O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, atribúe competencias e funcións en materia de vivenda á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, creada polo Decreto 83/2009, do 29 de abril.
O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.
O 18 de febreiro de 2009, por orde da Consellería de Vivenda e Solo, convocáronse subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia para 2009.
No artigo 5º da dita orde estableceuse como data de remate do prazo de presentación de solicitudes o 1 de setembro de 2009.
No artigo 11º estableceuse que o importe máximo de subvencións en conxuntos históricos, para familias e institucións sen fin de lucro para 2009 será de 2.450.000 euros, na aplicación 17.02.451A 780.2, hoxe 17.90.451A 780.2, logo da reorganización administrativa establecida polo Decreto 83/2009, do 29 de abril, do orzamento de gastos para 2009.
Cinco meses despois de iniciado o prazo de presentación de solicitudes, constátase o esgotamento do orzamento autorizado para 2009 para atender as solicitudes de subvencións no ámbito de conxuntos históricos de Galicia, para familias e institucións sen fin de lucro.
Por todo o anterior, e en cumprimento do determinado no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único.-Dáse a coñecer o esgotamento da partida orzamentaria 17.90.451A 780.2 para 2009 do importe máximo das subvencións en conxuntos históricos de Galicia, para familias e institucións sen fin de lucro, e a inadmisión de posteriores solicitudes destinadas a participar del.
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2009.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas

