DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Martes, 03 de novembro de 2009 Páx. 17.111

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CÁMARA OFICIAL DE COMERCIO DA CORUÑA

CONVOCATORIA de axudas a pemes de Galicia para o desenvolvemento do Programa accións complementarias de iniciación e do Programa de iniciación á exportación (PIPE).

1. Contexto.

O Consello Superior de Cámaras de Comercio, Industria e Navegación de España, xunto coas cámaras de comercio de Galicia, puxeron en marcha o Programa accións complementarias de iniciación (cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e polas cámaras de comercio), e xunto coas cámaras de comercio de Galicia, o ICEX e a CC.AA. de Galicia, o Programa de iniciación á exportación (PIPE) (cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e polas cámaras de comercio, o ICEX e a CC.AA. de Galicia), no marco do Programa operativo de Galicia para o período 2007-2013.

Ambos os programas, que perseguen servir de apoio á internacionalización, foron creados co fin de axudar ao obxectivo dos programas desenvolvidos polas cámaras de contribuír á mellora da competitividade e ao fortalecemento empresarial. O PIPE acadará este obxectivo mediante un conxunto de apoios organizados en varias fases, así como mediante un paquete de axudas e servizos, destinados a conseguir o obxectivo do aumento significativo da base exportadora a través da internacionalización das pemes españolas.

Dentro das accións complementarias inclúense aquelas accións consistentes en encontros de cooperación empresarial, proxectos especiais de interese para as pemes e foros de pemes potencialmente exportadoras e/ou exportadoras que se adecúen ao obxecto de contribuír á internacionalización das pemes españolas.

2. Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto promover a participación nas accións complementarias e no PIPE de pemes da Comunidade Autónoma de Galicia. O contido das accións complementarias de iniciación detállase no documento Acciones Complementarias de Iniciación (período 2007-2013), que se pode descargar na páxina web do Consello Superior de Cámaras (www.camaras.org) dentro do punto correspondente a accións complementarias de iniciación. Na mesma páxina pódese descargar o Documento de Empresa Participante do Programa PIPE, que tamén se pode ver no portal PIPE (www.portalpipe.com) ou na web do ICEX (www.icex.com).

3. Beneficiarios.

As accións van dirixidas, con carácter xeral, a pemes (segundo a definición da Unión Europea) potencialmente exportadoras e/ou exportadoras, ou que desexen consolidar os seus departamentos de comercio exterior, abrir mercados no exterior ou empregar calquera dos instrumentos contemplados no detalle como ferramenta para aumentar ou consolidar as súas vendas no mercado en cuestión.

O PIPE vai dirixido a pemes (segundo a definición da Unión Euorpea) que, dispoñendo dun produto ou servizo e con potencial exportador, non exporten ou que a súa porcentaxe de exportación non supere o 30% da súa facturación (agás as excepcións contempladas no programa motivadas por exportación cativa, a cliente único, etc.). Han de cumprir os requisitos establecidos no punto 7 desta convocatoria.

Han de cumprir coa normativa nacional e comunitaria: norma de minimis, estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social…

4. Concepto obxecto das axudas.

Serán obxecto de axuda os gastos recollidos no Detalle de Gastos Elixibles de ambos os programas, que se pode descargar na página web do Consello Superior de Cámaras (www.camaras.org) dentro do punto correspondente a accións complementarias de iniciación e no punto de PIPE. Igualmente, para o programa PIPE esta documentación encóntrase no portal PIPE (www.portalpipe.com) e na web do ICEX (www.icex.com).

5. Importe e tramitación da axuda.

Accións complementarias: a contía total da axuda ascende ao 80% do importe elixible (agás nas accións nas que non haxa financiamento privado non elixible, en que alcanzará o 100%) dos gastos que se inclúen no Detalle de Gastos Elixibles do programa e ata o máximo autorizado pola Unidade de Xestión do mesmo CSC no formulario de autorización de gastos remitido á cámara pola solicitude de realización desta acción complementaria.

A tramitación da axuda ás pemes participantes na acción realizarase mediante a aceptación de cada cámara de comercio convocante da participación da empresa nesta.

PIPE. O orzamento total por empresa ascende a 46.000 euros. A contía total da axuda ascende a 36.800 euros.

A tramitación da axuda a aquelas pemes ás que lles fose concedida realizarase mediante o asinamento da correspondente carta de adhesión ao programa por parte da empresa beneficiaria. Ver documento na web do Consello Superior de Cámaras (www.camaras.org) dentro do punto correspondente ao PIPE, no portal PIPE (www.portalpipe.com) ou na web do ICEX (www.icex.com).

6. Presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes e as características de cada convocatoria, para ambos os programas, están ao dispor das empresas galegas na sede da Cámara de Comercio da Coruña (rúa Alameda 30-1º, 15003 A Coruña), Cámara de Comercio de Lugo (avenida Ramón Ferreiro 18, 27002 Lugo), Cámara de Comercio de Ourense (avenida da Habana 30 bis, 32003 Ourense), Cámara de Comercio de Vigo (República Arxentina 18-A, 360201 Vigo) e Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa (avenida Doutor Tourón 46, 36600 Vilagarcía de Arousa), podendo consultarse ademais na páxina web www.camaracoruna.com; www.camaralugo.com; www.camaraourense.com; www.camaravigo.com; camaravilagarcia@camaravilagarcia.com.

