DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 27 de agosto de 2009 Páx. 14.011

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 20 de xullo de 2009 pola que se regula a construción e a xestión dos vertedoiros no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, incorpora ao ordenamento xurídico español as disposicións establecidas na Directiva comunitaria 91/159/CEE, que modifica a Directiva 75/442/CEE, relativa aos residuos.

O Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro, desenvolve a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos e establece o réxime xurídico aplicable ás actividades de eliminación de residuos mediante o seu depósito en vertedoiros. Así mesmo, delimita os criterios técnicos mínimos para o seu deseño, construción, explotación, clausura e mantemento.

O Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, establece o procedemento xeral para autorizar esas actividades.

En Galicia a partir do ano 2005 elaborouse unha estratexia da vertedura con dous grandes obxectivos: restrinxir a vertedura de residuos e procurar que a vertedura que se teña que realizar se faga da maneira máis inocua e segura posible.

A publicación da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, reforza esta estratexia ao introducir restricións á vertedura de residuos, limitándoo a aqueles que non poden ser valorizados en instalacións da comunidade autónoma.

Esta orde introduce medidas nesta dobre dirección:

Para conseguir o obxectivo de restrinxir a vertedura, desenvolve o procedemento xeral de autorizacións de instalacións de eliminación regulados no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, e precisa os mecanismos para evitar a vertedura dos residuos valorizables en Galicia; adecua as autorizacións dos vertedoiros a medida que se constrúen plantas de valorización de residuos capaces de recuperar os residuos que se eliminan; controla que a vertedura de residuos procedentes doutras comunidades autónomas se estea a realizar no marco da Lei 10/1998, do 21 de abril, básica de residuos; e regula a utilización de códigos de identificación de residuos para coñecer a súa idoneidade e controlar a súa rastrexabilidade.

Polo que se refire ao segundo obxectivo, establece a documentación que hai que presentar para avaliar que a construción do vertedoiro se realiza co menor custo ambiental posible; establece mecanismos para o control da admisión de residuos e o control e vixilancia durante a fase de explotación, clausura e mantemento posterior; e regula o réxime da clausura e mantemento posclausura.

Xunto con estas medidas, esta norma tamén ten por obxecto establecer mecanismos dirixidos a que o prezo de vertedura non sexa competitivo co prezo da reciclaxe, e sexa suficiente para cubrir todos os gastos previstos no Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro.

Así mesmo, esta orde regula as garantías que se deberán constituír para afrontar todos os gastos derivados da explotación, clausura e mantemento posclausura do vertedoiro, incluíndo, se fose o caso, o desmantelamento do vertedoiro, por exemplo, mediante a provisión do correspondente importe que deberá depositarse na caixa de depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, aclara a situación dos vertedoiros existentes construídos con medios públicos e entregados aos concellos, no que se refire ás obrigas dos actores que interveñen na súa xestión, tanto durante a explotación dos vertedoiros como durante o período de clausura e mantemento posclausura.

Na súa virtude, de acordo coas competencias atribuídas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e na disposición derradeira primeira do Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, así como no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia,

DISPOÑO:

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º-Obxecto.

O obxecto desta orde é o establecemento dunha normativa técnica adecuada para as actividades de eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiros, desenvolvendo o disposto no Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Subproduto: os materiais, obxectos ou substancias sobrantes dun proceso de produción, transformación ou consumo que non teñan modificadas as súas propiedades e características orixinais e que se utilicen de forma directa como produto ou materia prima, sen se someteren previamente a unha operación de valorización ou eliminación e sen poñer en perigo a saúde humana nin lle causar prexuízos ao ambiente, así como aqueles materiais, obxectos ou substancias defectuosas xeradas nun proceso produtivo que se reincorporan a este.

b) Solicitante: a persoa física ou xurídica que solicita unha autorización para establecer e/o xestionar un vertedoiro.

c) Entidade explotadora ou xestor: a persoa física ou xurídica responsable da xestión dun vertedoiro, segundo a lexislación española. Esta persoa pode cambiar da fase de explotación á do peche e mantemento posterior.

d) Valorización: todo procedemento que permita o aproveitamento dos recursos contidos nos residuos sen poñer en perigo a saúde humana e sen utilizar métodos que poidan causar prexuízos ao ambiente. Trátase das operacións R1 a R12 recollidas na Orde MAM/304/2002, do 8 de febreiro.

e) Valorización final: proceso de valorización do cal se obteñen materiais, obxectos ou substancias que se incorporan ao ciclo produtivo.

Artigo 3º.-Clases de vertedoiro.

Os vertedoiros clasificaranse nalgunha das categorías seguintes:

a) Vertedoiro para residuos inertes.

b) Vertedoiro para residuos non perigosos: inclúense dentro desta categoría os vertedoiros de residuos municipais e os de construción e demolición.

c) Vertedoiro para residuos perigosos.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde aplicarase a todos os vertedoiros incluídos no ámbito de aplicación do Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro, que se atopen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Réxime xurídico das autorizacións.

1. O réxime xurídico xeral da autorización administrativa das actividades de eliminación de residuos en vertedoiro será o establecido na normativa sectorial específica de residuos, en concreto, na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento, tamén na normativa sectorial específica nesta materia e, de ser o caso, na de prevención e control integrados da contaminación, sen prexuízo das demais autorizacións e licenzas exixidas por outras disposicións.

2. O contido básico do proxecto construtivo do vertedoiro que, de conformidade coa normativa indicada, ten que presentar o solicitante para obter a autorización é o determinado no anexo I desta orde.

No caso de que no proxecto se prevexa a instalación de xeosintéticos nas distintas fases de execución das obras de vertedoiro, deberá completarse cun plan de control de calidade co contido do anexo II.

Co obxecto de coñecer a incidencia ambiental de todas as fases da vertedura, xunto co proxecto construtivo, o solicitante elaborará o Plan de vixilancia e control ambiental que se adecue ás directrices contidas no anexo III, que deberá ser aprobado polo órgano administrativo competente en materia de residuos.

Artigo 6º.-Órgano competente.

Correspóndelle ao órgano administrativo competente en materia de residuos a tramitación e o outorgamento ou, de ser o caso, a denegación motivada, da solicitude de autorización.

Artigo 7º.-Infraccións administrativas.

O réxime de infraccións e sancións aplicable á presente orde é o previsto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia e na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos. Non obstante, cando se trate de instalacións sometidas á Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, poderá serlle de aplicación o réxime sancionador previsto no título IV da dita lei.

Artigo 8º.-Normas procedementais xerais.

1. Os procedementos regulados na presente orde axustaranse ao disposto no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión dos residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo das precisións contidas ao longo desta disposición.

2. Nos procedementos administrativos regulados nesta orde, o prazo máximo en que debe notificarse a resolución expresa será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que a dita notificación se efectuase, as solicitudes formuladas entenderanse desestimadas segundo a Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección segunda

Dos residuos eliminados en vertedoiro

Artigo 9º.-Prohibicións xerais á vertedura en vertedoiros.

Non se admitirán nos vertedoiros os seguintes materiais ou residuos:

a) As terras e rochas non contaminadas de escavación utilizadas para a restauración, acondicionamento e recheo, ou con fins de construción segundo o dito no artigo 3 do Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión dos residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

b) O depósito de solo sen contaminar ou de residuos non perigosos inertes procedentes da prospección, extracción, tratamento e almacenamento de recursos minerais, segundo o especificado no Real decreto 1481/2001.

c) Residuos líquidos ou residuos que presenten unha humidade superior ao 65% en peso.

d) Residuos cunha temperatura superior a 50 graos centígrados.

e) Residuos que, en condicións de vertedura, sexan explosivos, corrosivos, oxidantes, facilmente inflamables ou inflamables consonte a lexislación vixente.

f) Residuos que sexan infecciosos consonte a característica H9 da táboa 5 do Real decreto 833/1998, así como residuos da categoría 14 da táboa 3 do mesmo real decreto.

g) Residuos reactivos.

h) Pneumáticos usados (tanto enteiros como en anacos), con exclusión dos pneumáticos utilizados como elementos de protección dos vertedoiros. Non obstante, admitiranse os pneumáticos de bicicleta e os que teñan un diámetro superior a 1.400 mm.

i) Calquera outro residuo que non cumpra os criterios de admisión establecidos no anexo IV, así como na Decisión 2003/33/CE do Consello, do 19 de decembro de 2002, pola que se establecen os criterios e procedementos de admisión de residuos nos vertedoiros.

j) Os subprodutos animais non destinados ao consumo humano agás que se acredite suficientemente o cumprimento da súa normativa específica -Regulamento CE nº 1774/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos de animais non destinados ao consumo humano- ante o órgano administrativo competente en materia de residuos.

Artigo 10º.-Admisión de residuos en vertedoiros.

De forma xeral os residuos admisibles en vertedoiro serán aqueles que non sexan susceptibles dun tratamento de valorización final en Galicia ou dun aproveitamento directo como subproduto.

Os residuos inicialmente aceptables en vertedoiros son os contidos na relación incluída no anexo V desta orde.

Artigo 11º.-Admisión de residuos valorizables en vertedoiros.

1. Excepcionalmente poderá autorizarse a admisión de residuos valorizables en vertedoiro cando por circunstancias conxunturais do mercado non resulte posible a comercialización dos produtos obtidos como consecuencia do proceso de valorización.

Enténdese que estas circunstancias conxunturais do mercado se dan nos casos seguintes:

a) Cando as instalacións de valorización existentes suspendan a súa actividade.

b) Cando a produción sobrevida do residuo valorizable non poida ser absorbida polas plantas de valorización existentes.

c) Cando o prezo da reciclaxe altere substancialmente os custos de xestión existentes.

2. A autorización será outorgada por solicitude do interesado en admitir residuos valorizables en vertedoiro, para o cal deberá presentar unha solicitude (solicitude de admisión de residuos valorizables SARV - anexo VI) xunto cunha memoria co seguinte contido:

a) Datos do proceso produtivo en que se orixina o residuo.

b) Caracterización básica do residuo, segundo o formato establecido no apéndice IV.1 do anexo IV.

c) Cantidade de residuos prevista para a súa admisión.

d) Prazo de tempo previsto para a recepción.

e) Información e documentación xustificativa, incluíndo características específicas do residuo, información das circunstancias concretas do mercado e outras que a xuízo do solicitante xustifiquen que se dá algunha das circunstancias relacionadas anteriormente, podendo incluírse tamén informes subministrados polas plantas de valorización sobre a insuficiente capacidade.

3. O órgano administrativo competente en materia de residuos, tendo en conta a solicitude do interesado, a información da situación de que dispoña ou que acade dos axentes económicos sobre valorización de residuos, a situación conxuntural do mercado de utilización de residuos valorizables e a capacidade das plantas de valorización, outorgará ou denegará a solicitude tras o correspondente trámite de audiencia aos interesados.

4. De ser o caso, a autorización determinará:

a) O proceso produtivo que orixina o residuo.

b) Código LER e descrición do residuo.

c) O tempo máximo da autorización. Para determinar ese prazo terase en conta o solicitado polo interesado; en ningún caso o prazo outorgado superará os 12 meses.

d) As condicións de fiscalización e ambientais necesarias.

e) Os vertedoiros que poden recibir o residuo valorizable, no caso de que nas alegacións formuladas polos interesados no trámite de audiencia se propoña a necesidade de estender a autorización a outros interesados.

f) As garantías adicionais necesarias para afianzar as consecuencias da vertedura.

5. A denegación, de ser o caso, formularase por resolución motivada que será notificada ao interesado.

6. O órgano administrativo competente en materia de residuos, cando considere que, dándose algunha das circunstancias previstas anteriormente, os residuos non poden ser xestionados en Galicia doutra forma diferente á vertedura, poderá autorizar, nun procedemento iniciado de oficio, a admisión de residuos valorizables en vertedoiro. Na resolución da autorización deberá indicar:

a) As instalacións de vertedura. En caso de que existan varias instalacións que teñan capacidade técnica e ambiental para eliminar o residuo, a autorización outorgarase a todas elas.

b) Código LER e descrición do residuo.

c) As condicións de fiscalización e ambientais necesarias.

d) O período máximo de vixencia da autorización. Para a determinación do dito prazo terase en conta as circunstancias que motivaron a excepción, sen que en ningún caso poida superar os 12 meses.

Artigo 12º.-Aceptación de residuos en vertedoiros.

O produtor de residuos ou xestor intermedio que pretenda levar o residuo a un vertedoiro deberá contar como requisito previo ao traslado do residuo cun compromiso documental de aceptación por parte do xestor do vertedoiro, en concreto, cun documento de aceptación do residuo-DAR (anexo VII). Este documento, en todo caso, deberá incorporar información relativa á caracterización básica do residuo.

Co obxecto de determinar a admisibilidade de residuos nos distintos tipos de vertedoiro, antes da súa vertedura, os residuos someteranse ao control previsto no anexo IV desta orde.

Artigo 13º.-Procedemento para a supresión de residuos valorizables dos actualmente admisibles en vertedoiros.

Cando se autoricen na Comunidade Autónoma de Galicia instalacións que permitan a reciclaxe ou valorización final de residuos que ata este momento se depositaban en vertedoiros, procederase do seguinte xeito:

a) Cando se trate de instalacións que permitan a valorización do total dos residuos desa tipoloxía producidos en Galicia:

Para os efectos de que aleguen, no prazo de 15 días, o que consideren pertinente antes de modificar a súa autorización para verter os ditos residuos valorizables, procederase a notificar aos xestores de vertedoiros que teñan autorizado a vertedura do residuo a valorizar os datos referentes a:

-Residuo/s que se valorizarán.

-Titular da planta de valorización autorizada.

-Tipo de valorización autorizada.

-Capacidade da planta.

-Data da autorización.

Tendo en conta as alegacións presentadas, o órgano administrativo competente en materia de residuos procederá a tomar a decisión que considere oportuna sobre a supresión do/s residuo/s valorizables da autorización outorgada para a eliminación en vertedoiro.

b) Cando se trate de instalacións que permitan a valorización de parte dos residuos producidos desa tipoloxía en Galicia:

Procederase a notificar, aos xestores de vertedoiros que teñan autorizado a vertedura do residuo para valorizar, os mesmos datos sobre a planta sinalados no parágrafo anterior, para os efectos de que aleguen no prazo de 15 días o que consideren pertinente con anterioridade á modificación da súa autorización para verter eses residuos valorizables.

Tendo en conta as alegacións presentadas, o órgano administrativo competente en materia de residuos procederá a modificar a autorización outorgada para verter o/s citado/s residuo/s, establecendo límites cuantitativos para o residuo valorizable en proporción á capacidade da planta de valorización e as capacidades restantes de cada un dos vertedoiros.

Para o cálculo da redución terase en conta principalmente a cantidade vertida de residuo valorizable nos dous últimos anos; poderanse considerar outros factores que permitan ter unha maior información para determinar a limitación da vertedura.

Artigo 14º.-Autorización de eliminación de residuos procedentes doutras comunidades autónomas en vertedoiros.

1. Os xestores de vertedoiros, no caso de quereren recibir nas súas instalacións residuos producidos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de realizar as comprobacións necesarias para a admisión de residuos, deberán obter autorización previa do órgano administrativo competente en materia de residuos.

2. Para obter a devandita autorización deberán presentar unha solicitude (solicitude de admisión de residuos doutras comunidades autónomas SARC - anexo VIII) xunto cunha memoria-programa que conteña unha previsión dos residuos que van recibir, incluíndo información sobre:

-Cantidade estimada de residuos que se recibirán.

-Prazo estimado en que se prevexa a recepción dos residuos.

-Vida útil do vertedoiro no momento en que solicita a autorización.

Á vista da memoria, o órgano administrativo competente en materia de residuos comprobará:

-Se o vertedoiro ten capacidade suficiente.

-Se o vertedoiro é axeitado para a súa recepción.

-Se a recepción pode dificultar o cumprimento dos obxectivos previstos nos plans de residuos.

-Se a recepción de residuos pode dificultar a xestión das instalacións destinatarias cando esta sexa de titularidade pública ou a súa construción ou xestión fose financiada en parte con fondos públicos para atender necesidades de xestión dos residuos incluídos nos plans de residuos de Galicia.

Tendo en conta estas comprobacións, autorizarase ou denegarase a recepción dos residuos.

3. Na autorización especificarase polo menos:

-Cantidade máxima de residuos que se prevé recibir.

-Prazo da autorización outorgada.

4. No marco desta autorización, o xestor poderá admitir residuos na súa instalación de acordo co seguinte procedemento:

-Antes de cada recepción, procederá a enviar, con 10 días de mínima antelación á data da recepción, información en que se especifique:

a) Orixe do residuo, indicando a comunidade autónoma de orixe e identificación do produtor.

b) Cantidade de residuos que se prevé recibir.

c) Tipo de residuos, coa identificación do código LER e do asignado segundo o R.D. 952/1997, para residuos perigosos.

-Recibida esta información, o órgano administrativo competente en materia de residuos comprobará que a recepción do residuo é axeitada e conforme coas autorizacións da instalación e o programa aprobado. Non se poderá realizar a vertedura no caso de que o órgano administrativo competente en materia de residuos considere que non se cumpren os requisitos necesarios ambientais suficientes para iso ou que a capacidade do vertedoiro non é suficiente para atender o residuo.

-Tras aceptar os residuos nas instalacións o xestor deberá comunicar as cantidades reais recibidas.

5. A información indicada neste artigo será facilitada utilizando os procedementos informáticos, incluídos os telemáticos que, o órgano administrativo competente en materia de residuos poña á disposición dos xestores.

