DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Mércores, 16 de setembro de 2009 Páx. 14.845

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2009 pola que se lle dá publicidade ao acordo entre a Administración da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais sobre determinadas condicións especiais de traballo para o establecemento das gardas dos técnicos dos centros de seguridade e saúde laboral con base no protocolo de coordinación entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Fiscalía de Galicia, para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores, así como para a execución efectiva das sentenzas condenatorias.

De conformidade co acordado pola Comisión de Persoal da Xunta de Galicia na reunión realizada o día 7 de agosto de 2009 polos representantes da Administración autonómica e as organizacións sindicais presentes na comisión, sobre determinadas condicións especiais de traballo para o establecemento das gardas dos técnicos dos centros de seguridade e saúde laboral do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, esta dirección

RESOLVE:

Dar xeral coñecemento do acordo acadado entre a Administración da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais sobre determinadas condicións especiais de traballo para o establecemento das gardas dos técnicos dos centros de seguridade e saúde laboral con base no protocolo de coordinación entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Fiscalía de Galicia para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores, así como para a execución efectiva das sentenzas condenatorias, que figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2009.

Adela Quinzá-Torroja García

Directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

ANEXO

Acordo entre a Administración da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais sobre determinadas condicións especiais de traballo para o establecemento das gardas dos técnicos dos centros de seguridade e saúde laboral con base no protocolo de coordinación entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Fiscalía de Galicia para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores, así como para a execución efectiva das sentenzas condenatorias.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2009.

Dunha parte, Adela Quinzá-Torroja García, directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, nomeada para o cargo polo Decreto 361/2009, do 30 de xullo, en exercicio das facultades que ten atribuídas pola Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Doutra parte, os representantes das organizacións sindicais na Comisión de Persoal:

Manuel Gallardo Canitrot, en nome e representación da Confederación Intersindical Galega.

José Emilio Doforno Guzmán, en nome e representación do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia.

José Francisco Núñez Rodríguez, en nome e representación do Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia.

Amador Villaverde Castiñeiras, en nome e representación da Central Sindical Independente e de Funcionarios.

As partes recoñécense, mutuamente, na calidade con que cada unha intervén, a capacidade legal necesaria para o outorgamento deste documento e para o efecto,

EXPOÑEN:

A especial preocupación xerada en torno aos accidentes de traballo e o interese por impulsar unha cultura preventiva no conxunto da sociedade levan a que desde a Administración, e xunto cos axentes sociais implicados, se poñan en marcha distintos mecanismos e fórmulas de loita contra a sinistralidade.

No seu día manifestouse a necesidade de mellorar os mecanismos de actuación das administracións públicas en xeral en relación aos accidentes de traballo e optimizar o apoio e asesoramento necesarios á Fiscalía e á xudicatura para a investigación dos posibles delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores, así como a necesidade de reforzar os mecanismos para a execución efectiva das sancións administrativas e das sentenzas xudiciais condenatorias. E así, co obxectivo de establecer mecanismos eficaces de investigación de accidentes de traballo, asinouse un protocolo de colaboración entre a Consellería de Traballo e a Fiscalía para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade dos traballadores.

Conscientes de que para facer efectiva a dita colaboración é necesaria a presenza inmediata no lugar do accidente da Inspección de Traballo e dos órganos técnicos competentes en materia de seguridade e saúde laboral da comunidade autónoma, instrumentouse, a través dun acordo entre a Administración da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais, a regulación da dispoñibilidade dos técnicos dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral, mediante a definición dun sistema de gardas permanente, que asegurase a dispoñibilidade dos técnicos para acudir, a calquera hora do día e todos os días do ano ao lugar do accidente en canto este se coñeza.

O dito acordo foi asinado polas partes o 22 de xuño de 2007 (Diario Oficial de Galicia número 132, do 9 de xullo), que sería modificado o 12 de xuño de 2008 e rematada a súa vixencia o 31 de decembro de 2008.

Logo da súa creación, mediante a Lei 14/2007, do 30 de outubro, e da súa posta en funcionamento mediante a Orde do 24 de xuño de 2008, é ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ao que lle corresponde, como órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, regular a dispoñibilidade do devandito persoal técnico e establecer o sistema de gardas permanente, polo que, á vista do acordado na Comisión de Persoal que tivo lugar o 7 de agosto de 2009,

ACORDAN:

1. Ámbito de aplicación.

1.1. Territorial: este acordo será de aplicación en toda a comunidade autónoma.

1.2. Persoal: este acordo será de aplicación ao persoal técnico, que sexa necesario, dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, respectando sempre o carácter voluntario do servizo, de tal xeito que se garanta a dispoñibilidade dun técnico por provincia.

2. Condicións de traballo.

O persoal técnico, con carácter voluntario, realizará a prestación de servizos extraordinarios no marco dun protocolo de colaboración entre a Consellería de Traballo e a Fiscalía de Galicia para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade dos traballadores, baseado nunha maior dispoñibilidade.

Esta maior dispoñibilidade tradúcese na prestación do seguinte servizo:

Unha quenda semanal de dispoñibilidade que comprenderá de luns a venres, das 15.15 ás 7.45 horas do día seguinte e os sábados, domingos e festivos as 24 horas, con desempeño das funcións relacionadas no punto 4. As quendas poderán organizarse por períodos distintos aos semanais, logo de acordo co persoal técnico afectado e segundo necesidades do servizo.

A dispoñibilidade enténdese como presenza localizada, por teléfono, e disposición inmediata de desprazamento ao lugar da provincia necesario.

3. Persoal afectado.

O sistema de gardas pretende garantir a dispoñibilidade dun técnico por provincia e será de carácter voluntario e rotatorio entre o persoal que reúna os coñecementos e experiencia necesarios na investigación de accidentes consonte coas funcións que desempeñará definidas no punto 4. Este carácter rotatorio fixarase a través dos correspondentes cuadrantes que se elaborarán trimestralmente.

O persoal será técnico con capacidade e experiencia, designado polo/a director/a do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

As características do feito ou accidente que desencadee a necesidade de intervención do técnico de garda poden requirir coñecementos especializados, pero é loxicamente imposible manter de garda técnicos especialistas das diferentes situacións. Os técnicos de garda, ademais da súa propia especialidade, deberán ter capacidade suficiente para poder realizar as funcións de primeiras actuacións técnicas definidas no punto seguinte referidas a calquera situación.

4. Funcións que desempeñarán durante a prestación dos servizos de garda.

-Estar en situación de dispoñibilidade horaria durante o período da quenda e manterse localizable por teléfono móbil, desenvolvendo as actuacións correspondentes mediante os medios facilitados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

-Desprazarse ao lugar do accidente nos casos previstos no protocolo de actuación coa Fiscalía, para o suposto de accidentes mortais ou casos significativos ou relevantes.

-Desprazarse ao lugar do accidente e coordinarse coa Inspección de Traballo.

-Realizar as primeiras actuacións técnicas relativas á investigación do accidente, incluíndo medicións, realizacións de fotos ou vídeos, entrevistas, requirimentos e demais recollidas de datos.

-Recadar da Policía Xudicial ou da Garda Civil a precintaxe ou inmobilizacións pertinentes.

A continuación, e como remate das actuacións técnicas, a elaboración dos oportunos informes será realizada polo técnico actuante en horario normal, ou, no caso de necesitarse a actuación dun técnico especialista diferente, serán realizadas por este técnico especialista coa información e o apoio que lle traslade o técnico de garda. A coordinación destas actuacións mixtas será realizada polo xefe/a do centro de seguridade e saúde laboral correspondente.

5. Aspectos retributivos.

O persoal técnico mencionado, polo cumprimento destas condicións especiais de traballo, percibirá as seguintes contías retributivas, en concepto de complemento de produtividade.

Dispoñibilidade día laborable: 31,13 €/día.

Dispoñibilidade sábado, domingo e festivo: 74,29 €/día.

Dispoñibilidade día de especial significación: 100,15 € día.

Para estes efectos considéranse como días de especial significación para o ano 2009 os días 1 e 6 de xaneiro, 9 e 10 de abril, 1 de maio e 24, 25 e 31 de decembro.

As cantidades sinaladas serán actualizadas anualmente segundo a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O tempo dedicado aos desprazamentos e ás actuacións no lugar de intervención compensarase mediante redución do tempo de traballo en xornada normal en contía horaria equivalente, co obxectivo de non exceder a xornada horaria semanal de trinta e sete horas e trinta minutos.

A compensación horaria realizarase dentro dos trinta días hábiles seguintes ao día da súa realización, descontados os días de garda, e poderán acumularse as ditas compensacións, por petición do persoal técnico e segundo as necesidades do servizo, ata completar xornadas completas.

No caso de que as actuacións as que se fai referencia no parágrafo anterior se producisen de luns a venres despois das 22.00 horas, ou en calquera hora en xornada de sábado, domingo ou festivo, a compensación horaria será de dúas horas por cada hora efectivamente traballada. Esta compensación nunca poderá ser superior á dunha xornada completa.

6. Comisión de seguimento.

Créase unha comisión paritaria para o seguimento do recollido neste acordo, integrada polos seus asinantes coa composición que se determine.

7. Vixencia.

A vixencia deste acordo esténdese desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2009, prorrogable por períodos anuais de xeito automático, salvo denuncia expresa dalgunha das partes cunha antelación mínima de tres meses.

E, en proba de conformidade, asinan cinco copias deste acordo no lugar e data indicados no encabezamento.

Polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja García.

Pola Confederación Intersindical Galega, Manuel Gallardo Canitrot.

Pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia, José Francisco Núñez Rodríguez.

Polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, José Emilio Doforno Guzmán.

Pola Central Sindical Independiente de Funcionarios, Amador Villaverde Castiñeiras.