DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 22 de outubro de 2009 Páx. 16.494

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 395/2009, do 8 de outubro, polo que se modifica o Decreto 279/2008, do 11 de decembro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores foi creado polo Decreto 279/2008, do 11 de decembro, como órgano colexiado consultivo e de asesoramento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para as políticas de coordinación e planificación das ensinanzas artísticas superiores en Galicia, e no seu artigo 3 establece a súa composición.

Tendo en conta os cambios organizativos producidos nas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, de Cultura e de Economía e Industria, cos correspondentes decretos de estrutura orgánica, procede levar a cabo os cambios pertinentes no Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Así pois, de conformidade coa competencia que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude dos artigos 27, 31 e 39 do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 279/2008, do 11 de decembro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Un.-Modifícase o artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3º.-Composición.

1. O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores estará composto polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ocupará a súa presidencia.

b) A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ocupará a súa vicepresidencia.

c) A persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) A persoa titular da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.

e) A persoa titular da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria.

f) Unha persoa de recoñecido prestixio designada polo conselleiro ou a conselleira competente en materia de cultura.

g) Cinco personalidades de recoñecido prestixio do ámbito das artes, nomeadas polo conselleiro ou a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

h) Unha persoa nomeada polo Parlamento de Galicia, de recoñecido prestixio no ámbito das ensinanzas artísticas, e por proposta de cada un dos grupos políticos con representación parlamentaria, se o Parlamento o considera procedente.

2. Actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, un funcionario ou unha funcionaria da consellería competente en materia de educación.

3. Na composición e organización deste órgano procurarase a aplicación do principio de paridade para garantir unha representación proporcionada entre homes e mulleres».

Dous.-Modifícase a disposición adicional, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional

A Presidencia do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores convocará, logo dos nomeamentos correspondentes, a súa sesión constitutiva no prazo de dez meses desde o día da entrada en vigor deste decreto, e o Pleno do Consello aprobará o seu regulamento interno nos seis meses seguintes ao día da súa constitución».

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se fai pública a composición do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de outubro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DO MAR