DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 29 de decembro de 2009 Páx. 19.585

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Exposición de motivos.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia ten regulado o aproveitamento da enerxía eólica a través do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, no que, entre outros aspectos, se estimula a participación do sector público no capital social do proxecto das empresas que, en virtude do procedemento que deseña, resulten autorizadas para instalar parques eólicos xeradores de enerxía eléctrica na nosa comunidade autónoma.

Tal participación, concibida polo Consello Consultivo de Galicia no seu Ditame 727/2007 como unha tacha de legalidade directa e infranqueable, ademais de supoñer a transmisión de accións ou participacións mediante distintos negocios xurídicos que requiren compromisos certos de elevados fondos públicos, tamén implica compartir decisións en decenas de consellos de administración alleos á Administración autonómica, en definitiva, ser socio e intervir en estratexias empresariais privadas nun sector que a normativa básica de aplicación, Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, abandonando a noción de servizo público, considera expresamente, artigo 2.1, de libre iniciativa empresarial.

Unha escrupulosa observancia e respecto da liberalización do sector e a consideración de que o interese público de Galicia pode e debe encontrarse mellor reflectido e en harmonía plena co ordenamento xurídico son causa e razón suficientes para xustificar o distanciamento do procedemento ideado polo decreto e iniciado pola orde de aplicación co fin de atopar outras fórmulas, outros modelos máis racionais, máis perfectos, máis rectos.

A enerxía eólica, na súa consideración de renovable, é dicir, na súa condición de enerxía procedente dunha fonte inesgotable, e en atención ao seu carácter de limpa, ao non producir efectos contaminantes á atmosfera, é un activo que debe ser impulsado/estimulado desde os poderes públicos. Que isto sexa así non implica que a súa implantación sexa totalmente inocua. En efecto, a instalación de aeroxeradores supón servidumes, cargas inevitables para o contorno, para o medio natural, para a paisaxe e para o hábitat no que se localizan, que en parte devén transformado non só como consecuencia do impacto visual producido pola existencia dos aeroxeradores, senón tamén como resultado das infraestruturas que eses elementos requiren, como son os camiños de acceso e as liñas de evacuación.

Esta alteración ambiental dos perfís dos horizontes, esta deseconomía, debe ser reparada mediante o establecemento dunha compensación en favor das concretas áreas territoriais que soportan e sosteñen a implantación de parques eólicos, resarcimento que basicamente debe nutrirse dos ingresos xerados pola institución dun tributo medioambiental denominado canon eólico, prestación patrimonial pública de natureza finalista e extrafiscal concibida como instrumento axeitado destinado a internalizar os custos sociais e ambientais mencionados e dirixido a estimular e promover a incorporación das novas tecnoloxías nos aeroxeradores, de tal xeito que a maior potencia unitaria destas repotenciacións dea lugar á redución do seu número, en definitiva, a protexer o medio ambiente, artigo 45.2 da Constitución.

Xustifícase plenamente a creación do canon eólico ao se configurar esta prestación como tributo de natureza extrafiscal, defínese o seu feito impoñible como a xeración de afeccións e impactos ambientais adversos sobre o medio natural e, por ende, sobre o territorio, a través da instalación dos bens afectos á produción de enerxía eólica.

Como se vén adiantando, paralelamente ao canon créase o Fondo de Compensación Ambiental, que se integrará esencialmente cos recursos derivados do canon eólico. Articúlase como medio que facilita a compatibilidade do desenvolvemento eólico coas actuacións de reparación do contorno e coa ordenación do territorio, definida xa como obxectivo polo vixente Plan sectorial eólico de Galicia na súa memoria xustificativa. En consecuencia, serán principais beneficiarios do fondo os entes locais cuxo termo municipal se encontre dentro da liña de delimitación poligonal dun parque eólico, tamén os afectados polas súas instalacións de evacuación.

Esta lei, ademais de concibir o novo modelo de aproveitamento eólico descrito nos parágrafos precedentes, pretende tamén regular as liñas esenciais do procedemento que debe seguirse para a autorización das instalacións de parques eólicos.

Suposta a competencia autonómica para a ordenación do procedemento e de acordo coa Directiva 2009/72/CE, do 13 de xullo, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade, esta lei conforma un procedemento de autorización administrativa precedido dun trámite de selección competitiva que, sen desvirtuar a natureza autorizatoria do procedemento, se adecúa á especificidade do sector da enerxía eólica. A seguridade da subministración, manifestada en limitacións derivadas da cota e das redes de transporte, a protección ambiental, a promoción das novas tecnoloxías e, en xeral, as potestades administrativas de planificación na materia derivadas das obrigas do sector público xustifican sobradamente a adopción do procedemento elixido, que, así mesmo, desde unha planificación racional dos tempos que deben seguirse e das necesidades que deben satisfacerse, establece convocatorias periódicas para autorizacións de parques eólicos por grupos de ADE.

Neste mesmo sentido é preciso resaltar que o Tribunal Supremo examinou a materia da enerxía eólica en pronunciamentos recentes, de entre os que cómpre destacar a sentenza do 30 de xaneiro de 2007, na que respecto do sector eléctrico recoñece «unha certa intervención pública» e o carácter de «sector necesariamente regulado», sinala que a circunstancia de que as autorizacións teñan carácter regrado e se rexan polos principios de obxectividade, transparencia e non discriminación «non é incompatible coa esixencia de que aqueles que as soliciten deban acreditar, entre outros extremos, as condicións de eficiencia enerxética das instalacións propostas».

A Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, aínda que non resulte directamente aplicable a este sector, admite, utilizando a mesma lóxica, a opción de autorización con selección «cando o número de autorizacións dispoñibles para unha determinada actividade estea limitado debido á escaseza de recursos naturais ou das capacidades técnicas que se poidan empregar».

A regulación por esta lei do novo procedemento que debe seguirse é unha necesidade imposta pola instauración deste renovado modelo de aproveitamento eólico que, como xa apuntamos, prescinde da participación pública como criterio de valoración nas autorizacións, extremo este de substancial relevancia no anterior. Esta diferente ordenación dos trámites vén ademais requirida polas recentes exixencias normativas de simplificación e axilización deste tipo de procesos.

En efecto, o Real decreto lei 6/2009, do 30 de abril, polo que se adoptan determinadas medidas no sector enerxético e se aproba o bono social, prevé a planificación e axilización de instalacións como medida para garantir a sustentabilidade económica do sistema eléctrico no ámbito do réxime especial. O novo rexistro de preasignacións previsto no devandito real decreto lei e o seu carácter cronolóxico xustifican sobradamente esta conveniencia.

En similar sentido, a Directiva 2009/28/CE, do 23 de abril, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, ademais de definir como obxectivo obrigatorio para o ano 2020 unha cota do 20% de enerxías procedentes desas fontes, prevé que con ese fin os estados membros adopten as medidas apropiadas para garantir que os procedementos administrativos se racionalicen e se aceleren no nivel administrativo adecuado.

Pois ben, este obxectivo de axilización administrativa acádase mediante unha regulación racional e simplificada das distintas fases que non necesariamente deben producirse nun único procedemento. Con iso supérase a complexidade e conseguinte confusión/dificultade xerada pola normativa precedente, garantíndose, á par, os principios de concorrencia e transparencia nun contexto de ampla seguridade xurídica.

Na mesma razón, non podemos obviar que a exixencia da certeza xurídica resulta reforzada mediante a previsión de convocatorias limitadas a áreas de desenvolvemento eólico nas que desde a propia administración se garantan o respecto aos requisitos ambientais, a suficiencia de recursos de vento e a posibilidade técnica de evacuación da enerxía xerada nos parques.

A incompatibilidade do novo modelo de aproveitamento eólico co ata agora vixente baseado, entre outros aspectos, na participación pública en capitais sociais alleos aos seus intereses, a pluralidade de convocatorias con ámbitos territoriais limitados fronte a unha soa de carácter global, a obriga de que non chegue a consolidarse o procedemento anterior incurso nunha manifesta incerteza xurídica, a creación do canon eólico e do Fondo de Compensación Ambiental como instrumentos de protección medioambiental e as consecuentes modificacións procedementais articuladas nesta norma que axilizan os trámites das autorizacións de parques eólicos son, a xuízo definitivo da lei, cambios normativos substanciais e razóns xustificadas de interese público que motivan a falta de base do procedemento instruído ao abeiro do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, e da Orde do 6 de marzo de 2008 e que determinan a imposibilidade da súa continuación.

En virtude do anterior, é vontade e decisión da lei acordar de xeito expreso e unilateral o desestimento e, en consecuencia, a finalización do actual procedemento en curso e declarar competente para materializar tal acto debido á persoa titular da consellaría con atribucións en materia de enerxía.

II

A lei estrutúrase en corenta e cinco artigos, seis títulos, unha disposición adicional, catro transitorias, unha derrogatoria e tres derradeiras.

O título I, artigos 1º a 4º, establece disposicións xerais relativas ao obxecto, ao ámbito de aplicación e ás competencias e definicións básicas para a interpretación de diferentes conceptos.

O título II, artigos 5º e 6º, relanza o concepto de planificación, especificando os criterios nos que debe asentarse e regulando a figura do Plan sectorial eólico de Galicia como eixe básico para a implantación das instalacións de enerxía eólica na nosa comunidade autónoma.

O título III, artigos 7º a 26º, de acordo co principio «quen contamina paga», prevé o establecemento do canon eólico e do Fondo de Compensación Ambiental. O canon é un tributo ambiental que, partindo dun limiar de tolerancia, pretende combater as cargas que provoca a implantación de aeroxeradores. Ten unha finalidade reparadora garantida pola a súa afectación ao Fondo de Compensación. De conformidade co sinalado no artigo 31.3 da Constitución, o establecemento deste ingreso público require dunha norma con rango de lei formal que delimite non só o feito impoñible, senón tamén os demais elementos que incidan directa e determinantemente na contía da débeda, elementos todos eles regulados ao longo destes artigos. Respecto do Fondo de Compensación Ambiental institúense normas definidoras da súa natureza, procedencia dos ingresos que o integran, actuacións de investimento ás que se destina e órgano encargado da súa xestión.

O título IV, artigos 27º a 41º, regula o réxime de autorización administrativa para a instalación de parques eólicos, con especial atención ao procedemento administrativo que debe seguirse e que se basea nunha fase de selección previa de anteproxectos e no outorgamento final da autorización. Prevé outros aspectos relevantes como o réxime de fianzas e a transmisión das autorizacións eólicas.

O título V, artigos 42º e 43º, refírese á inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e á consecuente inscrición no correspondente rexistro. Recolle a inclusión no réxime especial.

O título VI, artigos 44º e 45º, prevé as normas básicas sobre expropiación e servidumes, como procedementos asociados ás autorizacións de parques eólicos.

A disposición adicional modifica a alínea 37 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición transitoria primeira mandata ao conselleiro competente en materia de enerxía para desistir do procedemento incoado para a obtención de autorizacións de parques eólicos que se está a tramitar no momento de aprobación desta norma.

A disposición transitoria segunda asimila certos espazos ás áreas de desenvolvemento eólico en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia e pretende garantir os dereitos adquiridos ao abeiro da normativa anterior por aqueles promotores convertidos en titulares de plans eólicos empresariais actualmente aínda vixentes ou non esgotados.

A disposición transitoria terceira considera vixente o actual Plan sectorial eólico de Galicia en tanto non se aprobe un novo plan e en todo o que non se opoña ao disposto nesta lei.

A disposición transitoria cuarta contén previsións en relación cos parques eólicos e parques eólicos singulares admitidos a trámite ao abeiro do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e da Orde do 29 de outubro de 2002.

A disposición derrogatoria única suprime a vixencia do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira primeira habilita os órganos da Administración autonómica para adoptar as disposicións regulamentarias precisas para o desenvolvemento da lei.

A disposición derradeira segunda posibilita a modificación de calquera elemento do canon eólico a través da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira terceira dispón a data de entrada en vigor da lei.

III

O marco competencial no que se encadra esta lei vén constituído polo Estatuto de autonomía de Galicia, que no seu artigo 27.13, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.º.22 e 25 da Constitución, lle outorga á nosa Comunidade a competencia exclusiva sobre as instalacións de produción e as instalacións de distribución e transporte secundario de enerxía eléctrica, cando estas non saian do territorio de Galicia e o seu aproveitamento non afecte outra provincia ou comunidade autónoma. O artigo 28.3 da mesma norma recoñécelle a Galicia a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de réxime mineiro e enerxético.

A competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o establecemento do canon eólico ten a súa cobertura nos artigos 133.2, 148.1.9.ª, 149.1.23 e 157.1.b) da Constitución, nos artigos 10.1, 27.3 e concordantes do Estatuto de autonomía, no artigo 17.b) da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e na autonomía financeira que o artigo 156.1 da norma fundamental recoñece a estas no marco do seu ámbito competencial, neste suposto, dentro do contexto medioambiental; isto é, nun dobre título, dunha parte, na competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para aprobar normas adicionais sobre protección do medio ambiente e a paisaxe, e, doutra, na súa intrínseca potestade tributaria.

Neste escenario competencial, considerando o disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, reguladora do sector eléctrico, visto o Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve, co fin de que o aproveitamento da enerxía eólica se realice consonte o novo modelo deseñado e trazado nos parágrafos anteriores e co ánimo resolto de afianzar a Galicia no liderado da produción de enerxía eólica, procede levar a cabo esta regulación normativa.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A planificación do aproveitamento da enerxía eólica mediante a elaboración do Plan sectorial eólico de Galicia.

b) O canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, como instrumentos para garantir o equilibrio territorial afectado pola instalación de parques eólicos e a sustentabilidade dos valores naturais.

c) O establecemento dun procedemento para a autorización administrativa das instalacións de parques eólicos baseado nos principios de concorrencia, transparencia, simplicidade, publicidade e axilización administrativa, que garanta o pleno respecto á seguridade xurídica.

d) Outras cuestións conexas co réxime autorizatorio como o procedemento para a declaración de utilidade pública das instalacións nos procedementos de expropiación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos de interpretación desta lei teranse en conta as seguintes definicións:

1 Parque eólico: instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria.

2. Plan sectorial eólico de Galicia: instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico (ADE) para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio.

3. Área de desenvolvemento eólico (ADE): espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

4. Aeroxerador: conxunto mecánico instalado nun parque eólico composto esencialmente de zapata, torre, pas e góndola que transforma a enerxía eólica do vento en enerxía eléctrica mediante rotores de palas que, a través dun sistema de transmisión mecánico, xiran o rotor dun xerador convertendo a enerxía mecánica rotacional en enerxía eléctrica.

5. Repotenciación de parque eólico: terá a consideración de repotenciación aquela autorización administrativa de modificación dun parque eólico preexistente en explotación que, modificando o mantemento e a potencia instalada nel, supoña a substitución total ou parcial dos aeroxeradores en funcionamento por outros de maior potencia unitaria e que dean lugar a unha redución do número de aeroxeradores do parque, co fin de optimizar as áreas territorialmente aptas para admitir parques eólicos e axeitar as tecnoloxías instaladas aos requirimentos técnicos do operador do sistema.

6. Instalacións de conexión: segundo se define no artigo 30 do Real decreto 1955/2000, enténdese por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de enlace entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

7. Poligonal de delimitación dun parque eólico: área efectivamente afectada pola instalación dun parque eólico determinada no seu proxecto de execución.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Quedan sometidas ao disposto nesta lei aquelas instalacións de produción de electricidade obtidas da enerxía eólica cuxa autorización, conforme o previsto no artigo 27.13 do Estatuto de autonomía, sexa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Ao resto de instalacións seranlles aplicables, en todo caso, as disposicións do título III desta lei.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta lei as instalacións eólicas de potencia menor ou igual a 100 kW, así como os parques eólicos experimentais que leven asociado un alto compoñente de investigación a I+D+I. Por decreto da Xunta de Galicia determinaranse as condicións e as características que definan o concepto de parque eólico experimental.

Artigo 4º.-Competencia.

A planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia será aprobada polo Consello da Xunta por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.

Esta mesma consellaría será a competente para tramitar e resolver, como órgano con competencia principal, as solicitudes que se presenten ao amparo do disposto nesta lei, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a outros órganos das administracións públicas.

Título II

Planificación do aproveitamento eólico en Galicia

Artigo 5º.-Criterios de planificación.

1. A planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia realizarase atendendo aos seguintes criterios:

a) Estimación do potencial eólico do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a base dos estudos xa realizados, do Atlas eólico realizado polo IDAE, Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e dos datos obtidos pola Administración autonómica a través do Instituto Enerxético de Galicia, Inega.

b) Infraestrutura eléctrica necesaria para absorber a enerxía producida, planificada de forma que incida favorablemente na estrutura de distribución eléctrica das áreas afectadas pola explotación dos recursos eólicos.

c) Integración con todos os ámbitos sectoriais afectados pola implantación de parques eólicos, con especial referencia á inserción no territorio das instalacións eólicas.

d) Impacto medioambiental.

e) Repercusión sobre o tecido industrial de Galicia e o desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico.

f) Desenvolvemento harmónico dos proxectos de implantación de parques eólicos que permita unha implantación das infraestruturas eléctricas e industriais.

2. O resultado desta planificación plasmarase no Plan sectorial eólico de Galicia.

Artigo 6º.-Plan sectorial eólico de Galicia.

1. O Plan sectorial eólico de Galicia abranguerá aquelas áreas nas que se estime, logo de informe do Inega, a existencia de recursos eólicos aproveitables e terá carácter vinculante para os distintos suxeitos que operen no sector.

2. O Plan sectorial eólico conterá, como mínimo, as seguintes determinacións:

a) Delimitación dos ámbitos territoriais nos que poderán localizarse as infraestruturas e instalacións obxecto do plan.

b) Descrición das características xerais das infraestructuras, dotacións ou instalacións previstas no plan.

c) Directrices para a elaboración dos proxectos sectoriais ou dos proxectos obxecto de licenza municipal para o caso previsto no artigo 39º.2 desta lei.

d) Medidas para articulación co planeamento e prazo para realizar a súa adecuación.

e) Incidencia territorial e ambiental.

3. O Plan sectorial eólico de Galicia será tramitado como plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Nel estableceranse as condicións xerais para o desenvolvemento das infraestruturas, dotacións e instalacións dos parques eólicos no territorio da comunidade autónoma.

4. Non poderán autorizarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, a excepción das repotenciacións de parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente.

Título III

Instrumentos de equilibrio territorial.

O canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

Artigo 7º.-Obxectivos de equilibrio territorial.

Para protexer o medio ambiente, para estimular a incorporación das novas tecnoloxías nos aeroxeradores, para minorar o número destes e para reforzar o equilibrio territorial xerado pola instalación de parques eólicos créanse o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Capítulo I

O canon eólico

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 8º.-Creación, natureza, obxecto e ámbito de aplicación.

Co obxecto de contribuír a regular e preservar o medio ambiente na súa consideración de ben protexido, con carácter de ingreso compensatorio e como prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, créase o canon eólico aplicable ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Afectación dos ingresos xerados polo canon.

1. Os ingresos derivados do canon, deducidos os custos de xestión, destinaranse a conservación, reposición e restauración do medio ambiente, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial das que serán principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.

2. Así mesmo, será beneficiaria o conxunto da sociedade mediante actuacións que, promovidas pola Administración autonómica, se dirixan ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos naturais de Galicia.

