DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2010 Páx. 819

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 19 de xaneiro de 2010 pola que se establece o complemento específico do persoal ao servizo da Administración de xustiza destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro (BOE do 17 de decembro), traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos que, dentro do territorio de Galicia, desempeñaba a Administración do Estado sobre o persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O réxime retributivo do persoal ao servizo da Administración de xustiza está regulado no título VI do libro VI da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX), que diferencia conceptos salariais de determinación estatal (retribucións básicas -soldo e trienios-, complemento xeral de posto e complemento de garda) e conceptos salariais de determinación autonómica. Son o complemento específico e a produtividade os conceptos que lles corresponde determinar ás comunidades autónomas con competencia.

Segundo o artigo 519.3º da LOPX, a contía individualizada do complemento específico fixaraa (...) o órgano competente da comunidade autónoma, tras negociación coas organizacións sindicais nos seus respectivos ámbitos, ao elaborar as relacións de postos de traballo.

A relación de postos de traballo (RPT) do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) foi aprobada pola Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio de Xustiza, por acordo do 1 de marzo de 2005. Á dita RPT non se incorporou o complemento específico porque naquel momento non estaba regulado o complemento xeral de posto para os médicos forenses, e a cuantificación deste elemento era esencial para a posterior determinación do complemento específico.

O Real decreto 1033/2007, do 20 de xullo, polo que se determinan os postos tipo das unidades que integran as oficinas xudiciais e outros servizos non xurisdicionais e as súas correspondentes valoracións, para efectos do complemento xeral de posto dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, regulou o complemento xeral de posto non só para os funcionarios do corpo de médicos forenses, senón tamén para o conxunto do persoal ao servizo da Administración de xustiza destinado nos institutos de medicina legal.

Coa entrada en vigor deste Real decreto 1033/2007, xorde a necesidade de adaptar a relación de postos de traballo do Imelga ao previsto na Lei orgánica 19/2003. Esta necesidade de adaptación refírese fundamentalmente ao establecemento do complemento específico de cada posto, cuestión que é de competencia da comunidade autónoma, como anteriormente indicamos.

Para cumprir esta previsión e completar a regulación do réxime retributivo do dito persoal, por medio desta orde establécese o complemento específico dos postos de traballo incorporados á RPT do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Tendo en conta o anterior, e logo de seren oídas as organizacións sindicais, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

O obxecto desta orde é determinar o importe do complemento específico dos postos comprendidos na relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia

Segundo.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación desta orde comprende o persoal funcionario dos corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Así mesmo, comprende o persoal interino que desempeñe os ditos postos e mais o persoal que realice funcións de reforzo no dito instituto.

Terceiro.-Contía do complemento específico.

A contía anual do complemento específico para o ano 2010 queda establecida nas contías que para cada tipo de posto se recollen no anexo desta orde, referidas a doce mensualidades.

Cuarto.-Dereito á percepción.

1. O dereito á percepción económica do complemento específico regulado nesta orde será mensual, segundo o réxime previsto para o complemento específico na normativa sobre función pública da comunidade autónoma.

2. Se o período de desempeño do posto de traballo fose inferior ao mes ou o funcionario realizase unha xornada reducida con minoración de salario, a contía do complemento específico será proporcional ao período ou xornada efectivamente desempeñados.

Disposición transitoria

Única.-Exclusión da percepción do complemento autonómico transitorio.

O persoal comprendido nesta orde queda excluído do ámbito de aplicación do complemento autonómico transitorio para o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Disposición derradeira

Primeira.-Efectos económicos.

Esta orde terá efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2010.

Segunda.-Entrada en vigor.

Sen prexuízo do establecido na disposición derradeira anterior, esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "01400D005P011.PDF"