7. Criterios de selección e resolución.

A concesión de axudas respectará os principios de publicidade, transparencia, igualdade e libre concorrencia e estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

As condicións imprescindibles para optar ao programa de axudas son:

-Ser unha PEME (de acordo coa definición de PEME da UE) ou autónomo.

-Non exceder de 250 empregados.

-Cumprir a norma de minimis (que non se recibisen axudas de calquera Administración pública que, sumadas, sexan superiores a 200.000 euros nos últimos tres anos, 100.000 euros no caso das empresas que operen no sector transporte por estrada).

-Que teñan o seu domicilio social e/ou centro produtivo nalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia (para o PIPE terá que ter o domicilio social na dermarcación dunha das cámaras de comercio convocantes).

-Estar dada de alta no Censo do IAE, sección 1: actividades empresariais, industriais, comerciais e de servizos.

-Para o PIPE: ser exportadora ocasional ou non superar en exportación un 30% da súa facturación (agás as excepcións recollidas no programa motivadas por exportación cativa, a cliente único, etc.).

-Estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

-Cumprir a totalidade dos requisitos exixidos nas condicións da convocatoria.

-Que non estea incursa en ningunha das prohibicións a que fai referencia o artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou a normativa aplicable na materia propia da comunidade autónoma correspondente.

-Quedan exceptuadas aquelas empresas cuxa actividade económica sexa a pesca, a industria do carbón ou a produción dos produtos agrícolas do anexo I do Tratado da CE.

En relación coa política de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, fomentarase a participación das empresas xestionadas por mulleres e difundirase de forma específica o Programa accións complementarias de iniciación entre o colectivo de mulleres empresarias vinculado a PAEM.

A admisión das empresas en ambos os programas realizarase en función das dispoñibilidades de fondos do programa e dos demais criterios obxectivos adicionais publicados na convocatoria. En cada CC.AA. poderanse establecer criterios adicionais para a selección de empresas beneficiarias.

En función desta valoración elaborarase unha lista pormenorizada de participantes, de tal xeito que entrarán a beneficiarse primeiro do programa aquelas, das empresas consideradas idóneas, que ocupen as primeiras posicións da dita relación e ata o límite de prazas dispoñibles en cada demarcación, segundo os recursos destinados ao Programa PIPE para unha anualidade. O resto das empresas candidatas consideradas idóneas formarán parte dunha lista de espera para posteriores exercicios nos que se desenvolva o programa. A aquelas empresas que, segundo os criterios establecidos, se considere que non cumpren os requisitos necesarios para seren beneficiarias do PIPE comunicaráselles tal extremo.

A resolución das solicitudes comunicaráselles aos beneficiarios por escrito a través da Cámara de Comercio e/ou da secretaría Técnica PIPE.

8. Obrigas dos beneficiarios.

Serán obrigas dos beneficiarios as que se deriven dos obxectivos do programa e do cumprimento das condicións operativas, económicas, de información e control que se establecen nas condicións da acción complementaria ou no convenio de participación en cada programa PIPE.

9. Compatibilidade da axuda.

As axudas ofrecidas nas accións complementarias e no PIPE axústanse ao Regulamento (CE) número 1998/2006 da Comisión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo ás axudas de minimis1 (Diario Oficial L do 28 de decembro) e son compatibles con outras axudas públicas.

10. Información e publicidade.

En cumprimento do previsto no artigo 5.2º, último parágrafo, do Regulamento (CE) número 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, mediante esta convocatoria infórmase a todos os beneficiarios potenciais de que os datos relativos á identidade (denominación social, CIF, etc.) dos que sexan seleccionados como beneficiarios do Programa accións complementarias e/ou do Programa PIPE, nome das operacións nas que participen e cantidade de fondos públicos asignados serán obxecto da correspondente publicación conforme o previsto no artigo 7.2º do citado regulamento.

Así mesmo, infórmase de que, mediante a presentación da súa solicitude de participación no programa, todos os solicitantes autorizan a que, de resultar seleccionados como beneficiarios, os datos indicados no parágrafo anterior poidan incluírse na lista prevista nos citados preceptos e ser publicados (de forma electrónica e/ou por outros medios) polo Consello Superior de Cámaras, así como cedidos, para os fins indicados, por esta entidade á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda, ou a outro organismo que esta designe.

1 Que non obtivese unha subvención procedente de calquera Administración ou ente público, nacional ou internacional, por importe superior a 200.000 euros (100.000 euros para empresas que operen no sector transporte por estrada) no último período de tres anos, incluída a contía que se solicita no Programa accións complementarias.

A Coruña, 22 de outubro de 2009.

Ana Agras Gómez

Secretaria xeral adxunta