Artigo 15º.-Criterios de aplicación da codificación da Orde MAM/304/2002 para residuos destinados a vertedoiro.

1. Como regra xeral utilizaranse unicamente os códigos 19 para os residuos destinados a vertedoiro. Aos residuos valorizables procedentes das saídas das plantas de valorización asignaráselles o código determinado pola fonte que produciu o residuo orixinal tratado, codificándose unicamente co código 19 os rexeitamentos do proceso non recuperables.

2. A utilización de códigos 99 para os residuos destinados á vertedura, terá carácter excepcional para os seguintes supostos:

-Residuos mesturados procedentes de proceso e que non teñan previsto un código mestura na Orde MAM/304/2002.

-Residuos sen código asignado na citada orde.

-Residuos, procedentes do produtor, que conteñan elementos que os fagan non valorizables.

Para a súa utilización, a empresa produtora e a empresa xestora deberán solicitalo conxuntamente (solicitude de admisión de residuos de códigos 99 SAR99-Anexo IX) ante o órgano administrativo competente en materia de residuos. Xunto coa solicitude deberán presentar unha memoria conxunta que inclúa a seguinte información:

-Descrición do proceso produtivo en que se orixina o residuo.

-Caracterización básica do residuo, segundo o formato establecido no apéndice IV.1 do anexo IV.

-Cantidade de residuos prevista para a súa admisión.

-Prazo de tempo previsto para a recepción.

-Información complementaria que permita coñecer con máis exactitude o residuo e as necesidades para outorgar a autorización.

Considerando o contido do documento, o órgano administrativo competente en materia de residuos outorgará ou denegará a solicitude.

Na resolución de autorización determinarase:

-O produtor e o proceso produtivo que orixina o residuo.

-Código LER e descrición do residuo.

-O tempo máximo da autorización. Para determinar este prazo terase en conta o solicitado polo interesado; en ningún caso o prazo outorgado superará os 12 meses.

Tendo en conta o carácter excepcional da concesión, non se incluirán na inscrición que a empresa xestora posúa no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, sen prexuízo de establecer un sistema de control que permita reforzar información das circunstancias desta autorización.

En todo caso, a denegación será motivada e comunicada ao interesado.

Sección terceira

Do réxime económico da xestión dos vertedoiros

Artigo 16º.-Prezo da vertedura e análise económica.

1. O solicitante de autorizacións dun novo vertedoiro, ou de ampliación dun xa existente, deberá presentar unha análise económica que, co obxecto de xustificar a viabilidade do vertedoiro, deberá demostrar que o prezo que a entidade explotadora cobre pola eliminación dos residuos no vertedoiro cubrirá, como mínimo, os seguintes custos:

a) Os que ocasionen o seu establecemento e explotación.

b) De ser o caso, os derivados da constitución do seguro de responsabilidade civil regulado na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e nas súas normas de desenvolvemento, pola cantidade que determine a Administración autorizante.

c) Os derivados das fianzas esixidas na lexislación de residuos e nas súas normas de desenvolvemento, na forma e contía que na autorización se determine.

d) Os derivados da clausura e o mantemento posterior da instalación durante un período mínimo de 30 anos. Para tal efecto incluirase unha análise detallada dos custos de todas as operacións necesarias e das medidas correctoras que se apliquen.

Os solicitantes de autorizacións dun novo vertedoiro, ou de ampliación dun xa existente, que o destinen exclusivamente á eliminación dos seus propios residuos no lugar que se producen, poderán substituír a análise económica baseada no prezo por outra que permita igualmente xustificar a idoneidade do vertedoiro, garantindo a cobertura dos custos a que se refiren as letras a), b), c) e d) anteriores.

2. Na análise económica detallaranse por partidas cada un dos custos a que se refire o punto anterior de forma xustificada, de acordo coas accións que se vaian realizar.

En particular, identificaranse de forma individualizada as partidas que, concretamente, se refiran ao seguinte:

a) Os ingresos e gastos xerados polo establecemento e explotación do vertedoiro sen ter en conta o resto do complexo nin, de ser o caso, a xestión doutras instalacións de xestión de residuos.

b) Os custos derivados da clausura e o mantemento posterior da instalación do vertedoiro durante un período non inferior os trinta anos.

3. A análise económica deberá ir acompañada dun informe de revisión e verificación coa opinión favorable dun auditor ou censor xurado de contas inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, ede acordo coas competencias e atribucións reguladas no Real decreto 2777/1982, do 24 de setembro, polo que se aproban os estatutos do instituto de censores xurados de contas de España.

4. Con carácter previo ao outorgamento da autorización, o órgano administrativo competente en materia de residuos poderá solicitar os informes que, de ser o caso, se xulguen necesarios para determinar a idoneidade da análise económica para xustificar a viabilidade do vertedoiro, podendo requirir o interesado para que amplíe ou introduza modificacións na análise económica.

Artigo 17º.-Actualización da análise económica.

1. Coa frecuencia que fixe o órgano administrativo competente en materia de residuos na autorización, que non poderá ser superior a dous anos, o titular do vertedoiro presentará unha actualización da análise económica.

A dita actualización deberá ir acompañada dunha actualización do informe de revisión e verificación coa opinión favorable dun auditor ou censor xurado de contas a que se refire o artigo 16.3º da presente orde.

2. A actualización a que se refire o punto anterior deberá ter en conta o que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental e de seguranza que resulte de aplicación.

3. O órgano administrativo competente en materia de residuos poderá solicitar os informes que, de ser o caso, se xulguen necesarios para determinar a idoneidade das medidas contidas na actualización da análise económica para xustificar a viabilidade do vertedoiro, e poderá requirir a interesado para que amplíe ou introduza as correspondentes modificacións.

Artigo 18º.-Fianzas.

1. Para garantir a correcta realización de todas as actividades en que consista o establecemento, explotación, clausura e mantemento posterior á clausura do vertedoiro, o órgano administrativo competente en materia de residuos exixirá a fianza axeitada, e figurará o seu importe na autorización.

En particular, a entidade explotadora do vertedoiro asume a obriga de realizar cos seus medios os traballos de clausura e mantemento posterior da instalación durante o prazo que fixe a autorización que, en ningún caso, será inferior a trinta anos, respondendo a fianza do cumprimento da dita obriga.

2. A contía da fianza será a suma dos conceptos necesarios para garantir o cumprimento das obrigas derivadas do establecemento, explotación, clausura e mantemento posterior da instalación do vertedoiro.

3. A fianza constituirase de acordo co establecido no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, á plena satisfacción e á disposición do órgano administrativo competente en materia de residuos, sendo condición previa para o exercicio da actividade ou o inicio dos traballos a que se refire a autorización.

4. A fianza constituirase de forma progresiva a medida que aumente a cantidade de residuos vertida e manterase mentres a entidade explotadora sexa responsable do mantemento posterior ao peche do vertedoiro.

5. Para efectos de asegurar o financiamento dos traballos de clausura e/ou mantemento posterior, o órgano administrativo competente en materia de residuos poderá exixir a constitución dunha fianza adicional equivalente á parte do prezo que cubra estes conceptos.

Esta fianza manterase mentres a entidade explotadora sexa responsable do mantemento posterior ao peche do vertedoiro.

6. Non obstante, o órgano administrativo competente en materia de residuos poderá autorizar devolucións anticipadas de ata o 50 por 100 da contía total das fianzas, a partir dun ano tras a declaración definitiva da clausura do vertedoiro, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Xustificación de que o remanente garanta o cumprimento por parte da entidade explotadora do plan de mantemento, vixilancia e control posterior.

b) Que o responsable do mantemento posclausura do vertedoiro presente un documento de avaliación que demostre a diminución efectiva dos riscos ambientais do vertedoiro.

c) Que se realice un informe favorable tras unha comprobación in situ do vertedoiro de que a vixilancia e control posclausura se realizan correctamente.

Unha vez declarada a clausura definitiva, autorizarase a devolución parcial da fianza adicional nunha contía equivalente ao prezo da clausura.

7. No caso de incumprimento das obrigas garantidas, o órgano administrativo competente en materia de residuos poderá levar a cabo, logo de apercibimento ao titular da explotación, e con cargo á dita fianza, a súa execución forzosa.

Artigo 19º.-Actualización das fianzas.

1. O importe das fianzas actualizarase cada dous anos, tendo en conta a cantidade de residuos acumulados, podendo tamén ter en conta o que, en cada momento e segundo o progreso da ciencia, dispoña a normativa técnica, ambiental e de seguranza que resulte de aplicación.

2. Excepcionalmente, e en casos xustificados, logo de audiencia do interesado, poderá acordarse a variación da fianza, antes do transcurso de dous anos, fundamentada en novas circunstancias, causas ou riscos non inicialmente previstos, co obxecto de adaptala ás circunstancias reais da actividade.

Artigo 20º.-Responsabilidades cubertas polas fianzas.

1. As fianzas reguladas nesta orde serán alleas e independentes da cobertura de calquera outra responsabilidade, xa sexa penal, civil ou administrativa ou doutros feitos e, en consecuencia, non quedarán reducidas ou esgotadas por gastos, reclamacións ou exixencias non relacionadas coas ditas fianzas nin poderán aplicarse a ningún fin distinto do que xustificou a súa constitución.

2. A contía garantida será independente da que poida apoiar actividades que sexan obxecto de autorizacións diferentes, outorgadas tanto pola autoridade ambiental como por outras.

Sección cuarta

Da clausura e do mantemento posclausura dos vertedoiros

Artigo 21º.-Clausura do vertedoiro.

Unha vez esgotada a vida útil do vertedoiro e con anterioridade á realización das obras, a entidade explotadora presentará o proxecto de execución da clausura seguindo o procedemento do anexo X, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, que defina de forma pormenorizada as accións que se van realizar, e o plan de vixilancia e control posclausura seguindo as directrices do anexo III.

As obras non poderán iniciar mentres a Administración non se pronuncie sobre a viabilidade ambiental do proxecto presentado.

Así mesmo, o procedemento de clausura poderá ser acordado polo organismo competente en materia de residuos por resolución motivada consistente en circunstancias tales como a incorrecta explotación do vertedoiro, o abandono da actividade de vertedura polo titular por período superior a un ano ou pola declaración de quebra da entidade explotadora, entre outras.

Artigo 22º.-Declaración de clausura e mantemento do vertedoiro clausurado.

Tras a finalización das obras de clausura, o responsable deberá presentar ante o órgano administrativo competente en materia de residuos o certificado fin de obra e o informe final de garantía de control de calidade, no caso de utilización de xeosintéticos.

Tras a inspección final in situ, o órgano administrativo competente en materia de residuos formulará a declaración de clausura definitiva, determinando o responsable do mantemento, e aprobando o plan de vixilancia e control posclausura, e comunicándolla ao responsable.

A entidade explotadora será responsable do mantemento, da vixilancia, análise e control dos lixiviados do vertedoiro e, no seu caso, dos gases xerados, así como do réxime de augas subterráneas nas súas inmediacións.

O prazo da fase de posclausura durante o que a entidade explotadora será responsable do vertedoiro, en ningún caso, poderá ser inferior a trinta anos.

A entidade explotadora notificará á autoridade competente, así como ao concello correspondente, todo efecto significativo negativo para o medio posto de manifesto nos procedementos de control durante a fase e acatará a decisión da autoridade competente sobre a natureza e o calendario das medidas correctoras que se deban adoptar.

Os posteriores usos do solo deberán ser informados á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a súa aprobación para a garantir que non se produzan danos nas capas de selado, no funcionamento dos canais perimetrais e elementos do sistema de control posclausura nin afecten á estabilidade do vertedoiro.

Sección quinta

Dos vertedoiros municipais

Artigo 23º.-Autorizacións e responsabilidade dos vertedoiros municipais.

1. As autorizacións necesarias para realizar as instalacións e/ou xestión serán diferentes nos seguintes supostos:

1. Vertedoiros de todo tipo de residuos que reciban máis de 10 toneladas por día ou que teñan unha capacidade total de máis de 25.000 toneladas, con exclusión dos vertedoiros de residuos inertes: nestes casos o vertedoiro deberá obter a autorización prevista na Lei 16/2002, de prevención e control integrados da contaminación:

O titular da autorización será:

-Nos casos en que a entidade explotadora sexa o concello, o titular será o concello.

-No caso de que a xestión posterior sexa realizada por unha empresa adxudicataria (concesionaria), a autorización previa á construción outorgarase ao concello e, no momento de iniciar a explotación, a empresa adxudicataria será a súa responsable e terá a responsabilidade do cumprimento das condicións da explotación; para iso a empresa adxudicataria deberá solicitar o cambio de titularidade, presentando o título acreditativo expedido polo concello de ser a adxudicataria da concesión de explotación.

2. Vertedoiros de residuos inertes ou vertedoiros de todo tipo que reciban menos de 10 toneladas por día ou que teñan unha capacidade total de menos de 25.000 toneladas: deberá obter as seguintes autorizacións segundo o tipo de vertedoiro:

a) Vertedoiros de residuos urbanos-Xestión:

i. Se o concello é o que realiza directamente a súa xestión, está exento de obter a autorización da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

ii. Se a xestión a realiza indirectamente a través dunha empresa adxudicataria, esta deberá obter a autorización da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a xestión e explotación do vertedoiro. Para iso deberá facer a correspondente solicitude achegando a documentación preceptiva prevista na normativa en vigor, así como o título acreditativo expedido polo concello de ser a adxudicataria (concesionario) da explotación do vertedoiro.

b) Vertedoiros de residuos industriais, incluídos os RCD.

i. A xestión do vertedoiro está sometida á autorización previa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con independencia de se o xestor é o concello ou un particular ou empresa adxudicataria.

ii. Vertedoiros de RCD en que se vertan exclusivamente RCDŽs procedentes de obras menores. Neste caso aplícase o disposto para vertedoiros de residuos urbanos.

2. En xeral e sen prexuízo das obrigas establecidas nos títulos concesionais, o responsable da xestión do vertedoiro é a súa entidade explotadora, o concello no caso de que realice a xestión directa, ou a empresa adxudicataria se a xestión é realizada de forma indirecta.

3. Nos supostos en que durante a vida útil do vertedoiro o concesionario-entidade explotadora é a mesma empresa ou particular, a entidade explotadora será a responsable de todo o vertedoiro, e do cumprimento das obrigas que a normativa e a autoridade ambiental establezan, e deberán ter vixente a autorización e constituídas as garantías obrigatorias.

4. Nos supostos en que durante a vida do vertedoiro existan varios concesionarios diferentes, o novo concesionario e os sucesivos deben obter o cambio, ao seu favor da titularidade da AAI ou da autorización de xestión de residuos. Para obter o cambio o novo concesionario debe achegar o título concesional.

Neste caso a fianza e o resto das garantías constituídas polo anterior manteranse ata que se proceda á clausurar o vertedoiro. Neste intre procederase a devolución das fianzas na forma prevista na normativa.

No caso que a nova entidade explotadora asuma as obrigas da anterior, e estableza as garantías necesarias, poderanse liberar as garantías do anterior.

5. Agás que os títulos concesionais dispoñan outra cousa, o réxime de responsabilidades na clausura e posclausura será o seguinte:

a) Nos casos en que exista unha única entidade explotadora durante toda a vida útil do vertedoiro, o responsable da clausura será a entidade explotadora.

b) Nos casos en que existan varias entidades explotadoras ou a explotación sexa realizada polo concello, o responsable da clausura será o concello.

c) O responsable do mantemento posclausura será o concello.

6. O réxime económico dos vertedoiros executados no marco do Decreto 4/2005, do 13 de xaneiro, será o contido no anexo XI.

7. O prezo de vertedura axustarase ao disposto no artigo 16º.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os vertedoiros de residuos urbanos selados ata este momento pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en que exista acta de recepción definitiva das obras de clausura, considéranse definitivamente clausurados. Neses supostos o concello será o responsable do mantemento do vertedoiro e do cumprimento do plan de vixilancia e control ambiental establecido seguindo as directrices do anexo XII.

Segunda.-Para os efectos da determinación da contía da fianza regulada nesta orde, resultará de aplicación a Orde do 16 de xaneiro de 2007 pola que se fixan os criterios de cálculo para a determinación da fianza nas actividades determinadas no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Disposición transitoria

Os vertedoiros construídos e en explotación na actualidade, deberán adaptarse a esta normativa, logo de presentación da documentación descrita nesta orde, no prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Relación de anexos

Anexo I. Contido básico do proxecto construtivo dun vertedoiro.

Anexo II. Plan de control de calidade; informe final de garantía de calidade.

Anexo III. Plan de vixilancia e control ambiental.

Anexo IV. Criterios e procedementos de admisión.

Anexo V. Lista de residuos admisibles en vertedoiro.

Anexo VI. Solicitude de autorización de admisión de residuos valorizables en vertedoiros.

Anexo VII. Procedemento de xestión de residuos en vertedoiros.

Anexo VIII. Solicitude de autorización de admisión de residuos procedentes doutras comunidades autónomas para a súa eliminación en vertedoiros de Galicia.

Anexo IX. Solicitude de autorización de utilización de códigos 99 para residuos paraa eliminar en vertedoiros.

Anexo X. Control administrativo da clausura dos vertedoiros: procedemento de clausura e mantemento posclausura.

Anexo XI. Réxime económico dos vertedoiros executados no marco do Decreto 4/2005, do 13 de xaneiro.

Anexo XII. Programa de vixiancia e control ambiental para vertedoiros de RSU selados.

Ver referencia pdf "16800D002P007.PDF"