DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 16 de novembro de 2009 Páx. 17.642

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 23 de outubro de 2009 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Culleredo (A Coruña) na zona de Alvedro para a cualificación de solo para equipamento deportivo.

O Concello de Culleredo remite a modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanistica e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Culleredo dispón na actualidade dun Plan Xeral de Ordenación Urbana, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña con data do 29-7-1987.

2. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en pleno o 2-8-2007; e sometida a información pública, téndose presentado unha alegación pola Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A. (Emalcsa). O acordo de aprobación inicial foi notificado aos concellos limítrofes (Oleiros, Carral, Cerceda, A Laracha e Arteixo) para os efectos do artigo 85.2º da LOUG.

3. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente decidiu o 26-10-2007 non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

4. Consta informe da Dirección Xeral de Aviación Civil, do 30-4-2009, con indicacións sobre o contido da modificación, en canto a planos, normativa e altura máxima das construcións, e unha addenda do 24-6-2009. Tamén foi solicitado o informe de Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea (AENA) mediante escrito do 10-12-2007, sen que conste no expediente a súa emisión.

5. Constan informes xurídicos do Servizo de Xestión Administrativa Urbanística (22-8-2007) e da Secretaría do Concello (27-8-2007 e 29-6-2009). En canto aos informes técnicos, o proxecto é redactado polo arquitecto municipal.

6. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 30-6-2009, con desestimación da alegación presentada por Emalcsa.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 21-10-2009, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, en que se sinala o seguinte:

1. Ámbito e obxecto da modificación.

A modificación ten por obxecto cualificar como equipamento deportivo unha parcela de titularidade municipal de 8.163 m2 sita no núcleo de Alvedro, que linda en dous dos seus lados coa rúa das Catas e a rúa dos Pereiros (polo norte) e polo sur cun equipamento de servizos de urbanización, unha parcela de solo urbano ordenanza 2 e co campo de fútbol de Almeiras (equipamento deportivo 5). Á parcela seralle de aplicación o artigo 5.8º.4 das ordenanzas da normativa urbanística do Plan xeral.

2. Razóns de interese público.

O proxecto tenta de poñer á disposición da veciñanza de Alvedro un equipamento deportivo polivalente, razón conceptuable como de interese público para os efectos do preceptuado no artigo 94.1º da LOUG.

3. Eventuais incrementos de intensidade e alteracións de zonas verdes ou da clasificación do solo rústico.

A proposta supón un aumento da superficie dos terreos destinados a equipamentos públicos sen aumento da intensidade de uso, dado que as edificacións que puidesen eventualmente construírse na parcela afectada serían de uso dotacional e carácter público, non se vulneraría así o artigo 94.3º da LOUG. Non se afectan terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres públicos, nin solo rústico.

4. Clasificación do solo e carácter do equipamento.

A modificación non clasifica expresamente o ámbito da modificación; mais, trátase dunha parcela incluída dentro da delimitación do solo urbano.

En coherencia co explicado na memoria do proxecto, dedúcese o carácter público do equipamento proposto (artigo 53.1º.i) da LOUG.

5. O informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 30-4-2009 (de carácter vinculante conforme a disposición adicional segunda do Real decreto 2591/1998) inclúe unha serie de contidos a incorporar ao documento da modificación. Respecto disto cómpre observar o seguinte co fin de garantir o cumprimento das indicacións do informe:

-A páxina segunda da parte escrita do proxecto, co título de Servidumes aeronáuticas, constitúe normativa do proxecto de modificación, aínda que non se indique así no seu título, conforme o indicado no informe de Aviación Civil.

-Observarase o plano de servidumes aeronáuticas de maior detalle.

-Respectarase o parágrafo indicado na addenda ao informe do 24-6-2009, relativo á existencia de instalacións eléctricas de servizo ao aeroporto na parcela.

II.2. A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Culleredo para a cualificación de solo para equipamento deportivo en Alvedro, deixando constancia expresa, nos termos establecidos nos fundamentos 4º e 5º desta orde:

-Para os efectos do cumprimento do sinalado no artigo 53.1º b), e), i) e 54 e seguintes da LOUG, a parcela de referencia clasifícase como equipamento deportivo de sistema local e carácter público en solo urbano.

-O alcance da modificación queda suxeito ás prescricións do informe de Aviación Civil do 30-4-2009 e a súa Addenda do 24-6-2009.

Segundo.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas