O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu título I, define con carácter xeral os espazos naturais que deben ser considerados merecedores dunha protección especial, regulando o seu procedemento de declaración e dispón un réxime xeral de protección, previndo a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece, a Lei 9/2001 considera a figura de parque natural.
No ano 1993 declarábase o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, mediante o Decreto 29/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 35, do 22 de febreiro), aprobándose o seu Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) de acordo ao Decreto 32/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 37, do 24 de febreiro). Este parque natural abranguía unha superficie de 20.920 ha, repartidas entre os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. Con posterioridade, no ano 1998 aprobábase o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) co espazo, de acordo ao disposto no Decreto 155/1998 (DOG nº 107, do 5 de xuño).
O parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés inclúe un importante conxunto de tipos de hábitats naturais e de especies de interese para a conservación. Os principais compoñentes bióticos deste espazo natural están claramente relacionados cos territorios atlánticos e centroeuropeos, ademais de contar cunha importante penetración de elementos florísticos e faunísticos de tendencia mediterránea, principalmente a través das áreas meridionais, o que implica a presenza de especies e comunidades vexetais e animais cuxa representación en Galicia é practicamente exclusiva, e polo tanto representa un alto valor desde o punto de vista da súa significación no relativo á conservación da biodiversidade existente no ámbito de Galicia.
No artigo 2º do Decreto 29/1993, considerábase a posibilidade de incorporar ao parque natural outros terreos lindeiros que reunisen as características axeitadas para tal fin, citando entre estas a consideración de seren apropiados para mellorar e garantir a conservación do espazo natural. O Consello da Xunta vén de aprobar un novo Plan de ordenación dos recursos naturais (Decreto 64/2009, DOG nº 61, do 30 de marzo), relativo a unha superficie ampliada sobre a declarada no Decreto 29/1993, e que ascende a un total de 29.345 ha. Na devandita ampliación considérase a inclusión de novas áreas adxacentes ao espazo inicial conformadas por hábitats prioritarios e de interese comunitario, as cales constitúen núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación, razón pola cal a maior parte desta área de ampliación xa se atopaba incluída no LIC-ZEPVN Baixa Limia (ES1130001) e na ZEPA-ZEPVN Baixa Limia-Serra do Xurés (ES0000376).
A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza así como a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade consideran a necesidade de aprobar, con carácter previo á declaración nalgún réxime de protección, un Plan de ordenación dos recursos naturais.
Pola Resolución do 30 de marzo de 2009, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, sométese a información pública e audiencia ás persoas interesadas o proxecto de decreto declarativo da ampliación do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (DOG nº 73, do 17 de abril de 2009). Dentro do prazo establecido preséntanse varias alegacións nas que se expón a desconformidade cos límites establecidos no proxecto de decreto, polo que se declara a ampliación do parque natural dentro do concello de Bande, por non axustarse aos límites establecidos na declaración do LIC-ZEPVN Baixa Limia (ES1130001) e na ZEPA-ZEPVN Baixa Limia-Serra do Xurés (ES0000376) Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG nº 69, do 12 de abril), así como na Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se dispón a publicación da cartografía onde se recollen os límites dos espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais ZPVN (DOG nº 95, do
19 de maio de 2004).
Comprobada a veracidade dos feitos alegados, corríxense os límites correspondentes a zona de ampliación do parque natural dentro do concello de Bande, resultando os límites definitivos para a ampliación do parque natural que figuran no anexo I deste decreto.
Durante o prazo de información pública e audiencia ás persoas interesadas, modificouse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (Decreto 79/2009, do 19 de abril e Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e especificamente no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria) o que motivou a adaptación do contido do decreto ás ditas normas.
Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de outubro de dous mil nove
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Declaración.
Adecúase o réxime xurídico de especial protección establecido mediante o Decreto 29/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 35, do 22 de febreiro, sobre declaración do parque natural de Baixa Limia-Serra do Xurés ao ámbito territorial definido no artigo 2º deste decreto.
Este réxime xurídico especial oriéntase cara á conservación da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo o mantemento das paisaxes, os medios ecolóxicos e os hábitats, así como á conexión das poboacións de fauna e flora silvestres preservando a diversidade xenética.
Artigo 2º.-Ámbito territorial do espazo.
