DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 04 de setembro de 2009 Páx. 14.361

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 379/2009, do 27 de agosto, polo que se crea a Comisión de seguimento de disposicións normativas estatais e doutras comunidades autónomas.

O Estado autonómico implica unha repartición de poder político e administrativo entre o Estado e as comunidades autónomas que se traduce na necesaria articulación dun sistema de distribución de competencia entre ambos. A repartición de competencias entre distintos niveles de goberno efectuouse nos artigos 148 e 149 da Constitución española, nos que se recolle o conxunto de competencias que podían ser asumidas polas comunidades autónomas, e as competencias atribuídas de forma exclusiva ao Estado; pero respecto destas últimas, as Cortes Xerais podían tanto atribuír a todas ou algunha das comunidades autónomas a facultade de ditar normas lexislativas no marco dos principios, bases e directrices establecidos na lei estatal cos correspondentes controis. Así mesmo, poderían serlles transferidas ou delegadas facultades propias das competencias estatais.

A distribución competencial entre o Estado e as comunidades autónomas do complexo título VIII da CE complétase coas previsións dos diversos Estatutos de autonomía, co seu desenvolvemento lexislativo posterior e coa concreción práctica que efectúa a través da súa xurisprudencia o Tribunal Constitucional, como intérprete supremo do texto constitucional.

A Comisión de seguimento da normativa estatal e doutras comunidades autónomas nace coa finalidade de garantir un axeitado desenvolvemento das competencias atribuídas constitucional e estatutariamente á nosa comunidade coa máxima eficiencia e nun clima de lealdade institucional, no marco da organización territorial do Estado establecida na Constitución e no Estatuto de autonomía para Galicia.

O artigo 161.1º CE recolle entre as competencias do Tribunal Constitucional o coñecemento dos recursos de inconstitucionalidade interpostos fronte a normas con rango de lei e o coñecemento dos conflitos positivos de competencia entre o Estado e as comunidades autónomas nos puntos a) e c) respectivamente.

A Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do tribunal constitucional, nos artigos 32.2º e 63 desenvolveu os mecanismos dos que dispoñen as comunidades autónomas para garantir que o sistema de repartición competencial establecido é respectado, pero recollendo, así mesmo, mecanismos de solución de posibles conflitos á marxe do TC, a través da negociación e diálogo con outras instancias de poder, favorecendo as relacións no só co Estado senón tamén con outras comunidades autónomas.

En consecuencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día vinte e sete de agosto de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

Créase a Comisión de seguimento de disposicións normativas estatais e doutras comunidades autónomas como órgano de carácter meramente deliberante.

Esta comisión quedará adscrita á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e será coordinada polo centro directivo que teña encomendada a tramitación dos procedementos de conflitividade constitucional.

Artigo 2º.-Obxecto.

A Comisión de seguimento ten por obxecto a análise da normativa estatal así como da normativa doutras comunidades autónomas, con independencia de cal sexa o rango desta, desde o punto de vista da repartición competencial, co fin de chegar a unha conclusión respecto de se as disposicións normativas son respectuosas coa repartición competencial establecida constitucional e estatutariamente.

No suposto de que se aprecie vulneración da repartición competencial e sexa necesario acudir aos mecanismos establecidos nos artigos 33 e 63 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do tribunal constitucional, corresponde ao Consello da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co disposto no artigo 4.9º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, adoptar un acordo neste sentido.

Artigo 3º.-Funcións.

A comisión de seguimento ten as seguintes funcións:

a) Seguimento das disposicións normativas estatais publicadas no Boletín Oficial del Estado, susceptibles de vulnerar a repartición competencial.

b) Seguimento das disposicións normativas doutras comunidades autónomas publicadas nos diarios oficiais correspondentes, susceptibles de vulnerar as competencias recoñecidas á nosa comunidade autónoma.

c) Seguimento e posta en común daqueles proxectos normativos dos que os centros directivos da Xunta de Galicia teñan coñecemento e que sexan susceptibles de vulnerar a repartición competencial.

d) Motivación e decisión sobre a oportunidade de iniciar o procedemento de conflitividade constitucional previo ao un posible acordo do Consello da Xunta no sentido do artigo 4.9º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro.

e) Seguimento dos procedementos de conflitividade iniciados pola Comunidade Autónoma galega.

f) Seguimento das procedementos de conflitividade formulados polo Estado fronte a disposicións normativas galegas.

g) Seguimento dos conflitos constitucionais abertos por outras comunidades autónomas fronte a disposicións normativas do Estado.

h) Aqueloutras que, en relación cos contidos sinalados no artigo 2º, lle sexan atribuídas.

Artigo 4º.-Composición.

1. A Comisión de seguimento de disposicións normativas estatais comporase de dous tipos de membros: permanentes e non permanentes.

2. Son membros permanentes da Comisión:

a) O director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, que presidirá a Comisión, ou persoa pertencente á dirección xeral con rango de subdirector/a xeral o xefe/a de servizo na que este delegue.

b) Unha persoa en representación do centro directivo responsable da tramitación dos procedementos de conflitividade constitucional, con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará como secretario/a da Comisión.

c) O xefe ou xefa do Gabinete de Asuntos Constitucionais da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia ou, no seu defecto, persoa que designe a persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral.

3. Actuarán como membros non permanentes da Comisión os representantes de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, con rango cando menos de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo designados para estes efectos.

4. A representación de cada consellería asistirá a aquelas xuntanzas da comisión para as que sexa convocada en función das materias e asuntos que formen parte da orde do día. A ausencia dos membros convocados deberá xustificarse motivadamente.

Así mesmo, poderán asistir ás xuntanzas calquera funcionario ou funcionaria ou expertos cando así se considere oportuno por parte dos órganos competentes por razón das materias que se van tratar.

5. A composición da comisión de seguimento tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5º.-Funcionamento.

Os procedementos de conflitividade serán iniciados polo centro directivo que teña recoñecida esta función no decreto de estrutura orgánica correspondente e será este órgano o encargado da elevación ao Consello da Xunta dos acordos que cumpra adoptar en relación cos ditos procedementos.

A Comisión elaborará as súas propias normas de funcionamento axustándose ao establecido para os órganos colexiados no capítulo II do título II (artigos 22 a 27) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Con carácter xeral a comisión de seguimento realizará como mínimo unha xuntanza cada mes. Non obstante poderá ser convocada, por decisión dos membros permanentes ou consellerías afectadas, en calquera momento, dependendo dos asuntos que se vaian tratar.

O centro directivo coordinador da comisión de seguimento elaborará unha memoria anual da actividade desta que lle será enviada a todas las consellerías.

Disposición adicional

Única.-A creación da Comisión de seguimento de disposicións normativas estatais e doutras comunidades autónomas non xerará na consellería a que queda adscrita incremento dos créditos asignados polos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de agosto de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza