DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 02 de outubro de 2009 Páx. 15.735

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 390/2009, do 24 de setembro, polo que se determina o procedemento aplicable para o exercicio da potestade sancionadora na materia de establecementos e espectáculos públicos.

A competencia en materia de espectáculos públicos transferíuselle á Comunidade Autónoma de Galicia con carácter de exclusiva mediante a Lei orgánica 16/1995, de 27 de decembro. As funcións e servizos que viña desempeñando a Administración do Estado neste ámbito traspasáronse polo Real decreto 1640/1996, de 5 de xullo e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse pola nosa comunidade autónoma.

O Decreto 309/2003, do 11 de xullo, determina o procedemento aplicable para o exercicio da potestade sancionadora en establecementos e espectáculos públicos. Segundo o seu artigo único «os procedementos sancionadores en materia de establecementos e espectáculos públicos competencia da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, xa sexan por infraccións leves, graves ou moi graves, tramitaranse seguindo o procedemento xeral establecido no Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto».

Con esta regulación procurábase poñer fin a unha situación de inseguridade xurídica provocada pola ausencia dunha norma que determinase con claridade cal era o tipo de procedemento que se debía seguir no exercicio da potestade sancionadora en materia de establecementos e espectáculos públicos, optándose pola aplicación dun único procedemento ao que se denominou procedemento xeral.

Porén, diversas sentenzas de xulgados do contencioso-administrativo puxeron de manifesto que tal denominación non aclaraba cal é o procedemento que cómpre seguir dos dous tipos de procedementos que se prevén no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do exercicio da potestade sancionadora, xa que tan xeral pode ser o procedemento que se deberá aplicar no caso de que non concorran as circunstancias previstas no artigo 23 como o procedemento que segundo o dito artigo recibe a denominación de simplificado. Ambos os dous procedementos se poden chegar a entender, polo tanto, como procedementos xerais dado que o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, regula o procedemento xeral para o exercicio da potestade sancionadora.

Dado que o obxectivo primordial deste decreto e evitar que se produzan confusións terminolóxicas, resulta aconsellable concretar dun xeito máis preciso o procedemento que debe seguirse nos expedientes sancionadores en materia de establecementos e espectáculos públicos.

En consecuencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de setembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Procedemento.

Os expedientes sancionadores en materia de establecementos e espectáculos públicos competencia da Comunidade Autónoma de Galicia tramitaranse, con independencia de que a infracción sexa leve, grave ou moi grave, seguindo o procedemento regulado nos artigos 11 a 22 do regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 309/2003, do 11 de xullo, polo que se determina o procedemento aplicable para o exercicio da potestade sancionadora en establecementos e espectáculos públicos.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, vinte e catro de setembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

b) NOMEAMENTOS PARLAMENTO DE GALICIA