DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 10 de setembro de 2009 Páx. 14.629

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2009, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ditan as Normas de bo goberno das federacións deportivas de Galicia.

A dimensión social do deporte e o seu carácter transversal, influente nos ámbitos educativo, sanitario ou económico, entre outros, contribúen a facer do feito deportivo un fenómeno de primeira orde e especial transcendencia na sociedade actual.

Neste contexto, a actuación dos suxeitos deportivos, e especificamente das federacións deportivas, cobra especial relevancia, tanto pola súa prioritaria actuación na actividade deportiva galega como por exercer, ademais das atribucións que lle son propias, e vía delegación, determinadas funcións de carácter administrativo, caso, este último, en que actúan como axentes colaboradores da comunidade autónoma. Esta realidade, unida á de seren perceptoras e xestoras de diñeiro público, e a que o seu principal financiamento procede dos fondos públicos, sitúa as federacións deportivas nunha situación en que é prioritario alcanzar unha xestión o máis eficaz e transparente posible da súa activade.

Á vista desta realidade, a Administración autonómica galega considera imprescindible dotar o deporte de Galicia dunhas normas de boa xestión e goberno co obxecto último de garantir a máis eficaz e transparente xestión por parte dos principais suxeitos da actividade deportiva, as federacións.

Por todo o sinalado, en desenvolvemento das competencias atribuídas pola Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia,

RESOLVO:

Único.-Aprobar as Normas de bo goberno das federacións deportivas galegas, cuxo texto figura como anexo.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2009.

José Ramón Lete Lasa

Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Normas de bo goberno das federacións deportivas galegas

Primeiro.

1.1. Estas normas, que teñen carácter de recomendación, serán de aplicación ás federacións deportivas galegas. Así mesmo, poderán ser adoptadas por calquera outra asociación deportiva que perciba subvencións da Administración autonómica de Galicia.

1.2. A aplicación, así como o grao de cumprimento destas normas, constituirán un importante baremo para os efectos de concretar o importe da subvención que conceda a Administración deportiva galega, independentemente da fórmula utilizada para aquela concesión.

Segundo.-Estas normas afectan o control e xestión económica das federacións, con independencia da procedencia, pública ou privada, dos fondos, así como a transparencia no seu funcionamento interno.

Terceiro.-As federacións redactarán un manual de procedementos que conterá, polo menos, os seguintes extremos:

a) Un sistema orzamentario e de xestión.

b) Un sistema de autorización de operacións económicas e financeiras, que determine quen debe autorizar coa súa sinatura, en función da contía, cada unha das operacións que realice a federación.

c) Un sistema de segregación de funcións co fin de que unha mesma persoa non poida intervir en todas as fases dunha transacción.

d) Un procedemento sobre o tratamento da información e a documentación contable en que se establezan os soportes documentais das operacións, a súa custodia e os trámites que se deben seguir desde o inicio ata a finalización da operación.

Cuarto.-Os membros dos órganos de goberno e representación das federacións actuarán con lealdade respecto á federación e comprometeranse a:

-Non utilizar en beneficio propio nin facilitar a terceiros os datos ou informacións que obteñan no desempeño do seu cargo.

-Absterse de intervir en deliberacións e votacións sobre cuestións en que puidesen ter un interese particular.

-Non facer uso indebido do patrimonio federativo nin valerse da súa posición para obter vantaxes patrimoniais.

-Remitir aos membros da Asemblea Xeral, polo menos cunha semana de antelación á realización das reunións, copia de canta documentación contable sustente a xestión económica da federación.

-Facilitar na súa memoria económica a información relativa ás retribucións en diñeiro ou en especie satisfeitas, de ser o caso, aos membros dos órganos de goberno da federación.

-Facilitar información sobre o volume de transaccións económicas que a federación manteña cos seus membros ou terceiros vinculados con eles.

-Non aproveitarse das oportunidades de negocio que coñezan na súa condición de membros da federación.

-Solicitar un mínimo de tres ofertas nas operacións que superen os 30.000 euros.

-Facilitar cantos datos e informes técnico-deportivos se soliciten desde a Administración deportiva autonómica.

Quinto.-As federacións facilitarán coa debida antelación á Administración deportiva autonómica toda información concernente a actuacións promovidas por elas que teña proxección pública, tanto se se refire a actividades de promoción xenérica da correspondente modalidade deportiva, como se se refire a actos ou presentacións públicas de eventos ou actividades deportivas concretas.

En todas estas actuacións, as federacións velarán por garantir a correcta utilización da imaxe corporativa da Administración deportiva autonómica, de acordo coas instrucións que esta facilite.

Sexto.-As federacións cumprirán e farán cumprir aos seus directivos, deportistas, técnicos, xuíces e árbitros, e a cantas persoas se integren nelas, o Código de ética deportiva aprobado polo Consello de Europa, así como o seguinte decálogo de conduta deportiva:

1. A deportividade e o xogo limpo.

2. O respecto ao adversario.

3. O rexeitamento de toda forma de violencia.

4. A loita contra a dopaxe.

5. O fomento de hábitos de vida saudables, especialmente entre os máis novos.

6. O respecto á diferenza e a multiculturalidade.

7. A loita contra calquera discriminación, independentemente da súa orixe ou causa.

8. O fomento da igualdade de xénero e dos comportamentos dignificantes do ser humano.

9. A protección do medio.

10. A loita contra toda forma de adulteración do xogo.