 9.2º do Decreto 242/2007; os significativos e transcendentes cambios introducidos en relación coas convocatorias periódicas por cotas fronte á convocatoria única para adxudicación da potencia total pendente de desenvolver; o interese público inherente á aplicación destas novas pautas e a aprobación do novo texto legal, manifestado nunha mellor adecuación ás exixencias normativas contidas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nas directivas comunitarias adoptadas nesta materia; a inconsistencia e desvirtuación dos procedementos incoados ao abeiro deste decreto se prescinde da decisiva participación pública e se, igualmente, se instaura o novo sistema de convocatorias periódicas; e,

esencialmente, os manifestos vicios de ilegalidade observados no Decreto 242/2007, pola Asesoría Xurídica Xeral no seu informe do 30 de xullo de 2009, xustifican sobradamente a suspensión do procedemento de autorización de instalacións eólicas tramitado ao abeiro do referido decreto, mentres non se aprobe a nova regulación prevista.

Cuarto.-A suspensión de procedementos amparada na tramitación dunha iniciativa lexislativa constitúe unha medida adoptada na praxe administrativa e atópase avalada pola propia xurisprudencia do Tribunal Supremo que, en relación coa suspensión de licenzas para establecementos farmacéuticos na Comunidade Autónoma de Valencia, confirmou plenamente as resolucións de suspensión adoptadas polo Goberno valenciano mentres se tramitaba a correspondente norma autonómica en materia de ordenación farmacéutica. Segundo esta xurisprudencia (sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo, sección 4, do 6 de xullo de 2005, entre outros pronunciamentos) considérase que a referida medida de suspensión atopaba o seu aval normativo no artigo 72 da Lei 30/1992, tiña por obxecto asegurar que a futura regulamentación que a Comunidade Autónoma debía aprobar non se atopase condicionada (...) e fundamentábase na importante e trascendente modificación do réxime.

Como consecuencia do exposto nos parágrafos precedentes,

RESOLVO:

Primeiro.-Suspender a tramitación do procedemento que se está a seguir para o outorgamento das autorizacións das instalacións de parques eólicos ao amparo do Decreto 242/2007 mentres non se aprobe a nova lei que se está a tramitar e, de non se aprobar antes, polo prazo de seis meses dende a publicación da presente resolución.

Segundo.-A suspensión poderá ser alzada ou modificada en calquera momento, de oficio ou por instancia de parte e quedará sen efecto transcorridos os prazos previstos no parágrafo anterior.

Terceiro.-Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, sen prexuízo da notificación individual aos interesados.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación e sen prexuízo de que a recorrente poida exercer calquera outro que estime oportuno.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2009.

P.D. (Orde 30-4-2009; DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía e Industria