DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 2010 Páx. 1.902

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 12 de febreiro de 2010 pola que se regulan os procedementos do sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia.

A implantación dos medios electrónicos no ámbito da facturación e da contratación pública enmárcase nas políticas corporativas comúns do Goberno galego para o desenvolvemento da Administración electrónica e integrarase harmónica e complementariamente co resto das aplicacións comúns para toda a Xunta de Galicia.

O artigo 2 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, impón aos empresarios ou profesionais a obriga de expedir factura e copia desta polas entregas de bens e prestacións de servizos que realicen no desenvolvemento da súa actividade. En particular impón esta obriga, sen ningunha excepción, cando sexan destinatarias das facturas as administracións públicas as que se refire o artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O citado regulamento permite a expedición da factura en soporte electrónico, sempre que elo permita a constatación da súa data de expedición, a súa consignación no libro de facturas expedidas e a súa axeitada conservación. Do mesmo xeito, habilita a posibilidade de remisión das facturas por medios electrónicos, aínda que esta posibilidade se condiciona, por un lado, a que quede garantida a autenticidade da orixe e a integridade do seu contido e, por outro, ao consentimento do destinatario da factura prestado de forma expresa.

De conformidade co Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o sistema de facturación electrónica da Xunta de Galicia, este garantirá:

-A autenticidade da orixe das facturas e a integridade do seu contido (o que se acreditará mediante sinatura electrónica recoñecida ou calquera outra admitida e/ou homologada pola Administración competente).

-A conservación das facturas expedidas de forma que se asegure a súa lexibilidade no formato orixinal no cal se recibiu ou remitiu, así como, se é o caso, a dos datos asociados e mecanismos de verificación de sinatura ou outros elementos autorizados.

O procedemento de tramitación de facturas do sistema comprenderá os seguintes trámites: a recepción, rexistro e arquivo das facturas, a conformidade da factura polos órganos responsables da prestación facturada, o recoñecemento da obriga polo órgano competente, e a ordenación do pagamento.

Deste xeito a creación do sistema electrónico de facturación permitirá por un lado a remisión das facturas por medios electrónicos e por outro ofrecer unha maior axilidade, transparencia e accesibilidade á información na tramitación das facturas.

En consideración co exposto, de conformidade co Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector publico dela dependentes, e en virtude das funcións atribuídas polos artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo i

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver, ao abeiro do artigo 15 do Decreto 3/2010, polo que se regula a factura electrónica e a utilización de medios electrónicos, informáticos e telemáticos en materia de contratación pública da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e entes do sector público dela dependentes, os procedementos de tramitación de facturas no sistema electrónico de facturación coa finalidade de ofrecer un punto de referencia único aos empresarios ou profesionais que están obrigados a expedir factura polas entregas de bens e prestacións de servizos que realicen no desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta orde é de aplicación ás facturas expedidas por empresarios ou profesionais en que o destinatario sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades relacionadas no artigo 2 do Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

2. Todas as facturas tramitaranse no sistema electrónico de facturación. Ademais, as facturas electrónicas conservaranse no arquivo electrónico de facturas, de acordo co previsto na normativa aplicable en materia de conservación, seguridade e reprodución de documentos.

3. Excepcionalmente determinadas facturas poderán tramitarse por procedementos distintos dos fixados nesta orde.

Artigo 3º.-Enderezo da internet.

O enderezo da internet (URL) do sistema electrónico de facturación será http://www.conselleriadefacenda.es/factura.

Artigo 4º.-Acceso ao sistema electrónico de facturación.

O acceso ao sistema electrónico de facturación realizarase solicitando un usuario ante a Administración polo procedemento que se detalle no sistema.

Capítulo ii

Facturas electrónicas

Artigo 5º.-Formatos e especificacións técnicas da factura electrónica.

1. A autenticidade da orixe e a integridade do contido das facturas electrónicas, no ámbito desta orde, garantirase mediante a exixencia de sinatura electrónica avanzada, nos termos previstos no artigo 3.2º da Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

2. O formato para a factura electrónica é o facturae nas súas versións 3.0 e 3.1, sen prexuízo das adaptacións ás futuras versións e formatos que sexan aprobadas tanto a nivel estatal como a nivel comunitario. No sistema electrónico de facturación especificarase a definición do esquema XML das facturas (campos obrigatorios e opcionais), así como toda a documentación relativa a dito formato.

3. Serán rexeitadas aquelas facturas que se remitan sen axustarse aos formatos e especificacións previstos, así como aquelas asinadas con certificados caducados, revogados ou suspendidos no momento da súa expedición, que non se considerarán validamente remitidas aos seus destinatarios nin recibidas por estes.

Artigo 6º.-Procedemento de presentación e recepción da factura electrónica.

1. As facturas electrónicas presentaranse a través da internet no enderezo electrónico anteriormente sinalado. Neste enderezo estarán publicadas as especificacións técnicas a que deberán axustarse as facturas electrónicas.

2. As facturas poderán presentarse a través dos seguintes procedementos:

a) Presentación de facturas de xeito manual.

Os usuarios introducirán os datos das facturas mediante un formulario web, a partir do cal se xerará a correspondente factura en formato electrónico.

Existirán dous modelos de formularios, un formulario estendido que permite introducir todos os datos necesarios da factura ao máximo nivel de detalle e un formulario simplificado.

b) Presentación das facturas mediante ficheiro.

Os usuarios poderán presentar facturas mediante a carga de ficheiros. O formato do ficheiro debe ser XML e o seu contido debe adaptarse á estrutura definida nos formatos e versións especificados nesta orde. Estes ficheiros poden incorporarse de dúas formas distintas:

1ª Sen asinar. As facturas presentaranse e asinaranse posteriormente co mesmo procedemento que nas facturas presentadas de xeito manual.

2ª Asinados. As facturas presentaranse xa asinadas logo de comprobación da sinatura e da validez do certificado empregado. O usuario poderá utilizar calquera certificado publicado na páxina web.

4. Selección do destinatario.

No formulario electrónico mostrarase un catálogo dos posibles destinatarios das facturas, para os efectos de que o usuario poda seleccionar o destino da súa factura.

5. Envío e sinatura das facturas.

As facturas presentadas de xeito manual serán asinadas polo procedemento habilitado no sistema electrónico de facturación electrónico utilizando o certificado do propio sistema.

No caso das facturas presentadas mediante ficheiro XML, o usuario poderá utilizar o seu certificado dixital para asinalas. Se non están asinadas, o usuario deberá asinalas posteriormente mediante o mesmo procedemento que as facturas presentadas de xeito manual.

Artigo 7º.-Arquivo das facturas electrónicas.

As facturas enviadas a través do sistema de facturación da Xunta de Galicia serán conservadas no arquivo electrónico de facturas, e asignaráselles un número que servirá de identificación única, así como un código seguro de verificación, asignado á propia factura, que servirá de comprobación ante terceiros da autenticidade da factura presentada ante a Xunta de Galicia. Así mesmo, emitirase un xustificante ao usuario da data de presentación e dos principais datos das facturas presentadas.

Artigo 8º.-Procedemento de conformación das facturas.

1. O órgano competente procederá, se é o caso, a conformar as facturas no sistema electrónico de facturación. A conformidade implica que foi realizado correctamente o obxecto da prestación e que procede realizar a proposta de recoñecemento da obriga e de pagamento da factura.

2. Cando existan varias unidades que interveñan na tramitación da factura poderase establecer unha validación previa á conformación das facturas.

3. En calquera caso, a factura poderá rexeitarse cando non se axuste á normativa aplicable ou cando non exista conformidade con ela mesma por non corresponderse coa prestación realizada. Deste xeito cando a xuízo do departamento xestor que realizou o gasto que se recolle na factura, o seu aboamento non resultase procedente, rexeitará a factura, dando conta dos motivos do rexeitamento, o cal se comunicará ao usuario polo procedemento establecido no sistema electrónico de facturación.

Artigo 9º.-Recoñecemento da obriga e pagamento da factura.

1. Unha vez conformada a factura no sistema electrónico de facturación poderá comezar a súa tramitación no sistema contable.

2. O recoñecemento da obriga e o pagamento das facturas realizarase unha vez que estas sexan tramitadas no sistema electrónico de facturación de acordo co disposto nesta orde, e sempre e cando os actos ditados e os procedementos aplicados cumpran con todos os requisitos previstos na normativa aplicable.

3. O exercicio do control interno dos actos administrativos e documentos tramitados a través do procedemento regulado nesta orde realizarase de conformidade co disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999 do 7 de outubro.

Artigo 10º.-Información ofrecida polo sistema electrónico de facturación das facturas electrónicas.

1. Unha vez presentada a factura electrónica no sistema electrónico de facturación o usuario poderá consultar o seu estado de tramitación.

2. O sistema facilitará a consulta dos datos e estado de tramitación das facturas aos usuarios en función das autorizacións de que dispoñan ou ben mediante a introdución do código seguro de verificación.

3. O sistema permitirá obter a factura en formato XML de acordo co disposto na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica. Así mesmo, permitirá a obtención dunha reprodución en formato PDF dos principais datos da factura.

Capítulo iii

Facturas en soporte papel

Artigo 11º.-Procedemento de tramitación das facturas en soporte papel.

1. Os datos das facturas que se presenten en soporte papel deberán ser introducidos, coa maior dilixencia, polos centros xestores que realizaron o gasto que se recolle na factura no sistema electrónico de facturación de forma manual de xeito análogo ao previsto no artigo 6.2º a) desta orde. Á factura en soporte papel asignaráselle un número de identificación única.

2. O procedemento de conformación así como o procedemento para o recoñecemento da obriga e pagamento da factura será o previsto para as facturas electrónicas, respectivamente, nos artigos 8 e 9 desta orde.

Artigo 12º.-Información ofrecida polo sistema electrónico de facturación das facturas en soporte papel.

Unha vez introducidos os datos das facturas no sistema electrónico de facturación o usuario poderá consultar o seu estado de tramitación.

Disposicións transitorias

Primeira

A Consellería de Facenda determinará o ritmo de implantación do sistema electrónico de facturación cando, ou ben o destinatario das facturas sexa calquera das entidades relacionadas no artigo 2 do Decreto 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico, ou ben sexan facturas en soporte papel que se paguen a través das habilitacións de gasto das consellerías.

Segunda.

A Consellería de Facenda determinará o ritmo de implantación do sistema electrónico de facturación ás facturas rectificativas e as súas copias así como ás facturas recapitulativas e as súas copias.

Disposición adicional

Autorízase a Intervención Xeral para ditar todas as instrucións precisas para a correcta execución dos preceptos contidos nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o 1 de marzo de 2010.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2010.

Marta Fenández Currás

Conselleira de Facenda