DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 02 de febreiro de 2010 Páx. 1.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 7/2010, do 14 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

O artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, determinando que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece na súa disposición adicional oitava que as universidades adaptarán os seus estatutos conforme o disposto na dita lei nun prazo máximo de tres anos.

A Universidade de Vigo presentou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de estatutos, aprobada polo seu claustro universitario na sesión do 26 de maio de 2009, para a correspondente aprobación e publicación por parte desta comunidade autónoma. Emendados reparos de legalidade sobre algúns puntos destes foi aprobada nova redacción destes polo Claustro Universitario da Universidade de Vigo con data do 10 de novembro de 2009.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, por proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos da Universidade de Vigo.

Apróbanse os estatutos da Universidade de Vigo coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o Decreto 421/2003, do 13 de novembro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xaneiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Estatutos da Universidade de Vigo

Título preliminar

Artigo 1º

1. A Universidade de Vigo é unha institución de dereito público á que lle corresponde, no ámbito das súas competencias, o servizo público da educación superior. Está dotada de personalidade xurídica e patrimonio propios e goza de autonomía académica, económica e de goberno, de acordo coa Constitución e coa Lei orgánica de universidades.

2. Estes estatutos constitúen a norma institucional básica do réxime de autogoberno da Universidade de Vigo.

3. A Universidade de Vigo inspirarase nos principios de igualdade, solidariedade, democracia e liberdade. É deber de todos os integrantes da comunidade universitaria e, en particular, dos seus órganos de goberno, darlles plena efectividade a estes principios e impedir calquera tipo de discriminación e o incumprimento do expresado nestes estatutos.

Artigo 2º

1. A Universidade de Vigo, como organización pública que é, está ao servizo da sociedade.

2. Son fins prioritarios da Universidade de Vigo:

a) A consecución das máximas cotas de calidade de docencia e investigación.

b) A impartición de formación axeitada, presencial ou non, para facilitar a aprendizaxe do estudantado, a preparación para o exercicio de actividades profesionais ou artísticas e a obtención dos títulos académicos correspondentes.

c) O fomento da procura de novos coñecementos e a transferencia destes á sociedade, a creación artística e o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a avaliación dos seus resultados, tanto no que atinxe á investigación básica como á aplicada.

d) A difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

e) A facilidade, estimulación e acollida das actividades intelectuais e críticas en todos os campos da cultura e do coñecemento.

f) O afondamento na cooperación universitaria no ámbito internacional e a integración no Espazo Europeo de Educación Superior.

g) O acollemento dun modelo de desenvolvemento sustentable baseado no respecto, na preocupación e na conservación do medio.

3. A Universidade de Vigo procurará que os fins e as tarefas universitarias queden á marxe das determinacións e da vontade de calquera entidade social, política, económica, relixiosa ou ideolóxica.

Artigo 3º

A Universidade de Vigo, vinculada á realidade histórica, social e económica de Galicia, dedicaralle especial atención ao estudo e ao desenvolvemento da súa cultura e do seu medio e proxectarase dun xeito activo sobre os problemas galegos mediante programas específicos de docencia, de investigación e de desenvolvemento e difusión establecidos a partir de necesidades concretas. Con estes obxectivos procurará a cooperación coas outras universidades galegas. A Universidade de Vigo asume tamén o compromiso de detectar, diagnosticar e contribuír á solución dos problemas existentes nas sociedades contemporáneas e de promover políticas activas de igualdade e de promoción social.

Artigo 4º

1. O galego é a lingua propia da Universidade de Vigo.

2. A Universidade de Vigo promoverá, de acordo coas súas competencias, liñas de actuación que garantan o uso pleno da lingua galega en todas as súas actividades docentes, investigadoras, administrativas e de servizos.

3. A Universidade de Vigo establecerá mecanismos formativos para que, nos procesos de acollida dos diferentes membros da comunidade universitaria, se favoreza o coñecemento suficiente da lingua galega.

4. Nos procesos de selección de persoal, valorarase positivamente o coñecemento da lingua galega e do resto das linguas oficiais da Unión Europea.

Artigo 5º

1. A Universidade de Vigo fundamentará a súa actuación nos principios de liberdade de cátedra, de investigación e de estudo, así como nos de interdisciplinariedade, pluralismo ideolóxico e participación.

2. A liberdade de cátedra maniféstase no dereito dos docentes a expoñeren libremente as súas ideas, opinións e conviccións científicas e artísticas no exercicio da súa actividade docente. Esa liberdade de cátedra terá como límites os establecidos na Constitución e nas leis e os derivados da organización das ensinanzas da universidade, así como o dereito que todo estudante posúe a ser informado, con rigor científico, sobre aquelas teses ou teorías que o profesor ten declarado non compartir.

3. A liberdade de investigación implica a elección das liñas ou proxectos e empregar libremente os principios metodolóxicos, elixir os obxectivos que considere axeitados e divulgar os resultados obtidos no labor investigador. Os proxectos de investigación e de desenvolvemento deberán cumprir en todos os seus extremos co disposto na lexislación vixente sobre o ambiente e a protección dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos.

4. A liberdade de estudo abrangue, ademais do dereito de elección de centro e de ensinanzas nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, o de se servir dos medios científicos da universidade para unha participación activa no proceso da propia formación e, para maior abastanza, da libre manifestación de opinións científicas ou artísticas. A Universidade de Vigo, para desenvolver axeitadamente a misión social que lle corresponde, facilitaralle o acceso aos estudos universitarios a quen posúa aptitudes; para tal fin, promoverá unha política eficaz de bolsas e de créditos para o estudo, en colaboración con entidades públicas e privadas, así como, dentro do ámbito das súas atribucións e na medida das súas dispoñibilidades, a exención total ou parcial do pagamento das taxas académicas ou o seu fraccionamento, de acordo co establecido na normativa vixente.

5. O principio de interdisciplinariedade garante a dimensión universal da ciencia, da técnica e da cultura, mediante a relación continuada de investigadores e de docentes dos diversos ámbitos, a prol dunha produción científica globalizada e non unicamente sectorial e dunha docencia que permita alcanzar unha visión de conxunto do saber humano.

6. A Universidade de Vigo ten como unha das súas misións fundamentais erixirse en promotora da creación e da difusión do pensamento crítico e do fomento da cultura entre a comunidade universitaria e a sociedade no seu conxunto, para a consecución dunha formación integral da persoa no proceso de educación permanente. Entre os seus obxectivos establécese a cooperación para o desenvolvemento, a transformación social e cultural, a creación e a difusión de hábitos e de formas culturais críticas, participativas e solidarias, así como unha formación permanente, aberta e plural. Para iso, deberase propiciar a existencia de espazos, de estruturas e o desenvolvemento de todas as accións que faciliten e promovan a consecución dos devanditos obxectivos.

7. O principio de pluralismo ideolóxico garante, en todas as actividades da Universidade de Vigo, o respecto ás diferentes crenzas e ideoloxías. Ningún acto académico de natureza relixiosa ou ideolóxica terá carácter oficial.

8. A estrutura de goberno e de xestión da universidade responderá aos principios de eficiencia, de eficacia e de transparencia.

Artigo 6º

A Universidade de Vigo, seguindo os principios e normas internacionais, comunitarias e internas, comprométese a promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nas súas normas.

Os eidos que é preciso tratar son:

a) O acceso en igualdade de condicións á ensinanza e á investigación universitaria.

b) O acceso en igualdade de condicións ao traballo e á promoción profesional dentro da universidade.

c) A organización das condicións de traballo con perspectiva de xénero, especialmente tendo en conta a conciliación entre a vida profesional e familiar.

d) A promoción da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación.

e) A promoción da representación equilibrada nos diferentes órganos e niveis de toma de decisións dentro da universidade.

Artigo 7º

A Universidade de Vigo, para o cumprimento dos seus fins e segundo a súa autonomía, ten as seguintes competencias:

a) A elaboración e proposta da reforma dos seus estatutos.

b) A elaboración e aprobación de normas que desenvolvan os seus estatutos ou outras disposicións que lle sexan de aplicación.

c) A elección, nomeamento e revogación dos seus órganos de goberno, representación e administración e aprobación dos procedementos para o facer.

d) A elaboración, aprobación e xestión dos seus orzamentos e administración dos seus bens.

e) A fixación e modificación dos seus cadros de persoal.

f) A selección, formación e promoción do persoal docente e investigador e de administración e servizos, así como a determinación das condicións en que teñen que desenvolver as súas actividades.

g) A elaboración e aprobación dos seus plans de estudo e investigación e de ensinanzas específicas de formación ao longo de toda a vida.

h) A creación e xestión dos fondos para a axuda ao estudo, á investigación, á difusión da cultura e á cobertura de prestacións sociais.

i) A organización de actividades de extensión universitaria, culturais, sociais e deportivas.

j) O mantemento e potenciación dos servizos asistenciais para complementar o desenvolvemento persoal de todos os membros da comunidade universitaria, nos termos que se establezan nestes estatutos.

k) A creación de estruturas específicas que actúen como apoio do estudo, da docencia e da investigación.

l) A fixación das condicións de admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos do estudantado.

m) A expedición, en nome do rei, de títulos ou diplomas académicos e profesionais de carácter oficial, así como o establecemento e a emisión de títulos e de diplomas propios.

n) O establecemento de relacións académicas, culturais ou científicas con institucións españolas ou estranxeiras e o fomento dos correspondentes intercambios.

ñ) Calquera outra competencia que teña vinculación coas finalidades e funcións establecidas no artigo 2º destes estatutos e que non lles estea atribuída expresamente pola lexislación vixente ao Estado ou á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º

A Universidade de Vigo, a través dos seus órganos de goberno e de xestión, establecerá o control adecuado e a avaliación periódica das súas actividades e do cumprimento das obrigas de todos os seus membros, así como a procura dos seus fins e obxectivos.

Título I

Da estrutura da Universidade de Vigo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 9º

1. A Universidade de Vigo está estruturada en tres campus: Ourense, Pontevedra e Vigo. Para realizar as súas funcións nos diversos campus, a universidade organizarase dun xeito funcionalmente desconcentrado. A reitoría ten a súa sede no Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende).

2. A Universidade de Vigo poderá, nos termos fixados nas leis e nos acordos internacionais, promover e crear institucións universitarias noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Artigo 10º

A Universidade de Vigo está integrada por escolas, facultades, departamentos, institutos universitarios de investigación e por outros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións.

Capítulo II

Dos centros

Sección primeira

Das facultades e escolas

Artigo 11º

As escolas e as facultades son os centros encargados da organización das ensinanzas e dos procesos académicos, administrativos e de xestión conducentes á obtención de títulos de grao oficiais e con validez en todo o territorio nacional. Poderán impartir tamén ensinanzas conducentes á obtención doutros títulos, así como levar a cabo aquelas funcións que determine a universidade, para o que deben contar cos medios e coa organización axeitados.

Artigo 12º

1. A creación, a modificación e a supresión dos centros aos que se refire o artigo anterior, así como a implantación e a supresión das ensinanzas conducentes á obtención de títulos oficiais e con validez en todo o territorio nacional, serán acordadas polo órgano competente da Xunta de Galicia, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da Universidade, ben por iniciativa da universidade, mediante a proposta do Consello de Goberno; en ambos os casos, tras o informe favorable do Consello Social. De todo iso deberá ser informada a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

2. Por instancia do Consello Social, do claustro, dun ou de varios centros ou departamentos ou por decisión propia, o Consello de Goberno iniciará o expediente de creación, de modificación ou de supresión dunha facultade ou escola. En todo caso, o expediente deberá ser exposto para información da comunidade universitaria durante, polo menos, un mes.

3. Despois de lle asignar unha nova titulación de grao á Universidade de Vigo, o Consello de Goberno decidirá o centro ao que se lle adscribirá esa titulación, segundo o informe preceptivo do claustro e, se é o caso, iniciará o expediente de creación dun centro, se o considerase preciso.

Artigo 13º

Son funcións dos centros aos que fai referencia a rúbrica desta sección:

a) A custodia das actas de cualificación e dos expedientes do alumnado.

b) A expedición das certificacións académicas solicitadas polos estudantes ao centro.

c) A implantación e seguimento dos plans de estudo.

d) A organización da docencia e a súa coordinación, supervisión e control, así como a realización dos encargos de docencia, de conformidade cos plans de estudo e de acordo coa normativa da universidade.

e) A organización e a coordinación das ensinanzas que dean dereito a títulos propios adscritos ao centro.

f) A organización das relacións entre departamentos e con outros centros, co fin de garantir a coordinación das ensinanzas e a racionalización da xestión académica e administrativa.

g) A aplicación das directrices da Universidade de Vigo sobre a normalización lingüística.

h) O fomento, o apoio e a achega de medios materiais existentes no centro para realizar actividades de formación e complementarias do persoal vinculado a el.

i) A realización das actividades de colaboración da Universidade de Vigo con organismos públicos ou privados en todo o que afecte o centro.

j) A administración dos servizos e mais os equipamentos asignados ao centro.

k) A xestión e administración da súa asignación orzamentaria.

l) A realización da xestión administrativa necesaria para que as anteriores funcións se poidan efectuar.

m) A participación nos procesos de avaliación da calidade e a promoción activa da mellora da calidade da súa oferta académica.

n) A proposición ao órgano competente da implantación de novas titulacións.

o) Calquera outra que lles poidan atribuír os presentes estatutos e as demais disposicións vixentes.

Sección segunda

Doutros centros

Artigo 14º

1. A Universidade de Vigo, por acordo do Consello Social, por instancia do Consello de Goberno, tras o informe preceptivo do claustro, poderá instituír centros de carácter público dedicados á docencia, á investigación ou á creación artística. En ningún caso, as actividades destes centros poden conducir á obtención de títulos universitarios oficiais de grao.

2. A estes centros seralles de aplicación, para todos os efectos, o disposto nestes estatutos e na lexislación vixente.

Artigo 15º

1. Son centros adscritos á Universidade de Vigo os que, dependendo de institucións publicas ou privadas, fosen debidamente autorizados e subscriban o correspondente convenio de colaboración, no marco do disposto na normativa que, en cada caso, lles sexa de aplicación. Para a celebración do convenio de colaboración e funcionamento dos centros adscritos, haberá que aterse ao disposto no regulamento de centros adscritos aprobado no claustro.

2. A adscrición requirirá a aprobación polo órgano competente da Xunta de Galicia, por proposta do Consello de Goberno da Universidade, despois do informe previo favorable do Consello Social. De todo iso deberá ser informada a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

3. Os requisitos básicos que deberán cumprir os centros adscritos serán establecidos polo Goberno en cumprimento do disposto no artigo 4.3º da LOU.

Capítulo III

Dos departamentos

Artigo 16º

1. Os departamentos son as unidades de docencia e de investigación encargadas de coordinar as ensinanzas universitarias nun ou en varios ámbitos do coñecemento, nun ou en varios centros, de acordo coa programación docente da universidade, de apoiar as actividades e as iniciativas docentes e investigadoras do profesorado e de exercer aquelas funcións que establezan os estatutos.

2. A creación, a modificación e a supresión de departamentos e, se é o caso, das súas seccións farase consonte o establecido no regulamento de departamentos aprobado no claustro.

Artigo 17º

Son funcións dos departamentos as seguintes:

a) O desenvolvemento dos estudos universitarios oficiais, de acordo coa programación e suxestións que realicen o centro ou centros en que se dispensen.

b) O impulso de actividades e de iniciativas docentes e investigadoras do seu persoal académico.

c) O fomento e promoción de proxectos, convenios e contratos de investigación e de desenvolvemento.

d) O desenvolvemento das ensinanzas que dean lugar a títulos propios adscritos ao departamento.

e) O fomento e promoción da realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico.

f) O impulso da formación e da renovación pedagóxica, científica, técnica ou artística do seu persoal docente e investigador.

g) A participación nos procesos de avaliación da calidade institucional e a promoción activa da mellora da calidade das súas actividades docentes e investigadoras.

h) A xestión e administración da súa asignación orzamentaria.

i) A programación e asignación dos seus medios e recursos, así como o coidado, mantemento e renovación dos seus bens, equipos e instalacións.

j) Todas as funcións que estes estatutos e outras disposicións vixentes lles poidan atribuír.

Artigo 18º

Co fin de obter o máximo rendemento dos recursos docentes e investigadores, poderán constituírse departamentos interuniversitarios mediante convenios da Universidade de Vigo e outras universidades. Nestes casos, o regulamento de réxime interno do departamento deberá figurar no convenio, que debe tramitarse consonte o establecido no regulamento de departamentos aprobado no claustro.

Capítulo IV

Dos institutos universitarios

Artigo 19º

Os institutos universitarios de investigación son centros fundamentalmente destinados á investigación científica e técnica ou á creación artística, que tamén poden realizar tarefas docentes en ensinanzas especializadas ou cursos de doutoramento e de posgrao relacionados cos seus programas de investigación e proporcionar asesoramento técnico no ámbito da súa competencia. As actividades docentes e investigadoras dos institutos non poderán coincidir nos distintos ámbitos de competencia coas desenvolvidas por algún departamento ou área de coñecemento.

Artigo 20º

Os institutos universitarios poderán ser:

a) Propios, da Universidade de Vigo.

b) Os que se constitúan con outras universidades, ou conxuntamente con outras entidades públicas ou privadas, mediante convenios ou outras formas de cooperación.

c) Mixtos, os creados en colaboración con organismos públicos de investigación, os centros do Sistema Nacional de Saúde e con outros centros de investigación públicos ou privados sen ánimo de lucro, promovidos e participados por unha Administración pública, mediante o convenio onde se establecerá a súa estrutura orgánica de dependencia das entidades colaboradoras, así como un regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por estas.

d) Adscritos, os dependentes doutras entidades públicas ou privadas que establezan un convenio coa Universidade de Vigo. Este convenio terá en conta o réxime previsto para o suposto de extinción do instituto, así como a instrumentación da súa coordinación ou tutela pola Universidade de Vigo.

Artigo 21º

1. Para a creación, a modificación e a supresión dos institutos universitarios de investigación haberá que aterse ao disposto no punto 1 do artigo 12º.

2. Por instancia do Consello Social, do claustro, dun ou de varios centros ou departamentos ou grupos de investigación, ou por decisión propia, o Consello de Goberno iniciará o expediente de creación, de modificación ou de supresión dun instituto, consonte o regulamento de institutos universitarios de investigación aprobado polo claustro. En todo caso, o expediente deberá ser exposto para información da comunidade universitaria durante, polo menos, un mes.

Título II

Dos órganos da Universidade de Vigo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 22º

O réxime de goberno da Universidade de Vigo fundaméntase no principio de representación de todos os sectores da comunidade universitaria nos seus órganos colexiados, así como no de designación por elección das persoas que van ocupar os cargos académicos, agás as excepcións establecidas explicitamente nestes estatutos. A Universidade de Vigo propiciará a presenza equilibrada de homes e de mulleres nos seus órganos de goberno, para o que establecerá as normas necesarias nos procedementos electorais.

Tendo en conta a supremacía dos órganos colexiados sobre os órganos unipersoais, é competencia dos primeiros todo o que a normativa vixente non lles atribúa explicitamente aos segundos.

Artigo 23º

O goberno, a participación social, a representación e a administración da Universidade de Vigo articularanse, cando menos, a través dos seguintes órganos:

a) Colexiados: Consello Social, Claustro Universitario, Consello de Goberno, xuntas de facultade, xuntas de escola, consellos de departamento e de instituto universitario, consellos de campus, xuntas de titulación e xuntas, consellos ou outros órganos doutros centros que se puidesen crear.

b) Unipersoais: reitor ou reitora, vicerreitores ou vicerreitoras, secretario ou secretaria xeral, a persoa que ocupe a xerencia, decanos ou decanas e vicedecanos ou vicedecanas de facultades, directores ou directoras e subdirectores ou subdirectoras de escolas, de departamentos e de institutos universitarios e secretarios ou secretarias de facultades, de escolas universitarias, de departamentos, de institutos ou doutros órganos que se puidesen crear.

Artigo 24º

1. As resolucións do reitor ou da reitora e os acordos do claustro, do Consello de Goberno e do Consello Social esgotan a vía administrativa e son impugnables ante os tribunais de xustiza.

2. As decisións dos restantes órganos colexiados e unipersoais da Universidade son susceptibles de recurso ante o Consello de Goberno ou diante do reitor ou reitora, respectivamente, e esgotan a vía administrativa. A interposición do recurso poderá suspender a execución do acto ou disposición impugnados cando, do contrario, se poidan producir danos de imposible ou difícil reparación, sempre que o interese público non se vexa prexudicado pola falta de execución inmediata.

Capítulo II

Dos órganos colexiados

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 25º

Os órganos colexiados elaborarán e aprobarán a proposta do seu regulamento de réxime interno, onde, ademais do previsto nestes estatutos e nos regulamentos que os desenvolvan, deberán constar como mínimo:

a) A normativa de elección dos membros do órgano.

b) O réxime de votación e a normativa para a elección e revogación dos cargos unipersoais.

c) O réxime de quórum e de maiorías para a toma de acordos.

Artigo 26º

De acordo co establecido no regulamento do propio órgano, poderán ser invitados ás súas reunións, con voz pero sen voto, todos os membros da comunidade universitaria que estean interesados en asuntos específicos e que poidan resultar afectados por eles. En todo caso, as sesións dos órganos colexiados estarán abertas aos membros da comunidade universitaria no seu ámbito.

Artigo 27º

Os membros dos órganos colexiados, agás os que o sexan por razón do seu cargo ou por designación, de acordo co disposto nestes estatutos, deben ser elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Non se admitirá a delegación de voto, o voto anticipado nin o voto por correo. Propiciarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes, para o que se establecerán as normas necesarias nos procedementos electorais.

Artigo 28º

Perderase a condición de membro dun órgano colexiado por finalización legal do mandato, por petición propia ou por perda das condicións necesarias para ser elixido.

Sección segun da

Do Consello Social

Artigo 29º

1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Vigo e debe exercer como elemento de interrelación entre a sociedade e a Universidade. Correspóndelle fomentar iniciativas sociais e promover a actuación dos poderes públicos para estimular investimentos que favorezan as actividades da Universidade de Vigo e que adecúen a capacidade docente e investigadora desta á demanda social.

2. A súa composición axustarase ao disposto na lexislación vixente. En todo caso, son membros do Consello, ademais do reitor ou reitora, o secretario ou secretaria xeral, a persoa que ocupe a xerencia e, cando menos, un representante do profesorado, do alumnado e do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno de entre os seus membros.

Artigo 30º

Son funcións do Consello Social as seguintes:

a) A elaboración e aprobación do seu regulamento de funcionamento.

b) A contribución á calidade da Universidade e á elevación do seu nivel.

c) A promoción da colaboración da sociedade no financiamento da Universidade.

d) A aprobación dun plan anual de actuacións destinado a promover as relacións entre a Universidade e o seu contorno cultural, profesional, económico e social ao servizo da calidade da actividade universitaria.

e) A aprobación, por proposta do Consello de Goberno, do orzamento e a programación económica plurianual da Universidade.

f) A aprobación das contas anuais da Universidade e as das entidades dela dependentes.

g) A emisión dun informe previo favorable á creación ou supresión de escolas e facultades, departamentos e institutos universitarios de investigación e a implantación ou supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e de validez en toda España.

h) O establecemento de normas que regulen o progreso e a permanencia na Universidade dos estudantes, de acordo coas características dos respectivos estudos.

i) A fixación dos prezos de ensinanzas propias e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades.

j) O acordo, por proposta do Consello de Goberno, e dentro dos límites que para este fin fixe a Xunta de Galicia, da asignación con carácter individual de conceptos retributivos adicionais, en atención á existencia de méritos relevantes ou esixencias relativas á docencia, á investigación ou á xestión, conforme a lexislación vixente.

k) A supervisión das actividades de carácter económico da Universidade e o rendemento dos seus servizos.

l) A aprobación, para un mellor cumprimento dos fins da Universidade, da creación de empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas segundo a lexislación aplicable.

m) A aprobación dos actos de disposición dos bens inmobles e dos mobles de extraordinario valor, de conformidade coas normas que a este respecto determine a comunidade autónoma na Lei dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

n) O coñecemento e, se é o caso, a prestación do seu acordo, da proposta do reitor ou reitora para o nomeamento da persoa que ocupe a xerencia da Universidade.

ñ) A emisión dun informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos da Universidade, con posterioridade á súa aprobación polo Consello de Goberno.

o) A emisión dun informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado e do persoal de administración e servizo en réxime laboral da universidade.

p) Todas as funcións que lle atribúan a lexislación vixente e estes estatutos.

Sección terceira

Do Claustro Universitario

Artigo 31º

O Claustro Universitario é o máximo órgano de representación e de control da comunidade universitaria.

Artigo 32º

O claustro da Universidade de Vigo estará composto por douscentos cincuenta e catro (254) membros:

O reitor ou reitora, que o presidirá, o secretario ou secretaria xeral e a persoa encargada da xerencia.

Cento vinte e oito representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á universidade (51%).

Vinte e tres representantes do restante persoal docente e investigador (9%).

Setenta e cinco representantes de estudantes (30%).

Vinte e cinco representantes do persoal de administración e servizos (10%).

Artigo 33º

Os membros do claustro serán elixidos por catro anos, excepto o alumnado, que o será por dous.

Artigo 34º

O claustro reunirase con carácter ordinario, polo menos, dúas veces ao ano. Reunirase con carácter extraordinario de acordo co que dispoña o seu regulamento de réxime interno.

Artigo 35º

Son funcións do Claustro Universitario as seguintes:

a) A elaboración, aprobación e modificación do seu regulamento de réxime interno.

b) A proposta de modificación total ou parcial dos estatutos, así como a aprobación dos regulamentos xerais de desenvolvemento dos estatutos.

c) A convocatoria con carácter extraordinario de eleccións a reitor ou reitora nos termos fixados nestes estatutos.

d) O informe preceptivo sobre a planificación plurianual da Universidade que o reitor ou reitora presentará no primeiro ano de mandato.

e) O debate no primeiro trimestre de cada curso académico do informe anual do reitor ou reitora.

f) O informe preceptivo das liñas xerais de política orzamentaria.

g) O informe preceptivo sobre as propostas das novas titulacións de grao da Universidade de Vigo, así como da facultade ou escola á que se adscribe esa titulación.

h) O informe preceptivo sobre os centros de carácter público dedicados á docencia, á investigación ou á creación artística.

i) A formulación de propostas e de recomendacións xerais e servir de vieiro de expresión da comunidade universitaria.

j) Servir de ámbito para a formulación de interpelacións ao reitor ou reitora e aos membros do seu equipo, así como ao resto dos membros do Consello de Goberno.

k) A elección e, se é o caso, revogación da defensora ou defensor universitario, así como o debate da memoria que este presente no nome do Tribunal de Garantías.

l) A elección dos demais membros do Tribunal de Garantías e a aprobación do regulamento deste órgano.

m) No marco da normativa que resulte aplicable, a aprobación das normas relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria.

n) A elección ou revogación de todos os membros elixidos no seu seo do Consello de Goberno.

o) A demanda de informes ou solicitudes de comparecencia diante do claustro dos representantes de calquera dos órganos de goberno e representación da Universidade.

p) A elección da Comisión de Reclamacións prevista na lexislación vixente para os concursos de acceso aos corpos docentes universitarios.

q) Calquera outra función que se lle recoñeza na lei e nestes estatutos.

Artigo 36º

1. Un terzo do claustro poderá propor a convocatoria de eleccións a reitor ou reitora. A presentación da proposta provocará a convocatoria do Claustro Universitario no prazo máximo de dez días.

2. A proposta será discutida en sesión plenaria, onde intervirá, en primeiro lugar, un membro do claustro, en representación dos propoñentes, explicando os motivos da proposta. Intervirá a continuación o reitor ou reitora, tras o que se abrirá unha quenda de palabra para todos os membros do claustro, que se pechará cunha segunda intervención do representante dos propoñentes e do reitor ou reitora.

3. Despois do debate, a proposta será votada e entenderase aprobada se obtén o voto favorable de dous terzos da totalidade dos membros do claustro. A aprobación da proposta suporá a inmediata convocatoria de eleccións a reitor ou reitora e ao Claustro Universitario no prazo de trinta días e deberán celebrarse as devanditas eleccións na mesma data.

4. Se a proposta non prosperase, ningún dos seus asinantes poderá subscribir unha nova petición deste tipo ata que pase un ano.

5. Durante a tramitación, o debate e a votación destas propostas, o claustro será presidido polo membro da mesa que determine o regulamento.

Sección cuarta

Do Consello de Goberno

Artigo 37º

1. O Consello de Goberno é o órgano de goberno da Universidade.

2. A composición do Consello de Goberno será a seguinte:

a) O reitor ou reitora, que o preside.

b) O secretario ou secretaria xeral e a persoa que ocupe a Xerencia.

c) Quince membros designados polo reitor ou reitora, entre os que deben estar necesariamente os vicerreitores ou vicerreitoras.

d) Vinte membros elixidos polo claustro, dos que dez serán membros do persoal docente e investigador, oito deles doutores ou doutoras con vinculación permanente á Universidade, oito estudantes e dous membros do persoal de administración e servizos.

e) Quince membros elixidos polo claustro entre as persoas que desempeñen a dirección dos centros, departamentos ou institutos de investigación.

f) Tres membros do Consello Social non pertencentes á comunidade universitaria.

g) Recoñécese a presenza con voz pero sen voto de dous representantes sindicais, un do persoal docente e investigador e outro do persoal de administración e servizos, designados polas organizacións sindicais con presenza nas xuntas de persoal e comités de empresa da Universidade de Vigo.

Artigo 38º

Os membros do Consello de Goberno serán elixidos por catro anos, excepto o alumnado que o será por dous.

Artigo 39º

Correspóndenlle ao Consello de Goberno as seguintes funcións:

a) A aprobación do seu regulamento de réxime interno.

b) O establecemento das liñas estratéxicas e programáticas da Universidade e a aprobación da ordenación xeral da actividade académica e investigadora, así como das directrices e procedementos para as aplicar.

c) A asistencia ao reitor ou reitora en todos os asuntos da súa competencia.

d) A aprobación de todas as normativas que non sexan competencia do claustro.

e) A determinación das condicións de validacións de títulos e a aprobación da creación de títulos e de diplomas propios.

f) A aprobación da creación, da modificación e da supresión de departamentos, de acordo cos regulamentos correspondentes aprobados polo claustro, dándolle conta a este.

g) A tramitación e proposta á Xunta de Galicia sobre a creación, a modificación ou a supresión de escolas ou facultades ou institutos universitarios de investigación, segundo o informe preceptivo do claustro.

h) A aprobación das propostas de creación das novas titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, así como da facultade ou escola á que se adscribe esa titulación, segundo o informe preceptivo do claustro.

i) A aprobación de propostas de novas titulacións oficiais de máster e de doutoramento.

j) A aprobación dos proxectos de orzamento, segundo o informe preceptivo das liñas xerais do claustro, das contas anuais da Universidade para o seu trámite ao Consello Social e das transferencias de créditos entre os diversos conceptos dos capítulos de operacións correntes e de capital.

k) A aprobación da proposta de programación plurianual, segundo o informe preceptivo do claustro.

l) A promoción da creación ou participación na constitución de empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas, de acordo coa lexislación aplicable.

m) A autorización da celebración de convenios de cooperación científica con outras universidades e institucións.

n) A convocatoria de eleccións para a renovación total ou parcial do Claustro Universitario.

ñ) O acordo de creación de novos servizos, así como da súa modificación ou supresión e informar o claustro e o Consello Social sobre estes acordos.

o) A aprobación, nos casos que corresponda, das normas de desenvolvemento destes estatutos.

p) A aprobación das propostas de plans de estudos para elevalas aos órganos competentes.

q) A proposición ao claustro das normas relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria.

r) A concesión das distincións honoríficas da universidade, nas circunstancias e condicións que regulamentariamente se determine.

s) A determinación da capacidade dos centros e os seus sistemas de acceso e a proposición ao Consello Social das normas que regulen a permanencia na Universidade dos estudantes que non superen as probas correspondentes nos períodos establecidos.

t) A aprobación dos cadros de persoal docente e investigador e de administración e servizos.

u) O acordo, respectando as previsións legais, da provisión de prazas vacantes por concurso de acceso entre acreditados ou acreditadas e profesorado do corpo correspondente ou de superior categoría.

v) A autorización, de acordo coa lei, da contratación de profesorado non funcionario nos termos previstos nestes estatutos.

w) O acordo do nomeamento de profesorado emérito e contratación de profesorado visitante.

x) O acordo das propostas de incorporación do profesorado, consonte o disposto nestes estatutos.

aa) A elaboración da normativa de nomeamento e actuación das comisións de contratación de profesorado. A devandita normativa incluirá, polo menos, un calendario que prevexa a programación docente, os prazos para efectuar os encargos de docencia e a saída a concurso de prazas de persoal docente, para permitir a normalidade académica ao comezo de cada curso.

ab) A promoción da constante mellora da calidade da universidade.

ac) A elección entre os seus membros dos que deban formar parte do Consello Social.

ad) A elección dos membros das demais comisións para as que está prevista a designación dos seus membros no Consello de Goberno, nestes estatutos ou nos regulamentos que os desenvolven.

ae) A adxudicación de doutoramentos honoris causa a persoas que, segundo os seus méritos, considere merecedoras de tal nomeamento, de acordo cos procedementos establecidos polo claustro.

af) Calquera outra función ou competencia que lle sexa atribuída ou recoñecida pola lei, por acordo do claustro, por decisión do reitor ou reitora, ou por estes estatutos e polas disposicións que os desenvolvan.

Sección quinta

Dos consellos de campus

Artigo 40º

Nos campus existirán consellos de campus, que serán órganos colexiados de representación e de coordinación do campus, coa seguinte composición:

a) A presidencia, que será o reitor ou reitora da Universidade.

b) Un vicerreitor ou vicerreitora.

c) Todos os decanos ou decanas ou directores ou directoras dos centros do campus.

d) Cinco representantes do profesorado, elixidos por e entre claustrais do mesmo sector e campus, dos que polo menos un non pertenza ao profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade. Garantirase que haxa polo menos un representante de cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidatos.

e) Cinco estudantes, elixidos por e entre claustrais do mesmo sector e campus, entre os que haberá polo menos un por cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidatos.

f) Os dous membros do persoal de administración e servizos que obtivesen máis votos nos respectivos campus nas eleccións ao claustro.

Todos os membros do Consello de Campus, bardante o presidente, serán elixidos por un período de catro anos, agás o alumnado, que será elixido por dous anos. A secretaria ou secretario será nomeado pola presidencia de entre os membros do Consello con dedicación a tempo completo.

Artigo 41º

Son funcións do Consello de Campus:

a) A proposición ao órgano competente da implantación das novas titulacións no seu ámbito territorial.

b) A promoción da consecución de edificios e terreos para desenvolver o labor docente e investigador.

c) A promoción da descentralización dos servizos.

d) A participación na elaboración das políticas académicas específicas do campus.

e) Atender á creación e ao correcto funcionamento dos servizos xerais do campus, así como verificar a calidade dos servizos que sexan competencia doutras institucións públicas.

f) O fomento das relacións institucionais con organismos locais e provinciais, así como da proxección da Universidade no seu contorno.

g) Todas as competencias que lle sexan delegadas polo Consello de Goberno.

h) O nomeamento de comisións que considere convenientes para exercer mellor as súas funcións.

i) Todas as demais competencias que estes estatutos e os regulamentos desta Universidade lle confiran.

Sección sexta

Das xuntas de centro

Artigo 42º

1. A Xunta de Centro é o órgano colexiado de representación e de decisión do centro. Está composta polo decano ou decana ou director ou directora, que a preside, e polo seguinte conxunto de membros adscritos ao centro:

a) O equipo decanal ou directivo.

b) Todo o profesorado con vinculación permanente á Universidade, que constituirá o 51% da Xunta de Centro.

c) Unha representación do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á Universidade, que corresponderá ao 9% da Xunta de Centro. En calquera caso, polo menos o 80% corresponderá ao persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo.

d) Unha representación do alumnado, que constituirá o 30% da Xunta de Centro.

e) Unha representación do persoal de administración e servizos, que constituirá o 10% da Xunta de Centro.

2. Os membros electos da Xunta de Centro serán renovados cada dous anos.

Artigo 43º

Son funcións da Xunta de Centro:

a) A elaboración, aprobación e modificación da proposta do seu regulamento de réxime interno.

b) A elección e revogación do decano ou decana ou director ou directora.

c) A aprobación da proposta de distribución do orzamento anual do centro e da súa execución.

d) A implantación e seguimento dos plans de estudos.

e) O coidado do bo funcionamento de todos os órganos e servizos do centro.

f) A resolución de conflitos que se poidan producir no seo do centro.

g) A promoción e o ordenamento da realización de proxectos de fin de carreira, teses de licenciatura e de ensinanzas e actividades complementarias exixidas para obter os títulos.

h) A proposición e aplicación das normas de selección de estudantes e a valoración do seu rendemento e aproveitamento.

i) A preparación e coordinación, de modo eficaz e adecuado, do horario das distintas materias, cursos monográficos, cursos de especialización, probas parciais e finais, distribución de aulas e servizos e ensinanzas complementarias, así como a habilitación de medidas de control do cumprimento das obrigas docentes.

j) A coordinación con outros centros para facilitar a elección por parte do alumnado das materias de libre configuración do seu currículo.

k) A distribución dos espazos que lle sexan asignados.

l) Calquera outra atribuída nestes estatutos.

Sección sétima

Das xuntas de titulación

Artigo 44º

1. As xuntas de titulación son os órganos encargados de elaborar, aprobar e modificar para cada titulación de grao as propostas do plan de estudos. Terán, ademais, todas as competencias que se lles atribúan pola normativa correspondente.

2. A Xunta de Titulación terá unha composición análoga en proporcións á Xunta de Centro, agás en titulacións novas, que observarán o que regulamentariamente se determine.

Sección oitava

Dos consellos de departamento

Artigo 45º

O Consello de Departamento é o órgano colexiado de representación e decisión do departamento. Estará integrado por:

a) Todos os doutores ou doutoras membros do departamento.

b) Todo o resto do persoal docente e investigador a tempo completo.

c) Un 20% do persoal docente e investigador a tempo parcial non doutor, que en ningún caso superará o 10% do total do órgano.

d) Unha representación do alumnado, que constituirá o 25% do total dos membros do Consello de Departamento e a metade serán estudantes de terceiro ciclo. En todo caso, de haberen candidatos, cubriranse todos os postos e garantirase unha representación de, polo menos, un estudante de cada un dos centros onde imparte docencia o departamento.

e) Unha representación do persoal investigador en formación, que constituirá, como máximo, o 2% do Consello de Departamento.

f) Unha representación do persoal de administración e servizos, que constituirá o 9% do total dos membros do Consello de Departamento.

Os membros electos do Consello de Departamento serán renovados cada dous anos.

Artigo 46º

Son competencias do Consello de Departamento as que seguen:

a) A elaboración, aprobación e modificación da proposta do seu regulamento de réxime interno.

b) A elección e revogación da persoa que desempeña a dirección do departamento.

c) A elección, se é o caso, dos ou das representantes do departamento en todos os órganos en que estea representado.

d) A presentación da petición á Universidade de Vigo do seu persoal docente e investigador, así como dos recursos económicos e materiais necesarios para executar o seu plan de actividades docentes e investigadoras.

e) A aprobación da proposta de distribución do orzamento anual do departamento e da súa execución.

f) A revisión da avaliación do alumnado, se é o caso.

g) A intervención nos procedementos de selección do persoal académico, segundo dispoñan estes estatutos e os regulamentos que os desenvolven.

h) Calquera outra atribuída nestes estatutos.

Sección novena

Dos consellos de institutos universitarios de investigación

Artigo 47º

A composición do Consello de Instituto será:

a) Todos os membros do persoal docente e investigador vinculados ao instituto.

b) Unha representación electa do persoal titulado superior non docente das entidades patrocinadoras, se as houber, que se especificará no convenio.

c) Unha representación do persoal investigador en formación, que será como máximo do 20%.

d) Unha representación do persoal de administración e servizos, que será como máximo do 9%.

e) Unha representación do alumnado de terceiro ciclo e posgrao, se os houber, que será como máximo dun 10%.

Artigo 48º

Son funcións do Consello de Instituto as seguintes:

a) O coñecemento e, se é o caso, a aprobación do orzamento anual do instituto.

b) A proposición da estrutura do instituto.

c) O coñecemento e, se é o caso, a aprobación dos proxectos de investigación e docencia do instituto.

d) A responsabilización dos procedementos de avaliación do alumnado.

e) A elección e a revogación da persoa que desempeñe a dirección do instituto.

f) O asesoramento á dirección do instituto.

g) A proposta de nomeamento, por un período de tempo limitado, dos investigadores, colaboradores ou bolseiros que lle axuden a cumprir os seus fins en plans concretos de investigación.

h) Todas as que lle atribúan a lexislación vixente e estes estatutos.

Capítulo III

Dos órganos unipersoais de goberno

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 49º

Os membros da comunidade universitaria que desempeñen cargos unipersoais de goberno estarán suxeitos ao réxime de dedicación a tempo completo na Universidade de Vigo.

Artigo 50º

En ningún caso se poderá exercer simultaneamente a titularidade de máis dun dos devanditos cargos, nin a de calquera dos órganos unipersoais de goberno doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos seus centros respectivos.

Artigo 51º

Os titulares dos órganos unipersoais, agás os que o sexan por designación ou por procedemento expresamente regrado doutro xeito, deben ser elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Para a elección de titulares de órganos unipersoais non se admitirá a delegación do voto nin o voto anticipado, nin o voto por correo. No caso de candidatura única, ten que conseguir maior número de votos a favor que en contra.

Artigo 52º

A creación de órganos unipersoais distintos dos previstos nestes estatutos deberá ser aprobada polo Consello de Goberno.

Artigo 53º

Para resolver os problemas e dúbidas que se poidan presentar en calquera elección, existirá unha Comisión Electoral da Universidade composta polo reitor ou reitora e doce membros máis elixidos polo claustro.

Artigo 54º

Todos os órganos unipersoais elixidos, a excepción do reitor ou reitora, serano por un período de tempo de tres anos con posibilidade dunha soa reelección. Transcorridos tres anos, calquera persoa poderá volver presentarse para o mesmo cargo.

Artigo 55º

Perderase a condición de titular dun órgano unipersoal por finalización do seu mandato, por petición propia, por perda das condicións necesarias para ser elixido ou polos procedementos de revogación establecidos nestes estatutos e nos regulamentos que os desenvolvan.

Sección segunda

Do reitor ou reitora

Artigo 56º

O reitor ou reitora é a máxima autoridade da Universidade de Vigo e desempeña a súa representación. Exerce a dirección, o goberno e a xestión da Universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados correspondentes e executa os seus acordos.

Artigo 57º

A reitora ou o reitor é elixido pola comunidade universitaria mediante a elección directa e o sufraxio universal libre e secreto, por un período de catro anos e con posibilidade dunha soa reelección consecutiva, entre os catedráticos de Universidade en activo que presten os seus servizos na Universidade de Vigo. O voto será ponderado por sectores e corresponderalle ao profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade o 51%, ao resto do persoal docente e investigador o 9%, ao alumnado o 30% e ao persoal de administración e servizos o 10%. A ponderación farase sobre o total de votos a candidaturas validamente emitidos.

A reitora ou o reitor será nomeada/o polo órgano competente da Xunta de Galicia. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o reitor ou reitora será substituído/a polo vicerreitor ou vicerreitora que designe con anterioridade ou, se é o caso, polo máis antigo no cargo dentro da Universidade.

Artigo 58º

Correspóndenlle ao reitor ou reitora as seguintes funcións:

a) A representación da Universidade.

b) A presidencia e convocatoria do Claustro Universitario e do Consello de Goberno, así como a execución de todos os seus acordos e os do Consello Social.

c) A dirección e impulso, coordinación e supervisión da actividade e funcionamento da Universidade e de todos os seus órganos de goberno e administración.

d) A sinatura de todo tipo de convenios en nome da Universidade.

e) A designación, nomeamento e destitución das persoas que ocupen as vicerreitorías, a Secretaría Xeral, a Xerencia e, en xeral, de todos os cargos de libre designación.

f) A contratación, adscrición e nomeamento do persoal ao servizo da Universidade.

g) A ordenación dos pagamentos.

h) A expedición de títulos, diplomas e certificacións da Universidade.

i) O nomeamento de todos os cargos e persoal da Universidade.

j) O exercicio da xefatura de todo o persoal da Universidade.

k) A toma das decisións en que é legalmente competente sobre situacións administrativas e réxime disciplinario.

l) A decisión da interposición de recursos administrativos e do exercicio de accións xudiciais, dando conta deles ao Consello de Goberno.

m) A representación xudicial e administrativa da Universidade en toda clase de actos ou negocios xurídicos, aínda que poderá outorgar mandatos para exercer esta representación.

n) A resolución mediante alzada dos recursos contra as resolucións dos órganos unipersoais de goberno da Universidade que non esgoten a vía administrativa.

ñ) As competencias que lle poidan atribuír as leis ou estes estatutos e as que, correspondéndolle á Universidade, non lles fosen expresamente recoñecidas a outros órganos nos estatutos ou regulamentos que os desenvolven.

Artigo 59º

O reitor ou reitora da Universidade poderalles encomendar servizos específicos aos membros da comunidade universitaria e, para tal efecto, estenderá a oportuna credencial. Así mesmo, poderá solicitar dos membros da comunidade universitaria, e tocante a asuntos específicos, a realización de estudos, a confección de proxectos e a función de asesoramento, en xeral, individualmente ou constituíndo equipos de consulta.

Artigo 60º

O reitor ou reitora presentará diante do claustro:

a) No primeiro trimestre de cada curso académico, un informe anual sobre a súa xestión.

b) No primeiro ano de mandato, informe sobre a planificación plurianual.

c) Anualmente, as liñas xerais da política orzamentaria.

Sección terceira

Dos vicerreitores ou vicerreitoras

Artigo 61º

O reitor ou reitora nomeará, entre o profesorado doutor que preste servizo na Universidade, vicerreitores ou vicerreitoras para o auxiliar no exercicio das súas funcións.

Corresponderanlles aos vicerreitores ou vicerreitoras as competencias e funcións que lles asigne o reitor ou reitora. Unha vez elixido e nomeado o equipo de goberno, todo cambio neste deberalle ser comunicado ao claustro.

Sección cuarta

Do secretario ou secretaria xeral

Artigo 62º

1. A secretaria ou secretario xeral será nomeada/o polo reitor ou reitora entre o funcionariado público que preste servizos na Universidade, pertencente a corpos para cuxo ingreso se exixa estar en posesión da titulación de doutor ou doutora, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalente. Entre as súas funcións está a de redactar a acta dos acordos adoptados polos órganos colexiados nos que actúe como tal, así como dar fe do resto de actuacións que coñeza por motivo do seu cargo. Auxiliará o reitor ou reitora nas tarefas de organización, protocolo e réxime académico.

2. O secretario ou secretaria xeral tamén o será do Consello de Goberno.

Artigo 63º

Correspóndenlle á Secretaría Xeral as seguintes funcións:

a) A recepción, compilación, depósito, custodia e certificación dos seguintes documentos:

-As actas dos órganos colexiados da Universidade en que actúe como tal.

-Os arquivos xerais.

-As resolucións e instrucións xerais da Reitoría.

-As actas de toma de posesión do persoal da Universidade.

-O selo oficial.

b) A organización de actos solemnes da Universidade en que debe velar polo cumprimento do protocolo.

c) A garantía da publicidade dos acordos do Consello de Goberno, do Claustro Universitario e das resolucións da Reitoría, coidando singularmente das referidas aos regulamentos de desenvolvemento dos estatutos e demais normas xerais.

d) Calquera outra función ou competencia que lle sexa atribuída ou recoñecida pola lei ou por estes estatutos e as disposicións que os desenvolvan.

Sección quinta

Dos órganos unipersoais de goberno dos centros

Artigo 64º

1. O decano ou decana ou director ou directora desempeña a representación do centro e exerce as funcións de dirección e xestión ordinaria deste.

2. Este órgano unipersoal será elixido pola Xunta de Centro, entre o profesorado con vinculación permanente á Universidade, adscrito ao centro.

Artigo 65º

O decano ou decana ou director ou directora do centro, asistido polo seu equipo de goberno, é responsable da dirección e xestión do centro e ten as seguintes funcións:

a) O exercicio da representación do centro.

b) A convocatoria e presidencia da Xunta de Centro e da xunta ou xuntas de titulación, se é o caso.

c) A execución dos acordos da Xunta de Centro.

d) A supervisión do funcionamento dos servizos do centro.

e) A dirección da xestión ordinaria do centro.

f) A proposición, despois de oír a Xunta de Centro, de apertura de informe previo por parte do reitor, a calquera membro do centro.

g) Ter conta do cumprimento dos horarios docentes e de titorías.

h) Todas as que lles atribúan a lexislación vixente e estes estatutos.

Artigo 66º

A persoa que desempeñe a dirección ou decanato designará, de entre todos os membros do centro, os vicedecanos ou vicedecanas ou subdirectores ou subdirectoras, que serán nomeados polo reitor ou reitora.

Estes membros do equipo de dirección actuarán coas competencias e funcións que lles delegue o decano ou decana ou director ou directora, así como todas as que lles atribúa o regulamento de réxime interno do centro.

Artigo 67º

A secretaria ou secretario do centro será designado pola persoa que desempeñe a dirección ou decanato, de entre o persoal do centro, e será nomeado polo reitor ou reitora. Correspóndelle ao secretario ou secretaria dar fe dos acordos adoptados polos órganos de goberno do centro, así como a custodia dos seus libros de actas. Así mesmo, asumirá a recepción, a compilación, o depósito, a custodia e a certificación das actas de cualificación de materias.

Sección sexta

Dos órganos unipersoais de goberno dos departamentos

Artigo 68º

1. O director ou directora de departamento desempeña a representación do departamento e exerce as funcións de dirección e de xestión ordinaria deste.

2. Será elixido polo Consello de Departamento entre o profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade adscrito ao departamento.

Artigo 69º

Son funcións da dirección de departamento:

a) A presidencia dos órganos colexiados do departamento, que convocará para as súas reunións ordinarias e extraordinarias de acordo co establecido no seu regulamento.

b) O exercicio da representación do departamento.

c) A execución dos acordos do Consello de Departamento, así como velar polo seu cumprimento.

d) A dirección e coordinación da actividade do departamento en todas as ordes da súa competencia.

e) A execución das previsións orzamentarias.

f) A negociación con entidades públicas e privadas e de acordo co Consello de Departamento dos traballos e cursos que lle afecten o departamento como tal.

g) A proposición, despois de oír o Consello de Departamento, de apertura de informe previo por parte do reitor ou reitora a calquera membro do departamento.

h) Todas as que lle atribúa a lexislación vixente e estes estatutos e as que especificamente lle encomende ou delegue o Consello de Departamento.

Artigo 70º

O secretario ou secretaria e, se é o caso, os subdirectores ou subdirectoras do departamento, serán nomeados polo reitor ou reitora por proposta da dirección do departamento de entre calquera dos membros do Consello de Departamento e actuarán coas competencias e funcións que lles delegue a dirección do departamento.

Artigo 71º

Son funcións da secretaría de departamento:

a) A redacción da acta das sesións dos órganos colexiados do departamento.

b) A expedición das certificacións que lle sexan requiridas.

c) O coidado do arquivo e da documentación do departamento.

Sección sétima

Dos órganos unipersoais de goberno dos institutos universitarios de investigación

Artigo 72º

Os directores ou directoras de institutos universitarios de investigación desempeñan a representación e exercen as funcións de dirección e xestión ordinaria destes. Serán elixidos entre doutores polo Consello de Instituto, segundo o establecido no regulamento correspondente aprobado polo claustro.

Artigo 73º

Son funcións da dirección do instituto universitario as seguintes:

a) O exercicio da súa representación.

b) A convocatoria e presidencia do Consello.

c) A execución dos acordos adoptados polo Consello, así como velar polo seu cumprimento.

d) A organización e coordinación, de conformidade co Consello, dos medios persoais e materiais de que dispoña.

Sección oitava

Da persoa que ocupe a xerencia

Artigo 74º

Á Xerencia correspóndelle a xestión dos servizos económicos e administrativos da Universidade. Son, en consecuencia, funcións da Xerencia:

a) A xestión da facenda e patrimonio da Universidade.

b) A xestión dos gastos e ingresos.

c) A dirección do persoal de administración e servizos.

d) A elaboración da proposta de anteproxectos dos orzamentos e plans económicos da Universidade.

e) O ditado de instrucións e ordes de servizo tendentes á eficacia da xestión administrativa e á coordinación das diversas unidades da administración universitaria.

f) A elaboración do cadro de persoal de administración e servizos.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de goberno da Universidade, a normativa vixente e os presentes estatutos.

Artigo 75º

A persoa que exerce a Xerencia será proposta e nomeada polo reitor ou reitora de acordo co Consello Social, oído o Consello de Goberno, atendendo a criterios de competencia profesional e experiencia e informados os representantes do persoal de administración e servizos. O xerente terá consideración de alto cargo, dedicación a tempo completo e a súa función será incompatible con calquera outra actividade profesional pública ou privada.

Artigo 76º

Cada centro ou centros contará cun administrador que actuará como delegado da Xerencia. A provisión do posto realizarase por concurso de méritos entre os membros das escalas de técnicos de xestión ou xestión universitaria que presten os seus servizos na Universidade de Vigo.

Capítulo IV

Das comisións

Artigo 77º

Os órganos colexiados poderán crear comisións delegadas, co propósito de realizar tarefas de estudo e asesoramento e de propoñer solucións a temas ou problemas concretos obxecto de consideración polo órgano colexiado. Así mesmo, poderanse crear outras comisións para realizar tarefas similares ás anteriores con relación a temas específicos non vinculados directamente ás competencias do órgano colexiado. No acordo de creación deberán especificar polo menos a finalidade e a composición da comisión.

Artigo 78º

1. Créase a Comisión de Reclamacións da Universidade de Vigo, composta polo reitor ou reitora, que a preside, e seis catedráticos ou catedráticas da Universidade de Vigo de diversas áreas de coñecemento, elixidos polo claustro, entre quen acredite ampla experiencia docente e investigadora.

2. Esta comisión valorará as reclamacións presentadas contra as propostas efectuadas polas comisións dos concursos de acceso e ratificará ou non a proposta obxecto de reclamación no prazo máximo de tres meses.

Artigo 79º

Os regulamentos das xuntas de centro, dos consellos de departamento e de institutos universitarios de investigación poderán prever a creación dunha comisión permanente, presidida polo decano ou decana ou director ou directora, con representación de todos os sectores, que terá capacidade decisoria nas competencias que lle sexan delegadas.

Título III

Da comunidade universitaria

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 80º

Son membros da comunidade universitaria o persoal docente e investigador, o alumnado e o persoal de administración e servizos.

Artigo 81º

1. Os membros da comunidade universitaria teñen dereito a beneficiarse de cantas prestacións asistenciais prevexa a lexislación vixente e ofreza a Universidade, así como a ter garantido o acceso ao ensino e aos servizos en condicións de igualdade.

2. En particular, todos os membros da comunidade universitaria teñen dereito a:

a) Participaren a través dos seus órganos de representación no goberno e na xestión da Universidade.

b) Estableceren agrupacións ou asociacións e realizaren, se é o caso, actividades de tipo sindical para a mellor defensa dos seus intereses académicos, profesionais ou laborais, nos termos previstos na lexislación vixente.

c) Gozaren dos dereitos democráticos e de todos os que recoñece a Constitución.

d) Promoveren, organizaren e participaren nas iniciativas universitarias de extensión cultural e de todas as que contribúan decididamente a vincular a Universidade de Vigo co seu contorno e a resolver os problemas que teña.

e) Recibiren información adecuada e actual dos seus dereitos e deberes, dos servizos e axudas postos á súa disposición por parte da Universidade e de todas as cuestións que afecten a comunidade universitaria.

f) Gozaren das prestacións asistenciais creadas, fomentadas ou xestionadas pola Universidade de Vigo, segundo as súas dispoñibilidades económicas e nos termos que se establezan.

g) Utilizaren as instalacións e servizos universitarios, de acordo co que establezan as normas da Universidade.

h) Beneficiárense das distintas axudas ou subvencións que a Universidade ou outras institucións establezan ao seu favor.

i) Participaren e colaboraren en calquera actividade da vida universitaria, de acordo coa súa formación específica e capacidade.

j) Teren garantidas as axeitadas condicións de saúde laboral, en especial mediante a eliminación dos riscos laborais en cumprimento da normativa vixente.

k) Gozaren dunha xestión áxil e eficaz dos seus intereses lexítimos por parte da administración universitaria.

Artigo 82º

Todos os membros da comunidade universitaria teñen o deber de:

a) Cumpriren as súas obrigas académicas e laborais.

b) Cooperaren cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servizos e na consecución dos fins da Universidade.

c) Respectaren o patrimonio da Universidade, contribuíren ao seu digno mantemento e faceren un uso correcto dos medios postos á súa disposición.

d) Asumiren as responsabilidades que comporta o cargo que ocupan, someténdose ao control democrático, obxectivo e equitativo do seu labor.

e) Cumpriren a lexislación vixente, estes estatutos e os regulamentos que posteriormente os desenvolvan e os acordos dos órganos que lles afecten.

f) Contribuíren á mellora das finalidades e do funcionamento da Universidade de Vigo como un servizo público.

g) Potenciaren a vinculación e o prestixio da Universidade na sociedade.

h) Participaren na toma de decisións sobre os asuntos da vida universitaria a través dos correspondentes órganos da Universidade de Vigo.

Capítulo II

Do persoal docente e investigador

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 83º

1. O persoal docente e investigador da Universidade de Vigo está constituído por:

a) O persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e de profesorado titular de Universidade.

b) Persoal docente contratado en réxime laboral: axudantes, profesorado axudante doutor, profesorado contratado doutor, profesorado asociado, profesorado visitante, lectores ou lectoras e as demais categorías que se establezan con carácter xeral. Tamén poderá nomearse profesorado emérito.

c) Transitoriamente, tamén formará parte do persoal docente e investigador da Universidade o funcionariado docente dos corpos de catedráticos de escolas universitarias e de profesores titulares de escolas universitarias namentres non se integren no corpo de catedráticos ou no de profesores titulares de Universidade.

d) Persoal investigador contratado: doutores ou doutoras seleccionados mediante unha convocatoria pública.

e) A Universidade de Vigo poderá contratar por obra ou servizo determinado persoal investigador, técnico ou outro persoal.

f) O profesorado e o PDI en universidades privadas ou en centros privados adscritos á Universidade non poderá pertencer a un corpo docente universitario en situación de servizo activo e destino na Universidade de Vigo.

2. A contratación do persoal docente e investigador, a excepción do profesorado visitante e profesorado emérito, farase mediante concursos públicos, que se anunciarán oportunamente. Os concursos de contratación resolveranse respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade. Considerarase mérito preferente posuír a acreditación para participar nos concursos á que se refire a Lei orgánica de universidades.

3. A Universidade de Vigo poderá cubrir con carácter interino as prazas que lles correspondan aos corpos docentes universitarios, así como as prazas de persoal contratado fixo ou temporal mentres se produce a súa cobertura definitiva polo procedemento legalmente establecido. Por circunstancias sobrevidas, de carácter extraordinario ou suspensión temporal da actividade dun profesor ou profesora, poderase acordar a incorporación por trámite de urxencia de persoal interino de substitución, conforme o procedemento que se estableza ao respecto no regulamento do profesorado.

4. O funcionariado dos corpos docentes aos que alude a letra a) do punto 1 será seleccionado por iniciativa da Universidade de Vigo mediante o concurso de acceso e terá a condición de funcionario ou funcionaria adscrito a ela para os efectos da súa relación de servizo. As comisións de selección serán aprobadas polo Consello de Goberno por proposta dos departamentos e estarán compostas por 5 membros pertencentes aos corpos de funcionariado docentes da área de coñecemento dentro ou fóra da Universidade ou, no seu defecto, de áreas afíns, todos eles cos méritos recollidos na lexislación vixente e de categoría igual ou superior á praza obxecto do concurso.

5. O persoal docente contratado será seleccionado por iniciativa da Universidade de Vigo. As comisións de selección serán aprobadas polo Consello de Goberno por proposta dos departamentos e estarán compostas por 5 membros da área de coñecemento ou, no seu defecto, de áreas afíns e de categoría igual ou superior á praza obxecto do concurso.

6. O profesorado funcionario dos corpos docentes universitarios e o contratado con vinculación permanente á Universidade, que fundamente a súa participación en proxectos de investigación financiados total ou parcialmente con fondos públicos, poderán solicitar unha excedencia por un límite máximo de cinco anos para incorporarse a empresas de base tecnolóxica, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos no artigo 83 da LOU.

Artigo 84º

O profesorado da Universidade de Vigo ten plena capacidade docente. Os doutores ou doutoras da Universidade de Vigo teñen plena capacidade investigadora. A Universidade de Vigo ten a obriga de lles facilitar medios e recursos aos seus membros que non sexan doutores ou doutoras para conseguir a plena capacidade investigadora.

Artigo 85º

O Claustro Universitario aprobará un regulamento do profesorado. Nel, sen prexuízo da normativa reguladora da función pública que resulta aplicable e tendo en conta a normativa laboral, conteranse, polo menos, as obrigas docentes e investigadoras, o réxime de dedicación, as situacións administrativas, os permisos e licenzas, as exencións, o réxime do persoal vinculado por contratos de colaboración, o réxime de incompatibilidades, as disposicións reguladoras da selección do persoal docente e investigador, os criterios aplicables para a designación dos membros das comisións de selección e demais contidos que se deban incluír, por así prevelo o resto de normas destes estatutos.

Sección segunda

Dos dereitos e deberes do persoal docente e investigador

Artigo 86º

Son dereitos do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, ademais dos que lles recoñecen as leis e os presentes estatutos, os seguintes:

a) A liberdade académica que se manifesta nas liberdades de cátedra e investigación.

b) A formación permanente, coa finalidade de garantir unha mellora da súa capacidade docente e investigadora.

c) A participación nas iniciativas de control de calidade da docencia e investigación da Universidade de Vigo.

d) A disposición dunhas condicións laborais, salariais e de traballo dignas, dos recursos económicos, materiais e humanos necesarios que lles permitan ofrecer unha formación científica, profesional, cultural, técnica, investigadora e crítica de calidade.

Artigo 87º

Son deberes do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións destes estatutos, os seguintes:

a) A actualización e a renovación dos seus coñecementos científicos, así como a súa metodoloxía pedagóxica.

b) O cumprimento das tarefas docentes e investigadoras que lles correspondan, con suxeición aos procedementos de avaliación e control da súa actividade académica.

c) A asunción das responsabilidades que comporten os cargos para os que sexan elixidos ou designados.

d) O cumprimento das normas contidas nestes estatutos e nas disposicións que os desenvolvan.

Sección terceira

Dos cadros de profesorado e da carreira docente

Artigo 88º

1. A Universidade de Vigo realizará a elaboración e a actualización, en cada novo curso académico, dos cadros de profesorado por áreas de coñecemento, departamentos, titulacións e campus. Na cuantificación da docencia que se imparte en cada titulación, procurarase que os grupos docentes de teoría e práctica teñan un tamaño que facilite a aprendizaxe por parte do alumnado.

2. O Consello de Goberno establecerá anualmente no estado de gastos do orzamento a relación de postos de traballo do seu profesorado, en que se relacionarán, debidamente clasificadas, todas as prazas de profesorado, incluído o persoal docente e investigador contratado.

3. Para facilitar o acceso ao ano sabático do profesorado con dedicación a tempo completo, o orzamento anual da Universidade fará previsión dos fondos que permitan financiar o gozo deste dereito, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no regulamento do profesorado.

4. O regulamento do profesorado deberá estipular as condicións para posibilitar a promoción dentro dos corpos de profesorado universitario e fixar as condicións para facilitarlle a carreira académica ao profesorado a tempo completo da Universidade. Así mesmo, establecerá mecanismos para convocar programas de promoción, transformación e contratación de persoal docente e investigador a tempo completo, en que se terán en conta os méritos docentes, investigadores e de xestión.

Sección cuarta

Do persoal docente e investigador contratado

Artigo 89º

A Universidade poderá contratar a tempo completo, pola duración prevista legalmente, axudantes nos termos previstos na normativa vixente.

A actividade dos e das axudantes estará orientada a completar a súa formación docente e investigadora e incluirá a colaboración nas tarefas docentes de índole práctica ata un máximo de 60 horas anuais, sempre que esta colaboración non supoña unha carga que diminúa ou impida o desenvolvemento dos labores de investigación e formación.

Artigo 90º

A Universidade poderá contratar a tempo completo, pola duración prevista legalmente, profesorado axudante doutor, nos termos previstos na normativa vixente.

O profesorado axudante doutor poderá ter asignada docencia teórica en grao, posgrao e doutoramento. Para a súa contratación, deberán ser avaliados positivamente polo órgano de avaliación externa correspondente e será mérito preferente a estancia do candidato ou candidata en universidades ou centros de investigación de recoñecido prestixio, españois ou estranxeiros, distintos da Universidade de Vigo.

Artigo 91º

A Universidade de Vigo poderá contratar profesorado contratado doutor, a tempo completo e con carácter indefinido, entre doutores ou doutoras que reciban a avaliación positiva polo órgano de avaliación externa correspondente. A selección farase mediante concurso de acceso nos termos que estableza o regulamento do profesorado. Terán os mesmos dereitos e obrigas que o profesorado pertencente aos corpos docentes universitarios, agás os que a lexislación vixente reserva a estes últimos.

Artigo 92º

A contratación de profesorado asociado axustarase ás seguintes regras:

a) O contrato poderá realizarse con especialistas de recoñecida competencia que acrediten exercer a súa actividade profesional fóra do ámbito académico universitario.

b) A finalidade do contrato será o desenvolvemento de tarefas docentes a través das que acheguen os seus coñecementos e experiencias profesionais á Universidade.

c) O contrato será temporal e con dedicación a tempo parcial.

d) A duración do contrato será trimestral, semestral ou anual e poderá renovarse por períodos de igual duración, sempre que se siga acreditando o exercicio da actividade profesional fóra do ámbito académico universitario.

Artigo 93º

A Universidade de Vigo poderá contratar, con carácter temporal, profesorado visitante entre docentes ou investigadores de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación, para desenvolveren actividades docentes e investigadoras. A contratación será acordada polo Consello de Goberno por proposta dun departamento, acompañada dun informe sobre a actividade e méritos do profesor ou profesora.

Artigo 94º

1. A Universidade de Vigo poderá nomear profesorado emérito entre o seu profesorado xubilado que prestase destacados servizos docentes e investigadores á Universidade.

2. O nomeamento do profesorado emérito será acordado polo Consello de Goberno por proposta dun departamento.

Artigo 95º

1. A Universidade de Vigo poderá contratar persoal para obra ou servizo determinado, investigador ou técnico ou outro persoal para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científica ou técnica.

2. O Consello de Goberno establecerá o procedemento para a contratación do persoal citado no punto anterior.

Artigo 96º

A Universidade de Vigo poderá contratar temporalmente en réxime laboral lectores ou lectoras nos departamentos correspondentes ás áreas de coñecemento das linguas modernas e estranxeiras. As condicións contractuais serán fixadas no regulamento do profesorado.

Sección quinta

Control e avaliación docente e investigadora

Artigo 97º

1. A Universidade de Vigo realizará anualmente a avaliación obxectiva da súa actividade docente e investigadora. Esta avaliación incluirá:

a) O informe de cada centro sobre o desenvolvemento da actividade docente nas titulacións que lles afectan.

b) O informe de cada departamento sobre o desenvolvemento da súa actividade docente e investigadora.

c) A valoración obxectiva do estudantado sobre a docencia recibida, especificada por materia e profesor, realizada con garantías técnicas suficientes.

2. No caso de avaliacións manifestamente negativas, a propia Universidade de Vigo abrirá un informe previo por parte do reitor ou reitora, conforme o establecido ao respecto polo Consello de Goberno e o previsto nestes estatutos e no seu correspondente regulamento.

Capítulo III

Do alumnado

Sección primeira

Do acceso e permanencia na Universidade de Vigo

Artigo 98º

Terá dereito á ensinanza universitaria na Universidade de Vigo quen cumpra os requisitos previstos nas disposicións vixentes e supere os procedementos de admisión que legalmente se poidan establecer. O Consello de Goberno, por proposta dos centros, decidirá o número máximo de prazas de novo acceso en cada titulación.

Artigo 99º

O Consello Social, tras a audiencia dos representantes do alumnado no claustro, por proposta do Consello de Goberno e tras o informe do Consello de Universidades, establecerá as normas que regulen a permanencia do alumnado na Universidade, tendo en conta as características dos respectivos estudos.

Sección segunda

Dereitos e deberes do alumnado

Artigo 100º

1. O alumnado da Universidade de Vigo terá os seguintes dereitos:

a) Recibir unha formación integral e unha ensino de calidade efectivo, tanto teórico coma práctica, nos termos establecidos nos plans de estudos.

b) Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servizos da Universidade de Vigo.

c) Ser avaliado obxectivamente no seu rendemento académico, segundo os criterios de avaliación previamente establecidos e coñecidos.

d) Beneficiarse das distintas axudas e bolsas que a universidade ou outras institucións establezan ao seu favor, coa finalidade de que ninguén quede excluído do estudo por razóns económicas.

e) Recibir unha especial consideración por se atopar en situacións excepcionais, como as de embarazo, discapacidade, enfermidade ou lesión, entre outras.

f) Dispor de instalacións e medios materiais e económicos para desenvolver normalmente os seus estudos e demais actividades propias da súa formación, así como para o exercicio de todos os dereitos recoñecidos nestes estatutos.

g) Recibir a garantía de máxima protección do dereito á educación para estudantes con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

h) Seren protexidos pola Seguridad social nos termos e condicións que se establezan nas disposicións legais vixentes.

i) Obter o recoñecemento académico pola súa participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación.

j) Recibir un trato non sexista.

k) Obter unha atención que lle facilite compaxinar os estudos coa actividade laboral.

l) Recibir unha formación complementaria e gratuíta para adquirir as competencias necesarias no coñecemento do galego, no marco en que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

m) Dispor de sistemas axeitados de valoración do método docente e do profesorado.

2. Con independencia da súa asistencia ou non ás clases, o alumnado gozará de todos os dereitos establecidos no punto anterior.

Artigo 101º

1. Ademais das garantías recollidas no regulamento de avaliación e cualificación, o calendario, o horario e o lugar de exames oficiais, tanto teóricos como prácticos, deberán publicarse antes de comezar o período de matriculación e deben, na medida do posible, manter coherencia entre cursos sucesivos.

2. O alumnado terá dereito á revisión do seu exame, tanto teórico como práctico, e a coñecer os criterios de avaliación concretos e específicos antes de que as cualificacións sexan definitivas.

3. As cualificacións provisionais obtidas polos estudantes deberán ser expostas antes de que transcorra un período máximo de 30 días despois da realización do exame e, en calquera caso, 7 días antes de que realice outro exame da materia.

Artigo 102º

1. Ademais da súa función avaliadora da formación acadada polo alumnado, as probas de avaliación tenderán a cumprir unha función docente e de crítica e mellora da súa capacidade de expresión, polo que se deberá garantir a maior obxectividade posible na realización das devanditas probas; en todo caso, de tratarse de probas escritas, o alumnado terá pleno acceso ao estudo do seu exercicio corrixido.

2. No caso de que o alumnado estivese desconforme coa puntuación conferida, pode solicitar a revisión das probas a través do centro, segundo o procedemento que estableza o regulamento de avaliación e cualificación que, en todo caso, garantirá a axilidade na tramitación e as posibilidades de impugnar os acordos ou resolucións que se diten.

3. A Universidade investigará de oficio, segundo as normas e procedementos que estableza o regulamento de avaliación e cualificación, a reiteración de resultados manifestamente negativos na cualificación dunha materia.

Artigo 103º

Son deberes do alumnado da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións deste estatuto, os seguintes:

a) A realización do traballo de estudo e de iniciación á investigación propios da súa condición de universitarios.

b) A participación en todo o que afecte a vida universitaria.

c) A cooperación co resto da comunidade universitaria na mellora dos servizos desta, así como na consecución dos fins propios da institución.

Sección terceira

Organizacións e actividades do alumnado

Artigo 104º

1. O alumnado poderá crear asociacións e organizacións específicas. A universidade deberá facilitar medios e espazos habilitados para o desenvolvemento dos seus fins.

2. No seo dos centros da Universidade de Vigo, o alumnado poderá crear as súas delegacións. De haber representantes do alumnado do centro nos órganos de goberno da universidade, formarán parte das delegacións. A universidade deberá facilitar medios e espazos habilitados para o desenvolvemento dos seus fins.

3. Todos os órganos da Universidade de Vigo potenciarán a creación de organizacións, asociacións e delegacións estudantís e velarán para que poidan desenvolver as súas actividades.

4. O regulamento dos estudantes conterá a definición, a composición e as funcións das delegacións de alumnado que se poidan crear no seo da universidade.

Sección cuarta

Prestacións asistenciais e axudas ao estudo

Artigo 105º

1. A Universidade de Vigo fará programas complementarios de axudas ao alumnado para cubrir necesidades non atendidas ou insuficientemente atendidas polas administracións públicas. A Comisión de Bolsas da universidade será a encargada da distribución das axudas para transporte, residencia, comedor, libros, investigación ou calquera outro tipo de axudas para os seus estudantes máis desfavorecidos. O criterio de distribución das axudas da universidade será preferentemente económico e fixado polo Consello de Goberno.

Na concesión de bolsas e axudas prestarase especial atención ás persoas con cargas familiares, vítimas de violencia de xénero e persoas con dependencia e discapacidade, sen prexuízo do que poidan dispoñer as normativas que se elaboren no futuro sobre a materia.

2.A Universidade de Vigo poderá ofrecerlle ao seu alumnado bolsas de colaboración nos servizos de asistencia á comunidade universitaria.

Artigo 106º

Co obxecto de procurar unha formación integral do alumnado, a Universidade de Vigo potenciará as relacións con outras universidades e institucións e axudaralles ás asociacións deportivas, culturais, artísticas ou recreativas recoñecidas a que desenvolvan a súa actividade no seo da universidade.

Sección quinta

Do deporte, a extensión universitaria e a cooperación internacional

Artigo 107º

1. A práctica deportiva na Universidade é parte da formación do alumnado e considérase de interese xeral para todos os membros da comunidade universitaria. Correspóndelle á universidade, en virtude da súa autonomía, a ordenación e organización de actividades deportivas.

2. A universidade establecerá as medidas oportunas para favorecer a práctica deportiva dos membros da comunidade universitaria e, se é o caso, proporcionarán instrumentos para a compatibilidade efectiva desa práctica coa formación académica dos estudantes.

Artigo 108º

A universidade fomentará a participación dos membros da comunidade universitaria en actividades e proxectos de cooperación internacional e solidariedade. Así mesmo, propiciarán a realización de actividades e de iniciativas que contribúan ao impulso da cultura da paz, o desenvolvemento sustentable e o respecto ao medio.

Artigo 109º

A universidade arbitrará os medios necesarios para potenciar o seu compromiso coa reflexión intelectual, a creación e a difusión da cultura, en especial a galega. Promoverá o achegamento das culturas humanística e científica e esforzarase por lle transmitir o coñecemento á sociedade mediante a divulgación da ciencia.

Capítulo IV

Do persoal de administración e servizos

Artigo 110º

A universidade está organizada administrativamente en servizos, seccións e negociados, tanto nos servizos centrais coma nos centros e departamentos, e a súa xestión será desconcentrada en unidades estruturais para cumprir mellor os seus obxectivos. Para tales efectos, considérase que os servizos centrais poden actuar en diferentes campus.

Artigo 111º

O persoal de administración e servizos constitúe o sector da comunidade universitaria ao que lle corresponden as funcións de xestión, actividades técnicas e administrativas, apoio, asistencia e asesoramento.

Artigo 112º

1. O persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo estará composto por persoal funcionario da propia universidade ou dos corpos doutras administracións e por persoal contratado en réxime laboral que preste servizos na universidade.

2. O persoal funcionario de administración e servizos rexerase pola Lei orgánica de universidades e as disposicións que a desenvolven, pola lexislación xeral de funcionarios, polas disposicións de desenvolvemento desta que elabore a comunidade autónoma e polos presentes estatutos.

3. O persoal laboral de administración e servizos rexerase pola Lei orgánica de universidades e polas disposicións que a desenvolven, polos presentes estatutos e pola lexislación laboral e o convenio colectivo aplicables.

Artigo 113º

1. As escalas de persoal funcionario propio da Universidade de Vigo clasificaranse de acordo cos grupos de titulación exixidos na lexislación xeral da función pública e figurarán explicitamente no regulamento do persoal de administración e servizos aprobado polo claustro. A Universidade de Vigo poderá crear ou modificar as escalas que estime convenientes para o mellor desenvolvemento da administración e os servizos, nas condicións que estableza o devandito regulamento.

2. Os grupos e categorías profesionais do persoal laboral de administración e servizos da universidade fixaranse segundo o previsto no convenio colectivo.

Artigo 114º

A Universidade de Vigo poderá formalizar contratos interinos para a substitución do persoal funcionario ou laboral nos casos legalmente previstos. Estes tipos de contratacións respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, capacidade, publicidade e mérito.

Artigo 115º

O persoal de administración e servizos estará baixo a dependencia orgánica da xerencia da universidade e dependerá funcionalmente dos servizos ou centros de traballo a que estea adscrito.

Artigo 116º

Son dereitos do persoal de administración e servizos, ademais dos que recoñecen as leis e os presentes estatutos:

a) A gratuidade nas ensinanzas curriculares impartidas na universidade e a posibilidade de obter axudas de matrícula nas ensinanzas extracurriculares, en particular, cando supoñan perfeccionamento profesional para os interesados.

b) A disposición dos medios adecuados para contribuír ao bo funcionamento dos servizos públicos e á mellora da xestión.

c) A participación nas actividades de perfeccionamento e reciclaxe profesional.

Artigo 117º

Son deberes do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións deste estatuto, os seguintes:

a) A participación nos cursos de perfeccionamento e nas actividades similares que lle corresponden como membro da comunidade universitaria.

b) O desempeño das súas tarefas conforme os principios de legalidade, axilidade e eficacia, contribuíndo aos fins e á mellora do funcionamento da universidade como servizo público.

c) A asunción das responsabilidades que lle corresponden polo exercicio do seu posto diante dos órganos de goberno e de administración da Universidade, así como das que comportan os cargos para os que foron elixidos ou designados.

Artigo 118º

A universidade garantirá a formación permanente do persoal de administración e servizos que permita a súa adecuación técnica, promoción e especialización. Para iso, constituirase unha comisión de formación e perfeccionamento na que estean representados a xerencia e os representantes do persoal de administración e servizos. Esa comisión establecerá a programación anual de actividades.

Artigo 119º

1. A Universidade de Vigo revisará a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos cando as circunstancias así o aconsellen e, en todo caso, cada dous anos. A proposta da relación de postos de traballo será aprobada polo Consello de Goberno, tras a negociación da xerencia cos órganos de representación do persoal de administración e servizos, e co informe previo preceptivo dos órganos de representación unitaria ou sindical do persoal, que deberá ser emitido tras o remate das negociacións. Unha vez aprobada a proposta da relación de postos de traballo polo Consello de Goberno, deberá ser informada polo Consello Social.

2. A universidade poderá modificar a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos por ampliación das prazas existentes ou por minoración ou cambio de denominación das prazas vacantes. A supresión das prazas da relación de postos de traballo garantirá os dereitos económicos e administrativos do persoal afectado, sen prexuízo do disposto no réxime xurídico básico que sexa directamente aplicable, e requirirá un informe previo específico que a xerencia lles presentará aos órganos de representación unitaria do persoal.

Artigo 120º

1. A universidade seleccionará o seu propio persoal de administración e servizos e cumprirá os principios constitucionais de igualdade, publicidade, capacidade e méritos. A selección realizarase de acordo coa súa oferta de emprego, mediante unha convocatoria pública e a través dos sistemas de concurso, oposición e concurso-oposición.

2. As probas de selección do persoal laboral de administración e servizos rexeranse polo establecido no convenio colectivo.

Artigo 121º

1. Na medida en que a lexislación xeral ou autonómica de funcionarios lle atribúa á Universidade de Vigo as potestades de selección de persoal, as vacantes adscritas a funcionarios proveranse de acordo coa lexislación vixente e a universidade convocará anualmente a concurso, entre funcionarios e funcionarias do persoal de administración e servizos, as reservadas á promoción interna.

2. Todas as prazas vacantes da relación de postos de traballo sairán a concurso de méritos anualmente.

Artigo 122º

1. O regulamento do persoal de administración e servizos, que será aprobado polo claustro terá en conta, cando menos, as situacións administrativas, a selección, a promoción, a provisión, a oferta de emprego público, a formación e perfeccionamento, a seguridade e hixiene no traballo, a asistencia e acción social, os tempos de traballo, a xornada e horario, a participación nos contratos de colaboración e os dereitos e deberes do persoal de administración e servizos.

2. Todas as normas dos procedementos de selección de persoal de administración e servizos desenvolveranse no Regulamento do persoal de administración e servizos.

Capítulo V

Das incompatibilidades e do réxime disciplinario

Sección primeira

Das incompatibilidades

Artigo 123º

O réxime de incompatibilidades do persoal da comunidade universitaria rexerase polo establecido na lexislación vixente e nos regulamentos correspondentes que aprobe o claustro.

Artigo 124º

Ningún membro da comunidade universitaria poderá formar parte de dúas circunscricións electorais nunha mesma elección.

Artigo 125º

A condición de membro do Tribunal de Garantías é incompatible coa de cargo unipersoal.

Sección segunda

Do réxime disciplinario

Artigo 126º

A adopción das decisións relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria correspóndelle ao reitor ou reitora, agás a separación do servizo no caso de persoal funcionario docente e investigador e do persoal funcionario de administración e servizos, que será acordado polo órgano competente segundo a lexislación vixente, e a prohibición de continuar os estudos no caso de estudantes, que requirirá o acordo do Consello de Goberno.

Artigo 127º

A Universidade de Vigo contará cun regulamento aprobado polo claustro en que se recollan, no marco da normativa que resulte de aplicación, as normas relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria.

Título IV

Do estudo e a investigación na Universidade de Vigo

Capítulo I

Do estudo e a docencia

Artigo 128º

A Universidade de Vigo impartirá ensinanzas de grao, máster e doutoramento conducentes á obtención dos correspondentes títulos de graduado ou graduada, máster universitario e doutor ou doutora.

Artigo 129º

A Universidade de Vigo poderá outorgar tamén títulos e diplomas para outros estudos, calquera que sexa a súa modalidade, que estableza en uso da súa autonomía. O Consello de Goberno fixará as normas xerais que regulen a organización e a aprobación destes estudos, así como o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas.

Artigo 130º

1. A avaliación do alumnado correspóndelle ao profesorado responsable da docencia da materia, agás nos casos en que sexa preciso un tribunal. En cada centro, a Xunta de Centro supervisará o rendemento dos e das docentes e calquera incidencia que se poida producir ao longo do curso, para o cal poderá solicitar dos departamentos os informes pertinentes.

2. Antes do inicio do período de matrícula de cada curso académico, deberán estar publicadas as guías de titulación actualizadas. Os centros proverán do preciso para que o alumnado teña acceso ás guías de titulación antes do período de matriculación de cada curso.

As guías de titulación serán elaboradas e aprobadas, antes do inicio do período de matrícula de cada curso académico, de acordo coa súa normativa reguladora. Nesta normativa deberá preverse, en todo caso, a participación dos centros a que estean adscritas as titulacións e os departamentos que teñan asignadas materias do plan de estudos desta.

3. Os e as estudantes teñen dereito a seren avaliados dúas veces por curso académico, segundo o procedemento que se especifique na guía docente da materia, e de tal xeito que só se reflicta na acta unha cualificación. No calendario académico, sen prexuízo do desenvolvemento da docencia ordinaria, establecerase un período extraordinario de cualificación ao que poderá optar unicamente o alumnado que xa cursase a materia.

4. As probas de avaliación correspondentes á convocatoria de fin de carreira realizaranse nun período distinto dos fixados no punto anterior.

Artigo 131º

Existirá unha comisión de estudos de posgrao encargada de velar pola boa marcha dos estudos oficiais de posgrao. A Comisión de Estudos de Posgrao será elixida polo Consello de Goberno en representación dos distintos ámbitos de coñecemento, coa composición e funcións determinadas no seu regulamento.

Artigo 132º

Constituiranse na Universidade de Vigo comisións de recoñecemento e transferencia de créditos que informarán sobre as solicitudes de recoñecemento e transferencia de créditos e resolveranas segundo o que marque a legalidade vixente.

Artigo 133º

O Consello de Goberno, por proposta dos centros, pode outorgar anualmente premios extraordinarios de graduado ou graduada e máster universitario. O Consello de Goberno aprobará o regulamento que determine as condicións e o procedemento que deben seguir as propostas dos centros.

O Consello de Goberno, por proposición da Comisión de Estudos de Posgrao, pode outorgar anualmente premios extraordinarios de doutoramento entre os doutores e doutoras que conseguiron no curso académico anterior a máxima cualificación posible.

Capítulo II

Da investigación

Artigo 134º

A Universidade de Vigo promoverá como un dos obxectivos esenciais da súa actividade a formación de investigadores ou investigadoras e o fomento e a transferencia de coñecemento á sociedade, así como a coordinación da investigación científica, técnica, humanística e artística. A investigación configúrase como fundamento da docencia e como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade, a través da transferencia de coñecemento a esta.

A Universidade de Vigo fomentará a cooperación co sector produtivo, promovendo a mobilidade do persoal docente e investigador, así como o desenvolvemento conxunto de programas e proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a creación de centros e estruturas mixtas e a pertenza e participación activa en redes de coñecemento e plataformas tecnolóxicas.

Artigo 135º

Constitúe dereito e obriga de todo o profesorado da Universidade de Vigo a realización, de forma continuada, de actividades de estudo e de investigación científica ou humanística, de aplicación tecnolóxica ou de creación artística para a obtención, o desenvolvemento e a actualización dos coñecementos necesarios para a docencia na área correspondente.

A Universidade de Vigo facilitará a compatibilidade no exercicio da docencia e da investigación e incentivará o desenvolvemento dunha traxectoria profesional que permita unha dedicación máis intensa á actividade docente ou investigadora.

Artigo 136º

Sen mingua da liberdade individual de investigación, esta levarase a cabo en grupos de investigación, departamentos, centros de investigación e institutos universitarios de investigación. A Universidade de Vigo asegurará o desenvolvemento das actividades investigadoras e adoptará, para o efecto, as medidas organizativas e orzamentarias que o garantan.

Artigo 137º

O claustro elaborará un regulamento de investigación, desenvolvemento e transferencia de acordo coa lexislación vixente. Este regulamento recollerá os procedementos de autorización dos traballos e de sinatura dos contratos con persoas, universidades ou entidades públicas ou privadas, así como os criterios para fixar o destino dos bens e dos recursos que con eles se obteñan.

Artigo 138º

Tendo en conta os seus programas de investigación, os grupos de investigación, os departamentos, os centros de investigación e os institutos universitarios de investigación poderán contratar temporalmente investigadores ou investigadoras en formación que colaboren no seu desenvolvemento con cargo aos fondos específicos de investigación ou aos procedentes de financiamento externo, segundo o establecido no artigo 95º destes estatutos.

Artigo 139º

A universidade aprobará un regulamento de investigadores e investigadoras en formación e perfeccionamento onde se definan as condicións para a súa vinculación á Universidade de Vigo, así como os seus dereitos e deberes. Ademais, garantirá a existencia dun rexistro xeral deste colectivo e a inclusión neste rexistro implicará a protección mediante un seguro de accidentes.

Título V

Das garantías xurídicas

Capítulo I

Garantías xurídicas dos representantes

Artigo 140º

Quen exerza a representación de calquera sector da comunidade universitaria, ademais dos dereitos recoñecidos polas leis e os presentes estatutos, ten os seguintes:

a) Dereito a obter toda a información e documentación que estime conveniente para o mellor exercicio das súas funcións, nos termos legalmente establecidos.

b) Dereito a facer uso do material e servizos da Universidade de Vigo para o cumprimento das súas funcións, así como dispoñer de locais de reunión debidamente equipados, nos termos que se estableza.

c) Dereito a recibir unha resposta por escrito e personalizada das propostas, peticións e recursos presentados ante calquera órgano universitario.

d) No caso do alumnado, dereito á dispensa de asistencia ás clases teóricas e prácticas e a se poder examinar noutra data, para facilitar a súa asistencia ás sesións ordinarias ou extraordinarias dos órganos colexiados.

e) No caso do alumnado, dereito a recibir no seu domicilio, fóra do período de clases, con suficiente antelación, as convocatorias e a documentación necesaria do órgano representativo onde exerzan a súa función.

Capítulo II

Do tribunal de garantías

Artigo 141º

O Tribunal de Garantías é o comisionado do Claustro Universitario para a defensa dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Para estes efectos, poderá supervisar a actividade de administración universitaria dándolle conta ao claustro. Exercerá as funcións que se lle encomenden nestes estatutos e nas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 142º

O Tribunal de Garantías está facultado para admitir calquera queixa ou reclamación que lle sexa presentada en que estea a ser denunciado o incumprimento da legalidade ou calquera dano aos intereses lexítimos da persoa denunciante nas relacións coa Universidade de Vigo, aínda que non haxa infracción estrita da legalidade.

Artigo 143º

1. O Tribunal de Garantías, elixido no claustro entre todos os membros da comunidade universitaria, componse de nove membros:

a) A defensora ou defensor universitario, que o preside, elixido polo conxunto do claustro.

b) Dous membros elixidos polos representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade.

c) Dous membros elixidos polos representantes do resto do persoal docente e investigador.

d) Dous membros elixidos polos representantes do alumnado.

e) Dous membros elixidos polos representantes do persoal de administración e servizos.

2. Na súa composición procurarase o equilibrio entre homes e mulleres.

3. Todos os membros serán elixidos por unha maioría de 2/3 dos presentes do sector correspondente, no caso da defensora ou defensor universitario a maioría de 2/3 precisarase entre os claustrais asistentes á sesión.

4. As persoas que compoñen o Tribunal de Garantías non estarán suxeitas a mandato imperativo ningún.

5. Un regulamento aprobado polo claustro fixará o funcionamento do tribunal, os seus medios materiais e a duración do mandato, que non poderá exceder de catro anos. As decisións do Tribunal de Garantías serán adoptadas pola maioría dos votos dos asistentes ás reunións e o voto de calidade do presidente resolverá os empates.

6. A defensora ou defensor universitario dará conta anualmente, nun informe que presentará ante o Claustro Universitario, da xestión realizada polo Tribunal de Garantías.

Artigo 144º

Os membros do Tribunal de Garantías cesarán por algunha das causas seguintes:

a) Por pedimento propio.

b) Por expiración do prazo do seu nomeamento.

c) Por causa legal procedente.

d) Por perda das condicións necesarias para ser elixido.

e) Por revogación de todos os membros do Tribunal de Garantías, cando así o acorde o claustro por maioría absoluta.

Artigo 145º

O Tribunal de Garantías, no desenvolvemento das súas funcións, poderá:

a) Exixir, de oficio ou por pedimento da parte interesada, toda a información que considere oportuna para o cumprimento dos seus fins.

b) Elevarlle informes ao claustro e, se é o caso, propostas de repercusión dos danos estimados.

c) Xestionar diante dos órganos competentes a corrección dos defectos observados no seu funcionamento.

d) Requirir do órgano universitario competente a satisfacción do oportuno «interese lexítimo».

e) Propoñerlle ao claustro un voto de censura contra o titular dun órgano unipersoal que, a pesar dos requirimentos, non modifique a súa conduta contraria a dereito.

Título VI

Dos servizos da universidade

Artigo 146º

A Universidade de Vigo creará e manterá os servizos xerais necesarios para realizar adecuadamente as súas funcións básicas. Un servizo será considerado de carácter xeral cando o seu nivel de coordinación ou de actuación supere o ámbito dun departamento, instituto universitario de investigación, centro e campus. O carácter xeral dun servizo non presupón a súa centralización física, asegurando, en todo caso, que a dirección, coordinación e xestión dos aspectos básicos do servizo sexan efectuadas por instancias centrais. Estes servizos, que non deberán ter carácter lucrativo, crearanse por acordo do Consello de Goberno, despois de oír o informe económico da xerencia. Cada servizo deberá ter o cadro de persoal necesario e coa cualificación adecuada para que sexa xestionado e administrado con eficacia.

Artigo 147º

Para cada un dos servizos xerais existirá unha comisión con estrutura fixada polo Consello de Goberno e onde estarán integrados o director deste, así como unha representación tanto dos usuarios, polo menos un en cada campus, como do persoal de administración e servizos adscrito ao servizo. As comisións son órganos consultivos do Consello de Goberno e do reitor ou reitora para todo o que contribúa ao cumprimento dos fins e mellora da calidade do servizo correspondente. Cada comisión elaborará un regulamento do servizo que será aprobado polo Consello de Goberno.

Título VII

Réxime económico e financeiro

Artigo 148º

A Universidade de Vigo goza de autonomía financeira nos termos establecidos na lexislación vixente. Para tal efecto, deberá dispor de recursos suficientes para o desempeño das súas funcións.

Capítulo I

Patrimonio e recursos financeiros

Artigo 149º

Constitúen o patrimonio da Universidade de Vigo os bens mobles e inmobles, títulos, capitais, ou calquera outros bens, dereitos e accións que lle poidan corresponder.

Para tal efecto, deberá ter garantidos os recursos necesarios para un funcionamento básico de calidade.

Artigo 150º

Os actos de disposición dos bens de dominio público, dos inmobles e dos mobles de extraordinario valor serán acordados pola universidade de conformidade coas normas establecidas na Lei dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

Artigo 151º

Para o cumprimento dos seus fins, a Universidade de Vigo contará cos recursos financeiros que a lexislación lle atribúe, incluíndo transferencias, taxas, rendementos, remanentes de tesouraría e calquera outro ingreso.

Capítulo II

A programación plurianual

Artigo 152º

No marco do que estableza a comunidade autónoma, a Universidade de Vigo poderá elaborar programacións plurianuais que poden conducir á aprobación, pola propia comunidade autónoma, de convenios e contratos-programa que incluirán os seus obxectivos, o financiamento e a avaliación do cumprimento dos obxectivos. A proposta de programación plurianual será elaborada polo Consello de Goberno e aprobada polo Consello Social, segundo o procedemento previsto no artigo 35º.

Capítulo III

O orzamento

Artigo 153º

O orzamento anual da Universidade de Vigo será público, único e equilibrado e consistirá na relación detallada de todos os ingresos e gastos que deba realizar a universidade durante un ano natural. A estrutura do orzamento da universidade, o seu sistema contable e os documentos que comprenden as súas contas anuais adaptaranse ás normas que, con carácter xeral, se establecen para o sector público e, para os efectos de normalización contable, aos plans de contabilidade que a Xunta de Galicia puidese establecer para as universidades da súa competencia.

Artigo 154º

1. Sen prexuízo da aplicación da normativa estatal ou autonómica procedente, a execución do gasto da universidade, así como as modificacións no orzamento da universidade, tramitaranse de acordo co establecido no Regulamento de réxime económico e contratación aprobado polo claustro.

2. O orzamento de ingresos expresarase pola clase ou natureza do ingreso. A estrutura de presentación dos ingresos axeitarase aos criterios xerais dos orzamentos públicos.

3. O orzamento de gastos expresarase por clase ou natureza do gasto e polo destino ao que correspondan, dentro da organización da universidade e na atención aos diversos programas. A estrutura de presentación dos gastos axeitarase aos criterios xerais de orzamentos públicos e adaptarase á organización interna da Universidade de Vigo.

Artigo 155º

Se o 1 de xaneiro de cada ano non estivese aprobado o novo orzamento da universidade, prorrogarase automaticamente o orzamento do ano anterior.

Capítulo IV

A xestión dos gastos

Artigo 156º

A autorización e a disposición de gastos e ordenación de pagamentos corresponderalle ao reitor ou reitora, sen prexuízo das delegacións que por razóns de eficacia poida realizar.

Artigo 157º

A Universidade de Vigo organizará as súas contas segundo os principios dunha contabilidade orzamentaria, patrimonial e analítica e asegurará mediante o Servizo de Control Interno, adscrito á xerencia, o control dos seus ingresos e gastos.

Artigo 158º

No prazo establecido pola Xunta de Galicia ou, no seu defecto, pola lexislación xeral, o Consello Social enviaralle ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia a liquidación do orzamento e o resto dos documentos que constitúan as contas anuais da universidade e das entidades dela dependentes.

Capítulo VI

Contratación

Artigo 159º

Os contratos que se asinen con persoas naturais ou xurídicas axustaranse ao disposto nas normas xerais de contratación do sector público e ao regulamento de réxime económico e contratación da Universidade de Vigo.

Artigo 160º

Correspóndelle ao reitor ou reitora exercitar as competencias que a lexislación en materia de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación, sen prexuízo das delegacións que por razón de eficacia poida realizar.

Artigo 161º

A Mesa de Contratación estará formada, como mínimo, polo reitor ou reitora e a persoa que ocupe a xerencia, ou persoa en quen deleguen, por un letrado ou letrada da asesoría xurídica, un funcionario ou funcionaria da unidade administrativa que realice funcións de control interno e un funcionario ou funcionaria dos servizos administrativos da xerencia. Con periodicidade anual, o Consello de Goberno e mais o Consello Social serán informados do resultado da contratación.

Título VII

Da reforma dos estatutos

Artigo 162º

A reforma destes estatutos requirirá o acordo do claustro e deberá observarse o procedemento de convocatoria e publicidade previsto con tal fin no Regulamento de réxime interno dese órgano representativo.

Artigo 163º

1. Poderán propoñer a reforma destes estatutos:

a) O Consello de Goberno.

b) Un 25%, polo menos, dos claustrais.

2. As propostas de reforma dirixidas á presidencia do claustro deberán acompañarse dun texto articulado e da argumentación en que se fundamenten.

3. A aprobación polo claustro das propostas de reforma dos estatutos requirirá, en primeira votación, o voto favorable da maioría absoluta do claustro, ou dos dous terzos de claustrais presentes en segunda votación, sempre que o número destes sexa igual ou superior á metade dos membros do claustro.

4. Tras rexeitar unha proposta de modificación, esta non se poderá reiterar ata que pasen dous anos.

5. Non se poderá presentar ningunha modificación dos estatutos ata que pase un ano da súa entrada en vigor.

Artigo 164º

As modificacións aprobadas serán elevadas á entidade correspondente da comunidade autónoma para a súa aprobación e, se é o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira

Os ámbitos científicos a que se refiren estes estatutos son catro:

1. Matemáticas, ciencias experimentais e ciencias da saúde.

2. Ciencias xurídico-sociais.

3. Humanidades e creación artística.

4. Tecnoloxía.

Corresponderalle ao Consello de Goberno adscribir as diferentes áreas de coñecemento a cada un destes ámbitos.

Segunda

Para un mellor servizo á comunidade universitaria, as unidades de xestión dos servizos administrativos e económicos, así como os servizos de apoio á investigación e a docencia, situaranse nos distintos campus. Os servizos centrais comúns para toda a Universidade de Vigo prestaranse na reitoría, no Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende).

Terceira

Nos centros onde a porcentaxe de persoal docente e investigador con vinculación permanente á universidade sexa inferior ao 50% do profesorado a tempo completo, e mentres persistan esas condicións, existirá un Consello de Centro que asumirá as funcións asignadas á Xunta de Centro, agás as reservadas especificamente a esta última na lexislación vixente, e que estará composta por:

a) Todo o profesorado a tempo completo.

b) O 20% do profesorado a tempo parcial, que alcanzará como máximo o 10% do total da Xunta de Titulación.

c) Unha representación do alumnado igual á da Xunta de Centro.

d) Unha representación do persoal de administración e servizos igual á da Xunta de Centro.

Cuarta

Para a progresiva consecución da normalización lingüística na docencia, na investigación e servizos universitarios, a universidade realizará a necesaria planificación e disporá dos medios precisos para crear, nun prazo máximo de 6 meses desde o día seguinte ao da publicación destes estatutos no Diario Oficial de Galicia, o Servizo de Normalización Lingüística. O director deste servizo deberá ter a titulación necesaria e será nomeado polo reitor.

As funcións deste servizo serán:

1. Organizar e impartir cursos de lingua galega aos membros da comunidade universitaria.

2. Informar e asesorar permanentemente a todos os órganos da universidade no referente ao uso do galego.

3. Propoñer as actuacións que considere máis axeitadas para o proceso de normalización da lingua galega na universidade.

4. Corrixir, por instancia do órgano competente, os documentos e escritos oficiais.

5. Canalizar as relacións con entidades extrauniversitarias relacionadas coa lingua galega.

6. Potenciar as relacións e os intercambios con estados e territorios de lingua portuguesa, á vista da proxección internacional do galego.

Disposicións transitorias

Primeira

A partir da entrada en vigor destes estatutos e sempre que as disposicións legais o permitan, o claustro elaborará ou actualizará cando menos os regulamentos de réxime interno do claustro, profesorado, avaliación e cualificación, estudantes, persoal de administración e servizos, departamentos, centros, institutos universitarios de investigación, réxime económico e contratación, réxime disciplinario, Tribunal de Garantías, investigación, desenvolvemento e transferencia. Ata a entrada en vigor destes novos regulamentos, seguirán vixentes os actuais no que non contradigan a lexislación vixente e os presentes estatutos e o Consello de Goberno realizará as adaptacións oportunas de xeito provisional cando sexa necesario.

Segunda

1. O reitor ou reitora e o claustro elixido de acordo co establecido na Lei orgánica 6/2001, de universidades, continuarán ata a finalización dos seus mandatos. Transcorrido o anterior prazo, procederase á elección do claustro e do reitor ou reitora.

2. O Consello de Goberno, elixido conforme as previsións dos estatutos da Universidade de Vigo de 2003, continuará ata a finalización do seu mandato. De xurdir algunha vacante durante este tempo, cubrirase tendo en conta que dos 20 membros elixidos polo claustro pertencentes ao sector de persoal docente e investigador, oito terán que ser doutores con vinculación permanente á universidade. Unha vez que remate o seu mandato, o Consello de Goberno será elixido de acordo co articulado destes estatutos.

3. As xuntas de centro e de titulación e os consellos de departamento e de institutos universitarios de investigación adaptaranse na súa composición ao disposto nestes estatutos cando teñan que renovar algún dos sectores pola regulamentación anterior.

4. As persoas que desempeñen a dirección de centros, departamentos ou institutos de investigación, así como os decanatos, continuarán no desempeño dos seus cargos polo tempo que lles quede de mandato.

Terceira

No caso de que os presentes estatutos fosen rexeitados no control previsto na Lei orgánica de universidades, a mesa do claustro informará a todos os claustrais do articulado rexeitado e adaptará, se así o acordase o claustro, o contido deste mediante o seu debate e votación directa nunha única sesión.

Cuarta

Dos estudos de primeiro e segundo ciclo en titulacións que se extinguirán.

1. Ata a total implantación do grao, a Universidade de Vigo seguirá ofrecendo, nas modalidades presencial ou non presencial, estudos dirixidos á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, que conducirán aos títulos de diplomado, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, licenciado, arquitecto ou enxeñeiro.

2. Ao alumnado destas titulacións, que se extinguirán, aplicaránselles as normas xerais que regulan o grao, coas seguintes salvidades:

a) Teñen dereito a dúas convocatorias por ano académico e considerarase como convocatoria ordinaria a que se fai ao remate da impartición da disciplina. Existirá ademais outra convocatoria extraordinaria, nun período que debe establecer o Regulamento de estudantes e debe mediar, en todo caso, un mes coas anteriores. Esta convocatoria só será considerada no caso do alumnado que xa cursase a disciplina con anterioridade.

b) Teñen dereito a que os exames da convocatoria de fin de carreira se celebren nun período distinto dos fixados para as convocatorias mencionadas no punto anterior.

3. Para todos os efectos, o alumnado que estea realizando o proxecto de fin de carreira nas condicións que estableza o regulamento que, para tal fin, elabore o Consello de Goberno, será considerado como alumnado de primeiro ou, se é o caso, de segundo ciclo.

4. Para os efectos de representatividade nos órganos colexiados, terán a consideración de alumnado de terceiro ciclo as persoas licenciadas que estean realizando a tese de licenciatura cunha dedicación mínima de 15 horas semanais e que estean inscritas segundo o regulamento que se arbitre para tal efecto.

5. O Consello de Goberno, por proposta dos centros, poderá outorgar anualmente premios extraordinarios de diplomatura, arquitectura técnica e enxeñaría técnica e premios extraordinarios de licenciatura, arquitectura e enxeñaría.

Quinta

Ata un ano despois da resolución das últimas probas de habilitación convocadas, a universidade poderá convocar prazas para os corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de universidade, mediante o concurso de acceso entre habilitados, comunicándollo á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria.

Sexta

Mentres non se aprobe o novo regulamento de constitución de departamentos, os profesores con vinculación permanente á universidade poderán ser computados do mesmo xeito que os funcionarios, para os efectos de acadar o número mínimo para a constitución dun departamento.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións ditadas polos órganos desta universidade, calquera que sexa o seu rango, que se opoñan ao disposto nestes estatutos.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.