3. Tales ingresos serán xestionados a través do Fondo de Compensación Ambiental.

Artigo 10º.-Normativa aplicable.

O canon eólico rexerase polas disposicións desta lei, polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento e polo disposto nas disposicións xerais en materia tributaria.

Sección segunda

Elementos do canon eólico

Artigo 11º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do canon eólico a xeración de afeccións e impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e sobre o territorio, como consecuencia da instalación en parques eólicos de aeroxeradores afectos á produción de enerxía eléctrica e situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Entenderase producido o feito impoñible aínda que a titularidade dos aeroxeradores non corresponda ao titular da autorización administrativa para a instalación dun parque eólico.

Artigo 12º.-Período impositivo e devengo.

1. O período impositivo coincidirá co ano natural.

2. O devengo producirase na data na que se formalice acta de recepción da obra do parque e o primeiro día do ano natural nos sucesivos anos nos que a autorización administrativa estea vixente.

3. Sen prexuízo do disposto na alínea 1, nos casos de primeira instalación ou desmantelamento do parque eólico o período impositivo entenderase polo período existente entre o devengo e o último día do período impositivo, no primeiro caso, e entre o devengo e a data de desmantelamento do parque eólico, no segundo.

4. As tarifas prorratéanse en función do período de devengo durante o primeiro ano e o último da súa duración computándose o tempo en meses completos e arredondándose, para estes efectos, o número de meses ao enteiro inmediatamente superior.

Artigo 13º.-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos do canon en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que, baixo calquera título, leven a cabo a explotación dun parque eólico aínda que non sexan titulares dunha autorización administrativa para a súa instalación.

Presumirase, salvo proba en contra, que a explotación dun parque eólico é realizada pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente autorización administrativa para a súa instalación.

2. Son suxeitos do canon en calidade de responsables solidarios:

a) As persoas titulares de autorizacións administrativas para a instalación dun parque eólico cando quen leve a cabo a explotación non coincida co titular da autorización.

b) As persoas titulares dos aeroxeradores cando a devandita titularidade non concorra no titular da explotación nin no titular da autorización administrativa.

Artigo 14º.-Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a suma de unidades de aeroxeradores existentes nun parque eólico situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de parques eólicos que se estendan máis alá do limite territorial da comunidade autónoma, a base impoñible estará constituída pola suma de unidades de aeroxeradores instalados no territorio galego.

3. Para a determinación da base impoñible teranse en conta as circunstancias concorrentes na data de devengo. No caso de que o número de aeroxeradores varíe ao longo do período impositivo, a base impoñible calcularase prorrateando por días o período de explotación de cada aeroxerador respecto ao total do número de días do ano natural.

Artigo 15º.-Tipo de gravame e cota tributaria.

1. A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos seguintes tipos de gravame anuais:

-En parques eólicos que dispoñan de entre 1 e 3 aeroxeradores: 0 euros por cada unidade de aeroxerador.

-En parques eólicos que dispoñan de entre 4 e 7 aeroxeradores: 2.300 euros por cada unidade de aeroxerador.

-En parques eólicos que dispoñan de entre 8 e 15 aeroxeradores: 4.100 euros por cada unidade de aeroxerador.

-En parques eólicos que dispoñan de máis de 15 aeroxeradores: 5.900 euros por unidade de aeroxerador.

2. Durante o primeiro ano de explotación do parque eólico e durante o último ano os tipos de gravame prorratearanse en función do número de días do período impositivo.

3. A modificación dos importes desta tarifa require informe previo do Consello Galego do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 16º.-Bonificacións na cota.

1. Cando como consecuencia dun proxecto de repotenciación teña lugar unha redución efectiva das unidades aeroxeradoras que non supoña tramo diferente de base, a contía da cota que debe satisfacerse, no período correspondente á devandita redución, bonificarase nunha porcentaxe resultante de multiplicar por 5 o número de unidades de aeroxeradores reducidas.

2. Esta bonificación terá carácter rogado e para o seu recoñecemento será necesaria a comunicación do proxecto de repotenciación ao órgano competente da Administración da comunidade autónoma e a acreditación efectiva da redución das unidades de aeroxeradores.

3. A consellaría competente en materia de enerxía establecerá o procedemento para o recoñecemento da bonificación.

Sección terceira

Xestión do canon

Artigo 17º.-Declaracións, prazos e lugar de presentación.

1. Para os efectos de aplicación do canon eólico os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha declaración de alta no prazo dun mes desde o día seguinte ao de inicio do primeiro período impositivo.

2. Cando varíen os datos declarados á administración, están obrigados a presentar unha declaración de modificación no prazo dun mes desde o día seguinte ao que se produza a modificación.

3. No suposto de desmantelamento do parque eólico, están obrigados a presentar unha declaración de baixa no prazo dun mes desde o día seguinte á data de desmantelamento.

4. As declaracións deberán realizarse mediante os modelos que aprobe a Administración autonómica e presentaranse ante o Instituto Enerxético de Galicia.

5. A administración establecerá un rexistro obrigatorio de parques eólicos, dos aeroxeradores neles existentes e das características destes.

Artigo 18º.-Liquidación e autoliquidación.

1. O Instituto Enerxético de Galicia practicará as liquidacións provisionais que procedan de conformidade co procedemento de xestión tributaria iniciado mediante declaración previsto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Salvo que se producise unha variación nos últimos datos declarados, unha vez presentada a declaración de alta ou de modificación non será preciso presentar unha nova declaración en cada un dos seguintes períodos impositivos, a administración iniciará o procedemento de oficio.

2. A consellaría competente en materia de enerxía poderá dispoñer a obriga de que sexan os suxeitos pasivos os que realicen a autoliquidación do canon, polo que determinarán a débeda tributaria correspondente e ingresarán o seu importe no prazo dun mes desde o día seguinte á data de devengo, mediante os modelos que aprobe a antedita consellaría.

Artigo 19º.-Utilización de tecnoloxías informáticas e telemáticas.

A consellaría en materia de enerxía poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do canon se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben.

Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Artigo 20º.-Aplicación do canon eólico.

1. A xestión, liquidación e recadación do canon en período voluntario corresponderanlle ao Instituto Enerxético de Galicia.

2. A recadación en período executivo corresponderalles aos órganos competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda.

3. A recadación do canon forma parte do tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia consonte o título IV do texto refundido da Lei 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 21º.-Potestade sancionadora.

1. A potestade sancionadora en materia tributaria exerceraa o Instituto Enerxético de Galicia conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e coas especialidades previstas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nela.

2. A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 22º.-Revisión.

1. Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables consonte as disposicións contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

2. O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contencioso-administrativa.

Capítulo II

O Fondo de Compensación Ambiental

Artigo 23º.-Creación e natureza.

Para a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial créase o Fondo de Compensación Ambiental, ao que lle serán aplicables as disposicións previstas neste capítulo e as establecidas nas ordes que, para a súa regulación, dite a consellaría competente en materia de réxime local.

Artigo 24º.-Financiamento.

Sen prexuízo dos demais recursos que nel poidan integrarse, o Fondo de Compensación Ambiental financiarase cos ingresos obtidos do canon eólico deducidos os gastos de xestión.

Artigo 25º.-Destino.

1. O Fondo de Compensación Ambiental destinarase preferentemente á realización de gastos de investimento nos entes locais cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, dos afectados polas correspondentes instalacións de conexión.

2. O fondo, nos termos establecidos na correspondente orde de regulación, destinarase a actuacións de investimento que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego, especialmente as seguintes:

a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

b) Actuacións de impulso da eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables.

3. Os custos elixibles para efectos de distribución do fondo son os seguintes:

a) Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipos e instalacións.

b) Custos de proxecto e dirección de obra se se trata de contratacións externas.

4. A cantidade asignada a cada proxecto destinarase en función do orzamento de execución material presentado pola entidade local solicitante e non poderá superar o 100% do dito orzamento.

5. A distribución anual do fondo regularase mediante orde ditada pola consellaría competente en materia de réxime local.

Sen prexuízo do anterior, e dentro da cantidade global asignada ao fondo, a Administración autonómica poderá financiar, a través do Fondo de Cooperación Local, do Fondo Extraordinario de Investimentos ou de calquera outro mecanismo que se considere axeitado, actuacións que teñan como obxectivo a protección do medio ambiente e do contorno natural e o fomento da investigación que conduzan á mellora da eficiencia no aproveitamento dos recursos das enerxías renovables e da sustentabilidade dos sistemas naturais que os soportan, polo que manterá os seus valores e impulsará a súa utilización recreativa e educativa.

En ningún caso o importe destinado a estas actuacións ás que se refire o parágrafo anterior superará o 50% dos recursos anuais.

Artigo 26º.-Xestión.

A xestión do fondo realizaraa a dirección xeral competente en materia de réxime local de conformidade coas directrices que se establezan na orde que dite a consellaría da que aquela dependa.

Título IV

Procedemento de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos

Artigo 27º.-Réxime de autorización administrativa.

1. Están sometidas ao réxime de autorización administrativa previa a construción, a explotación, a modificación substancial, a transmisión e o pechamento de parques eólicos e das súas instalacións de conexión.

2. O procedemento administrativo de autorizacións para a instalación de novos parques eólicos iniciarase de oficio mediante a publicación da correspondente convocatoria por parte da consellaría competente en materia de enerxía e tramitarase de acordo co especificado nos capítulos I, II e III do título IV desta lei.

3. O procedemento para as autorizacións e resolucións administrativas derivadas dun proceso de repotenciación non estará sometido ao procedemento anterior e será desenvolvido regulamentariamente pola consellaría con competencias en materia de enerxía.

Capítulo I

Trámite de selección de anteproxectos

Artigo 28º.-Orde de convocatoria.

A consellaría competente en materia de enerxía ditará ordes de convocatoria por grupos de ADE adscritas a un mesmo nó de evacuación e cotas de potencias en megawatts que se concederán para cada un deses grupos. As ditas ordes axustaranse ao criterio mínimo dunha convocatoria por ano.

As referidas ordes de convocatoria abrirán o prazo de presentación de solicitudes para o outorgamento de autorizacións administrativas para a instalación de parques eólicos.

Mediante a determinación dos grupos de áreas ofertadas en cada convocatoria garantirase o respecto aos requisitos ambientais, a suficiencia de recursos de vento e a posibilidade técnica de evacuación da enerxía xerada nos parques eólicos que se soliciten dentro desas áreas.

Artigo 29º.-Presentación de solicitudes.

1. Publicada a convocatoria, as solicitudes para a instalación de parques eólicos presentaranse perante a dirección xeral competente en materia de enerxía no prazo que se estableza na orde.

2. Na solicitude, que cumprirá os requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluirase o modelo normalizado que acompañará a orde de convocatoria e a documentación que, segundo o disposto nesta, sexa necesaria para acreditar, dunha parte, o cumprimento dos requisitos de capacidade dos solicitantes e, doutra, avaliar, de ser o caso, os criterios de valoración dos anteproxectos.

Entre outra documentación, nos termos que especifique a correspondente orde de convocatoria, exixirase a presentación de:

a) Documentación xustificativa da capacidade legal, técnica e económica dos solicitantes.

b) Anteproxecto de cada instalación asinado por técnico competente, co contido indicado na orde.

c) Compromiso firme e garantido e cronograma de implantación do proxecto de desenvolvemento de natureza industrial.

d) Previsión do adecuado cumprimento das condicións de protección do medio ambiente e a minimización dos impactos ambientais.

e) Garantía provisional pola potencia eólica solicitada, cuxa contía se determinará nas correspondentes ordes de convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos esixidos no anterior punto, requirirase o interesado para a súa reparación, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido.

Artigo 30º.-Requisitos de capacidade dos solicitantes.

Os solicitantes das autorizacións ás que se refire esta lei deberán acreditar capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto a través dos medios seguintes:

1. Capacidade legal: o solicitante deberá ter personalidade física ou xurídica propia, e excluiranse as unións temporais de empresas.

2. Capacidade técnica: comprobarase a experiencia individual dos solicitantes, no campo das enerxías revovables e/ou do sector eléctrico. A capacidade técnica cumprirase mediante a acreditación de, cando menos, un destes requisitos:

a) Ter exercido a actividade de produción de enerxía eléctrica durante, polo menos, os últimos tres anos.

b) Contar cun socio que participe no capital social cunha porcentaxe igual ou superior ao 25 por 100 e que poida acreditar a súa experiencia durante os últimos tres anos na actividade de produción de enerxía eléctrica.

c) Ter subscrito un contrato de asistencia técnica por un período de tres anos cunha empresa que acredite experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica.

3. Capacidade económica: entenderase cumprida cando se achegue documentación suficiente que garanta a viabilidade económico-financeira do proxecto. Nas ordes de convocatoria estableceranse os medios nos que se xustificará este requisito.

Artigo 31º.-Rede Natura.

Quedan excluídos da implantación de parques eólicos aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formar parte da Rede Natura 2000, consonte a normativa vixente en cada momento, agás os proxectos de repotenciación.

Artigo 32º.-Verificación de cumprimento de requisitos.

Con carácter previo á continuación do procedemento verificarase que as solicitudes presentadas de forma completa cumpren os requisitos de capacidade dos solicitantes. Excluiranse automaticamente aquelas que non os acrediten.

Artigo 33º.-Selección de anteproxectos de parques eólicos.

1. Se a suma das potencias das solicitudes que cumpren os requisitos referidos no artigo 30º é inferior ou igual á potencia máxima prevista na orde de convocatoria seleccionaranse todos eses anteproxectos.

No suposto no que sobre un mesmo espazo territorial concorran dous ou máis anteproxectos, ou, o que é o mesmo, existan anteproxectos concorrentes cuxa poligonal delimitada en coordenadas UTM coincida total ou parcialmente, será seleccionado o anteproxecto que resulte mellor avaliado consonte os criterios de valoración establecidos no artigo 34º desta lei.

2. Se a suma das potencias das solicitudes que cumpren os requisitos referidos no artigo anterior é superior á potencia máxima prevista na orde de convocatoria abrirase unha fase de selección en competencia e seleccionaranse aqueles anteproxectos que resulten mellor avaliados, de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 34º desta lei.

Tamén neste suposto, de existir anteproxectos concorrentes, se seleccionará só aquel que resulte mellor avaliado consonte os referidos criterios de valoración.

Artigo 34º.-Criterios de valoración.

1. No suposto de selección en competencia, tal selección atenderá a criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios. Teranse en conta os seguintes:

a) Nivel tecnolóxico e eficiencia enerxética das instalacións que conforman os parques eólicos.

b) Menores afeccións ambientais.

c) Influencia no desenvolvemento da rede eléctrica de distribución ou transporte.

d) Compromiso firme e periodificado dun proxecto de desenvolvemento de natureza industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Presentación de plan de restauración en fase de obra e desmantelamento.

f) Compromiso firme de repotenciación de parques eólicos xa existentes que supoña a redución do número de aeroxeradores instalados neles.

g) Outros factores que, axustándose ao disposto pola lexislación do sector eléctrico, se establezan de maneira particular en cada orde.

2. A concreción e o valor de cada un destes criterios efectuarase nas ordes de convocatoria.

Artigo 35º.-Comisión de valoración. Resolución de selección de anteproxectos de parques eólicos.

1. Para a verificación e avaliación dos requisitos de capacidade e criterios de selección establecidos nos dous artigos precedentes a orde de convocatoria preverá a constitución dunha comisión de valoración integrada por representantes das consellarías con competencias nas materias que, relacionadas coa súa función, se especifiquen na referida orde.

2. A resolución de selección dos anteproxectos ditaraa o director xeral competente en materia de enerxía, por proposta da comisión de valoración, no prazo de catro meses contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes ao que fai referencia o artigo 29º.1 desta lei.

3. Na resolución de selección que se lles notifique aos interesados conterase o oportuno pronunciamento en relación co exame de requisitos de capacidade dos solicitantes.

Capítulo II

Autorización administrativa das instalacións de parques eólicos

Artigo 36º.-Solicitude de autorización e presentación de documentación.

1. Determinados os anteproxectos seleccionados, os seus titulares presentarán no prazo de seis meses, desde o día siguiente ao de notificación da resolución de selección, solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, inclusión no rexime especial e aprobación, de ser o caso, da declaración de utilidade pública, en concreto, e do proxecto sectorial, tanto do parque eólico coma das súas instalacións de conexión, coa seguinte documentación:

a) Proxecto de execución subscrito por técnico competente, con separatas para os organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados.

b) Documento de inicio para a tramitación ambiental segundo o establecido nos artigos 6 ao 16 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación ambiental, así como unha simulación gráfica do impacto visual.

c) Se é o caso, proxecto sectorial, xunto coa documentación exixida polo artigo 10 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

d) Relación completa de bens e dereitos afectados, no caso de solicitar a declaración de utilidade pública.

e) Os titulares dos anteproxectos seleccionados poderán presentar a solicitude de autorización administrativa e a documentación necesaria a nome das sociedades filiais unipersoais sempre e cando se acredite este extremo de forma simultánea á achega da citada documentación. Para isto deberá aportarse a escritura de constitución da sociedade filial unipersoal, así como o compromiso expreso de subrogación por parte dela nos dereitos e obrigacións asumidos polo solicitante con respecto á instalación admitida a trámite. Nestes casos, as capacidades técnica e económica exixidas no artigo 30º enténdense cumpridas ao ser o titular dos anteproxectos seleccionados a sociedade que integra as ditas filiais de carácter unipersoal segundo o disposto nos artigos 87 do Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, e 42 do Código de comercio.

2. A documentación dirixirase ao correspondente departamento territorial da consellaría competente en materia de enerxía, que será a unidade tramitadora. No suposto de proxectos cuxa implantación afecte a máis dunha provincia, a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía, á cal se lle remitirá a documentación.

3. De non presentar o peticionario a documentación indicada na alínea 1 deste artigo dentro do prazo establecido para o efecto, requiriráselle para que o faga no prazo de dez días e advertiráselle de que se non o fixer se ditará resolución na que se lle terá por desistido da súa petición.

Artigo 37º.-Instrución do procedemento.

1. O proxecto de execución presentado e, de presentalo o solicitante, o proxecto sectorial, así como -se é o caso e en atención ao resultado da avalialación ambiental que corresponda conforme o establecido no artigo 3 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental- o estudo de impacto ambiental, someteranse conxuntamente a información pública para todos os efectos e durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, no correspondente BOP, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados, aos que se lles dará audiencia, e nun dos diarios de maior circulación da provincia ou provincias afectadas.

No caso de que se solicitase o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública do proxecto, a dita solicitude someterase a información pública de forma simultánea coa documentación antes indicada.

2. Durante o prazo indicado no número anterior calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións considere oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou a parte desta que se acorde. Das alegacións presentadas daráselle traslado ao peticionario para que este formule a contestación ao contido daquelas e lla comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.

3. Finalizada a información pública, os concellos afectados e os departamentos territoriais das consellarías competentes en materia de enerxía e medio ambiente remitiranlle á unidade tramitadora unha certificación acreditativa da realización do trámite, na que farán constar se houbo ou non alegacións e achegarán estas en caso afirmativo.

4. No caso dos concellos, a certificación acreditativa da exposición ao público do proxecto sectorial conterá unha referencia expresa á realización do trámite de audiencia previsto no artigo 13.2.º do Decreto 80/2000.

5. De conformidade cos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a unidade tramitadora realizará os trámites necesarios para a obtención dos condicionados técnicos e das autorizacións procedentes doutras administracións, organismos e empresas de servizo público, revisará a documentación presentada polo promotor e emitirá ou solicitará, de ser o caso, informe do correspondente departamento territorial relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

No caso de que as citadas administracións, organismos ou empresas de servizo público afectadas non presten a súa conformidade ou oposición no prazo de vinte días, a administración encargada da tramitación reiterará o requirimento para que nun novo prazo de dez días se pronuncien sobre a conformidade ou oposición á instalación. Pasado o prazo de reiteración sen que se producise a contestación, entenderase a conformidade da dita administración, organismo ou empresa de servizo público afectada pola instalación.

6. Concluídos os trámites de información pública e de información a outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o departamento territorial, cando lle corresponda a tramitación do procedemento, remitiralle o expediente completo á dirección xeral competente en materia de enerxía.

7. A dirección xeral competente en materia enerxética remitiralles o expediente á consellaría competente en materia de medio ambiente e á competente en materia de urbanismo, para que a primeira formule a declaración de impacto ambiental e a segunda emita, de ser o caso, o informe correspondente ao proxecto sectorial.

8. A tramitación da declaración de impacto ambiental, no caso de ser requirida en atención ao resultado da avaliación ambiental que corresponda conforme o establecido no artigo 3 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental, seguirá o procedemento previsto no Decreto 442/1992, de avaliación de impacto ambiental para Galicia. A valoración positiva da declaración de impacto ambiental, de resultar exixible conforme o indicado anteriormente, así como o informe favorable da consellaría competente en materia de ordenación do territorio, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución.

Artigo 38º.-Resolución de autorización das instalacións de parques eólicos. Finalización do procedemento de autorización.

1. Unha vez realizada a instrución do procedemento administrativo de autorización e acreditada por parte do solicitante a obtención do punto de conexión e, se é o caso, o de acceso á rede de transporte, a dirección xeral con competencias en materia de enerxía ditará resolución respecto do outorgamento da autorización administrativa, da aprobación do proxecto de execución e da inclusión no réxime especial no prazo máximo de dous meses.

A resolución publicarase integramente no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles a todos os terceiros que formulasen alegacións e teñan carácter de interesados no expediente.

A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará ao solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

Obtida a autorización e executado o proxecto, o titular da autorización solicitará acta de posta en servizo.

2. De conformidade co previsto no artigo 87 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa resolución poñerán fin o procedemento, o desestimento dos interesados, a renuncia ao dereito no que se funde a solicitude cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, a imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas, o desestimento da administración sempre que existan causas de interese público que o xustifiquen, e así se determine na resolución que se adopte para tal fin, e a renuncia, tamén da administración, que haberá de fundamentarse en razóns de interese xeral debidamente xustificadas, e neste caso non poderá promoverse un novo procedemento autorizatorio en tanto subsistan as razóns nas que se fundamente a renuncia.

Artigo 39º.-O Proxecto sectorial. Efectos da autorización.

1. Realizados os trámites previstos nesta lei e no Decreto 80/2000, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría con competencias en materia de enerxía, aprobará definitivamente, se procede, o proxecto sectorial coas modificacións ou correccións que considere convenientes.

2. Non será necesaria a tramitación e aprobación de proxectos sectoriais nas autorizacións de parques eólicos localizados en solos onde o uso de produción de enerxía estea permitido por licenza municipal.

Capítulo III

Fianzas e transmisión de parques eólicos

Artigo 40º.-Fianzas.

1. Co fin de garantir o cumprimento das obrigas que se establezan na autorización administrativa, o promotor ou a entidade beneficiaria deberá constituír, no prazo dun mes a partir da notificación da autorización, unha fianza polo importe do 2 por 100 do orzamento das instalacións, a cal será devolta unha vez se obteña a acta de posta en servizo definitiva e se entenda cumprido o proxecto de desenvolvemento de natureza industrial.

A falta de constitución da fianza ou a súa constitución inadecuada dará lugar á revogación da autorización.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas legalmente establecidas.

2. Consonte o previsto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o titular do parque deberá constituír as fianzas que nel se establecen co fin de garantir o cumprimento do deber de restauración dos terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e desmantelamento.

Artigo 41º.-Transmisión da titularidade de parques eólicos.

1. As transmisións de titularidade dun parque eólico requiren autorización administrativa previa da consellaría competente en materia de enerxía.

2. Para tal fin, o órgano competente en materia de enerxía exixiralle ao solicitante da transmisión a acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos ao titular da instalación. O novo titular subrogarase expresamente en todas as obrigas e dereitos do transmitente.

3. As autorizacións administrativas reguladas nesta lei non serán transmisibles a terceiros ata a data na que se encontren rematados e en funcionamento o proxecto ou os proxectos de natureza industrial vinculados e ata o momento no que o parque eólico estea executado na súa totalidade e dispoña da acta de posta en servizo definitiva.

4. A autorización administrativa de transmisión de titularidade, tanto de parques eólicos coma das súas instalacións de conexión, terá validez ante as administracións locais e calquera outro organismo desde o mesmo momento no que se lles notifique fidedignamente. A transmisión de titularidade autorizada entenderase extensiva á declaración de utilidade pública da instalación en cuestión.

Título V

Inclusión no réxime especial e inscrición no rexistro

Artigo 42º.-Inclusión no réxime especial.

A condición de instalación acollida ao réxime especial rexerase polo establecido no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e será outorgada pola dirección xeral competente en materia de enerxía.

Para que un parque eólico poida acollerse ao réxime especial, o titular da autorización deberá presentar solicitude expresa xunto coa documentación que recolle o Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e deberán indicarse as principais características técnicas e de funcionamento da instalación, así como a realización dunha avaliación cuantificada da enerxía eléctrica que vai ser transferida, se é o caso, á rede.

A solicitude e a documentación indicadas nos parágrafos anteriores poden presentarse conxuntamente ou con posterioridade á solicitude de aprobación do proxecto de execución. No caso de solicitude conxunta, o recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica pode outorgarse na mesma resolución pola que se aproba o proxecto de execución da instalación.

Artigo 43º.-Inscrición no rexistro.

A condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica terá efectos desde a data de resolución pola cal se outorga a dita condición.

Para a aplicación á dita instalación do réxime especial será requisito necesario a inscrición desta no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial da Xunta de Galicia.

De todas as inscricións, modificacións e cancelacións que se realicen no rexistro daráselle conta á Administración xeral do Estado para os efectos previstos na normativa do réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

Título VI

Expropiación e servidumes

Artigo 44º.-Declaración de utilidade pública.

Para os efectos previstos no título IX da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o recoñecemento da utilidade pública das instalacións incluídas no ámbito desta lei será acordado pola dirección xeral competente en materia de enerxía, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia en caso de oposición de organismos ou outras entidades de dereito público.

Para o dito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite, para o que se incluirá unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que se obtivo un acordo cos seus titulares, xunto coa documentación acreditativa deles. Asemade, presentarase unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación, na que se xustificarán os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo que a evite.

A dita petición someterase a información pública. Igualmente, recadarase o informe dos organismos afectados.

A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e concordantes da Lei do sector eléctrico.

Artigo 45º.-Concorrencia de utilidades públicas, trámite de compatibilidade e declaración de prevalencia.

1. Se solicitado o recoñecemento da utilidade pública polo promotor do parque eólico se opuxese á declaración desta o titular doutro dereito ou interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender que a autorización e subseguinte instalación do parque eólico prexudicaría a estes, procederase á apertura en peza separada dun trámite procedemental no que se decidirá acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados, decantándose, se é o caso, pola prevalencia dun deles.

2. O trámite de compatibilidade de utilidades públicas será iniciado polo organismo tramitador en canto teña coñecemento da existencia de aproveitamentos que poidan resultar incompatibles. Ao dito coñecemento poderá chegarse de oficio, ou por instancia de parte realizada en calquera momento anterior á resolución na que se autorice o proxecto e se declare a utilidade pública.

O órgano tramitador dará audiencia das alegacións presentadas polo titular do dereito ou interese afectado ao solicitante por un prazo de quince días, e emitirá informe acerca da compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos, que se elevará xunto co resto do expediente administrativo ao órgano competente para ditar resolución.

3. Cando a compatibilidade ou prevalencia se suscitase entre aproveitamentos nos que sexa competente para a súa autorización a consellaría con competencias en materia de enerxía, a resolución do procedemento de autorización da instalación e declaración de utilidade pública realizaraa o conselleiro competente en materia de enerxía.

No suposto de que as autorizacións ou os títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellaría, a eventual autorización e declaración de utilidade pública do parque eólico realizaraa o Consello da Xunta, ao que se lle remitirá o expediente co informe das consellarías afectadas.

No suposto de considerarse incompatibles os aproveitamentos, unha vez declarada a utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico, procederase a determinar cal é prevalente.

4. A resolución de prevalencia do proxecto do parque eólico sobre outros aproveitamentos ou infraestruturas declarados de utilidade pública será requisito indispensable para proceder á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo devandito proxecto.

Disposición adicional

Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase a alínea 37 contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente, co seguinte texto:

«37. Actuacións en materia de réxime especial de produción eléctrica:

01. Selección de anteproxectos de instalacións de parques eólicos: 2.500,00 €.

02. Autorización administrativa das instalacións de parques eólicos: 3.000,00 €.

03. Autorización administrativa para a transmisión de titularidade de parques eólicos: 500,00 €.

04. Inclusión no réxime especial e inscrición no rexistro da inclusión, modificación e cancelación do réxime especial: 500,00 €».

Disposicións transitorias

Primeira.-Réxime aplicable a procedementos de autorización en curso.

1. As xustificadas razóns que motivan esta norma son causas necesarias e suficientes de interese público que determinan o desestimento dos procedementos de autorización de parques eólicos en tramitación instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008.

2. En aplicación do previsto no anterior parágrafo, a persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, no prazo do mes seguinte á entrada en vigor da lei, ditará resolución e acordará, expresa e unilateralmente, o desestimento e, en consecuencia, a finalización do procedemento e dos trámites instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008.

3. O desestimento comunicaráselles aos operadores económicos interesados que participasen no referido procedemento.

4. As indemnizacións que se é o caso deriven do desestimento referiranse exclusivamente aos gastos debidamente xustificados que resultasen imprescindibles na instrumentación da solicitude sempre e cando tales documentos non sexan utilizados nas novas convocatorias que se produzan ao amparo desta lei.

5. No prazo dos dous meses seguintes á entrada en vigor da lei a consellaría competente en materia de enerxía ditará as resolucións oportunas e iniciará o proceso de convocatorias mencionado no artigo 28º desta norma.

Segunda.-Áreas de desenvolvemento eólico.

1. En tanto non se modifique o Plan sectorial eólico de Galicia, considéranse ADE as áreas de reserva e as áreas de investigación previstas no Plan sectorial eólico de Galicia vixente.

No caso das ADE nas que se produza superposición coa Rede Natura, a zona de superposición non se considerará apta para implantar novos parques eólicos, salvo proxectos de repotenciación. A limitación antes indicada farase extensiva á totalidade das instalacións do parque eólico recollidas na poligonal establecida no seu proxecto de execución.

No caso de ADE nas que, estando implantados parques eólicos, non sexa posible albergar novos aproveitamentos, só poderán desenvolverse sobre elas proxectos de repotenciación.

2. Aqueles espazos incluídos nas definidas como áreas de investigación polo vixente Plan sectorial eólico de Galicia pertencentes a plans eólicos aínda non esgotados, na potencia outorgada, non poderán incorporarse ás ordes xerais de convocatoria.

Enténdese por plans eólicos empresariais non esgotados aqueles que á data de entrada en vigor desta lei non dispoñan, autorizada ou en tramitación, da totalidade da potencia prevista na resolución de aprobación do seu Plan eólico.

Para posibilitar o desenvolvemento dos intereses existentes nestas áreas ditarase unha orde de convocatoria especifica con anterioridade á primeira convocatoria das reguladas no artigo 28 e que non estará sometida ao procedemento de selección de anteproxectos en competencia regulados no título IV, capítulo I, desta lei.

Terceira.-Plan sectorial eólico de Galicia.

En tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei.

Cuarta.-Especial referencia ao Decreto 302/2001.

De forma transitoria, o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de outubro de 2002, pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos e parques eólicos singulares, serán aplicables para todos aqueles parques eólicos e parques eólicos singulares que foron admitidos a trámite en ordes de convocatoria formuladas ao abeiro desta lexislación.

Disposición derrogatoria

Única.-Especial referencia ao Decreto 242/2007.

Queda derrogado o Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, e a Orde do 13 de xuño de 2002 pola que se crea e regula a Comisión de Seguimento do Plan Eólico de Galicia.

Quedan derrogadas as demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei. Autorízase a consellaría competente en materia de enerxía para aprobar as disposicións que sexan precisas para a aplicación do canon eólico.

Segunda.-Habilitación para a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderá modificar calquera elemento do canon eólico.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao de súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O canon eólico comezará a exixirse a partir do 1 de xaneiro de 2010.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente