A Orde do 9 de xullo de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas recolle, de forma integradora, o conxunto de delegación de competencias por parte do titular da consellería.
A aplicación desta delegación competencial, no relativo ao ámbito da contratación administrativa, aconsella introducir determinadas modificacións nela, co fin de facilitar un funcionamento máis áxil e eficaz no desenvolvemento das funcións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
DISPOÑO:
Primeiro.-Modifícase o punto segundo, número 2, letra b) da Orde do 9 de xullo de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que quedará redactado como segue:
«b) Respecto do resto dos contratos:
-A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.
-A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.
-A realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramentoo.
-A súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do regulamento da Lei de contratos das administracións públicas».
Segundo.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2009.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas

