DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 13 de novembro de 2009 Páx. 17.587

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de novembro de 2009 pola que se convoca concurso de traslados entre profesorado de relixión que presta servizos nos centros educativos dependentes desta consellería.

Por Orde do 17 de xullo de 2007 regúlase a relación laboral do profesorado de relixión e dítanse instrucións relativas á provisión de postos. No artigo 6º da citada orde prescríbese que, a partir do inicio do curso académico 2009/2010, as vacantes de relixión que se produzan nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria serán ofertadas a provisión, mediante concurso de traslados anual, entre o profesorado de relixión que presta servizos no correspondente nivel educativo na Comunidade Autónoma de Galicia e que posúa o nivel de formación de perfeccionamento da lingua galega ou equivalente. Así mesmo, establécese que este concurso se convocará en datas similares ás convocatorias que se realicen para a provisión de postos correspondentes aos funcionarios docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

De conformidade coa Orde do 17 de xullo de 2007 e, existindo postos vacantes nos centros docentes, que se deben prover entre profesorado de relixión dos niveis educativos que a continuación se citan, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dispón convocar concurso de traslados coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócase concurso de traslados, de acordo coas especificacións que se citan nesta orde, para a provisión de postos vacantes entre profesorado de relixión dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos niveis educativos:

-Educación infantil e primaria.

-Educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Segunda.-Publicación de postos vacantes.

As vacantes provisionais do concurso publicaranse con anterioridade ou o mesmo día no que se inicia o prazo de solicitudes previsto na base décima desta convocatoria e as vacantes definitivas con anterioridade á resolución definitiva do concurso no Diario Oficial de Galicia.

Ao abeiro desta orde convócanse, ademais das vacantes previstas no momento da convocatoria, as que produzan por xubilación forzosa por cumprimento dos sesenta e cinco anos de idade, as que se produzan, por calquera circunstancia, ata o 31 de decembro de 2009, e as que resulten da resolución deste concurso, sempre que correspondan con prazas que teñan o seu funcionamento previsto na planificación xeral educativa.

As prazas que non sexan de horario completo serán, en todo caso, de adxudicación voluntaria.

Terceira.-Participación voluntaria do persoal laboral indefinido de relixión.

1. Poderá participar neste concurso o profesorado de relixión con contrato laboral indefinido, en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillas, fillos e familiares, que preste servizos en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O profesorado de relixión que imparte os niveis educativos de educación infantil e primaria poderá solicitar as prazas das localidades e os centros que figuran na Orde do 7 de xullo de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 10 de xullo) modificada por correccións de erros publicadas nos diarios oficiais de Galicia do 30 de xullo de 2009, do 10 de agosto de 2009 e do 5 de outubro de 2009.

3. O profesorado de relixión que imparte os niveis educativos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato poderá solicitar as prazas das localidades e os centros que figuran na Orde do 7 de xullo de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 10 de xullo) modificada por correccións de erros publicadas nos diarios oficiais de Galicia do 30 de xullo de 2009, do 10 de agosto de 2009 e do 5 de outubro de 2009.

4. O profesorado de relixión con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre que transcorresen ao remate deste curso académico, polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

5. Os que desexen exercer un dereito preferente para a obtención de destino deberán aterse ao que se determina na base sétima desta convocatoria.

6. O profesorado desprazado por falta de horario que obteña destino neste concurso de traslados terá un dereito de retorno ao centro de procedencia. Así mesmo, terá dereito preferente á localidade ou zona educativa na que se encontraba o centro de procedencia.

Cuarta.-Participación voluntaria do persoal laboral temporal de relixión.

1. Poderán, así mesmo, participar neste concurso de traslados o profesorado de relixión con contrato laboral temporal, que preste ou prestase servizos en centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e se manteña nas listas de persoal laboral temporal de profesorado de relixión. Para os efectos, enténdese que prestaron servizos todas aquelas persoas que, correspondéndolles unha interinidade ou substitución, non tomaron posesión dela por unha das causas previstas na addenda do 11 de xullo de 2006.

2. O profesorado de relixión con contrato laboral temporal que imparte os niveis educativos de educación infantil e primaria poderá solicitar as prazas das localidades e os centros que figuran na Orde do 7 de xullo de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 10 de xullo), modificada por correccións de erros publicadas nos diarios oficiais de Galicia do 30 de xullo de 2009, do 10 de agosto de 2009 e do 5 de outubro de 2009, pola que se aprobou a relación de postos de traballo do profesorado de relixión.

3. O profesorado de relixión con contrato laboral temporal que imparte os niveis educativos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato poderá solicitar as prazas das localidades e os centros que figuran no anexo II da orde pola que se aprobe a relación de postos de traballo do profesorado de relixión.

Quinta.-Participación forzosa no concurso de traslados.

Están obrigados a participar neste concurso o profesorado de relixión con contrato laboral indefinido que resultase desprazado por falta de horario, do seu centro de destino no actual curso académico 2009/2010.

Nos supostos nos que se deba determinar entre varios profesores de relixión quen é o afectado por unha circunstancia que implica a perda do destino que viñan desempeñando, se ningún deles opta voluntariamente polo cesamento, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios:

a) Menor antigüidade ininterrompida, como definitivo, no centro.

b) Menor tempo de servizos como profesor de relixión no nivel educativo correspondente.

c) Menor tempo de servizos como profesor de relixión.

d) A menor existencia de cargas familiares, nomeadamente, menores de 6 anos e persoas con discapacidades severas.

O profesorado desprazado por falta de horario estará obrigado a solicitar praza nun raio de 50 km desde o seu centro base de referencia.

O profesorado de relixión desprazado por falta de horario que non obteña destino definitivo na resolución do concurso de traslados será destinado provisionalmente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en prazas nun raio de 50 km desde o seu centro base de referencia.

Sexta.-Requisito de coñecemento da lingua galega.

De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 17 de xullo de 2007, para participar no concurso de traslados o profesorado de relixión terá que acreditar a capacitación en lingua galega, debendo estar en posesión do certificado de lingua galega (Celga 4), da súa validación ou títulos equivalentes.

Sétima.-Dereito preferente a localidade ou zona educativa.

Terá dereito preferente á localidade ou zona educativa na que estea situado o centro de destino definitivo o profesorado de relixión desprazado deste no curso académico 2009/2010 por falta de horario.

Para que o dereito preferente teña efectividade, os solicitantes están obrigados a consignar na súa solicitude de participación en primeiro lugar todas as prazas correspondentes aos centros convocados no concurso de traslados dentro da localidade ou zona educativa na cal aspiren a exercer o dereito preferente, relacionados por orde de preferencia.

Ao profesorado de relixión concursante polo punto de dereito preferente á localidade ou zona educativa, no caso de que omitise algunha das prazas da localidade onde desexe exercer o dereito preferente, a Administración educativa, de oficio, consignaralle as prazas restantes da dita localidade ou zona educativa.

Oitava.-Forma de participación.

1. O persoal concursante presentará unha única instancia, acompañada dunha folla de alegacións e autobaremación, axustada ao modelo que se encontrará á disposición das interesadas e interesados na páxina (http://www.edu.xunta.es/cxts), en profesorado, sección de concursos de traslados e simultaneamente presentarán para a demostración dos méritos os documentos relacionados no baremo que aparece como anexo desta orde, en cada un dos cales deberán facerse constar o nome e apelidos.

2. A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A solicitude deberá efectuarse por internet a través da páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es/cxts. A solicitude, que deberá imprimirse desde a propia aplicación web, poderá presentarse no propio centro educativo no que se prestan servizos. Neste caso, o centro procederá a remitir a solicitude á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

4. Todas as fotocopias que se remitan deberán ir acompañadas das dilixencias de compulsa, expedidas polas direccións dos centros educativos, ou dos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Non se admitirá ningunha fotocopia que careza da dilixencia de compulsa.

5. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir ao interesado ou interesada, en calquera momento, a xustificación daqueles méritos alegados e que non foran debidamente xustificados.

Novena.-Presentación de solicitudes.

As instancias, orixinal e copia, así como a documentación á que se alude no punto anterior, poderanse presentar nos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na secretaría do centro educativo onde presta servizos o concursante ou en calquera das dependencias ás que alude o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presentar a súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario ou funcionaria de correos antes de ser certificada.

O profesorado que participe neste concurso de traslados deberá asinar as instancias e deberá manifestar nelas, de modo expreso, que reúne os requisitos exixidos na convocatoria, consignando as prazas que solicita por orde de preferencia, cos números de código que figuran nos anexos da orde pola que se aprobe a relación de postos de traballo do profesorado de relixión.

Décima.-Prazo de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes e documentos será de 15 días hábiles computados a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Finalizado este prazo non se admitirá ningunha solicitude.

Unha vez concluído o prazo de presentación de instancias non se admitirá ningunha modificación ás peticións formuladas. Non obstante, admitiráselles renuncia a participar no concurso de traslados aos concursantes con carácter voluntario no prazo establecido para as reclamacións á lista provisional, na base décimo terceira, entendendo que tal renuncia afecta todas as peticións consignadas na súa instancia de participación, sen que se admitan renuncias parciais.

