DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 02 de decembro de 2009 Páx. 18.480

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 427/2009, do 19 de novembro, polo que se crean e se regulan as comisións e os grupos de traballo para o deseño e implantación da nova oficina xudicial en Galicia.

A Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, introduciu no plano normativo un cambio transcendental no modelo organizativo da Administración de xustiza. Un dos piares sobre os que asenta o devandito cambio vén constituído pola nova concepción da oficina xudicial, definida na propia lei como a organización de carácter instrumental que serve de soporte e apoio á actividade xurisdicional de xuíces e tribunais. Polo de agora, a denominada «nova oficina xudicial» non se puxo en marcha debido, fundamentalmente, á necesidade de reforma da lexislación procesual, reforma que se atopa actualmente en avanzado grao de tramitación ante as Cortes Xerais.

Fronte a un modelo organizativo oitocentista, atomizado arredor do xulgado ou tribunal correspondente, a nova estrutura básica da oficina xudicial, regulada de forma sistemática nos artigos 435 a 438 da citada lei orgánica, nace presidida pola idea de concentración, racionalización dos recursos existentes e proximidade aos cidadáns. Nesta estrutura, o elemento organizativo básico é a unidade, elemento que se traduce na creación, por unha banda, das chamadas unidades procesuais de apoio directo (UPAD) e, por outra, dos servizos comúns procesuais (SCP), eixe primordial da nova oficina xudicial. Particular importancia adquiren os denominados servizo común de ordenación do procedemento e servizo común de execución de resolucións xudiciais, que son os elementos máis innovadores e os que presentan maior dificultade de deseño e posta en marcha.

A lei determina que o deseño, creación, organización e implantación das oficinas xudiciais lles corresponde ao Ministerio de Xustiza e mais ás comunidades autónomas con competencias transferidas en materia de xustiza, o cal garante a flexibilidade organizativa necesaria para adaptarse á realidade da Administración de xustiza en cada territorio autonómico, aínda que a propia lei lembra que a oficina xudicial terá carácter homoxéneo en todo o Estado.

A disposición transitoria décimo quinta da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece que a determinación por parte de cada Administración competente do deseño e organización das oficinas xudiciais, conforme a estrutura básica e nos termos regulados na devandita lei, se levará a cabo de forma gradual e en función das posibilidades organizativas, técnicas e orzamentarias das devanditas administracións.

A complexidade do novo modelo organizativo aconsella que o proceso de deseño da estrutura organizativa e das relacións que dela derivan se realice con participación activa dos sectores profesionais implicados na súa implantación. É por iso que se fai necesaria a creación de comisións de coordinación e participación e de grupos de traballo que coadxuven ao impulso, á coordinación e á implantación do devandito modelo organizativo. A angueira fundamental destas comisións e grupos de traballo será a elaboración, deliberación e aprobación da proposta dun plan estratéxico para a implantación da nova oficina xudicial.

O artigo 39 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (BOE do 28 de abril), establece que lle corresponde á comunidade autónoma crear e estruturar a súa propia Administración pública dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado. Este precepto resulta de aplicación para a creación das devanditas comisións, en canto que órganos colexiados mixtos con funcións de asesoramento e información á consellería competente en materia de xustiza.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación de comisións para o deseño e implantación da nova oficina xudicial en Galicia.

1. Créase a Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial como órgano de asesoramento e información á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para o deseño, organización e implantación en Galicia do modelo organizativo previsto nos libros V e VI da Lei orgánica 6/1985, do poder xudicial, coa redacción dada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro.

2. Créase a Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial como órgano de coordinación para o deseño, creación, organización e implantación da nova oficina xudicial.

Artigo 2º.-Composición da Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a:

-Conselleiro/a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

Pola Administración autonómica:

-Secretario/a xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

-Secretario/a xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

-Director/a xeral de Xustiza.

-Subdirector/a xeral de Relacións e Recursos Humanos da Administración de xustiza.

-Subdirector/a xeral de Medios da Administración de xustiza.

Pola Administración de xustiza en Galicia:

-Presidente/a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Fiscal superior da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Secretario/a de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Dous membros designados de entre as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza en Galicia, por proposta da mesa.

Polas corporacións profesionais:

-Presidente/a do Consello da Avogacía Galega.

-Presidente/a do Consello Galego de Procuradores dos Tribunais.

c) Secretario/a:

-A persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Programas e Estudos da Dirección Xeral de Xustiza ou, na súa falta, un/unha funcionario/a da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza designado/a pola Presidencia da comisión.

d) Así mesmo, poderán formar parte, tras a proposta, ben da Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial ou ben do seu presidente/a, é en calidade de asesores/as, aquelas persoas que se considere conveniente, para a designación das cales se atenderá aos criterios de especialidade, territorialidade e racionalidade, procurando atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 3º.-Funcións da Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

1. A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial, en canto que órgano de asesoramento e información, terá como principal finalidade o coñecemento, a deliberación e aprobación da proposta dun plan estratéxico para a implantación da nova oficina xudicial. Asumirá, ademais, funcións de asesoramento no impulso, programación, na coordinación e no seguimento dos traballos técnicos necesarios para a implantación da nova oficina xudicial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial será informada dos traballos, informes e propostas realizados pola Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

3. A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial será a canle a través da cal se transmitirá toda a información relativa ao proceso de implantación da nova oficina xudicial ao resto de implicados no cambio.

Artigo 4º.-Funcionamento e réxime xurídico da Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

1. A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial reunirase como mínimo unha vez ao semestre, así como tamén sempre que por razóns de urxencia ou necesidade o considere conveniente o seu presidente/a ou o soliciten polo menos dous terzos dos seus membros.

2. A válida constitución do órgano, para os efectos de realización de sesións, requirirá, en primeira convocatoria, a presenza do presidente/a ou persoa en quen delegue, do secretario/a e mais da metade, polo menos, dos seus membros. En segunda convocatoria abondará coa presenza do presidente/a ou persoa en quen delegue, do secretario/a e mais de tres membros da comisión.

A convocatoria de sesións poderase efectuar por calquera medio que permita a súa constancia e será cursada polo secretario/a, tras a orde do presidente/a, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas.

Artigo 5º.-Composición da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

A Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a:

-Director/a xeral de Xustiza, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

-Subdirector/a xeral de Relacións e Recursos Humanos da Administración de xustiza, da Xunta de Galicia.

-Subdirector/a xeral de Medios da Administración de Xustiza, da Xunta de Galicia.

-Subdirector/a xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, da Xunta de Galicia.

-Xefe/a do Servizo de Programas e Estudos, da Dirección Xeral de Xustiza.

-Xefe/a do Servizo de Obras e Proxectos, da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

-Dous representantes da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Un representante da Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Secretario/a de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Secretarios/as coordinadores provinciais.

-Un membro por cada organización sindical con representación na Mesa Sectorial de Xustiza en Galicia, designado pola respectiva organización.

c) Secretario/a:

-Un/unha funcionario/a da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza designado/a pola Dirección Xeral de Xustiza.

d) Ás sesións da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial poderán asistir en calidade de asesores/as, tras a proposta da dita comisión ou do seu presidente/a, aquelas persoas que se considere conveniente, para a designación das cales se atenderá a criterios de especialidade, territorialidade e racionalidade, procurando atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 6º.-Funcións da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

1. A Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial terá como principal misión a confección do borrador dun plan estratéxico para a implantación da nova oficina xudicial, que conterá, entre outros aspectos, o deseño do modelo organizativo das oficinas xudiciais da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a definición dos criterios para a determinación dos servizos comúns procesuais, o dimensionamento do seu persoal e mais a determinación do número e tipo de servizos comúns no ámbito territorial correspondente.

2. Igualmente, a Comisión Técnica terá competencia sobre as seguintes materias:

a) A supervisión e o seguimento dos procesos de acomodación do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

b) A supervisión e o seguimento das actividades formativas e de desenvolvemento profesional que se programen para o despregamento da oficina xudicial.

c) A supervisión e o seguimento das actividades e accións de comunicación interna que se programen para o despregamento da oficina xudicial.

d) A designación daqueles grupos de traballo que se coiden necesarios, encargados da elaboración de propostas á Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial sobre materias concretas.

e) A información, se fose o caso, sobre o calendario xeral de fases de actuación e sobre as competencias a que deberán axustarse os labores que van levar a cabo os grupos de traballo.

f) A atención e resolución das consultas que lle sexan formuladas fixando, se fose o caso, os criterios xerais de actuación que coiden oportunos.

g) A adopción de cantos acordos sexan necesarios para a implantación da nova oficina xudicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A confección das memorias anual e final de actividades.

Artigo 7º.-Funcionamento e réxime xurídico da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial.

1. O funcionamento interno da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial determinarase, no seo desta, en atención ás competencias e tarefas que lle fosen encomendadas e, en particular, seguindo os criterios de eficiencia e coordinación na execución das súas competencias e tarefas.

2. En calquera momento a Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial, a través do seu secretario, poderá solicitar dos grupos de traballo a documentación, as propostas ou os informes que considere oportunos co fin de supervisar os traballos efectuados e de realizar o seguimento da evolución das tarefas que os devanditos grupos teñen atribuídas. Ademais, tamén poderá solicitar doutros órganos a información que fose necesaria para o cumprimento das súas funcións.

3. A Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial reunirase como mínimo unha vez ao mes, así como tamén sempre que por razóns de urxencia ou necesidade o considere conveniente o seu presidente ou o soliciten polo menos dúas terceiras partes dos seus membros.

4. A válida constitución do órgano, para os efectos de realización de sesións, requirirá, en primeira convocatoria a presenza do presidente/a ou persoa en quen delegue, do secretario/a e mais da metade, polo menos, dos seus membros. En segunda convocatoria abondará coa presenza do presidente/a ou persoa en quen delegue, do secretario/a e mais de tres membros da comisión.

5. Esta comisión poderá aprobar as normas de réxime interno que considere procedente para o mellor desenvolvemento dos seus traballos.

6. O funcionamento da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial rexerase polas normas de procedemento administrativo común reguladoras dos órganos colexiados, coa seguinte especialidade: a convocatoria de sesións poderase efectuar por calquera medio que permita a súa constancia e deberá ser cursada polo/a secretario/a, tras a orde do presidente/a, cunha antelación mínima de 72 horas.

Artigo 8º.-Grupos de traballo.

Sen prexuízo da facultade da Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial de designar os grupos de traballo que considere necesarios nos termos previstos na alínea 2 d) do artigo 6º deste decreto, constituirase un grupo de traballo para o deseño da oficina xudicial.

Estes grupos estarán formados por representantes da Xunta de Galicia e polos demais membros da Administración de xustiza que se coiden necesarios en atención ás materias que haberá que tratar, que serán designados pola Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial. Ademais, poderanse integrar neste grupo os asesores designados segundo o previsto no artigo 5º d) anterior.

Na designación de membros e asesores/as procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Medios, indemnizacións por razón de servizo e créditos orzamentarios.

1. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza será a encargada de fornecer os medios materiais e persoais requiridos para desenvolver os traballos das comisións e dos grupos de traballo.

2. Os membros das comisións e dos grupos de traballo percibirán as indemnizacións que lles correspondan, de acordo co establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal destinado na Administración autonómica de Galicia.

3. A constitución e posta en funcionamento das comisións e dos grupos de traballo previstos neste decreto non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería competente en materia de xustiza.

Segunda.-Adscrición das comisións e dos grupos de traballo.

As comisións e mais os grupos de traballo que se regulan neste decreto quedan adscritos á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Xustiza.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Prazo para a constitución das comisións e dos grupos de traballo.

A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial constituirase formalmente no prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto.

A Comisión Técnica e os grupos de traballo previstos neste decreto constituiranse na data que determine a Dirección Xeral de Xustiza.

Segunda.-Desenvolvemento e execución.

Facúltase a Dirección Xeral de Xustiza para adoptar cantas medidas resulten adecuadas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza