DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 26 de novembro de 2009 Páx. 18.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 417/2009, do 12 de novembro, polo que se aproba o escudo da Entidade Local Menor de Chenlo, Pontevedra.

A Entidade Local Menor de Chenlo, Pontevedra, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elaborou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo da Entidade Local Menor de Chenlo que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

En campo de sinople encaixado de prata cun dentado alto entre dous baixos; sobre o todo un piñeiro ao natural enterraza de prata, coa súa copa no encaixado, acompañado de dúas cabras de prata empinadas ao seu tronco. Bordura de azur cargada de oito bezantes de prata cargados dun punto de azur. No timbre coroa real pechada.

Santiago de Compostela, doce de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "23200D006P010.PDF"