Décimo primeira.-Asignación de puntuación ao persoal concursante.

A asignación da puntuación que lles corresponde aos concursantes levarase a efecto por unha comisión constituída por persoal funcionario destinado na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira, para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (Diario Oficial de Galicia do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (Diario Oficial de Galicia do 18 de xullo).

Así mesmo poderá asistir ás resolucións das reclamacións un representante de cada organización sindical con presenza na mesa sectorial docente non universitaria con voz e sen voto.

O persoal laboral temporal concorrerá con cero puntos, e pola orde que teñan na correspondente relación de aspirantes a acceder a prazas de interinidades e substitucións de relixión.

Décimo segunda.-Resolución provisional do concurso.

Unha vez asignadas as puntuacións que lle corresponde ao persoal concursante, procederase, conforme as peticións e os méritos dos participantes, á adxudicación de destinos. As puntuacións e a resolución provisional do concurso faranse públicos na páxina web desta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es/cxts) e nos seus departamentos territoriais.

No caso de producirse empates no total das puntuacións, estes resolveranse atendendo sucesivamente a maior puntuación en cada un dos puntos do baremo conforme a orde na que aparecen nel. Se persistise o empate, atenderase á puntuación obtida nas distintas subepígrafes pola orde na que aparecen no baremo. En ambos os casos, a puntuación que se tome en consideración en cada epígrafe non poderá exceder da puntuación máxima establecida para cada un deles no baremo, nin, no suposto de subepígrafes, o que corresponda como máximo á epígrafe na que se encontren incluídos. Cando ao aplicar estes criterios, algunha ou algunhas das subepígrafes alcance a máxima puntuación outorgada á epígrafe a que se pertence, non se tomarán en consideración as puntuacións do resto de subepígrafes.

Décimo terceira.-Reclamacións e renuncias.

O persoal concursante poderá presentar reclamacións ás resolucións provisionais, a través do órgano no que presentaron a súa instancia de participación, no prazo de cinco días a partir da súa exposición.

Sen prexuízo do parágrafo anterior, o profesorado de relixión concursante poderá presentar reclamación á puntuación outorgada, con anterioridade á resolución provisional do concurso, unha vez que se fagan públicas na páxina web desta consellería.

Así mesmo, no mesmo prazo, poderán presentar renuncia á súa participación no concurso nas condicións establecidas na base décima desta convocatoria. Estas reclamacións e renuncias serán presentadas polos procedementos a que alude a base novena.

As persoas que desexen renunciar á súa participación no concurso, deberán realizar a renuncia aínda no suposto de que non obtivesen destino na resolución provisional, xa que, de non facelo, poderán obter destino na resolución definitiva.

Décimo cuarta.-Resolución definitiva.

Consideradas as reclamacións e renuncias a que se refire a base anterior, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a ditar as resolucións definitivas destes concursos de traslados. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (www.edu.xunta.es/profesorado). As prazas adxudicadas na dita resolución son irrenunciables, debendo incorporarse os participantes ás prazas obtidas.

Décimo quinta.-Recursos.

Contra a resolución definitiva que pon fin á vía administrativa, os interesados e as interesadas poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ou directamente contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, conforme se establece nos capítulos II e III da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo sexta.-Toma de posesión.

A toma de posesión dos novos destinos terá efectividade administrativa do 1 de setembro de 2010. Non obstante, de ser o caso, o profesorado que obtivese destino nestes concursos deberá permanecer nos seus centros de orixe ata que conclúan as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso.

Décimo sétima.-Contrato de persoal laboral indefinido.

O profesorado de relixión con contrato laboral temporal que obteña destino definitivo neste concurso de traslados pasará a ter contrato de persoal laboral indefinido.

Décimo oitava.-Contra esta orde poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 26 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo novena.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "22300D010P023.PDF"

Disposicións complementarias

Primeira.-Unicamente serán baremados aqueles méritos perfeccionados ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segunda.-Para os efectos da epígrafe I non se poderán acumular as puntuacións cando os servizos fosen prestados simultaneamente en máis dun centro docente.

Terceira.-Non se baremarán os servizos prestados no estranxeiro.

Cuarta.-Nas seguintes epígrafes, por cada mes de servizo súmanse as seguintes puntuacións:

-Na epígrafe 1.1: 0,083.

-Na epígrafe 1.2: 0,041.

-Na epígrafe 1.3: 0,010.

Quinta.-En ningún caso serán valorados pola epígrafe III aqueles cursos que teñan como finalidade a obtención dun título académico.

No apartado terceiro computaranse ademais dos cursos, as xornadas, congresos, grupos de traballo, seminarios permanentes e os proxectos de formación nos propios centros.