DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 26 de novembro de 2009 Páx. 18.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 414/2009, do 12 de novembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Cedeira, A Coruña.

O Concello de Cedeira, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elaborou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Cedeira que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

En pano de amarelo unha banda de verde, acompañada abaixo no terzo da hasta de tres rochas (aguillóns) de negro, sumadas de dúas ortigas de sete follas cada unha de verde; e no alto, no terzo do batente, dunha cruz patada de vermello.

Santiago de Compostela, doce de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "23200D004P008.PDF"