DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 17 de decembro de 2009 Páx. 19.140

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 435/2009, do 3 de decembro, polo que se modifica o Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea.

O Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea, disciplina a aplicación do citado réxime na nosa comunidade autónoma nun sector que constitúe un dos eixos estratéxicos da economía agraria galega.

En concreto, regúlase o ámbito e a natureza da taxa, os órganos competentes para a xestión, control e recadación desta e para a imposición de sancións neste ámbito material, óptase así mesmo, por reproducir, para unha mellor comprensión, parte do articulado básico establecido no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea.

No artigo 29 do citado real decreto establécese a obrigatoriedade das persoas compradoras de leite de efectuar retencións á conta dos/as produtores/as que superen a cantidade de referencia individual asignada, co dobre obxectivo de, por un lado, facilitarlle ao comprador o cumprimento das obrigas fronte ao Estado e, por outro, ao produtor o pagamento da liquidación, ao se realizaren fraccionadamente.

Con base nos datos de entregas inferidos das declaracións presentadas polas persoas compradoras dos períodos 2006/2007, 2007/2008 e 2008/2009, así como do incremento da cota láctea nun dous por cento asignada aos Estados membros para o período 2008/2009 e seguintes, en virtude do Regulamento (CE) nº 248/2008, do Consello, do 17 de xuño de 2008, que modifica o Regulamento (CE) nº 234/2007, co Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, aprobouse a modificación do citado artigo 29 do Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, mediante o Real decreto 1257/2009, do 24 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea.

A dita modificación, por razóns de seguridade xurídica e tendo en conta que a dispersión dificulta a aplicación das normas xurídicas, as cales teñen como destinatarios principais non só ás autoridades, persoas funcionarias e profesionais do dereito, senón os propios cidadáns e cidadás, aconsella a modificación, así mesmo, do artigo 28 do Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea, que regula as retencións á conta da taxa.

Así mesmo, procede efectuar unha modificación do anexo XIII do citado decreto, para a adecuación á actual normativa comunitaria en materia de taxa láctea e a adaptación ás novas condicións do sector lácteo.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do tres de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea.

O Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea, queda modificado como segue:

Un.-O artigo 28 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 28º.-Retencións á conta da taxa.

1. De acordo co previsto polo Real decreto 1257/2009, do 24 de xullo, as retencións á conta sobre o pagamento da taxa láctea no suposto previsto no artigo 29.1 do Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, efectuaranse conforme o establecido neste artigo.

2. As retencións á conta sobre o pagamento da taxa practicaranse ás persoas produtoras polas cantidades entregadas durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, por encima da cantidade de referencia individual que teña asignada. Non se practicarán retencións á conta polas cantidades entregadas por encima da cantidade de referencia individual asignada durante os meses comprendidos entre abril e decembro, ambos inclusive.

3. As persoas compradoras autorizadas reterán ás persoas produtoras os importes que resulten de aplicar ás cantidades excedidas durante os meses indicados no parágrafo anterior, o 10 por cento do tipo de gravame da taxa láctea establecido no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1788/2003, do Consello, do 29 de setembro de 2003, cuxas disposicións foron incorporadas ao Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas.

4. As retencións practicadas figurarán expresamente nas facturas correspondentes ás entregas do mes o que se apliquen e detraeranse do montante final que debe percibir o produtor. Expresaranse co detalle dos quilogramos sobrepasados e do importe unitario aplicable a cada un deles.

5. No caso de que un produtor efectúe entregas simultáneas a varias persoas compradoras, cada un deles deberá aplicar retencións ás entregas que reciba nos meses indicados no número 2. Para iso, deberán ter en conta as cantidades recollidas nos certificados obrigatorios expedidos por outro/as compradores/as que lles deben ser facilitados polo produtor a cada un deles, tal e como se establece no artigo 9.2 e o artigo 23.

6. Se un produtor cambia de comprador e xa tivese exceso da súa cantidade de referencia, o novo comprador aplicará o importe da retención á conta a todas as cantidades entregadas nos meses indicados no número 2.

7. Os/as produtores/as con cota de venda directa non están sometidos a retencións polas cantidades que a excedan, pero si polas que superen a súa cantidade individual de referencia de entregas a compradores/as autorizados.

Dous. O anexo XIII do Decreto 158/2007, do 21 de xuño (anverso e reverso) queda redactado do seguinte modo:

«ANEXO XIII (anverso)

Corrección das entregas de leite realizadas por axuste do seu contido de materia graxa

1. As entregas expresadas en litros deberanse pasar a kg multiplicándoas polo coeficiente 1,03.

2. A corrección en graxa realízase aplicando a seguinte táboa:

Ver referencia pdf "24500D001P008.PDF"

ANEXO XIII (reverso)

Comparación dos contidos de materia graxa

Co fin de elaborar o balance para cada produtor, o contido medio de materia graxa do leite que entregue compararase co contido representativo de que dispoña como referencia.

De se observar unha diferenza positiva, a cantidade de leite ou de equivalentes de leite entregado aumentarase un 0,09% por cada 0,1 gramos suplementarios de materia graxa por quilogramo de leite.

De se observar unha diferenza negativa, da cantidade de leite ou de equivalentes de leite entregado deducirase un 0,18% por cada 0,1 gramos menos de materia graxa por quilogramo de leite.

En caso de que a cantidade de leite entregado se exprese en litros, o axuste multiplicarase polo coeficiente de 0,971.

Exemplos prácticos:

A.

-Supoñamos un/a gandeiro/a que ten asignada unha cantidade de referencia anual de 40.000 kg cunha graxa de referencia de 3,70%.

-As súas entregas no período de taxa láctea foron de 39.500 kg cunha graxa media ponderada de 3,72%.

-A diferenza entre a graxa media do leite entregado e a graxa de referencia é positiva: 3,72-3,70 = 0,02%.

-A esta diferenza, por ser positiva, correspóndelle un coeficiente de 1,0018.

-A corrección da entrega sería de 39.500 kg x 1,0018 = 39.571 kg, arredondando os decimais pola regra do cinco.

-As entregas totais corrixidas (entregas axustadas) serían 39.571 kg.

B.

-Supoñamos outro/a gandeiro/a que ten unha cantidade de referencia anual de 100.000 kg cunha graxa de referencia de 3,65%.

-As súas entregas no período de taxa láctea foron de 102.000 kg cunha graxa media ponderada de 3,54%.

-A diferenza entre a graxa media do leite entregado e a graxa de referencia é negativa: 3,54-3,65 = -0,11%.

-A esta diferenza, por ser negativa, correspóndelle un coeficiente do 0,9802.

-A corrección da entrega sería 102.000 × 0,9802 = 99.980 kg, arredondando os decimais pola regra do cinco.

-As entregas totais corrixidas (entregas axustadas) serían 99.980 kg.»

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Porén, este decreto será de aplicación con carácter retroactivo desde o 1 de abril de 2009.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil nove.

P.S. (Decreto 428/2009)

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Samuel Jesús Júarez Casado

Conselleiro do Medio Rural