Os límites do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés son os que figuran no Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, cunha descrición que se inclúe como anexo I, e unha representación cartográfica que se inclúe como anexo II. A dita delimitación inclúe unha superficie de 29.345 ha, repartidas entre os concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín.
Artigo 3º.-Incorporación de terreos lindeiros.
O Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de conservación da natureza, poderá incorporar ao parque outros terreos lindeiros con este que reúnan as características adecuadas para iso, en calquera dos seguintes supostos:
a) Que sexan propiedade do Estado, logo de conformidade deste.
b) Que sexan propiedade da comunidade autónoma.
c) Que sexan achegados voluntariamente polas persoas propietarias para tal efecto.
d) Que se consideren apropiados para mellorar e garantir a conservación do espazo natural.
Artigo 4º.-Utilidade pública.
De conformidade co artigo 26 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a declaración deste parque natural implica a declaración de utilidade pública e interese social, para os efectos expropiatorios de todos os bens e dereitos incluídos dentro do seu ámbito territorial, sinalado no artigo 2º.
Artigo 5º.-Dereitos de tanteo e retracto.
1. De acordo co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio dos dereitos de tanteo e retracto de todas as transmisións onerosas inter vivos de bens inmobles situados total ou parcialmente no parque.
2. O prazo para o exercicio do dereito de tanteo será de tres meses, contados a partir da notificación previa expresa da transmisión á Administración actuante para o que deberá notificar fidedignamente ás condicións esenciais da transmisión pretendida remitindo copia fidedigna da escritura pública na que fose instrumentada a citada transmisión. O dereito de retracto exercerase no prazo dun ano, contado a partir do momento en que se teña constancia fidedigna da transmisión.
3. En todo caso, será requisito necesario para inscribir a transmisión no rexistro da propiedade o cumprimento do deber de notificación de que se trata no número anterior.
Artigo 6º.-Permutas.
Sen prexuízo do anterior, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar permutas dos terreos propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos dependentes dela, por outros situados no interior do espazo protexido ou na súa periferia, por iniciativa da consellería competente en materia de conservación da natureza e de acordo co disposto na Lei de patrimonio, despois de informe da Xunta Consultiva do parque natural, á que fan referencia os artigos 8º e 9º deste decreto.
Artigo 7º.-Plan de ordenación dos recursos naturais.
O Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés) é o instrumento principal de planificación do espazo natural e as súas disposicións constitúen un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física.
Artigo 8º.-Plan reitor de uso e xestión.
De acordo co establecido na sección 3, do capítulo V, do título I da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e á Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, a consellería competente en materia de conservación da natureza elaborará un plan reitor de uso e xestión que, despois de ter sido sometido a información pública e informe da xunta consultiva, será aprobado pola Xunta de Galicia.
Artigo 9º.-Xunta Consultiva.
1. O órgano de participación pública do parque natural é a Xunta Consultiva establecida polo Decreto 265/2007.
2. Son funcións da Xunta Consultiva, ademais das enumeradas no artigo 43 da Lei 9/2001, de conservación da natureza e doutras especificadas neste decreto:
a) Velar polo cumprimento das normas establecidas e propoñer posibles ampliacións do parque natural.
b) Propoñer normas e elevar propostas para a defensa eficaz dos valores e singularidades do parque natural e realizar cantas xestións considere beneficiosas para este.
c) Informar inicialmente o plan reitor de uso e xestión e as súas revisións, velando polo seu cumprimento.
d) Aprobar inicialmente as memorias anuais de actividades e resultados, que a persoa directora do parque deberá elevar á consellería competente en materia de conservación da natureza.
e) Promover estudos, investigacións, e actividades educativas e culturais, relacionadas co ámbito ordenado, así como fomentar a súa divulgación.
f) Informar sobre calquera clase de programas de investimento e plans de investigación que se pretenda realizar.
g) Velar pola axeitada participación das persoas propietarias de terreos e habitantes na xestión do espazo natural.
h) Propoñer á consellería competente en materia de conservación da natureza para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, a realización dos convenios e acordos que, para os fins deste decreto, considere necesario subscribir coa Administración do Estado ou outras administracións públicas e corporacións.
i) Administrar os fondos e as axudas que outorgue á Xunta Consultiva calquera entidade ou particular.
j) Promover iniciativas de desenvolvemento socioeconómico, compatibles coa finalidade de conservación do parque natural.
k) Aprobar as súas normas de funcionamento.
Artigo 10º.-Xestión e administración do parque.
A xestión e administración do parque natural corresponderalle a unha persoa directora designada pola consellería competente en materia de conservación da natureza e, en particular, a elaboración e proposta dos orzamentos e programas de xestión e mais a execución e o desenvolvemento do Plan reitor de uso e xestión.
Artigo 11º.-Axudas e subvencións preferentes.
As persoas propietarias de terreos incluídos no parque natural terán preferencia para a obtención de axudas e subvencións relacionadas coa conservación do medio natural e que contribúan ao desenvolvemento sustentable da poboación. O resto das persoas propietarias de terreos dos concellos da área de influencia socioeconómica poderán, así mesmo, ter preferencia para a obtención destas axudas e subvencións.
Artigo 12º.-Suspensión de actividades.
A consellería competente en materia de conservación da natureza instará a suspensión de calquera actividade que non dispoña da autorización preceptiva, non se axuste ás condicións desta ou incumpra as prescricións tanto deste decreto como do Plan de ordenación do recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Artigo 13º.-Infraccións e sancións.
A infracción do réxime de protección establecido para o parque ou a inobservancia da normativa vixente serán sancionadas, de acordo co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e na Lei 42/2007, de 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidad ou nas normas que, se fose o caso, puidesen substituíla, así como de acordo coas demais disposicións que, segundo o teor da natureza da infracción, resulten aplicables e das que deriven dos plans de uso e xestión que se desenvolvan.
Disposicións adicionais
Primeira.-O plan rector de uso e xestión prevalecerá sobre o planeamento urbanístico e a ordenación do territorio. Cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, os órganos competentes revisarán esta de oficio.
Segunda.-Os proxectos de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia incluirán as correspondentes dotacións para atender as actividades e obras de conservación e mellora, traballos de investigación, gastos xerais e cantas actuacións deriven deste decreto. En especial, articularanse medidas para fomentar o desenvolvemento das formacións arbóreas autóctonas e de accións tendentes ao desenvolvemento sustentable no marco do parque natural.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto neste decreto. O Decreto 29/1993, do 11 de febreiro, de declaración do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés permanece en vigor no que non se opoña ao disposto neste decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Modificación do Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (DOG nº 61, do 30 de marzo)
1º Modifícase o 9º parágrafo do preámbulo (páxina 6355 do DOG nº 61, do 30 de marzo de 2009) que queda:
De conformidade co exposto, resulta procedente aprobar un novo Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, cuxo ámbito de aplicación se estende ás 20.920 hectáreas que actualmente conforman este parque natural e ás novas 8.425 hectáreas, coas que nun futuro se pretende ampliar este espazo natural protexido.
2º Modifícase o 10º parágrafo do preámbulo (páxina 6.355 do DOG nº 61, do 30 de marzo de 2009) que queda:
A aprobación deste plan de ordenación dos recursos naturais é requisito previo, conforme prevé o artigo 23 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, para a ampliación do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés ás 8.425 novas hectáreas, ás cales lles resulta igualmente aplicable o réxime de protección previsto neste instrumento de planificación para o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
3º Modifícase o artigo 3º.1 , que queda:
Artigo 3º.-Ámbito territorial.
1. O ámbito territorial de aplicación deste PORN abrangue unha superficie total de 29.345 hectáreas, das cales 20.920 hectáreas se corresponden coa actual superficie do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, mentres que as restantes 8.425 hectáreas representan a superficie coa que nun momento ulterior se procederá á ampliación deste parque natural.
4º Modifícase o artigo 12º.1, que queda:
Artigo 12º.-Delimitación das zonas.
1. A zona de interese prioritario para a conservación (ZPDG-A), abrangue 8.631 ha (o 29,4% do parque natural), e correspóndese coa zona de reserva integral e a zona de protección especial establecidas no Decreto 32/1993, de aprobación do Plan de ordenación dos recursos naturais, así como noutras dúas áreas conformadas por hábitats prioritarios pertencentes aos concellos de Bande e Calvos de Randín. Dentro desta zona de interese prioritario para a conservación, diferéncianse dúas subzonas:
A ZPDG-A1 correspondente aos seguintes núcleos: Alta Serra do Xurés en Lobios e Muíños, o Barranco de Cruz do Touro en Lobios e o Barranco de Olelas en Entrimo.
