DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 27 de novembro de 2009 Páx. 18.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 424/2009, do 12 de novembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Culleredo, A Coruña.

O Concello de Culleredo, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais corresponde á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Culleredo, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

Sobre o pano de azul un rectángulo de branco no centro cunha ponte de tres ollos a dúas augas de amarelo, mazonado e perfilado de negro sobre ondas de azul e branco, superado dunha cruz patada de vermello, acompañada a cada lado dunha vieira de branco perfilada de azul.

Santiago de Compostela, doce de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "23300D008P011.PDF"