DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 05 de novembro de 2009 Páx. 17.155

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Índice

Título I: condicións xerais.

Título II: condicións especificas dos programas.

Capítulo I: promocion de vivendas protexidas.

Sección primeira: características das vivendas. Sección segunda: procedemento de cualificación das vivendas protexidas. Sección terceira: os contratos de compravenda e arrendamento das vivendas de protección autonómica.

Capítulo II: promoción de aloxamentos protexidos.

Capítulo III: axudas a demandantes de vivendas.

Sección primeira: programa de axudas a persoas adquirentes de vivendas protexidas de nova construción, vivendas libres a prezo limitado e vivendas usadas. Sección segunda: programa de axudas a persoas inquilinas.

Capítulo IV: programa de áreas de rehabilitación integral de conxuntos históricos, barrios degradados e municipios rurais (ARIS) e áreas de renovación urbana (ARUS).

Sección primeira: axudas a áreas de rehabilitación integral. Sección segunda: axudas a áreas de renovación urbana.

Capítulo V: programa de axudas para a erradicación do chabolismo.

Capítulo VI: programa de axudas Renove a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas existentes.

Capítulo VII: fomento da adquisición e urbanización de solo destinado a promoción de vivendas protexidas.

Capítulo VIII: axudas a instrumentos de xestion e información do plan.

Disposicións adicionais. Disposicións transitorias. Disposición derrogatoria. Disposicións derradeiras.

Anexos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das competencias que ten atribuídas en materia de vivenda e co fin de abordar conxuntamente co goberno central a problemática de vivenda en Galicia, vén participando no desenvolvemento e xestión dos plans estatais de vivenda, adaptándoos ás necesidades desta comunidade e achegando novas solucións e axudas propias que os complementan.

O título III da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia establece xenericamente as accións e medidas de fomento que as administracións públicas da comunidade autónoma promoverán para facilitar o acceso á vivenda e para a rehabilitación do parque de vivendas existentes.

Logo da entrada en vigor do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro (en adiante, Real decreto 2066/2008), polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012, o día 1 de xullo de 2009 asinouse o convenio entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Vivenda para a aplicación do Plan Estatal 2009-2012, ao abeiro do previsto no artigo 16 de devandito real decreto.

Este decreto desenvolve o Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e concreta a aplicación do Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012 en Galicia cos seguintes criterios e liñas de actuación:

Reforzo, con fondos propios da comunidade autónoma, das axudas estatais aos seguintes colectivos a que se lles dedica unha atención preferente para adquirir ou promover unha vivenda para uso propio: familias numerosas, con axuda especial ás de 5 ou máis fillos, unidades familiares con reducido nivel de ingresos, familias monoparentais, persoas dependentes ou con discapacidade e as familias que as teñan ao seu cargo, vítimas da violencia de xénero e do terrorismo, xente moza menor de 35 anos e maiores de 65, por primeira vez e de xeito xeral ás persoas que acceden por primeira vez á vivenda, ás persoas afectadas por situacións catastróficas e ás persoas separadas ou divorciadas.

Axuda especial ás persoas emigrantes de baixos ingresos retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude da axuda, e especialmente a familias chabolistas que, ademais de beneficiarse desta axuda especial, poderán contar cun programa que substitúe a anterior normativa autonómica de axudas ao chabolismo e que recolle axudas para a adquisición ou promoción da propia vivenda, axudas para o aluguer de vivenda para realoxo, complementarias das estatais, ademais doutras liñas de promoción de vivendas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e outros promotores públicos.

Co fin de contribuír a solucionar a situación actual do sector da construción de vivendas, créase a modalidade de vivendas libres de prezo limitado destinada ás vivendas libres de nova construción que se poderán adquirir pasado un ano desde a licenza de primeira ocupación, co mesmo financiamento protexido que as vivendas usadas cuxa adquisición se protexe no Real decreto 2066/2008 e neste decreto.

Tamén se protexe dun xeito especial a promoción de aloxamentos protexidos para arrendamento destinados a colectivos especialmente vulnerables e outros colectivos específicos, como persoas investigadoras ou estudantes universitarios/as.

As actuacións de rehabilitación e renovación en áreas de rehabilitación integral en barrios degradados e centros urbanos e así como en centros históricos e por primeira vez en núcleos rurais, e tamén en áreas de renovación urbana, vense potenciadas con axudas autonómicas que reforzan as estatais deste plan.

Recóllense así mesmo axudas co fin de atender as oficinas de xestión e información do plan dos concellos que colaboren na xestión das actuacións deste plan, de acordo co establecido neste decreto.

Créanse as novas denominacións de vivendas de protección autonómica de réxime especial, réxime xeral e réxime concertado para venda e aluguer para adaptalas ás denominacións das vivendas protexidas do Real decreto 2066/2008 e determínanse os seus prezos máximos dentro das marxes establecidas no devandito real decreto.

Así mesmo, modifícase o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer, modificado polos decretos 223/2006, do 23 de novembro, Decreto 63/2008, do 13 de marzo, e Decreto 115/2008, do 29 de maio, para adaptalo ás disposicións do Real decreto 2066/2008.

Para rematar, modifícase o Decreto 253/2007, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, para regular as comisións provinciais de Vivenda, como órganos integrados no Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Finalmente, regúlase a concesión das axudas establecidas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, así como das que se outorgan con cargo aos orzamentos da comunidade autónoma, que en todo caso estaran sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolvan.

Por último, cómpre referirnos á recente entrada en vigor da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, que veu regular expresamente a protección pública á vivenda, tanto de promoción pública como privada, e as políticas de fomento do dereito á vivenda sexa en compravenda ou aluguer, e tanto polo que se refire ás vivendas novas como ao fomento da renovación e da rehabilitación, que atopan neste decreto a materialización dos diferentes tipos de axudas.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de outubro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Título I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é regular a xestión das axudas establecidas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012, na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecemento e xestión das axudas públicas adicionais e complementarias con cargo aos seus orzamentos.

Exceptúase a xestión e financiamento do programa de axuda aos inquilinos que se regulará polo disposto no Decreto 48/2006.

Artigo 2º.-Competencia.

A xestión dos expedientes que se tramiten ao abeiro deste decreto e do Real decreto 2066/2008, corresponde ás áreas provinciais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e é competencia do/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou persoa en quen delegue, resolver sobre estes. Cando se trate da concesión de subvencións, por proposta das áreas provinciais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, resolverá o/a director/a xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue.

Artigo 3º.-Entidades colaboradoras en actuacións de rehabilitación e programa de erradicación do chabolismo.

1. Nas actuacións en materia de rehabilitación, especialmente nas áreas de rehabilitación integral e nos programas de erradicación do chabolismo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo poderá acordar a colaboración na xestión dos expedientes cos concellos correspondentes que dispoñan de oficinas municipais de rehabilitación, mediante a firma de convenios específicos de colaboración de acordo coa Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A colaboración poderá comprender as actividades seguintes:

2.1. Recepción de solicitudes, exame da documentación presentada, emenda desta e tramitacion dos expedientes polo órgano competente do concello, que incluirá a proposta de cualificación provisional ou definitiva ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2.2. Remisión ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, polo órgano competente do concello, das listas das propostas de resolución de cada trimestre, nos quince primeiros días dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro. Nas listas deberá expresarse:

a) O cumprimento de todos os requisitos exixidos no Real decreto 2066/2008 e neste decreto para a cualificación provisional ou definitiva das actuacións.

b) Nome da persoa beneficiaria, número de DNI ou CIF, enderezo da vivenda obxecto da actuación, subvención proposta, con desagregamento do que corresponde ao financiamento do Ministerio de Vivenda e da comunidade autónoma.

c) No caso de que a persoa beneficiaria sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas, sen personalidade xurídica propia, individualización do importe das subvencións que se van aplicar a cada un deles, en cumprimento do establecido no artigo 11 da Ley 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Se é o caso, prazo de execución das obras subvencionadas.

2.3. Pagamento das subvencións aos particulares.

3. O/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolverá sobre a cualificación dos expedientes propostos polo concello, podendo solicitar deste canta información sexa precisa para a comprobación, se é o caso, da correcta tramitación do expediente.

4. Os concellos, como entidades colaboradoras deberán remitir ao Instituto Galego de Vivenda e Solo as ordenanzas que regulan a xestión dos expedientes. Nas devanditas ordenanzas garantirase o cumprimento dos requisitos exixidos no Real decreto 2066/2008 e neste decreto.

5. Segundo o determinado no artigo 2º deste decreto, corresponde ás áreas provinciais do Instituto Galego de Vivenda e Solo a tramitación das solicitudes que se acollan ao Programa de axudas Renove de vivendas e edificios, cando estean situados en concellos cos que non se asinen convenios de colaboración.

Artigo 4º.-Cobertura orzamentaria e límites á concesión das axudas.

1. O financiamento cualificado das actuacións protexidas en materia de vivenda e solo acollidas ao disposto no Real decreto 2066/2008 con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia consistirá no outorgamento de subvencións complementarias ás distintas liñas de axuda recollidas no devandito real decreto.

2. As subvencións deste decreto con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolvan.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. O importe das axudas establecerase mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, nas que se detallará:

a) A aplicación do estado de gastos dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas devanditas axudas.

b) O importe máximo das axudas que se poderán outorgar dentro de cada exercicio orzamentario.

De ser o caso, publicarase o esgotamento da partida orzamentaria asignada e a inadmisión de posteriores solicitudes, salvo que proceda o previsto no artigo 31.2º da Lei 9/2007.

4. A suma das axudas financeiras con cargo aos orzamentos xerais do Estado, e as subvencións con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as doutras administracións ou organismos públicos, nacionais ou internacionais, se é o caso, non poderán superar o prezo, custo ou orzamento protexido, segundo corresponda, das actuacións protexidas.

5. Exceptúanse do sinalado no punto 3 os programas de áreas de rehabilitación integral, de áreas de renovación urbana e de axudas para a erradicación do chabolismo que, segundo o previsto nos artigos 48.3º, 52.3º e 56.2º do Real decreto 2066/2008, se financiaran mediante acordos de colaboración no marco das comisións bilaterais de seguimento do`plan, coa participación dos concellos en cuxo termo municipal se sitúe a actuación, acordos que determinarán a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia onde figuran os créditos para esta finalidade con cargo aos que serán atendidas as devanditas axudas e o importe máximo das axudas que se poderán outorgar dentro de cada exercicio orzamentario.

Artigo 5º.-Actuacións protexidas.

1. Seran actuacións protexidas para a obtención das axudas cando cumpran as condicions establecidas neste decreto e no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro.

a) A promoción de vivendas protexidas de nova construción, ou procedentes da rehabilitación, destinadas á venda, ao uso propio ou ao arrendamento, incluídas, neste último suposto, as promovidas en réxime de dereito de superficie ou de concesión administrativa, así como a promoción de aloxamentos protexidos para grupos especialmente vulnerables e outros grupos específicos.

b) O aluguer de vivendas novas ou usadas, libres ou protexidas, así como a adquisición de vivendas protexidas de nova construción para venda, e a de vivendas usadas, para a súa utilización como vivenda habitual do adquirente.

c) A rehabilitación de conxuntos históricos, centros urbanos, barrios degradados e municipios rurais; a renovación de áreas urbanos e a erradicación da infravivienda e o chabolismo.

d) A mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade e a utilización de enerxías renovables, xa sexa na promoción, na rehabilitación ou na renovación de vivendas e edificios.

e) A adquisición e urbanización de solo para vivenda protexida.

f) A xestión do plan e a información aos cidadáns sobre este.

2. O número de actuacións non superarán as cotas fixadas no convenio asinado entre o Ministerio de Vivenda e a comunidade autónoma do 1 de xullo de 2009, publicado no BOE do 20 de xullo e, se é o caso, adecuarase ás modificacións que se efectúen de mutuo acordo entre as partes.

3. No caso de que as cotas pactadas se esgotasen, poderán ampliarse as axudas con fondos autonómicos mediante orde do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

4. Ademais das actuacións consideradas no Real decreto 2066/2008, e de acordo co disposto na Lei 5/1989, do 24 de abril, de erradicación do chabolismo, o acceso á vivenda das persoas chabolistas facilitarase mediante as seguintes actuacións:

a) Fomento da promoción da propia vivenda polas persoas chabolistas.

b) Axudas para adquisición de vivenda.

c) Promoción de vivendas por promotores públicos.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de cualificación e financiamento cualificado e demais procedementos relacionados coas actuacións protexidas en materia de vivenda e solo deste decreto presentaranse, a partir da entrada en vigor deste decreto, nas áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación das vivendas ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme os modelos establecidos no anexo II, acompañadas da documentación que neles se especifica.

As solicitudes das subvencións con cargo á comunidade autónoma e das subvencións con cargo ao Estado que se aboan a través da comunidade autónoma presentaranse a partir da entrada en vigor das correspondentes ordes de convocatoria e segundo os modelos nelas establecidos.

2. Nos expedientes de axudas á rehabilitación en que se acorde a colaboración na xestión, segundo o establecido no artigo 3º deste decreto, as solicitudes presentaranse ante os concellos respectivos.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para solicitar as certificacións de ingresos do IRPF e de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Artigo 7º.-Resolucións e recursos.

1. O prazo de resolución das solicitudes será de dous meses.

2. Contra as resolucións sobre os préstamos convidos, subsidiación de intereses e axudas estatais directas á entrada, así como contra as resolucións sobre aprobación de subvencións poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 8º.-Beneficiarios. Condicións xerais para os demandantes de vivenda e financiamento cualificado.

1. As persoas beneficiarias das axudas reguladas no presente decreto deberán cumprir as condicións establecidas nos artigos 1 e 3.1º f) do Real decreto 2066/2008.

Deberán, así mesmo, cumprir os requisitos e obrigas establecidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Nos supostos de persoas separadas ou divorciadas a que non se lles adxudicou a vivenda familiar, así como a mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas do terrorismo e persoas dependentes ou con discapacidade oficialmente recoñecidas e as familias que as teñan ao seu cargo, non será de aplicación o requisito establecido no artigo 3.1º f) do Real decreto 2066/2008.

2. Son obrigas das persoas beneficiarias das axudas comunicar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 9º.-Incumprimentos.

1. O incumprimento pola persoa beneficiaria das condicións establecidas para a concesión das axudas determinará a obrigación de reintegro destas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o Instituto Galego da Vivenda e Solo ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 10º.-Ponderación de ingresos.

1. Aos ingresos familiares, que se referirán á unidade familiar tal e como resulta definida no artigo 49 da Lei de vivenda de Galicia e determinados na forma prevista no artigo 4 do Real decreto 2066/2008, aplicarase, en función dos membros da unidade familiar, o seguinte coeficiente multiplicativo corrector:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,75.

Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

2. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese. Ademais, se a vivenda estivese situada nun concello dos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior, aplicarase o tramo seguinte ao que lle correspondese segundo o antes mencionado.

Título II

Condicións específicas dos programas

Capítulo I

Promoción de vivendas protexidas

Sección primeira

Características das vivendas

Artigo 11º.-Vivendas protexidas.

As vivendas de nova construción destinadas á venda e arrendamento, xa sexan de promoción publica ou de promoción privada, poderán cualificarse como:

a) Vivendas de protección autonómica de réxime especial, destinadas a familias ou persoas individuais cuxos ingresos familiares non excedan de 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, e que o seu prezo non exceda do determinado no artigo 14º deste decreto para esta modalidade.

b) Vivendas de protección autonómica de réxime xeral, destinadas a familias ou persoas individuais cuxos ingresos familiares non excedan de 4,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, e que o seu prezo non exceda do determinado no artigo 14º deste decreto para esta modalidade.

c) Vivendas de protección autonómica de réxime concertado, destinadas a familias ou persoas individuais cuxos ingresos familiares non excedan de 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, e que o seu prezo non exceda do determinado no artigo 14º deste decreto para esta modalidade.

Artigo 12º.-Superficie das vivendas.

As vivendas protexidas terán as superficies máximas e mínimas determinadas no artigo 35 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia, entendidas como superficie útil tal como se definen no artigo 5º c) da mesma lei. Nos edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal, a porcentaxe de vivendas con superficie superior a 90 metros cadrados útiles non poderá exceder o 5% de cada promoción, no caso de que a cualificación sexa para o edificio completo.

Artigo 13º.-Zonas territoriais.

Para os efectos de determinar os prezos máximos de venda, adxudicación e renda das vivendas obxecto de actuacións protexidas conforme o previsto no Real decreto 2066/2008, establécense os seguintes ámbitos territoriais:

-Zona territorial primeira, que comprende os concellos que se relacionan no anexo I.

-Zona territorial segunda, que comprende o resto dos concellos de Galicia.

Artigo 14º.-Prezos máximos das vivendas protexidas e usadas.

1. Tomando como referencia o módulo básico estatal previsto no artigo 9 do Real decreto 2066/2008, o prezo máximo de venda, adxudicación e referencia para as vivendas protexidas en aluguer, por metro cadrado de superficie útil, das vivendas de nova construción cualificadas como protexidas pola comunidade autónoma nas súas diversas modalidades, así como de vivendas usadas, para os efectos da súa adquisición protexida, en cada unha das zonas territoriais establecidas no artigo anterior, será o seguinte:

a) Zona 1ª:

-1,50 polo módulo básico estatal vixente, para as vivendas de réxime especial.

-1,60 polo módulo básico estatal vixente, para as vivendas de réxime xeral e para as vivendas usadas.

-1,80 polo módulo básico estatal vixente, para as vivendas de réxime concertado.

b) Zona 2ª:

-1,30 polo módulo básico estatal vixente para as vivendas de réxime especial.

-1,45 polo módulo básico estatal vixente para as vivendas de réxime xeral e para as vivendas usadas.

-1,65 polo módulo básico estatal vixente para as vivendas de réxime concertado.

2. Nos municipios integrados na zona territorial 1ª que, en virtude do previsto no artigo 11.2º do Real decreto 2066/2008, se determinen como ámbito territorial de prezo máximo superior, o prezo máximo de venda, adxudicación ou referencia para as vivendas protexidas en aluguer incrementarase en función do grupo ao que pertenzan.

Non obstante o anterior, o devandito incremento non será de aplicación ás vivendas que se constrúan en solos creados coa intervención de entes ou sociedades públicas ou en solos de titularidade pública alleados para a promoción de vivendas protexidas.

3. Cando se trate de promocións de vivendas para uso propio, o prezo máximo de adxudicación, ou valor da edificación sumado ao do solo que figura na declaración de obra nova, no caso de promoción individual, terá os límites establecidos anteriormente e incluirán o conxunto dos pagamentos que efectúe a persoa promotora individual, a cooperativista ou comuneira que sexan imputables ao custo da vivenda por ser necesarios para levar a cabo a promoción e a individualización física e xurídica desta, incluíndo, se é o caso, os honorarios da xestión.

4. Cando a promoción inclúa garaxes ou rochos, con independencia de que estean ou non vinculados á vivenda, o prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil destes, que figurará así mesmo na cualificación provisional da vivenda, non poderá exceder do 60 por 100 do prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil da vivenda.

Para estes efectos, só serán computables como máximo 8 metros cadrados de superficie útil de rocho e 25 metros cadrados de superficie útil de garaxe ou anexo, con independencia de que a súa superficie real sexa superior.

Esta limitación de prezo afectará unicamente un máximo dun rocho e unha praza de garaxe por vivenda.

Artigo 15º.-Prezos de venda e renda das vivendas en réxime de arrendamento.

1. Nos contratos de arrendamento con opción de compra, o prezo máximo de venda, transcorridos os dez anos de arrendamento será de 1,5 veces o prezo máximo de referencia establecido na cualificación provisional. Nos municipios de prezo superior poderá alcanzar 1,7 veces o mesmo prezo. Do devandito prezo, deducirase, en concepto de pagos parciais, o 30% da suma dos alugueres satisfeitos polo inquilino.

2. A renda máxima inicial anual por metro cadrado de superficie útil das vivendas cualificadas con destino a arrendamento será a fixada no artigo 24 do Real decreto 2066/2008.

Artigo 16º.-Revisión do prezo da cualificación provisional.

Se a vivenda cualificada non se vendese ou arrendase nun prazo de dous anos desde a cualificación definitiva, a persoa promotora poderá solicitar a revisión do prezo establecido na cualificación provisional que pasará a ser o das vivendas que se cualifiquen provisionalmente no momento da solicitude.

Artigo 17º.-Prezos máximos en segundas e posteriores transmisións.

O prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil, en segundas e ulteriores transmisións dunha vivenda de nova construción cualificada protexida pola Comunidade Autónoma de Galicia, será o que corresponda ás vivendas do mesmo tipo que se cualifiquen como protexidas provisionalmente na mesma zona territorial no momento da transmisión. O mesmo prezo máximo aplicarase, durante un prazo de quince anos desde a formalización do préstamo protexido, ás vivendas libres usadas cuxa compra sexa financiada de acordo co establecido no Real decreto 2066/2008, e neste decreto.

Artigo 18º.-Limitacións á facultade de dispor e dereitos de tenteo e retracto.

Ás vivendas cualificadas como protexidas que obtivesen financiamento ao abeiro deste decreto seralles de aplicación o artigo 63 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia, excepto en canto ao prazo de 5 anos determinado no seu punto 2 e que neste caso será de 10 anos de conformidade co establecido no artigo 5 do Real decreto 2066/2008.

Para os efectos do previsto no artigo 5.1.a) do Real decreto 2066/2008, considéranse colectivos vulnerables os recollidos nas letras e), f), g) e l) do artigo 1.2º de devandito real decreto.

Así mesmo, en canto os dereitos de tanteo e retracto, será de aplicación o artigo 65 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia, ás vivendas cualificadas como protexidas.

Artigo 19º.-Duración do réxime de protección e vinculación de uso.

1. A duración do réxime de protección das vivendas destinadas á venda ou arrendamento será de 30 anos desde a cualificación definitiva.

2. No caso das vivendas con destino a arrendamento, poderán dedicarse á venda transcorridos 10 ou 25 anos desde a súa cualificación definitiva segundo sexa a duración do préstamo, con independencia da amortización anticipada deste.

3. As vivendas protexidas para arrendamento a dez anos poderán ser obxecto dun contrato de arrendamento con opción a compra. Para poder exercitar devandita opción, a persoa inquilina deberá levar como mínimo cinco anos na vivenda e deberá acreditar, no momento da compra, que cumpre as condicións establecidas para cada tipo de vivenda.

Sección segunda

Procedemento de cualificación das vivendas protexidas

Artigo 20º.-Cualificación de vivendas protexidas.

1. A cualificación de vivendas de protección autonómica réxese polo determinado nos artigos 42 e 43 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

2. A cualificación de vivendas protexidas de nova construción pode ser para todo o edificio, por escaleiras ou plantas enteiras ou poden cualificarse vivendas illadamente.

Cando se cualifique un edificio completo as vivendas dunha planta deberán ser do mesmo réxime e destino.

Artigo 21º.-Cualificación provisional.

1. Os promotores de vivendas de protección autonómica presentarán a solicitude de cualificación provisional, acompañada da seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade da persoa solicitante e, se é o caso, da representación que desempeña.

b) Proxecto básico ou proxecto básico e de execución visado polo colexio profesional correspondente.

c) Licenza municipal de obras ou certificación municipal de cualificación urbanística dos terreos. Para a sinatura e visado dos contratos de compravenda será preceptiva a presentación da licenza municipal de obras e, se é o caso, deberá presentarse xunto coa solicitude do sorteo.

d) Certificado do rexistro da propiedade, sobre a liberdade de cargas e gravames que poidan representar un obstáculo xurídico, económico ou técnico para o desenvolvemento da edificación.

e) Título acreditativo do dominio dos terreos ou, na súa falta, documento que acredite a dispoñibilidade para construír.

f) No caso de que se solicite a cualificación despois do inicio da obra, acta de replanteo ou de inicio da obra subscrita polo director/a daquela.

g) No caso de que se producisen vendas ou calquera contrato que implique unha dispoñibilidade actual ou futura sobre as vivendas para as que se solicite a cualificación, deberase acompañar documento acreditativo, de conformidade coa solicitude das persoas adquirentes ou contratantes.

h) No caso de cooperativas ou comunidades de propietarios/as, relación de todos os seus socios ou socias incluídos os de reserva. Para obter a cualificación provisional polo menos deberán ter o 80 por 100 dos socios ou comuneiros beneficiarios das vivendas. Respecto de todos os socios ou socias presentados deberán indicar o seu nome e apelidos e o seu número de identificación fiscal e acreditación de que cumpren as condicións que se exixan para acceder ás vivendas protexidas e ao financiamento cualificado.

2. As áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo comprobarán:

a) As solicitudes e documentación complementaria achegada.

b) A superficie útil das vivendas e anexos.

c) A adecuación dos edificios e vivendas ás disposicións autonómicas que afecten a accesibilidade e habitabilidade destes que estean vixentes no momento da solicitude da cualificación provisional. Dado que o cumprimento da citada normativa está encomendado aos concellos, comunicaráselles calquera incumprimento que se detecte.

d) O cumprimento dos demais requisitos que o presente decreto exixe.

3. O/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou persoa en quen delegue outorgará, se procede, a cualificación provisional no prazo de dous meses contados desde a data da solicitude. Transcorrido devandito prazo sen que se notificase resolución expresa entenderase denegada. A denegación da cualificación provisional será motivada e susceptible de recorrer en alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

4. Na cualificación provisional constará, polo menos, a identificación da promoción e do promotor, relación dos socios comuneiros ou cooperativistas que reúnen os requisitos, a localización do edificio, o número, tipo, réxime, superficie útil das vivendas de protección autonómica e dos anexos vinculados ou non vinculados, así como os prezos máximos de venda ou renda e, se é o caso, o número de anexos libres.

5. Durante o período de execución das obras o promotor deberá colocar nun lugar visible un ou varios carteis, indicativos de estar acollida a construción ao réxime de protección autonómica.

Artigo 22º.-Modificación da cualificación provisional.

1. Se durante a execución das obras se producisen modificacións do proxecto que serviu de base para o outorgamento da licenza municipal de obra, deberá achegarse a pertinente autorización municipal e, se neste caso ou na licenza de obras achegada con carácter previo á sinatura e visado dos contratos de compravenda, se desen modificacións que afectasen calquera das determinacións que aparecen recollidas na cualificación provisional e nos seus anexos, deberá obterse a correspondente aprobación da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Tamén poderán autorizarse modificacións da cualificación provisional cando se produza unha alteración de prezos dentro do ámbito permitido polo artigo 10.5º do Real decreto 2066/2008.

No caso de que se autorizasen unha ou varias modificacións, deberase facer constar o devandito feito na cualificación provisional mediante dilixencia.

2. No caso de que se subscribise algún contrato de promesa de venda ou de compravenda, requirirase o consentimento expreso de todas as persoas compradoras.

3. Para que poida variarse a relación de socios/as ou comuneiros beneficiarios/as das vivendas a que se refire o punto 1 h) do artigo anterior, unha vez outorgada a cualificación provisional, será preciso obter a previa autorización do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A substitución de cooperativistas ou comuneiros/as só poderá efectuarse por persoas que reúnan, así mesmo, os requisitos exixibles.

Artigo 23º.-Cualificación definitiva.

1. A cualificación definitiva deberá solicitala a persoa promotora nun prazo máximo de trinta meses contados desde a data de obtención da cualificación provisional. Antes da fin deste período a persoa promotora poderá solicitar unha ampliación máxima de seis meses.

A solicitude da cualificación definitiva deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Licenza municipal de primeira ocupación obtida expresamente ou acreditación de tela solicitado, coa data de rexistro de entrada no concello. Neste suposto deberá acreditarse a obtención da licenza de primeira ocupación expresamente ou por silencio administrativo conforme a lexislación vixente, ou se é o caso, achegar unha declaración responsable da persoa promotora, da ausencia de notificación de resolución expresa.

En todo caso, procederase á tramitación do expediente, quedando supeditada a cualificación definitiva á obtención da devandita licenza.

b) Documento que reflicta o final das obras no que se recolla con exactitude a totalidade das realizadas, visado polo colexio profesional correspondente, con indicación, se é o caso, das modificacións feitas que afecten a licenza municipal de obras inicialmente outorgada ou da autorización concedida se afectase as determinacións que aparecen na cualificación provisional.

c) Escritura de obra nova e división horizontal inscrita no rexistro da propiedade e, no suposto de promoción individual para uso propio, da escritura de obra nova.

d) Acreditación de que a edificación dispón de todas as autorizacións e permisos das acometidas e instalacións para o seu correcto funcionamento.

e) No suposto de promoción de aloxamentos protexidos, certificado da dirección facultativa de que se cumpre a normativa específica que lle sexa de aplicación.

f) Certificado da dirección facultativa de ter elaborado e entregado ao/á axente promotor/a o libro do edificio.

g) Acreditación de que o edificio está asegurado a risco de incendios.

2. Comprobada a documentación e logo da inspección técnica oportuna que acreditará que as obras se axustan á cualificación provisional outorgada, o/a xefe/a territorial do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue resolvera expresamente sobre a cualificación definitiva, conforme o establecido no artigo 43.2º da Lei de vivenda de Galicia, e notificarase no prazo de dous meses desde a data da solicitude, transcorrido o cal, sen recibir resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a solicitude.

Non obstante, se na solicitude de cualificación definitiva houbese deficiencias reparables que impedisen o outorgamento, o IGVS poderá sinalar prazo e condicións para a súa reparación quedando interrompido o prazo para resolver.

3. Na cualificación definitiva deberá facerse constar o expediente de construción, a identificación da persoa promotora, relación das persoas socias, comuneiras ou cooperativistas que reúnen os requisitos, a localización das vivendas, o seu número, superficie e anexos, datos rexistrais, a data da cualificación provisional e de termo das obras, o réxime de uso das vivendas, o prazo de duración do réxime de protección, as limitacións a que estean suxeitas as vivendas, o prezo máximo de venda ou renda e demais datos e circunstancias que, por aplicación das normas deste decreto e o Real decreto 2066/2008, deban constar.

4. Non poderá procederse á subrogación no préstamo cualificado, entrega e ocupación das vivendas en tanto non se obtivese a correspondente cualificación definitiva.

5. Poderán recualificarse promocións completas de vivendas protexidas para venda como vivendas protexidas para aluguer nos termos previstos no artigo 30.3º do Real decreto 2066/2008, sempre que non se subscribise ningún contrato de compravenda sobre estas.

Artigo 24º.-Denegación da cualificación definitiva.

1. A denegación da cualificación definitiva por causa imputable á persoa promotora, suporá, de conformidade co establecido no artigo 43.3º da Lei de vivenda de Galicia, a devolución, se é o caso, das axudas económicas percibidas cos xuros legais desde a data da súa percepción e determinará que as persoas adquirentes das vivendas poidan optar entre:

a) Resolver os contratos e, se é o caso, executar a garantía outorgada conforme o establecido no artigo 95 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

b) Solicitar á Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no prazo de tres meses desde a denegación, a rehabilitación do expediente ao seu favor, sempre que medie contrato de compravenda e comprometerse, se é o caso, á terminación das obras ou á emenda das deficiencias que impediron obter a cualificación definitiva, dentro do prazo e co orzamento que para o efecto se fixe. Do prezo final de venda da vivenda que se aborá á persoa promotora, deduciranse as cantidades investidas polas persoas adquirentes nas obras necesarias para a emenda das deficiencias.

2. A resolución sobre a denegación da cualificación definitiva será motivada e susceptible de recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Artigo 25º.-Suspensión da cualificación definitiva.

Poderá suspenderse a tramitación e resolución das solicitudes de cualificación definitiva cando, logo de denuncia ou de oficio polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, se aprecie a concorrencia de circunstancias que poidan determinar o incumprimento pola edificación da normativa vixente que lle sexa de aplicación.

Sección terceira

Os contratos de compravenda e arrendamento das vivendas de protección autonómica

Artigo 26º.-Visado do contrato.

1. Os contratos de compravenda ou adxudicación e arrendamento e, se é o caso, as escrituras públicas de declaración de obra nova para o suposto de promoción individual para uso propio das vivendas de protección autonómica, deberán ser presentados pola persoa promotora, vendedora ou arrendadora na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo para o seu visado, no prazo máximo dun mes a partir da subscrición do contrato. Xunto co contrato deberá achegarse a documentación que acredite que a persoa adquirente ou arrendataria cumpre, na data da súa sinatura, as condicións exixidas pola normativa aplicable para a adquisición ou arrendamento da vivenda.

2. Cando nos contratos de compravenda ou adxudicación se estipule a entrega de cantidades por conta do prezo das vivendas, será necesario acreditar a garantía que se constituirá en previsión da devolución dos importes recibidos, conforme establece o artigo 95 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia. De non facerse así dará lugar á denegación do visado, con independencia das responsabilidades a que houbese lugar.

3. Se se cumpren os requisitos exixidos nos parágrafos anteriores, a Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no prazo máximo de tres meses, procederá á devolución do orixinal do correspondente contrato visado, así como dúas copias deste, unha das cales deberá entregarse á persoa adquirente ou inquilina, quedando outra copia no expediente. Trasncorrido o devandito prazo sen que se procedese no modo indicado, poderá entenderse outorgado o visado por silencio administrativo.

4. Se o contrato non reunise a totalidade das cláusulas obrigatorias ou non se achegase a totalidade da documentación que acredite, na data da subscrición do contrato, o cumprimento das condicións para acceder á vivenda ou para percibir cantidades anticipadas a conta do prezo desta, concederase un prazo de dez días para a súa emenda. A denegación do visado dará lugar, se é o caso, ao comezo do correspondente expediente sancionador.

Artigo 27º.-Contido dos contratos de compravenda e arrendamento de vivendas de protección autonómica.

1. Os contratos de compravenda ou adxudicación e arrendamento e, se é o caso, as escrituras públicas de declaración de obra nova, nos supostos de promoción individual para uso propio, deberán incluír as seguintes cláusulas:

a) Con carácter xeral:

1. Que a vivenda está suxeita ás prohibicións e limitacións do réxime de protección previsto neste decreto e no Real decreto 2066/2008, e, por conseguinte, as condicións de utilización serán as sinaladas na cualificación definitiva, dedicarase a residencia habitual e permanente da persoa adquirente, adxudicataria ou arrendataria e os prezos de venda ou renda non poderán exceder dos límites establecidos.

2. Que a persoa adquirente, adxudicataria ou arrendataria se obriga a ocupar a vivenda no prazo máximo de dous meses a partir da entrega de chaves, salvo que medie xusta causa ou os supostos previstos na disposición adicional cuarta da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

3. Que a persoa vendedora ou arrendadora se obriga a entregar á persoa adquirente ou arrendataria un exemplar do contrato, debidamente visado pola Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

b) Con carácter específico para os contratos de compravenda ou adxudicación:

1. Que a persoa vendedora se obriga a elevar a escritura pública o contrato de compravenda ou adxudicación no prazo de tres meses a partir da data de cualificación definitiva da vivenda ou da do contrato, se for posterior.

2. Que os gastos concernentes á declaración de obra nova e división horizontal, así como os de constitución e división do crédito hipotecario serán, en todo caso, por conta da persoa promotora da vivenda.

3. Que a persoa adquirente poderá instar a resolución do contrato no caso de denegación da cualificación definitiva da vivenda.

4. Que a persoa adquirente ou adxudicataria non poderá transmitir inter vivos a vivenda nin ceder o seu uso por ningún título, durante o prazo de 10 anos desde a data de formalización da adquisición, salvo autorización emitida pola Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo con base en xusta causa. Se se autorizase a transmisión requirirase a cancelación do préstamo e, se se obtiveron axudas financeiras estatais ou autonómicas, o seu reintegro incrementadas nos intereses legais.

c) Con carácter específico para os contratos de arrendamento:

1. Que o subarrendamento total ou parcial da vivenda dará lugar á resolución do contrato.

2. Que a vivenda se entrega coa alta nos servizos básicos de auga, gas e/ou electricidade.

3. A obriga de incluír tales cláusulas será directamente exixida ás persoas vendedoras e arrendadoras das vivendas.

Capítulo II

Promoción de aloxamentos protexidos

Artigo 28º.-Réxime dos aloxamentos protexidos.

Serán aloxamentos protexidos aqueles que cumpran as condicións establecidas nos artigos 35 e 36 do Real decreto 2066/2008, e o seu réxime de protección será o que se regula nos devanditos artigos.

Artigo 29º.-Superficie dos aloxamentos protexidos.

1. A superficie útil dos aloxamentos protexidos estará comprendida entre 40 e 45 metros cadrados. No caso de que exista, será tamén protexida a superficie útil correspondente a servizos comúns ou asistenciais, a cal non poderá exceder do 30% da superficie útil dos aloxamentos, independentemente de que a superficie real sexa superior. En todo caso, os servizos comúns conformarán un conxunto residencial integrado ao servizo das persoas residentes neste.

2. Así mesmo, poderase protexer unha praza de garaxe, vinculada rexistralmente e en proxecto, segundo normativa municipal. A superficie útil máxima computable da praza de garaxe, así como o prezo máximo legal de referencia por metro cadrado de superficie útil, serán os mesmos que os establecidos para os garaxes das vivendas de protección autonómica de nova construción de réxime xeral ou especial, segundo corresponda.

Artigo 30º.-Réxime de ocupación dos aloxamentos protexidos.

1. A ocupación dos aloxamentos protexidos poderá efectuarse mediante a sinatura de contratos de arrendamento ou ben de cesión temporal de uso ou autorizacións de permanencia.

2. Os contratos de aluguer, cesión ou as autorizacións de permanencia nos aloxamentos protexidos para colectivos especialmente vulnerables ou outros colectivos específicos terán unha duración bianual, prorrogable sempre que se manteñan as circunstancias que deron lugar a este, circunstancias que deberán acreditarse antes de que finalice o período inicial ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo para que emita a autorización oportuna.

3. A persoa propietaria deberá presentar na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo os contratos para o seu visado, achegando a documentación necesaria para que a Administración poida comprobar que as persoas ocupantes cumpren os requisitos establecidos.

4. Para ter acceso aos aloxamentos para albergar a persoas relacionadas coa comunidade universitaria ou investigadoras e científicas, a universidade establecerá as condicións de tutela e baremación, de acordo cos principios de concorrencia, transparencia e igualdade.

5. Os ingresos máximos para poder acceder a aloxamentos protexidos serán os correspondentes ás vivendas en réxime de arrendamento de réxime xeral, sen que sexa de aplicación o coeficiente corrector por situarse nos municipios de prezo máximo superior.

6. Cando os aloxamentos protexidos sexan promovidas pola universidade, ou entidades ou empresas que colaboren con ela, xa sexan de titularidade pública ou privada, e se destinen a persoas estudantes universitarias, os límites de ingresos para xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos serán de 2,5 veces o IPREM se poden acreditar ingresos propios e, de non ser así, os devanditos límites non superarán 4,5 veces o IPREM da unidade familiar á que pertenzan, entendida segundo o establecido no artigo 49 da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

Artigo 31º.-Renda dos aloxamentos protexidos.

1. Nos aloxamentos protexidos para colectivos especialmente vulnerables e outros colectivos específicos, a renda máxima inicial anual será a establecida no artigo 36.5º do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro. A prestación de servizos comúns ou asistenciais das persoas aloxadas poderá supor un incremento da renda das vivendas ata o máximo correspondente ás vivendas protexidas para arrendamento a 25 anos de réxime concertado. Este incremento só será aplicable ás persoas inquilinas que voluntariamente queiran utilizar devanditos servizos.

2. A renda inicial poderá actualizarse anualmente de conformidade coa evolución que experimente o índice xeral nacional do sistema de índices de prezos ao consumo.

3. A persoa arrendadora poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada que corresponda, o importe do custe real dos servizos de que goce a persoa inquilina e satisfaga a arrendadora, así como os derivados das demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable.

Artigo 32º.-Axudas complementarias.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo aos seus orzamentos, complementará as axudas establecidas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, cunha subvención de 200 euros por metro cadrado de superficie útil protexida do aloxamento e servizos comúns.

Artigo 33º.-Concesión das axudas.

1. A concesión de axudas estatais ás persoas promotoras efectuarase ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, unha vez obtida a cualificación definitiva. A persoa promotora poderá solicitar a concesión do anticipo previsto no artigo 29 do Real decreto 2066/2008, presentando o aval indicado no devandito artigo e de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e o artigo 63.2º do seu regulamento.

2. A concesión das axudas autonómicas producirase ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, unha vez obtida a cualificación definitiva e asinados os correspondentes contratos de arrendamento ou ocupación, que deberán ser visados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. As axudas fraccionaranse en función do número de aloxamentos alugados.

Capítulo III

Axudas a demandantes de vivendas

Sección primeira

Programa de axudas a persoas adquirentes de vivendas protexidas de nova construción, vivendas libres a prezo limitado e vivendas usadas

Artigo 34º.-Condicións xerais para o acceso ás vivendas.

1. Para acceder á compra ou arrendamento dunha vivenda protexida deberán cumprirse os requisitos establecidos nos artigos 46 e seguintes da Lei de vivenda de Galicia, así como os que lle sexan de aplicación dos establecidos nas letras a), b), c), d) e e) do artigo 3.1º do Real decreto 2066/2008.

No caso de inmigrantes, para cumprir coa indicación que fai a Lei de vivenda de Galicia a residir na comunidade autónoma, deberá terse recoñecida a residencia permanente para o caso de adquisición de vivenda e a residencia permanente ou temporal para o suposto de aluguer.

2. Para o acceso á compra dunha vivenda protexida deberá acreditarse que os ingresos familiares non sexan inferiores a 0,7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicativos correctores establecidos neste decreto. A acreditación dos ingresos mínimos referirase ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

3. As persoas arrendatarias ou ocupantes de aloxamentos protexidos para colectivos especialmente vulnerables poderán dispor doutra vivenda en propiedade nos casos recollidos nas letras e) f) e g) do artigo 1.2º do Real decreto 2066/2008, sempre que acrediten a imposibilidade de ocupación desta polas mesmas razóns que os integran nos devanditos colectivos.

4. As entidades sen ánimo de lucro poderán adquirir as vivendas que se regulan neste decreto sempre que as destinen a arrendamento ou cesión en favor de persoas físicas que cumpran as condicións xerais de acceso ás vivendas protexidas.

Artigo 35º.-Cumprimento das condicións.

1. As persoas demandantes de vivenda obrigadas a inscribirse no rexistro de demandantes deberán cumprir as condicións xerais e de ingresos establecidas nos artigos anteriores no momento da súa inscrición neste rexistro, sen prexuízo de que poidan comprobarse novamente no momento da sinatura do contrato de compravenda ou arrendamento e, se é o caso, da presentación da solicitude de financiamento.

2. Cando se trate de persoas promotoras para uso propio agrupadas en cooperativas ou en comunidades de propietarios/as, o/a solicitante individual terá que acreditar de novo os seus ingresos ao solicitar a subsidiación do préstamo e demais axudas.

Artigo 36º.-Axudas complementarias.

Con cargo aos seus orzamentos e ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá conceder ás persoas adquirentes, adxudicatarias, promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial, de réxime xeral, de vivendas libres de prezo limitado e de vivendas usadas, acollidos ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade, que obtivesen préstamo convido e cumpran os requisitos establecidos neste decreto e no Real decreto 2066/2008, o dereito á percepción das seguintes axudas:

a) Ás persoas beneficiarias con dereito a protección preferente de acordo co establecido no artigo 1.2º do Real decreto 2066/2008, excepto a sinalada na letra l), 2.000 euros. As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros. Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles.

b) A persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan de 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e se atopen na circunstancia sinalada na letra l) do artigo 1.2º do Real decreto 2066/2008, e ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude en especial situación de necesidade, o 25 por 100 do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, da suma dos valores da edificación e do solo que constarán na escritura de obra nova. A contía desta subvención terá un límite absoluto de 17.000 €. As circunstancias acreditaranse mediante informe social do concello e por certificación do organismo competente en materia de emigración. Estes colectivos non poderán acollerse ás axudas recollidas na letra a) deste artigo.

Artigo 37º.-Vivendas libres de prezo limitado.

Entenderanse por vivendas libres de prezo limitado aquelas vivendas libres de nova construción adquiridas en primeira transmisión cando transcorra o prazo dun ano, como mínimo, entre a expedición do certificado final de obra e a data do contrato de opción de compra ou de compravenda, sempre e cando dispoña de licenza de primeira ocupación.

A adquisición destas vivendas terá o mesmo réxime, prezo máximo e superficie máxima financiada, así como o mesmo financiamento protexido que as vivendas usadas cuxa adquisición se protexe no Real decreto 2066/2008 e neste decreto.

Artigo 38º.-Concesión das axudas.

1. A concesión de subvencións, ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, a persoas promotoras individuais para uso propio, adquirentes ou adxudicatarios efectuarase:

a) Cando se trate de persoas promotoras individuais para uso propio, unha vez obtida a cualificación definitiva da vivenda e acreditada a obtención do préstamo convido.

b) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, cando se achegue a escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo convido.

2. En todo caso, a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito na partida correspondente ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, polo que, se no momento en que se achegue a documentación exixible, non existise crédito suficiente, poderá solicitarse de novo na seguinte convocatoria.

Artigo 39º.-Devolución de axudas.

Procederá a devolución das axudas recollidas nos artigos anteriores nos mesmos casos establecidos para a devolución da Axuda Estatal Directa á entrada no artigo 44 do Real decreto 2066/2008.

Sección segunda

Programa de axudas ás persoas inquilinas

Artigo 40º

O financiamento da comunidade autónoma no programa de axudas ás persoas inquilinas está establecida no Decreto 48/2006, do 18 de xullo, a través do cal xestionaranse tamén as axudas recollidas no Real decreto 2066/2008.

Capítulo IV

Programa de áreas de rehabilitación integral de conxuntos históricos, barrios degradados e municipios rurais (Aris) e de áreas de renovación urbana (Arus).

Artigo 41º.-Orzamento.

1. O orzamento máximo protexido en actuacións de rehabilitación acollidas ao programa de Aris é o determinado no artigo 48 do Real decreto 2066/2008 a cuxos efectos se computará unha superficie útil máxima de 90 metros cadrados por vivenda.

2. O orzamento máximo protexido en actuacións de rehabilitación acollidas ao programa de Arus é o determinado no artigo 52 do Real decreto 2066/2008.

3. A contía mínima de orzamento protexido por vivenda rehabilitada ou que participe nos custos de rehabilitación dun edificio será de 1.000 euros.

4. Establécense como prezos máximos os das distintas partidas do catálogo de prezos de rehabilitación determinados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e que figura na páxina web do citado organismo. Para as partidas nel non previstas teranse en conta os prezos da base de datos da construción de Galicia publicadas, e para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas.

Artigo 42º.-Prazo de execución das obras.

1. As obras para as que se solicita financiamento non poderán estar realizadas antes da presentación da solicitude.

2. O prazo de execución das obras non poderá exceder de 18 meses e deberá adecuarse ás anualidades previstas nos respectivos acordos suscritos no marco das comisións bilaterais.

3. A petición motivada da persoa promotora da actuación, antes da finalización do prazo de execución e por causa xustificada, poderá concederse unha ampliación do prazo que non excederá da metade do inicialmente concedido.

4. Rematado o prazo de execución das obras de rehabilitación, a persoa promotora das actuacións disporá dun mes desde o certificado de fin de obra, para comunicar o seu termo. A falta desta comunicación dará lugar á denegación da cualificación definitiva por incumprimento das condicións da cualificación provisional.

5. Será causa de denegación non executar as obras dentro do prazo concedido. No obstante, poderá outorgarse a cualificación definitiva naqueles casos en que, acadada a seguridade estrutural e habitabilidade da vivenda e cumpridos os demais requisitos, se comprobe que as obras executadas, de entre as aprobadas, cheguen como mínimo ao 75 por 100 do orzamento protexido que figure na cualificación provisional.

Artigo 43º.-Declaración de áreas de rehabilitación integral e de áreas de renovación urbana.

1. As persoas promotoras que desexen acollerse ás axudas destes programas deberán presentar a documentación a que se refire o artigo 48.4º para as ARI ou o 52.4º para as ARU, do Real decreto 2066/2008, ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo para que este proceda a tramitar a declaración correspondente.

2. A declaración dun ARI ou ARU non determina a aprobación de financiamento para as actuacións. O financiamento concreto para cada anualidade do plan, así como os obxectivos aprobados, será proposta pola comunidade autónoma ao Ministerio de Vivenda para a súa inclusión nos acordos da comisión bilateral correspondente.

3. Para acollerse ás subvencións para o financiamento do custe dos equipos de información e xestión, os concellos con áreas de rehabilitación ou renovación declaradas deberán presentar ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, antes da celebración de devandita comisión, os orzamentos estimados sobre os que se solicita subvención.

Artigo 44º.-Financiamento das actuacións protexidas.

1. O financiamento das actuacións protexidas consistirá en préstamos convidos, sen subsidiación, e en subvencións, de conformidade co establecido nos artigos 48 e 52 do Real decreto 2066/2008.

2. A concesión de subvencións ás persoas promotoras de rehabilitación outorgarase unha vez obtida a cualificación definitiva das actuacións. En todo caso, estará limitada ás que figuren nos respectivos acordos de financiamento subscritos no marco das comisións bilaterais de seguimento.

Sección primeira

Axudas en áreas de rehabilitación integral

Artigo 45º.-Persoas beneficiarias do Programa de áreas de rehabilitación integral de conxuntos históricos, centros urbanos, barrios degradados e municipios rurais (Aris).

1. Poderanse acoller aos beneficios do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 e ás axudas complementarias da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas promotoras da actuación e as propietarias das vivendas ou edificios, persoas inquilinas autorizadas pola persoa propietaria ou comunidades de propietarios/as incluídos no perímetro da ARI declarada pola comunidade autónoma.

2. Os ingresos familiares ponderados das persoas físicas beneficiarias das axudas non poderán exceder de 6,5 veces o IPREM, cando se trate da rehabilitación, para uso propio, de elementos privativos dos edificios -vivendas-nas áreas de rehabilitación integral.

3. Tamén poderán ser beneficiarios os concellos nas subvencións concedidas para o financiamento do custo dos equipos de información e xestión, para a urbanización e reurbanización, así como para as correspondentes ás vivendas que sexan propiedade destes.

Artigo 46º.-Axudas complementarias en barrios degradados e centros urbanos.

Con carácter complementario ás axudas estatais previstas no Real decreto 2066/2008, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións en áreas de rehabilitación integral en barrios degradados e centros urbanos na contía máxima seguinte:

a) Ata o 40 por 100 do orzamento protexido da rehabilitación de edificios e vivendas, sen que a subvención media poida exceder de 5.000 euros por vivenda obxecto ou, se é o caso, resultantes como consecuencia das actuacion de rehabilitación.

b) Ata o 20 por 100 do orzamento das operacións de urbanización e reurbanización sempre que a contía resultante non exceda do 20 por 100 da subvención que corresponda efectivamente como consecuencia do punto anterior.

Artigo 47º.-Axudas complementarias en centros históricos e municipios rurais.

Con carácter complementario ás axudas estatais previstas no Real decreto 2066/2008, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións en áreas de rehabilitación integral en centros históricos e municipios rurais na contía máxima seguinte:

a) Ata o 25 por 100 do orzamento protexido das obras de rehabilitación de edificios e vivendas, sen que a subvención media poida exceder de 5.000 euros por vivenda obxecto ou, se é o caso, resultantes como consecuencia das actuacións de rehabilitación.

b) Ata o 30 por 100 do orzamento das obras, das operacións de urbanización e reurbanización sempre que a contía resultante non exceda do 30 por 100 da subvención que corresponda efectivamente como consecuencia do punto anterior.

Artigo 48º.-Compatibilidade de axudas.

1. As axudas para as actuacións de rehabilitación reguladas neste decreto son compatibles coas dos programas autonómicos de rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

2. En ningún caso o importe total das subvencións concorrentes, para as mesmas actuacións de rehabilitación, con cargo aos orzamentos da comunidade autónoma e con cargo ao Ministerio de Vivenda ao abeiro do Plan de vivenda 2009-2012, poderá ser de tal contía que supere os límites da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia.

3. As axudas para as actuacións de rehabilitación en áreas de rehabilitación integral son incompatibles coas axudas dos programas autonómicos de rehabilitación e reconstrución de vivendas unifamiliares no medio rural.

Sección segunda

Axudas en áreas de renovación urbana

Artigo 49º.-Persoas beneficiarias do Programa de áreas de renovación urbana.

Poderanse acoller aos beneficios do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 e ás axudas complementarias da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas promotoras das áreas de renovación urbana que cumpran as condicións establecidas no artigo 51 do Real decreto 2066/2008.

Artigo 50º.-Prezo das vivendas protexidas nas áreas de renovación urbana.

O prezo máximo das vivendas protexidas de nova construción nas áreas de renovación urbana serán os seguintes:

a) Vivendas de réxime especial: en zona 1ª, 1,40 e en zona 2ª, 1,30 veces o modulo estatal básico.

b) Vivendas de réxime xeral: en zona 1ª, 1,50 e en zona 2ª, 1,40 veces o modulo estatal básico.

c) Vivendas de réxime concertado. En zona 1ª, 1,70 e en zona 2ª, 1,60 veces o modulo estatal básico.

Estes prezos máximos incrementaranse na porcentaxe que corresponda se a vivenda se sitúa nun ámbito territorial de prezo máximo superior segundo o réxime de protección ao que pertenzan.

Artigo 51º.-Axudas complementarias en áreas de renovación urbana.

Con carácter complementario ás axudas estatais previstas no Real decreto 2066/2008, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións en áreas de renovación urbana da forma seguinte:

a) Unha subvención para a substitución das vivendas existentes por un importe máximo do 20% do orzamento protexido do ARU cunha contía media máxima por vivenda renovada de 15.000 euros.

b) Unha subvención para obras de urbanización no espazo público do ARU por un importe máximo do 35% do orzamento das devanditas obras, cun límite do 35% da subvención do ARU establecida no parágrafo anterior.

c) Unha subvención para realoxos temporais, cunha contía media máxima por unidade familiar a realoxar de 1.500 euros anuais, ata a cualificación definitiva da súa nova vivenda, sen exceder dun máximo de 4 anos.

A promoción de vivendas novas protexidas que ampliarán o número das preexistentes no ARU poderán acollerse ás axudas previstas neste decreto para as persoas adquirentes, adxudicatarias e promotoras para uso propio de vivendas de protección autonómica, sempre que cumpran as mesmas condicións e requisitos.

Artigo 52º.-Incompatibilidade.

As axudas para as actuacións en áreas de renovación urbana reguladas neste decreto son incompatibles coas dos programas autonómicos de subvencións ás actuacións de rehabilitación, renovación de calidade e infravivenda.

Capítulo V

Programa de axudas para a erradicación do chabolismo

Artigo 53º.-Inclusión de actuacións no programa de erradicación do chabolismo.

1. As actuacións e o financiamento do programa de erradicación do chabolismo que leven operacións de realoxo das persoas ocupantes dos asentamentos en vivendas en réxime de arrendamento, instrumentaranse mediante os acordos correspondentes na comisión bilateral de seguimento coa participación do concello en cuxo termo municipal se sitúe o asentamento segundo o disposto no artigo 56.2º do Real decreto 2066/2008.

2. Nos casos onde non se leven a cabo operacións de realoxo, as actuacións instrumentaranse mediante convenios entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e os concellos solicitantes en cuxo termo municipal se sitúen os asentamentos.

3. No caso de proxectos que non sexan iniciativa propia dos concellos, as persoas xurídicas públicas ou privadas, sen ánimo de lucro, beneficiarias das axudas establecidas neste programa, deberán presentar as súas propostas no concello en que se sitúe o asentamento. Se o concello asume as citadas propostas realizará a correspondente solicitude, na que tamén concretará os seus compromisos os seus compromisos e custos dos equipos de xestión e acompañamento social, xunto coa documentación a que se refire o artigo 56.3º do Real decreto 2066/2008, ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, que xestionará, se é o caso, a inclusión de obxectivos nos acordos da comisión bilateral de seguimento, segundo a programación aprobada anualmente.

4. No caso de operacións de realoxo, o financiamento concreto para cada anualidade do Plan, así como os obxectivos asignados, serán propostos pola comunidade autónoma ao Ministerio de Vivenda. Para acollerse ás subvencións para o financiamento do custo dos equipos de xestión e acompañamento social, os concellos deberán presentar ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo, antes da celebración de devandita comisión, os orzamentos estimados sobre os que se solicita subvención.

Artigo 54º.-Persoas beneficiarias e destinatarias do Programa de axudas para erradicación do chabolismo.

1. Poderán acollerse aos beneficios deste programa, contemplado nos artigos 54, 55 e 56 do Real decreto 2066/2008, as persoas xurídicas públicas ou privadas, sen ánimo de lucro.

2. As persoas destinatarias dos programas subvencionados para a erradicación do chabolismo serán as unidades familiares que, vivindo habitualmente en chabolas, entendidas estas nos termos que establece a Lei 5/1989, do 24 de abril, estean incluídas na memoria programa a que se refire o artigo 56.3º do Real decreto 2066/2008, e non obtivesen axudas anteriormente co mesmo obxecto.

3. Os ingresos máximos ponderados para acceder ao programa de chabolismo non poderán exceder o importe de 1,5 veces o IPREM.

Artigo 55º.-Axudas para a promoción da propia vivenda.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo subvencionará ata o 50% do orzamento de autopromoción da vivenda pola persoa chabolista, podendo incluír a contratación directa das obras de urbanización e saneamento e/ou subvencións dos gastos de proxectos e honorarios.

Esta subvención será compatible co financiamento estatal correspondente á promoción de vivenda cualificada de protección autonómica para uso propio de réxime especial do Real decreto 2066/2008, consistente en préstamo convido e a súa subsidiación e axudas AEDE, exceptuando as axudas complementarias establecidas no artigo 36º deste decreto.

2. As edificacións que se proxecten terán as superficies das vivendas protexidas reguladas no artigo 35.1º da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia. A superficie útil máxima para os efectos de financiamento será a disposta o artigo 8.3º do Real decreto 2066/2008. Poderanse financiar os anexos, dentro dos devanditos límites de superficie, independentemente de que a súa superficie real sexa maior.

3. O orzamento das edificacións non poderá superar o que se establece neste decreto para as vivendas de protección autonómica de réxime especial.

Artigo 56º.-Axudas para a adquisición de vivenda.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo subvencionará ata o 30% do prezo máximo de adquisición dunha vivenda nova ou usada cualificada de protección autonómica de réxime especial, cando a compra se efectúe por persoas chabolistas incluídas neste programa. Esta subvención será compatible co financiamento estatal correspondente á adquisición de vivenda protexida ou usada, consistente en préstamo convido e a súa subsidiación e axudas AEDE, exceptuando as axudas complementarias establecidas non artigo 36º deste decreto.

2. Igualmente, subvencionará a adquisición polas entidades locais de vivendas novas ou usadas, coa finalidade de destinalas ao realoxamento das persoas moradoras de chabolas. A subvención poderá alcanzar ata o 80% do custe de adquisición para municipios de poboación inferior a 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes. As vivendas así adquiridas deberán cederse en arrendamento polas entidades locais, aínda que, transcorrido polo menos o prazo de dous anos e acreditada a integración social das persoas moradoras, poderán ser transmitidas en propiedade a estas, debendo deducirse do prezo de venda o importe da subvención.

3. En ambos os casos o prezo de compra das vivendas novas ou usadas non poderá superar o que se establece neste decreto para as vivendas de protección autonómica de réxime especial.

Artigo 57º.-Promoción de vivendas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Cando, de acordo co disposto no artigo 9.3º da Lei 5/1989, do 24 de abril, de erradicación do chabolismo, a promoción sexa levada a cabo polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, en terreos postos a disposición gratuitamente polo concello para ese efecto, as vivendas construídas transmitiranse en propiedade ao respectivo concello nun prezo que non excederá do 75% do custo de execución. O pagamento poderase fraccionar en 5 prazos anuais sen xuros e o réxime para os seus destinatarios será o de arrendamento.

O prezo do metro cadrado útil da vivenda e anexos para os efectos de financiamento será o das vivendas de protección autonómica de réxime especial reguladas neste decreto.

Artigo 58º.-Promoción por outros promotores públicos de vivendas.

1. Cando a construción de vivendas sexa efectuada por promotores públicos, entendendo tal concepto na forma que dispón a Lei de vivenda de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá subvencionar ao devandito promotor ata o 80% do custo de construción das vivendas en municipios de poboación inferior a 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes, excluído sempre o prezo do solo.

O prezo do metro cadrado útil da vivenda e anexos para os efectos de financiamento será o das vivendas de protección autonómica de réxime especial reguladas neste decreto.

2. Independentemente do sinalado no parágrafo anterior, se as vivendas para reacoller as persoas chabolistas se promoven como protexidas de réxime especial, o promotor público poderá obter as axudas correspondentes de acordo co establecido neste decreto.

Artigo 59º.-Axudas para realoxos e alugueres.

Con carácter complementario ás axudas establecidas no artigo 56.4º a) do Real decreto 2066/2008, establécese unha subvención complementaria que poderá alcanzar o 30% da renda anual que se vaia satisfacer, cun límite máximo de 960 euros anuais por vivenda alugada en municipios de menos de 50.000 habitantes e de 1.800 euros nos restantes, por un período máximo de 4 anos.

Capítulo VI

Programa de axudas renove á rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas existentes

Artigo 60º.-Requisitos das actuacións.

1. As actuacións protexidas para os efectos do seu financiamento no marco deste programa son as recollidas no artigo 58 do Real decreto 2066/2008.

2. Nos supostos de actuacións para garantir a seguridade estrutural, recollidos no artigo 58.3º a) do devandito real decreto, nos que sexa necesario para a súa execución o baleirado total do edificio ou a demolición das fachadas para a súa posterior reposición, as ditas actuacións poderán ser autorizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. Para os efectos do determinado no artigo 62 do Real decreto 2066/2008, entenderanse comprendidas entre as actuacións de rehabilitación de edificios de vivendas, as obras que afecten cubertas, fachadas, carpintaría exterior, calefacción, fosa séptica, depósito de auga que non sexa visible desde o exterior, reforzo e substitución parcial de elementos estruturais.

4. As actuacións de rehabilitación de vivendas unifamiliares deberán respectar e manter as características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando todos os elementos que merezan protección polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico ou de tipoloxía tradicional.

Artigo 61º.-Orzamento protexido en actuacións de rehabilitación.

O orzamento máximo protexido en actuacións de rehabilitación acollidas ao Programa Renove é o que se determina no artigo 59.2º do Real decreto 2066/2008 coas limitacións de 90 metros cadrados útiles por vivenda ou local e do 70% do módulo básico estatal por metro cadrado útil vixente no momento da cualificación provisional.

Artigo 62º.-Persoas beneficiarias do Programa de axudas Renove á rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas existentes.

1. As persoas beneficiarias das axudas deste programa deberán cumprir as condicións establecidas nos artigo 57 do Real decreto 2066/2008 e destinar as vivendas rehabilitadas, a residencia habitual e permanente da persoa propietaria ou da persoa inquilina, e estaren ocupadas por estas durante un prazo mínimo de 5 anos, contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda.

2. No programa Renove, os ingresos familiares ponderados das persoas físicas beneficiarias das axudas non poderán exceder dos límites que figuran nos artigos 57 e 60 do Real decreto 2066/2008.

Artigo 63º.-Financiamento e cualificación das actuacións protexidas.

1. O financiamento para as actuacións protexidas de rehabilitación deste programa é a considerada nos artigos 59, 60, 61 e 62 do Real decreto 2066/2008.

2. A concesión da cualificación provisional estará limitada polo disposto no artigo 5.2º e 5.3º deste decreto.

O incumprimento de calquera dos requisitos establecidos, no devandito real decreto ou neste decreto, será motivo de denegación da cualificación provisional.

3. Serán, así mesmo, de aplicación os prazos máximos e demais disposicións recollidas no artigo 42º deste decreto.

4. No caso da rehabilitación de edificios solicitada pola comunidade de propietarios, a subvención do 10% do artigo 60.3º do Real decreto 2066/2008, distribuirase para cada vivenda ou local pola comunidade de propietarios/as segundo a cota de participación nos gastos de rehabilitación.

5. En todo caso, a concesión da subvención, ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, estará condicionada á existencia de crédito orzamentario na partida correspondente, polo que, se no momento no que se achegue a documentación exixible non existise crédito suficiente, poderá solicitarse de novo na seguinte convocatoria.

Capítulo VII

Fomento da adquisición e urbanización de solo destinado á promoción de vivendas protexidas.

Artigo 64º.-Urbanización protexida de solo.

Terán a consideración de actuacións protexidas en materia de solo as de urbanización deste, incluíndo a adquisición onerosa para a súa inmediata edificación, con destino predominantemente ás promocións de vivendas protexidas, tal como se determina no Real decreto 2066/2008.

Artigo 65º.-Axudas financeiras.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñecerá o dereito a obter as axudas financiadas polo Ministerio de Vivenda e xestionará as subvencións previstas para a persoa promotora, ao abeiro das ordes de convocatoria e dentro dos límites orzamentarios nelas establecidos, se se cumpren os requisitos establecidos nos artigos 64 e seguintes do Real decreto 2066/2008 e nas contías nel determinadas.

Capítulo VIII

Axudas a instrumentos de xestión e información do plan

Artigo 66º.-Axudas a instrumentos de xestión e información do plan.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá subvencionar as oficinas de xestión e información do plan dos concellos que teñan convenios de colaboración para a xestión de actuacións de acordo co establecido neste decreto mediante a concesión dunha axuda de ata o 50% dos seus gastos de mantemento, sen que, en ningún caso, a contía poida exceder de 80.000 € nos municipios de máis de 25.000 habitantes e 60.000 € nos municipios de menos de 25.000 habitantes.

Esta subvención instrumentarase a través dos correspondentes convenios cos concellos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Silencio administrativo.

Segundo o disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o sentido do silencio administrativo no procedemento de axudas será desestimatorio.

Segunda.-Autorización de modificacións.

Habilítase o Instituto Galego da Vivenda e Solo para que mediante resolución acorde:

-Modificar ou ampliar a relación de colectivos considerados de urxencia social.

-Modificar a inclusión dos concellos nunha determinada zona territorial cando a evolución das circunstancias socioeconómicas nos seus termos municipais así o aconselle.

-Modificar os modelos de solicitude e a documentación que os acompaña, cando os cambios na normativa así o exixan ou a mellora na xestión así o aconselle.

Terceira.-Prezos de venda e renda en segundas e posteriores transmisións.

1. Para determinar os prezos máximos de venda en segundas e posteriores transmisións de vivendas de protección oficial de promoción privada, así como das vivendas declaradas protexidas, de protección autonómica e de protección autonómica de prezo reducido ao abeiro de plans anteriores de vivendas, será de aplicación o artigo 14º deste decreto.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior:

a) As vivendas de protección oficial e de protección autonómica de réxime especial e as vivendas de protección autonómica de prezo reducido, equivalerán ás vivendas de protección autonómica de réxime especial reguladas neste decreto.

b) As vivendas de protección oficial de réxime xeral, así como as declaradas protexidas, de protección autonómica do Decreto 199/2002 e as de protección autonómica de prezo xeral, ao abeiro de plans anteriores de vivenda, equivalerán ás vivendas de protección autonómica de réxime xeral reguladas neste decreto.

c) As vivendas de protección autonómica de prezo concertado equivalerán ás de protección autonómica de réxime concertado reguladas neste decreto.

3. A renda inicial por metro cadrado de superficie útil será a porcentaxe, que a continuación se determina, do prezo máximo que corresponda en segundas e posteriores transmisións, de conformidade co disposto nos puntos 1 e 2.

A devandita porcentaxe, no suposto de vivendas de promoción para venda que xa non teñen limitación á facultade de dispor será o 3,5 por 100, e o das vivendas destinadas a arrendamento a 10 anos será o 5,5 por 100 e a 25 anos o 3,5 por 100.

Cuarta.-Prezos das vivendas en solo público.

As equivalencias establecidas nos puntos 1 e 2 da disposición adicional terceira, serán de aplicación ás vivendas de protección pública que, programadas en solo creado por promotores públicos con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, á dita data non obtiveron a declaración provisional.

Quinta.-Subrogación no caso de falecemento.

1. No caso de que falecese a persoa adquirente, adxudicataria ou promotora da actuación subvencionable, despois de que presentase a solicitude de cualificación ou de axudas e antes a súa resolución, poderán subrogarse no procedemento as persoas herdeiras ou a parella ou cónxuxe supérstite, que vaian utilizar a vivenda como domicilio habitual e permanente.

2. A solicitude deberá presentarse no prazo máximo de tres meses contados desde o día do falecemento acompañada da seguinte documentación:

a) A solicitude mediante o modelo normalizado que figura no anexo II deste decreto.

b) O certificado de defunción da persoa solicitante da subvención.

c) Acreditación da súa condición de persoa herdeira ou parella ou cónxuxe supérstite.

d) Autorización de todos os membros da comunidade hereditaria para subrogarse na solicitude de axudas e o compromiso de dedicar a vivenda a residencia habitual e permanente.

e) Acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa reguladora das axudas.

Sexta.-Acreditación e ponderación de ingresos noutras axudas financiadas con cargo aos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A partir da entrada en vigor deste decreto, a acreditación de ingresos das persoas beneficiarias de todas as subvencións outorgadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e a ponderación deste efectuarase de acordo co establecido neste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Aplicación da disposición transitoria primeira do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro.

Ata o 31 de decembro de 2009 ou polo prazo que se prorrogue por acordo do Consello de Ministros aplicarase integramente o punto 2 da disposición transitoria primeira do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro.

Segunda.-Adquisición de vivendas usadas.

Naqueles supostos de adquisición protexida doutras vivendas usadas nos que á data de publicación da orde do Ministerio de Vivenda, pola que se dispoña a aplicación do novo sistema de financiamento e á que se refire o punto 1 da disposición transitoria primeira do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, non se esgotase o prazo de catro meses establecido no artigo 29.2º c) do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, cando as persoas adquirentes se acollan ao financiamento cualificado que, para a adquisición protexida de vivendas usadas, se establece no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e nesta disposición, excluirase do cómputo do prazo de catro meses, fixado por este, o tempo transcorrido entre a devandita data e a de entrada en vigor deste decreto.

Terceira.-Vivendas programadas en solo creado por promotores públicos.

Para os efectos do previsto na disposición transitoria terceira do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, os prezos máximos de venda das vivendas de protección autonómica declaradas protexidas, así como das vivendas de protección oficial de réxime xeral ou especial programadas en solo creado por promotores públicos, con cualificación ou declaración provisional anteriores á entrada en vigor deste decreto, serán os establecidos na disposición adicional cuarta.

Cuarta.-Axudas creadas ao abeiro de plans anteriores.

As axudas derivadas de situacións creadas ao abeiro de plans anteriores, seguirán a súa tramitación, rexéndose de acordo coa súa normativa de orixe.

Quinta.-Áreas de rehabilitación de plans anteriores.

As áreas de rehabilitación declaradas ao abeiro de plans anteriores terán a consideración de áreas de rehabilitación integral para os efectos do Real decreto 2066/2008 e deste decreto.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto quedan derrogados os seguintes decretos:

-Decreto 18/2006, modificado polos decretos 145/2006, do 27 de xullo, 115/2008, do 29 de maio, 179/2007, do 6 de setembro e 34/2009, do 5 de febreiro, polo que se establecen as axudas públicas a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo.

-Decreto 266/1989, do 23 de novembro, modificado polo Decreto 111/1991, do 4 de abril, polo que se desenvolve a Lei de medidas para a erradicación do chabolismo.

Todo iso sen prexuízo da vixencia das situacións creadas ao seu abeiro e ao disposto nas disposicións transitorias do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do Decreto 253/2007, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

1. Modifícase o artigo 15 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 15º.-Comisións provinciais de vivenda.

Correspóndelles ás comisións provinciais de Vivenda, como órganos integrados no Instituto Galego da Vivenda e Solo, a adxudicación das vivendas promovidas polo devandito organismo de acordo coas normas e conforme o procedemento regulado nesta disposición.

As comisións provinciais de vivenda, como órganos colexiados, estarán suxeitas no seu funcionamento ao disposto na Lei 30/1992 e estarán compostas polos seguintes membros:

Presidente/a: o/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Vicepresidente/a: o/a xefe/a de área provincial do IGVS.

Vogais: dúas persoas funcionarias da área provincial correspondente designadas polo/ presidente/a da Comisión Provincial, unha das cales exercerá as funcións de secretario/a do órgano colexiado; e un/unha representante do concello en cuxo termo municipal se atopen as vivendas sobre as que se vaia a debater en cada unha das sesións do órgano.

Na súa composición procurarase, na medida do posible, unha participación equilibrada de homes e mulleres».

2. Elimínanse, así mesmo, todas as referencias, existentes en devandito decreto ou en normas posteriores de igual ou inferior rango, ás xuntas cualificadoras de vivenda, substituíndose pola denominación de comisións provinciais de Vivenda.

Segunda.-Modificación do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de Vivenda en Aluguer, modificado por Decreto 223/2006, do 23 de novembro, Decreto 63/2008, do 13 de marzo, e Decreto 115/2008, do 29 de maio.

Modifícanse o artigo 6, o parágrafo 1 do artigo 18 e o artigo 21 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que quedan redactados do seguinte xeito:

Artigo 6º

1. As persoas propietarias ás que lles sexan admitidas e alugadas as vivendas no marco do Programa de vivenda en aluguer, terán dereito a:

a) Unha renda periódica, que se calculará segundo os prezos medios do mercado, unha vez deducidos os gastos de xestión, sen que se poida superar a renda de aluguer taxada pola correspondente sociedade xestora.

A devandita renda de aluguer taxada debe atoparse dentro dos parámetros establecidos no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e no decreto autonómico polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e regúlase a xestión das previstas neste, podendo oscilar entre o 2% e o 8% do prezo máximo establecido en devanditas normas. Para os efectos do cálculo do límite máximo dos prezos de aluguer a superficie máxima computable para as vivendas será a de 90 m2 de superficie útil.

Esta renda periódica pagarase mensualmente á persoa propietaria desde o momento da sinatura do primeiro contrato de arrendamento, e mentres a vivenda estea integrada no programa de vivenda en aluguer independentemente de que a vivenda estea ocupada ou non. Neste último caso o pagamento será asumido por unha entidade aseguradora contratada para o efecto.

b) Un seguro multirrisco de fogar.

c) Un seguro de asistencia xurídica para posibles reclamacións.

2. A persoa propietaria da vivenda poderá alleala, pero a persoa adquirente desta deberá respectar os contratos asinados.

3. A inclusión das vivendas no programa non excluirá aos seus titulares de poder ser persoas beneficiarias de axudas públicas que puidesen percibir para o desenvolvemento da mesma actuación, convocadas por outras administracións, sempre que o montante total non supere o 100% do prezo do arrendamento, reducíndose a subvención se isto ocorrese, ata o límite máximo correspondente, e, en todo caso, coa excepción das previstas para a rehabilitación de vivendas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro».

«Artigo 18º

1. Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a facilitar o pagamento da renda de aluguer as persoas, unidades familiares ou de convivencia que formalicen un contrato de arrendamento de vivenda no marco deste programa, e cuxos ingresos anuais ponderados estean comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), calculados segundo os criterios establecidos no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e o decreto polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e regúlase a xestión das previstas no devandito real decreto, incluíndo os criterios que se establecen para a súa ponderación.

Igualmente para o cálculo dos ingresos familiares terase en conta, cando sexan adecuadamente acreditados pola unidade familiar ou convivencial, as persoas exentas de tributación, prestacións de incapacidade permanente ou grande invalidez, prestacións familiares por fillo a cargo, pensións de orfandade ou calquera outra exenta de tributación.

Non se aplicará a dita ponderación de ingresos cando a súa aplicación supoña a exclusión da persoa solicitante por non alcanzar os ingresos mínimos; tampouco nestes casos se aplica a redución por rendementos de traballo que se aplica na declaración da renda.

Para estes efectos considéranse ingresos anuais os de todas as persoas ocupantes da vivenda».

«Artigo 21º

Poderán ser beneficiarios/as da subvención ás vivendas baleiras as persoas propietarias que teñan solicitada a incorporación da súa vivenda libre ao Programa de vivenda en aluguer, sempre que esta cumpra os requisitos establecidos no artigo 4º deste decreto, e estivese desocupada no período dos doce meses anteriores á presentación da solicitude de incorporación no referido programa. En ningún caso o prezo de aluguer poderá superar o límite da renda máxima anual establecido no Real decreto 2066/2008, de 12 do decembro, e no decreto autonómico polo que se regula o financiamento complementario e a xestión da recollida nese mesmo real decreto para as vivendas protexidas de réxime xeral.

Terceira.-Ámbito de aplicación e ambito temporal.

Este decreto será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia desde a súa entrada en vigor e durante a duración do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, incluído o período transitorio que a normativa estatal do seguinte plan de vivenda poida establecer.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de outubro de dous mil nove.

Alberto Nuñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernandez de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

ANEXO I

a) Municipios incluídos na zona territorial 1:

A Coruña, Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Allariz, A Rúa, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vilanova e Vigo.

b) Municipios incluídos na zona territorial 2:

Resto de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ver referencia pdf "21700D001P007.PDF"