A ZPDG-A2 engloba os territorios que se expoñen a continuación: unha franxa de protección de lonxitude variables nas ladeiras da Serra do Xurés en Lobios e Muíños, Serra de Santa Eufemia en Lobios, zonas altas da Serra do Quinxo e Serra de Queguas en Entrimo, así como nas dúas áreas conformadas por hábitats prioritarios pertencentes aos concellos de Bande e Calvos de Randín.
5º Modifícase o anexo II cartografía de zonificación, que queda:
Ver referencia pdf "21200D009P012.PDF"
6º Modifícase o anexo III límite do parque natural, que queda:
Segunda.-Facultase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións necesarias para desenvolver o presente decreto.
Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.
Ourense, vinte e dous de outubro de dous mil nove.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "21200D009P012.PDF"
Descrición dos límites
Zona occidental:
Desde o punto de intersección dos límites dos concellos de Bande e Verea coa fronteira con Portugal séguese en dirección leste o límite dos concellos mencionados (puntos 1 a 4), ata, no Alto do Outeiro de Augas, cortar coa pista que une Bangueses de Arriba e Aldea de Arriba (pto. 5). Tomamos a pista en sentido sueste uns 350 metros (pto. 6), collendo o ramal que cara ao sur vai en dirección a aldea de Corvelle (ptos. 7, 8 e 9). A uns 500 metros antes de chegar á aldea, seguimos por camiños bordeando (punto 10) a aldea de Corvelle ata chegar á Corga de Corvelle (punto 11). Descendemos pola corga durante 600 m e logo desviámonos por un camiño en dirección sueste. Seguimos por camiños deixando fóra a aldea de Pereira (puntos 12 e 13) e descendemos logo en dirección sur entre os lugares de Penedo do Chan e As Eiras cara a Cruz das Eiras (puntos 14 e 15). De Cruz das Eiras séguese bordeando o lugar das Míllaras (punto 16) chegando a Parada do Monte que se bordea deixándoo fóra (punto 17).
En Parada do Monte cóllese a estrada que vai cara a Senderiz (punto 18). Pasado Senderiz (punto 19) abandónase a estrada, atravesando o lugar dos Cadavás, e vólvese retomar pasado a aldea de San Xes (punto 20) onde cruza o río de Rabo da Besta durante 100 m, descéndese en dirección nordés cara o río Fragoso (punto 21). Ascéndese polo río Fragoso (puntos 23, 24 e 25) ata a liña divisoria dos concellos de Lobios e Lobeira (punto 26) pola que se segue en sentido oeste-noroeste (puntos 27 a 31) ata chegar aos límites establecidos no anexo do Decreto 29/1993, do 11 de febreiro, sobre declaración do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés polos que se segue ata chegar ao encoro do Salas. Séguese bordeando o encoro de Salas polo norte deixando dentro do parque o encoro (puntos 71 a 75) ata chegar á fronteira con Portugal. Séguese pola fronteira en dirección sur ata pechar o polígono na intersección cos límites municipais de Bande e Verea.
Zona oriental:
Pártese desde a intersección do camiño que atravesa o lugar das Pedras do Outeiro Maior coa fronteira con Portugal. Pásase polos lugares Toxal do Outeiro Maior, Currelos, Veiga da Ponte (puntos 76, 77 e 78) onde toma a estrada en dirección sur ata cruzar o río Salas (punto 79). Ascéndese polo río Salas (puntos 80 a 83) ata cortar cun camiño (punto 84) 100 m antes da zona de desembocadura do río de Nosa Señora. Séguese polo camiño en dirección leste ata a estrada que vai a Rubiás. Séguese pola estrada durante 200 m desviándose logo para bordear a aldea de Rubiás deixándoo fóra (puntos 85 e 86) e retomando de novo a estrada en sentido Santiago durante 400 m bordeando posteriormente a aldea de Santiago (puntos 87 e 88) polo lugar do Escairo (punto 89) ata chegar ao límite dos concellos de Calvos de Randín e Baltar (punto 90). Séguese este límite en dirección sur (puntos 91 a 94) ata chegar á fronteira con Portugal, a cal seguirase en dirección oeste ata pechar o polígono.
Ver referencia pdf "21200D010P018.PDF"

