DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2010 Páx. 2.107

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

DECRETO 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Exposición de motivos

A atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade ou limitación, que lle causou ou lle pode chegar a causar unha dependencia para as actividades da vida diaria ou necesidades de apoio para a súa autonomía persoal en igualdade de oportunidades, convértese nun reto ineludible para os poderes públicos, que require unha resposta firme, sostida e adaptada ao noso actual modelo de sociedade. Así se establece na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, cando no seu artigo 3 formula, como un dos obxectivos do Sistema Galego de Servizos Sociais «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia».

Previamente, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, regula as condicións básicas de acceso ao denominado Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). Como se establece no seu preámbulo, trátase de configurar un novo desenvolvemento dos servizos sociais que complemente a acción protectora e poida dar resposta ás necesidades de atención das persoas en situación de dependencia.

Neste labor xogan un papel fundamental as comunidades autónomas e, cando corresponda dentro do seu ámbito competencial, ás entidades locais. En concreto, no artigo 11 atribúe ás comunidades autónomas a planificación, a ordenación e a coordinación, no ámbito do seu territorio, dos servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, así como xestionar os recursos necesarios para iso. Así mesmo, o artigo 12 prevé que as entidades locais participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia de acordo coa normativa das súas respectivas comunidades autónomas e dentro das competencias que a lexislación vixente lles atribúe.

O preámbulo da propia lei recoñece, tamén, que as necesidades das persoas dependentes foron atendidas, fundamentalmente, desde os ámbitos autonómico e local, polo que a colaboración entre as comunidades autónomas e as entidades locais é determinante para a atención ás persoas en situación de dependencia e para lograr unha mellor xestión dos servizos, conforme as competencias que a lexislación vixente lle atribúe.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu punto 23, lle atribúe á comunidade autónoma, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estructurar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia.

Os poderes públicos galegos garanten como dereito recoñecible e exixible o dereito das persoas aos servizos sociais que lles correspondan en función da valoración obxectiva das súas necesidades, co fin de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento da Lei 39/2006, do 14 de decembro, publicouse o Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste sentido, á vista da evolución da implantación do sistema de atención á dependencia na comunidade autónoma e das súas dificultades, esta disposición, por proposta da Consellería de Traballo e Benestar, ten por obxecto avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia, adaptarse aos últimos cambios normativos, consolidar os dereitos das persoas con grao e nivel de dependencia, así como de todas aquelas persoas que xa eran usuarios do Sistema Galego de Servizos Sociais con anterioridade á entrada en vigor da normativa específica en materia de dependencia, e garantir a máxima axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do Programa Individual de Atención. Por tales motivos faise precisa unha modificación substancial da actual regulación do procedemento que leva consigo a derrogación, pola presente, da actual norma que o regula.

A través do Decreto 79/2009, do 19 de abril, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e, posteriormente, a través do Decreto 83/2009, do 21 de abril, fíxase a estrutura orgánica básica dos departamentos da Xunta de Galicia. Correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar, entre outras, as competencias en materia de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, integrándose dentro da súa estrutura orgánica, aprobada mediante Decreto 335/2009, do 11 de xuño, a Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, que se encargará a través da Subdirección Xeral da Dependencia da coordinación e apoio aos departamentos territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao e nivel de dependencia en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

Este decreto consta de 55 artigos, agrupados nun título preliminar, tres títulos, cinco disposicións adicionais, nove disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título preliminar conta con dous capítulos, contén as disposicións xerais para a aplicación da norma, tales como obxecto e ámbito de aplicación; beneficiarios; catálogo de servizos e prestacións económicas; competencias das distintas administracións públicas, destacando a participación no desenvolvemento da lei ás entidades locais; e faise fincapé no seguimento das prestacións e axudas concedidas. Tamén regula, no seu capítulo II, os órganos do Sistema para a Promoción e Atención á Dependencia en Galicia.

O título I establece os trámites para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención. O capítulo I recolle disposicións aplicables aos dous, destacando a redución do prazo global de 12 a 6 meses, en sintonía cun procedemento máis áxil cumprindo cos requisitos legais establecidos ao tempo que se evita unha excesiva burocratización, para o fin de dar unha resposta máis rápida ao interesado. É destacable a regulación dun procedemento de emerxencia, xunto tamén, coa posibilidade da utilización de medios telemáticos, informáticos e electrónicos, no obxectivo da mellora continua, facendo fincapé no seguimento das distintas prestacións e na posibilidade do reintegro das cantidades percibidas indebidamente que se regula especificamente no capítulo II do título III, conseguindo deste xeito que actuacións fraudulentas non prexudiquen a Facenda galega e, en consecuencia, a todos os cidadáns.

No capítulo II regúlase o procedemento para o recoñecemento e valoración da situación de dependencia, que será por instancia do interesado, nas súas fases de: iniciación, ordenación, instrución e terminación. Outórgase un papel fundamental aos concellos, na condición de Administración máis próxima ao cidadán, de onde preferentemente partirán as distintas solicitudes de valoración. Destácase a petición de toda a documentación necesaria xa no momento da iniciación do procedemento, na liña de facilitar a súa resolución coa maior axilidade posible, sen ter que reclamar a intervención do interesado máis que naquilo que sexa estritamente necesario, incorporando ao expediente desde o inicio o informe social coa valoración do recurso idóneo feita polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio do interesado ou, de ser o caso, do/a traballador social do sistema de saúde ou dos servizos especializados, xunto coa consulta ao interesado sobre a súa preferencia de cara

á intervención.

Así mesmo, ábrese a posibilidade de que, a través dos acordos oportunos, outros profesionais da rama sanitaria, co obxectivo da aplicación transversal da lei, poidan valorar ao interesado aplicando os baremos para a valoración da dependencia establecidos normativamente, para unha óptima e pronta resposta a este. Por último, establécese unha limitación temporal (dous anos) para volver a presentar unha nova solicitude de valoración para aquelas solicitudes denegadas, para o fin de evitar unha sobrecarga de traballo administrativo das unidades encargadas da xestión, repercutindo no beneficio dos demais cidadáns. Excepcionalmente poderase presentar unha nova solicitude cando a persoa solicitante acredite un cambio das circunstancias da súa situación de dependencia ou do seu contorno.

O capítulo III regula, coa mesma estrutura, o procedemento de elaboración do Programa Individual de Atención. Establécese a orde de prelación dos expedientes, non por rigorosa orde de entrada, senón en función do seu calendario de implantación e atendendo á orde de prioridade establecida na lei, co obxecto de atender primeiramente aos solicitantes cun grao de dependencia máis elevado. As modalidades de intervención encamíñanse á prestación de servizos, establecendo como recurso subsidiario ás prestacións económicas cando non exista dispoñibilidade destes e regulando a prestación para coidados no contorno co seu carácter excepcional.

Neste capítulo faise referencia ao programa de asignación de recursos, no que se incluirá ao interesado cando non exista dispoñibilidade na modalidade do recurso elixido, creado neste decreto e que se regula especificamente no título II.

Así mesmo, regúlase a efectividade do dereito, recoñecendo a efectividade do dereito ás prestacións económicas dos solicitantes falecidos, sempre que se acrediten os requisitos que se establecen na norma e que, coa documentación que consta no expediente, quede probado o grao e nivel de dependencia do solicitante falecido.

No capítulo IV regúlase a posibilidade de revisión do grao e nivel de dependencia, condicionado ás causas establecidas no artigo 30 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e á presentación polo interesado dos informes de condicións de saúde e dos documentos que fundamenten as causas de revisión, e do Programa Individual de Atención.

O título II regula o programa de asignación de recursos nos supostos de que non sexa posible o acceso a un servizo público, establecendo os criterios de prelación na incorporación das persoas aos ditos servizos.

A efectividade do acceso ao servizo deberá de producirse, neste suposto, nun prazo non superior a 3 meses desde a resolución do PIA, transcorrido o cal e, de non producirse o acceso ao servizo, o beneficiario poderá solicitar unha modificación do seu PIA para obter unha prestación económica (libranza de servizos).

Mediante este programa garántese a aplicación de criterios obxectivos para o acceso dos beneficiarios aos recursos dispoñibles, sendo a súa consulta pública para aqueles que desempeñen a condición de interesado.

No título III, dividido en tres capítulos, regúlase o pagamento e a xustificación das libranzas, o procedemento para o reintegro das cantidades percibidas indebidamente e a devolución dos ingresos indebidos, para os efectos dun seguimento e control exhaustivo das prestacións concedidas e na busca e detección de posibles actuacións fraudulentas. Así mesmo, regúlase un procedemento de reintegro a través de descontos nas prestacións de cara a facilitar a devolución do percibido indebidamente.

Entre as disposicións cabe destacar a disposición transitoria primeira, onde se establece a aplicación desta norma aos expedientes xa iniciados, conservándose os trámites realizados, co obxecto de que se beneficien das melloras introducidas.

Así mesmo, na disposición transitoria sexta recoñécese a efectividade do dereito ás prestacións económicas dos solicitantes falecidos con anterioridade á entrada en vigor desta norma.

A disposición transitoria sétima regula o réxime transitorio do programa do cheque asistencial en conexión coa derrogación do decreto que o regula, establecida na disposición derrogatoria, mantendo ou mellorando o réxime económico dos usuarios.

Ademais, a disposición transitoria oitava regula o réxime transitorio para os expedientes de solicitude de atención residencial e diúrna presentados en réxime de libre concorrencia de cara á súa progresiva incorporación ao Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD).

Na disposición transitoria novena regúlanse, xa que era necesario introducir certas modificacións, as intensidades das libranzas do servizo de axuda no fogar, de centro de día e de asistente persoal, á vez que se establece respecto a esta última un complemento adicional da comunidade autónoma.

Por último, na disposición derradeira primeira regúlase o establecemento de procedementos de coordinación sociosanitaria, en conexión coa recente creación da comisión para o mesmo fin.

Todos estes cambios buscan optimizar recursos e axilizar o proceso para procurar unha pronta resposta ao cidadán. Co obxecto de contar coa participación dos colectivos directamente afectados, tivéronse en conta as súas alegacións a este a través do trámite de audiencia correspondente.

Na virtude do exposto anteriormente, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, oído o Consello Consultivo de Galicia, de conformidade coa lei que regula o Alto Órgano Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Título preliminar

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto regular o procedemento aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia para a valoración e recoñecemento da situación de dependencia e o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención no que se recoñecen as prestacións económicas e/ou servizos concedidos, de acordo co establecido nos capítulos III e IV do título I da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como determinar os órganos técnicos competentes para a valoración e asesoramento da dependencia e a coordinación destes, así como a súa composición e funcións.

2. O ámbito de aplicación deste decreto esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Titulares do dereito.

1. Poderán solicitar o recoñecemento da situación de dependencia os españois que, de conformidade co previsto no artigo 5 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, cumpran os seguintes requisitos:

a) Encontrarse en situación de dependencia nalgún dos graos establecidos.

b) Para os menores de tres anos, encontrarse en situación de dependencia conforme o disposto na disposición adicional décimo terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

c) Residir en territorio español e telo feito durante cinco anos, dos cales dous deberán ser inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Para os menores de cinco anos o período de residencia exixirase a quen exerza a súa garda e custodia.

2. Así mesmo, será necesario que o beneficiario resida na Comunidade Autónoma de Galicia na data da presentación da solicitude.

3. As persoas que, reunindo os requisitos dispostos no parágrafo anterior, carezan da nacionalidade española ou non sexan nacionais de Estados membros da Unión Europea, rexeranse polo establecido na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, nos tratados internacionais e nos convenios que se establezan co país de orixe. Aos/ás menores de idade que carezan da nacionalidade española aplicaráselles o disposto nas leis do/a menor vixentes, tanto no ámbito estatal como no autonómico, así como nos tratados internacionais.

4. As persoas en situación de dependencia que, como consecuencia da súa condición de emigrantes retornados, non cumpran o requisito do período de residencia no territorio español, poderán acceder ás prestacións con igual contido e extensión que as prestacións reguladas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa posterior normativa de desenvolvemento.

Artigo 3º.-Catálogo de servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

1. De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, o Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia está configurado na Comunidade Autónoma de Galicia polo seguinte catálogo de servizos, segundo a prioridade e intensidades que se fixen no Programa Individual de Atención en función do disposto nos artigos 37 e seguintes deste decreto e na posterior normativa de desenvolvemento:

a) Servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal.

b) Servizo de Teleasistencia.

c) Servizo de Axuda no Fogar.

d) Servizo de centro de atención diúrna e de atención nocturna para persoas en situación de dependencia:

i. Centro de atención diúrna para maiores.

ii. Centro de atención diúrna para menores de 65 anos.

iii. Centro de día de atención especializada.

iv. Centro de atención nocturna.

e) Servizo de Atención Residencial para persoas en situación de dependencia:

i. Residencia de persoas maiores en situación de dependencia.

ii. Estadías temporais en residencia.

iii. Centro de atención a persoas en situación de dependencia, en razón dos distintos tipos de discapacidade.

f) Outros centros de atención a persoas en situación de dependencia, en razón dos distintos tipos de discapacidade.

2. Os centros e servizos citados estarán suxeitos ao previsto na normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia que regule a calidade, condicións e réxime de prestación dos servizos.

Artigo 4º.-Libranzas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido nos artigos 14, 17 a 20 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, as libranzas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, son as seguintes, segundo a prioridade e contías que se fixen no Programa Individual de Atención en función do disposto nos artigos 37 e seguintes deste decreto e na posterior normativa de desenvolvemento:

a) A libranza vinculada ao servizo, que ten por finalidade facilitar, por medio dunha achega económica, a adquisición dun servizo privado cando non sexa posible ser prestado mediante a rede de centros e programas públicos, concertados e conveniados da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A libranza para coidados no contorno familiar, cuxa finalidade é que a persoa en situación de dependencia reciba no seu contorno familiar os coidados que precise e así se determinen no correspondente Programa Individual de Atención.

c) A libranza de asistencia persoal, que terá por obxecto a promoción da autonomía das persoas en situación de gran dependencia.

Artigo 5º.-Integración no Sistema Galego de Servizo Sociais.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias e de conformidade co disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, garante a oferta de servizos e prestacións económicas recollidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, integrándoas no Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. De conformidade co artigo 14 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, os servizos do catálogo terán carácter prioritario e prestaranse a través da oferta pública da rede de servizos sociais pola comunidade autónoma mediante centros e servizos públicos ou privados concertados debidamente acreditados.

De non ser posible a atención mediante algún destos servizos procederá o recoñecemento da prestación económica vinculada. Esta prestación irá destinada á cobertura dos gastos do servizo previsto no Programa Individual de Atención, debendo ser prestado por unha entidade ou centro acreditado para a atención á dependencia.

Artigo 6º.-Competencias das administracións públicas.

1. Correspóndelle ao departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais o recoñecemento da situación de dependencia e, se é o caso, do dereito e aceso aos servizos e prestacións económicas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

2. As entidades locais de Galicia participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia nos termos previstos na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no marco das competencias que a lexislación vixente lles atribúan.

3. Para os efectos deste decreto, as administracións públicas, no exercicio das súas respectivas competencias, actuarán de conformidade cos principios de coordinación, colaboración e cooperación interadministrativa.

Artigo 7º.-Seguimento das prestacións, axudas e beneficios e acción administrativa contra a fraude.

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de servizos sociais e os servizos sociais comunitarios correspondentes ao domicilio do beneficiario, velarán pola correcta aplicación ou utilización dos fondos públicos, prestacións, servizos e cantos beneficios se deriven do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios correspondentes ao domicilio do beneficiario serán os responsables do seguimento da correcta aplicación do Programa Individual de Atención no seu ámbito territorial e da adecuación á situación do beneficiario.

3. A Administración autonómica exercerá as súas facultades inspectoras sobre as entidades, centros, servizos e programas, tanto públicos como privados, e das prestacións recoñecidas, a través da consellería competente en materia de servizos sociais, coa finalidade de verificar o estrito cumprimento da normativa de aplicación nesta materia, de forma que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se presten.

4. O beneficiario está obrigado a comunicar calquera variación das circunstancias que foron determinantes para a resolución do seu expediente.

Capítulo II

Órganos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia en Galicia

Artigo 8º.-Órganos de valoración e asesoramento da dependencia. Distribución territorial e composición.

1. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia, órganos colexiados, estarán adscritos ao correspondente departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais.

2. Existirá, como mínimo, un órgano de valoración e asesoramento da dependencia por cada unha das áreas de valoración provinciais adscritas aos departamentos territoriais.

Por cada departamento territorial existirá, como mínimo, unha área de valoración correspondente ao ámbito provincial respectivo, podéndose, de ser necesario, establecer varias áreas de valoración provinciais.

3. Cada órgano de valoración estará integrado por profesionais con perfil social e sanitario, cunha composición mínima dun profesional médico, un psicólogo, un traballador/a social e, de ser o caso, dun terapeuta ocupacional.

4. En canto á organización e réxime de funcionamento seguirase o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9º.-Funcións dos órganos de valoración e asesoramento da dependencia.

Serán funcións dos órganos de valoración e asesoramento da dependencia:

a) Revisar os informes de condicións de saúde, o informe social e a restante documentación que conste no expediente ou calquera outra información complementaria ou necesaria para os efectos de desenvolver a valoración.

b) Programar e organizar o calendario de citacións dos técnicos de valoración.

c) Solicitar a documentación, informes ou probas complementarias, necesarias para a valoración da situación de dependencia e o establecemento do Programa Individual de Atención.

d) Coordinar as actuacións dos distintos profesionais técnicos de valoración da situación da dependencia para garantir e unificar os criterios técnicos entre profesionais deste.

e) Revisar e aplicar un control de calidade ás valoracións realizadas polos profesionais técnicos de valoración da dependencia.

f) Codificar os diagnósticos que se detallen no ditame técnico de valoración.

g) Propor ditame sobre o grao e nivel de dependencia e proposta do Programa Individual de Atención á persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais.

h) Emitir proposta técnica que motive a necesidade de proceder nos casos de emerxencia.

i) Emitir ditame técnico motivado que permita determinar a estimación ou non, da revisión do grao e nivel de dependencia e/ou do Programa Individual de Atención.

j) Asesorar ao persoal técnico de valoración da situación de dependencia nos asuntos da súa competencia.

k) Emitir aqueles informes que lles sexan solicitados polas administracións públicas, en materia de valoración da situación de dependencia e/ou Programa Individual de Atención.

l) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas no ámbito do asesoramento e avaliación.

Artigo 10º.-Técnicos de valoración da situación de dependencia.

1. Os profesionais técnicos de valoración da dependencia dependerán funcionalmente dos órganos de valoración e asesoramento da dependencia e organicamente do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

2. Os técnicos de valoración da dependencia serán profesionais con perfil social e sanitario de conformidade co establecido na normativa de desenvolvemento deste decreto, e se determinarán na correspondente relación de postos de traballo na estrutura administrativa do respectivo departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Artigo 11º.-Funcións dos técnicos de valoración.

Serán funcións dos técnicos de valoración da situación de dependencia:

a) Aplicar os baremos para a valoración da dependencia establecidos normativamente.

b) Examinar a situación socioeconómica de acordo co informe social e o resto de documentación relativa ao contorno no que vive o solicitante, e, se fose o caso, a súa elaboración.

c) Dar traslado ao Órgano de Valoración e Asesoramento da Dependencia da necesidade de solicitar informes e/ou probas complementarias necesarias para cubrir a valoración, así como da existencia de causas no expediente que requiran a súa valoración para determinar o carácter de emerxencia.

d) A análise da modalidade do recurso que, dentro do catalogo de servizos e prestacións que mellor se adecúe as necesidades de cada solicitante.

e) Orientar e asesorar aos usuarios do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas.

Artigo 12º.-Unidade de Coordinación da Dependencia.

1. A Unidade de Coordinación da Dependencia, órgano de carácter técnico, estará adscrita ao órgano superior competente en materia de dependencia.

2. A Unidade de Coordinación da Dependencia estará integrada como mínimo por un profesional médico, un psicólogo, un traballador/a social e, de ser o caso, por un terapeuta ocupacional.

Artigo 13º.-Funcións da Unidade de Coordinación da Dependencia.

Serán funcións da Unidade de Coordinación da Dependencia:

a) Establecer, unificar e informar dos criterios xerais para a correcta aplicación dos baremos para a valoración da dependencia establecidos normativamente, así como no referido ao establecemento e elaboración do Programa Individual de Atención.

b) Prestar asesoramento nas reclamacións e asistencia técnica nos recursos e procedementos contenciosos nos que sexa parte a Administración autonómica, en materia de valoración da situación de dependencia e dos programas individuais de atención.

c) Prestar asistencia técnica de coordinación e seguimento das valoracións da situación de dependencia e do establecemento dos correspondentes programas individuais de atención, así como nos sistemas de información do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

d) Garantir o seguimento e a calidade da información compartida entre os sistemas de información da comunidade autónoma de Galicia e o Sistema de Información de Atención á Dependencia do Estado (SISAAD).

e) Coordinar o recoñecemento dos servizos establecidos nas resolucións do Programa Individual de Atención coas unidades administrativas competentes en materia de adxudicacións de prazas e prestación dos servizos.

f) Coordinar os plans de formación dos profesionais dos órganos de valoración e asesoramento e dos técnicos, así como doutros profesionais da rede pública que poidan intervir nos procedementos regulados neste decreto.

g) Aqueloutras cuestións que lle atribúa o órgano superior competente en materia de dependencia ou aqueloutras que lle sexan atribuídas en aplicación da normativa vixente.

Título I

Procedementos para o recoñecemento do grao e nivel de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención

Capítulo I

Normas comúns sobre os procedementos

Artigo 14º.-Prazo para resolver o procedemento de recoñecemento do grao e nivel de dependencia.

O procedemento para o recoñecemento do grao e nivel de dependencia resolverase no prazo máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a instrución e resolución do expediente.

Artigo 15º.-Prazo para resolver o procedemento de determinación do Programa Individual de Atención.

O procedemento para a determinación do Programa Individual de Atención resolverase no prazo máximo de tres meses desde a data da resolución do grao e nivel de dependencia.

Artigo 16º.-Tramitación dos procedementos nos supostos de emerxencia social.

Daráselle prioridade na tramitación ao correspondente procedemento, mediante resolución motivada da persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais e logo de ditame-técnico do Órgano de Valoración e Asesoramento da Dependencia, unha vez analizado o informe social e de saúde que acrediten estas circunstancias, cando así o aconsellen razóns de interese público debidamente documentadas e obxectivadas que leven consigo:

a) Unha situación de desamparo ou abandono.

b) Malos tratos físicos e/ou psíquicos.

c) Situación de risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica.

Artigo 17º.-Desistimento e renuncia.

1. En calquera fase do procedemento a persoa solicitante ou, se é o caso, quen exerza a súa representación, poderá desistir da súa petición ou ben renunciar aos dereitos recoñecidos nunha resolución previa.

2. O desistimento ou a renuncia formularanse por escrito, por calquera outro medio que permita a súa constancia ou mediante a comparecencia da persoa lexitimada nas dependencias do departamento territorial competente en materia de servizos sociais. Neste último suposto, o órgano competente cubrirá a oportuna dilixencia, que deberá ser asinada pola persoa interesada.

3. Formalizado o desistimento ou a renuncia, arquivarase a solicitude e porase fin ao expediente de conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Se a renuncia ou desistimento se efectuase na fase de elaboración do Programa Individual de Atención, manterase o grao e nivel durante un prazo máximo de dous anos durante os cales o beneficiario poderá solicitar a reanudación da elaboración do Programa Individual de Atención, someténdose aos prazos e requisitos establecidos.

Artigo 18º.-Silencio administrativo.

No suposto do vencemento dos prazos máximos establecidos sen ditarse resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolver expresamente.

Artigo 19º.-Utilización de medios telemáticos, informáticos e electrónicos.

1. Nos procedementos que se regulan neste decreto poderanse utilizar medios telemáticos, informáticos e/ou electrónicos de acordo co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, adecuándose ao cumprimento do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e demais normativa que lles resulte de aplicación.

2. Por orde da consellería competente en materia de servizos sociais establecerase a tramitación telemática dos procedementos que se regulan neste decreto.

Capítulo II

Procedemento para o recoñecemento do grao e nivel de dependencia

Sección primeira

Iniciación

Artigo 20º.-Iniciación do procedemento e presentación da solicitude.

1. O procedemento iniciarase por instancia da persoa que poida estar afectada por algún grao de dependencia ou de quen desempeñe a súa representación.

2. A solicitude formalizarase no modelo normalizado do anexo I desta norma e presentarase, xunto coa documentación preceptiva, no rexistro que corresponda aos servizos sociais comunitarios do domicilio do solicitante. Así mesmo, poderase presentar no rexistro da consellería con competencias en materia de servizos sociais, no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares recollidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes dirixiranse ao departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais correspondente á provincia na que a persoa en situación de dependencia teña a súa residencia habitual.

4. As persoas que tivesen recoñecida a necesidade de axuda de terceira persoa, cunha puntuación de 45 puntos ou máis, de conformidade co Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao e discapacidade poderán presentar solicitude de homologación á dependencia, de conformidade co anexo I desta norma.

5. As persoas que tiveran recoñecido o grao e nivel de dependencia noutra comunidade autónoma presentarán o anexo I.

Artigo 21º.-Documentación.

Á solicitude acompañarase da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do DNI/NIE do solicitante ou calquera outro documento acreditativo da súa identidade, de conformidade coa normativa vixente.

b) Cando a persoa solicitante sexa un menor de idade, copia compulsada do libro de familia, que inclúa a folla na que apareza o nome do/a beneficiario/a, no caso de non posuír DNI.

c) Acreditación da representación que se ten da persoa solicitante, se é o caso, e copia compulsada do DNI/NIE do representante.

d) Certificado de empadroamento emitido polo concello correspondente que acredite a residencia nun municipio da comunidade autónoma no momento de presentar a solicitude. Da presentación deste documento están eximidas as persoas que estean sendo atendidas dentro do sistema público de servizos sociais (residencias, centro de día, axuda no fogar) da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado/s de empadroamento emitido polos concellos correspondentes que acrediten a residencia da persoa solicitante en España durante cinco anos, dos cales dous deberán ser inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

Para o caso de menores de cinco anos, certificado de empadroamento que acredite a residencia de quen teña a súa representación.

No suposto de residentes que carezan da nacionalidade española deberán presentar certificado emitido polo Ministerio do Interior que acredite o cumprimento dos mesmos períodos.

f) No caso de ser emigrante retornado e non cumprir o requisito do período de residencia, acreditarase esta circunstancia mediante certificado de emigrante retornado expedido na Delegación do Goberno correspondente ou mediante a correspondente baixa consular.

g) Informe de condicións de saúde emitido por un profesional do Servizo Galego de Saúde, doutras administracións públicas que traten habitualmente á persoa solicitante ou de entidades concertadas ou conveniadas coa Seguridade Social ou réximes especiais, conforme o modelo do anexo II.

Terá o carácter de informe de condicións de saúde complementario o emitido por profesionais de entidades, asociacións e corporacións sen ánimo de lucro no ámbito da discapacidade, así como o emitido por profesionais de entidades xestoras de servizos sociais de centros residenciais onde se atope o solicitante.

Estarán exentas da presentación do informe sobre as condicións de saúde as persoas solicitantes de homologación que tiveran recoñecida a necesidade de axuda de terceira persoa, cunha puntuación de 45 puntos ou máis, segundo o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.

h) Informe social, emitido polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante e, se é o caso, do/a traballador/a social do sistema de saúde ou do/a traballador/a social dos servizos sociais especializados, conforme o modelo do anexo III.

i) Certificado de discapacidade coa puntuación de axuda de terceira persoa (ATP) cando fora emitido por outra comunidade autónoma, se é o caso.

j) Resolución de grao e nivel, se é o caso, cando sexa emitido por outra comunidade autónoma.

k) Manifestación da persoa solicitante ou do seu representante, conforme o punto nº 10 e 11 do modelo anexo I da solicitude, da súa preferencia dentro do catálogo de servizos e prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

No caso de solicitude de prestación económica para coidados no contorno familiar, certificado de empadroamento do coidador, declaración xurada do grao de parentesco que os une ou tipo de relación se non é a filial, conforme o punto nº 11 do modelo anexo I da solicitude, e DNI/NIE ou outro documento acreditativo da súa identidade.

l) Certificado de convivencia da persoa solicitante segundo padrón municipal.

m) Declaración do imposto da renda das persoas físicas, certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante ou declaración xurada de non percibilas, xunto coa autorización para a consulta e comprobación dos seus datos económicos conforme o modelo anexo I da solicitude, en cuxo caso o solicitante non estará obrigado a presentar estes documentos.

n) Declaración responsable acerca do patrimonio da persoa solicitante na que se detalle o conxunto das súas titularidades de bens e dereitos de contido económico, de xeito que quede completamente acreditada a súa situación patrimonial, conforme o anexo IX.

o) Copia compulsada, de ser o caso, do DNI/NIE ou doutro documento acreditativo da súa identidade, do cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade, que dependan economicamente do solicitante.

Cando existan menores de idade que dependan economicamente da persoa solicitante, copia compulsada do libro de familia no caso de que estes non posúan DNI.

p) Declaración do imposto da renda das persoas físicas, certificado de toda clase de pensións percibidas polo cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade, economicamente a cargo da persoa solicitante, ou declaración xurada de non percibilas, xunto coa autorización para a consulta e comprobación dos seus datos económicos conforme o modelo anexo I da solicitude, en cuxo caso non estarán obrigados a presentar estes documentos, e declaración responsable do seu patrimonio, conforme o modelo anexo IX.

Artigo 22º.-Dereito a non presentar a documentación que conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Os interesados non estarán na obriga de achegar información, datos ou documentación que estea xa en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou que, de acordo coa lexislación vixente, poida obterse polos seus propios medios.

2. A solicitude considerará a autorización da persoa solicitante, e de ser o caso dos seus conviventes, para que o departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais realice as consultas aos arquivos públicos que consten en poder das distintas administracións públicas para os efectos de verificar os datos declarados sobre a situación económica, en cuxo caso non deberán achegar documentación xustificativa neste sentido.

3. O solicitante e as demais persoas obrigadas a presentar copia compulsada do DNI/NIE ou doutro documento acreditativo da súa identidade, sinaladas no artigo anterior, autorizarán expresamente o departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais a acceder aos datos do DNI por medios dixitais, suposto en que non será necesaria a presentación de copias destes documentos en soporte papel.

4. A persoa solicitante poderá denegar ou revogar expresamente o consentimento, debendo achega entón a documentación xustificativa dos datos declarados.

Artigo 23º.-Informe social.

O informe social recollerá, cando menos, o contido mínimo que se determina no modelo do anexo III, indicando a valoración do recurso idóneo, e será remitido ao departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais xunto coa solicitude e a documentación que a acompaña.

Artigo 24º.-Emenda de solicitudes.

Unha vez examinada a solicitude presentada polo órgano do departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais, se esta non reunise os requisitos exixidos ou non se acompañase da documentación necesaria, segundo se establece no artigo 21 deste decreto, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte á recepción da notificación do requirimento, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 25º.-Verificación dos datos achegados. Réxime de infraccións e sancións.

1. A Administración terá, en todo momento, a facultade de verificar os datos achegados polos interesados. A ocultación ou falsificación de datos ou informacións que deban figurar na solicitude ou nos documentos que a acompañan, poderá ser considerada causa suficiente para denegar o recoñecemento da situación de dependencia, sen prexuízo do disposto no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, que regula as condicións básicas de acceso ao Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

2. O incumprimento das obrigas e requisitos do beneficiario establecidas neste decreto quedará sometido ao réxime de infraccións e sancións regulado no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e, cando proceda, ao réxime de infraccións e sancións dispostos nos títulos X e XI da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

3. En todo caso, a sanción que leve consigo a perda da prestación económica implicará o reintegro das cantidades percibidas indebidamente e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da prestación ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o procedemento disposto no título III desta norma.

Sección segunda

Ordenación e instrución

Artigo 26º.-Orde de prelación na tramitación dos procedementos.

1. Os procedementos iniciaranse por orde de entrada. Cando o órgano do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais entenda que exista razóns de interese público, obxectivamente motivadas de conformidade co disposto no artigo 16º deste decreto, poderá alterar esta orde.

2. Á vista dos informes social e de saúde o órgano do departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais, logo de ditame técnico do Órgano de Valoración e Asesoramento da Dependencia, poderá determinar a orde de prelación dos expedientes na súa valoración da situación de dependencia.

3. Debido ás características específicas do recoñecemento da situación de dependencia dos menores de tres anos, establécese a prioridade na tramitación destes procedementos para evitar a demora e interferencia nos prazos de revisión.

Artigo 27º.-Citación para a valoración da situación de dependencia.

1. O órgano de valoración do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, unha vez completada a documentación, comunicará ao interesado o día, franxa horaria e lugar no que se realizará a valoración da situación de dependencia.

2. Cando o interesado amose a súa conformidade na solicitude e as circunstancias técnicas o fagan posible, poderá ser citado por medios telemáticos ou electrónicos.

3. Cando se produza a paralización do procedemento, por causa imputable ao interesado que impida realizar a valoración a que se refire o punto anterior, advertiráselle que transcorridos tres meses se producirá a caducidade deste e o arquivo das actuacións practicadas, de acordo co establecido no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

4. Se no momento da citación existiran condicións de saúde obxectivamente motivadas que impidan a aplicación dos baremos de valoración da dependencia establecidos normativamente, suspenderase a tramitación do expediente ata que se dean as circunstancias que posibiliten a valoración e así o inste o interesado.

Artigo 28º.-Valoración da situación de dependencia.

1. A aplicación dos baremos establecidos normativamente, aprobados mediante real decreto, corresponderá aos técnicos de valoración de conformidade co disposto nos artigos 10º e 11º deste decreto ou, en función do disposto na posterior normativa de desenvolvemento, aos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

2. A aplicación dos baremos establecidos normativamente realizarase no contorno habitual do solicitante. Ocasionalmente, os órganos de valoración e asesoramento da dependencia poderán determinar que a aplicación polos técnicos se leve a cabo nun lugar distinto.

3. O técnico respectivo informará ao solicitante ou ao seu representante, das situacións orixinadas por problemas de saúde especificadas no informe médico, así como das necesidades de apoio doutra persoa para a realización de actividades ou tarefas tidas en conta tras a aplicación do baremo.

4. Corresponderá aos técnicos de valoración examinar a situación socioeconómica así como o estudo sobre o contorno no que vive a persoa en situación de dependencia.

5. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia realizarán de oficio cantas actuacións resulten necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba ditarse resolución. Poderán solicitar ou requirir os informes e/ou probas complementarias ou aclaratorias que consideren convenientes, cando o contido dos antecedentes que figuran no procedemento ou as especiais circunstancias da persoa interesada así o aconsellen.

Artigo 29º.-Ditame sobre o grao e nivel de dependencia.

1. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia realizarán a valoración integral, tendo en conta os resultados da aplicación polo técnicos dos baremos de valoración de dependencia establecidos normativamente, o exame das condicións de saúde reflexados nos informes, o informe social correspondente ao expediente de SAAD e outros informes sociais de que se dispoña, e emitirá ditame-proposta, que deberá conter como mínimo, diagnóstico, puntuación do baremo, o grao e nivel de dependencia e o seu carácter permanente ou revisable, e aqueloutros extremos que se consideren relevantes en función de cada caso, e o elevará á persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

2. O ditame-proposta de resolución recollerá o carácter permanente ou revisable do grao e nivel de dependencia de acordo ao seguinte:

a) No caso de menores de 3 anos a valoración terá carácter non permanente, establecéndose revisións de oficio periódicas cando os menores cumpran 6, 12, 18, 24 e 30 meses. Aos 36 meses todos os menores deberán ser de novo avaliados co baremo recoñecido normativamente aplicable para a súa idade.

b) No caso de menores de 3 a 18 anos, estableceranse revisións de oficio, como mínimo, unha revisión por cada tramo de idade no que se divide o baremo segundo os criterios establecidos no Real decreto 504/2007.

c) Nos demais casos, establecerase un prazo máximo no que se deberá efectuar a primeira revisión do grao e nivel resolto cando sexa necesario, en función das circunstancias concorrentes.

3. Non será preciso trámite de audiencia ao interesado, de conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polo interesado.

Sección terceira

Terminación

Artigo 30º.-Resolución do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia.

1. A persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais ditará a correspondente resolución, que determinará o grao e nivel de dependencia da persoa solicitante, indicando os servizos e/ou prestacións económicas que, dentro do catálogo do sistema para a autonomía e atención á dependencia, lle correspondan en función do seu grao e nivel.

Nos casos que se determine necesario, en función das circunstancias concorrentes, determinarase o prazo máximo en que se deba efectuar a revisión do grao e nivel que se declare.

2. A efectividade do acceso ao servizos, e/ou prestacións económicas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia determinados na resolución de recoñecemento do grao e nivel de dependencia, quedará demorada ata a aprobación do correspondente Programa Individual de Atención.

Artigo 31º.-Limitación temporal para formular unha nova solicitude.

As resolucións denegatorias por non atoparse nunha situación de dependencia ao non acadar o solicitante ningún dos graos establecidos na Lei 39/2006, do 14 de decembro, levará consigo a limitación temporal de dous anos para formular unha nova solicitude salvo que, con anterioridade a dito período, acredite debidamente un erro no diagnóstico, na aplicación do baremo ou ben que o seu grao de autonomía persoal ou a súa situación do contorno habitual variou.

Artigo 32º.-Recurso de alzada.

Contra a resolución de recoñecemento do grao e nivel de dependencia os interesados poderán interpor, no prazo dun mes desde o día seguinte á súa notificación, recurso de alzada perante a persoa titular da consellería con competencia en materia de servizos sociais, de conformidade co disposto nos artigos 107 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Capítulo III

Procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención

Sección primeira

Iniciación

Artigo 33º.-Iniciación do procedemento.

1. Unha vez recoñecida a situación de dependencia impulsarase de oficio, polo órgano competente do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención.

2. Cando a resolución de recoñecemento da situación de dependencia ditada se refira a un grao e nivel non implantado, de acordo co calendario de implantación da disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, o inicio do procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención terá lugar no prazo máximo de tres meses antes do primeiro día do ano en que se proceda a implantar o grao ou nivel de dependencia de que se trata.

Sección segunda

Ordenación e instrución

Artigo 34º.-Orde de prelación na instrucción dos procedementos.

O procedemento de elaboración do Programa Individual de Atención será ordenado en función do calendario de implantación previsto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de ser o caso, e en función da prioridade no acceso aos servizos, segundo o disposto no artigo 14.6º da devandita lei, que virá determinado polo maior grao e nivel de dependencia e, a igual grao e nivel, pola menor capacidade económica do solicitante.

Artigo 35º.-Requirimento de documentación.

1. O órgano do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais requirirá, de ser o caso, ao interesado para que achegue, no prazo máximo de 10 días hábiles desde o día seguinte á notificación do requirimento, a documentación necesaria e complementaria que non conste xa en poder da Administración para a elaboración do Programa Individual de Atención. Se non o fixera, terase por interrompido o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.

2. Transcorrido o prazo de tres meses sen que a persoa requirida realice as actividades esenciais para reanudar a tramitación, a Administración declarará a caducidade do procedemento e acordará o arquivo das actuacións.

3. No suposto descrito no punto anterior, o interesado poderá volver a solicitar por escrito a reanudación da elaboración do seu Programa Individual de Atención, acompañando a documentación que se lle requiriu no seu momento.

4. Para estes efectos o grao e nivel recoñecidos manterán a súa validez durante os dous anos seguintes á resolución de recoñecemento da situación de dependencia. Pasado este prazo, a reactivación do Programa Individual de Atención requirirá a presentación dunha nova solicitude de recoñecemento da situación de dependencia.

Artigo 36º.-Modalidade de intervención.

1. A análise das modalidades de intervención máis adecuadas ás necesidades da persoa en situación de dependencia de entre os servizos e prestacións económicas previstos na resolución para o seu grao e nivel, levarase a cabo polos técnicos de Valoración da Dependencia.

Para tal efecto poderase recadar dos servizos sociais comunitarios do domicilio do beneficiario e, se é o caso, do/a traballador/a social do sistema de saúde ou do/a traballador/a social de servizos sociais especializados, os informes que se consideren convenientes.

2. A modalidade de intervención máis adecuadas ás necesidades da persoa en situación de dependencia, de entre os servizos e prestacións económicas previstos na resolución para o seu grao e nivel, adecuarase aos criterios de acceso conforme a lexislación aplicable e segundo o seguinte:

1) Os servizos do catálogo terán carácter prioritario e prestaranse a través da oferta pública do Sistema Galego de Servizos Sociais, mediante centros e servizos públicos ou privados concertados debidamente acreditados.

2) De non ser posible a atención mediante algún dos servizos do catálogo, considerarase a libranza vinculada á adquisición dun servizo. Esta prestación irá destinada á cobertura dos gastos do servizo previsto no Programa Individual de Atención, debendo ser prestado por un centro ou programa acreditado para a atención á dependencia.

3) O beneficiario poderá, excepcionalmente, recibir unha prestación económica para ser atendido por coidadores non profesionais, sempre que se dean condicións adecuadas de convivencia e de habitabilidade da vivenda, os requisitos de idoneidade do coidador e así o estableza o seu Programa Individual de Atención.

4) As persoas en situación de dependencia poderán recibir unha libranza de asistencia persoal sempre que se cumpran os requisitos que recolla a normativa vixente de desenvolvemento deste decreto.

Artigo 37º.-Proposta do Programa Individual de Atención.

1. O Órgano de Valoración e Asesoramento da Dependencia, visto o informe de condicións de saúde e o informe social achegados xunto coa solicitude conforme os anexos II e III, a valoración dos técnicos de valoración da dependencia, a consulta formulada ao solicitante segundo o modelo da solicitude do anexo I e analizada a demais documentación que consta no expediente, emitirá a proposta do Programa Individual de Atención.

2. Na elaboración do Programa Individual de Atención o Órgano de Valoración e Asesoramento da Dependencia deberá de ter en conta a consulta formulada ao interesado ou, se é o caso, ao seu representante, manifestada no punto 10 e 11 do anexo I que establece o modelo de solicitude, e no que o solicitante manifesta as súas espectativas ou necesidades de atención a través dos servizos ou das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

Esta consulta terá carácter orientativo para o Órgano de Valoración e Asesoramento da Dependencia, non sendo en ningún caso vinculante para este.

3. A proposta do Programa Individual de Atención incluirá os seguintes extremos:

a) As modalidades de intervención máis adecuadas ás necesidades da persoa en situación de dependencia, de entre os servizos e prestacións económicas previstos na resolución para o seu grao e nivel e en función da súa capacidade económica.

b) De ser o caso de que sexa posible o acceso a un servizo público, a proposta de resolución deberá indicar o recurso que corresponda.

c) Para o caso de que non sexa posible o acceso a un servizo público, a proposta de resolución deberá indicar os seguintes contidos específicos:

i. Deberá indicarse que a persoa solicitante se incorpora a un programa de asignación de recursos, especificando os criterios de preferencia no acceso aos servizos que deberá de producirse nun prazo non superior a tres meses desde a resolución do PIA. Transcorrido o prazo de tres meses e de non producirse o acceso ao servizo público, o beneficiario poderá solicitar unha modificación do seu PIA para os efectos de obter unha libranza vinculada a un servizo ou, do contrario, seguir incorporado ao programa á espera do acceso a un servizo público.

ii. No caso de que o PIA sinale unha libranza vinculada a un servizo para aplicala transitoriamente cando non sexa posible o acceso a un servizo público, a proposta de resolución deberá sinalar o centro ou entidade prestadora do servizo e a contía, e, se así o manifesta voluntariamente o beneficiario, a súa inclusión no programa de asignación de recursos a espera do acceso a un servizo público.

iii. No caso de que o PIA sinale con carácter excepcional unha libranza para coidados no contorno familiar e apoio a coidadores non profesionais, a proposta de resolución deberá sinalar a contía e a data de inicio da prestación.

iv. No caso de que o PIA sinale unha libranza de asistencia persoal a proposta de resolución deberá sinalar a contía e a data de inicio da prestación.

Sección terceira

Terminación

Artigo 38º.-Resolución do procedemento de recoñecemento do Programa Individual de Atención.

1. Recibida a proposta do Programa Endividual de Atención e demais documentación que conste no expediente, a persoa titular do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais ditará, logo das comprobacións que procedan, resolución pola que se aproba o Programa Individual de Atención.

2. O Programa Individual de Atención determinará a modalidade ou modalidades de intervención máis axeitadas ás necesidades do interesado, de entre os servizos e prestacións económicas previstas na resolución do grao e nivel de dependencia segundo á normativa vixente, incorporando, se é o caso, os servizos que xa estea desfrutando o interesado coma recursos de atención á dependencia. Así mesmo, indicará as condicións individuais para a súa prestación e a participación do beneficiario no custo destes, de conformidade co establecido na normativa vixente e de desenvolvemento deste decreto.

3. No suposto en que a modalidade ou modalidades de intervención determinadas sexan distintas á valoración efectuada polo traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio do solicitante e, se é o caso, do/a traballador/a social do sistema de saúde ou do/a traballador/a social dos servizos sociais especializados, deberase xustificar expresamente na resolución a motivación da modalidade de intervención.

4. Nos casos que se determine necesario, en función das circunstancias concorrentes, determinarase o prazo máximo en que se deba efectuar a revisión do Programa Individual de Atención.

Artigo 39º.-Efectividade do dereito aos servizos e/ou libranzas.

1. A efectividade do dereito aos servizos, no caso de que o beneficiario non os estivera a recibir no momento en que se resolve o Programa Individual de Atención, producirase desde a data en que o beneficiario se incorpore ao servizo de maneira efectiva ou desde o primeiro día do ano no que proceda a implantación do grao e nivel de dependencia que lle fora recoñecido, cando a resolución do Programa Individual de Atención sexa posterior á data de acceso ao servizo no suposto de beneficiarios xa atendidos a través do Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. A efectividade do dereito ás libranzas producirase a partir do día seguinte á data de presentación da solicitude, ou desde o primeiro día do ano no que proceda a implantación do grao e nivel de dependencia que lle fora recoñecido. Na data de efectividade será necesario que se reúnan os requisitos que se exixan na normativa vixente para cada tipo de libranza. No caso contrario, a efectividade producirase a partir do día primeiro do mes seguinte a que concorran os ditos requisitos.

3. Nos supostos previstos no artigo 35º.3 deste decreto, a efectividade do dereito ás libranzas quedará en suspenso polo tempo que o expediente estea paralizado por circunstancias imputables ao interesado.

Artigo 40º.-Solicitantes falecidos.

1. A efectividade do dereito ás prestacións económicas dos solicitantes falecidos durante a tramitación do procedemento recoñecerase á persoa que soportara o gasto sempre que lle corresponda conforme a normativa de aplicación.

2. Será necesario que a documentación que consta no expediente no momento do falecemento probe cal era o grao e nivel de dependencia do solicitante falecido. Así mesmo, de existir proposta do Programa Individual de Atención terá que constar que se cumprían os requisitos establecidos para cada tipo de libranza.

3. En todos os supostos deberá xustificarse documentalmente o gasto efectivamente soportado.

Artigo 41º.-Recurso de alzada.

1. Contra a resolución pola que se determina o Programa Individual de Atención os interesados poderán interpor, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, recurso de alzada perante a persoa titular da consellería con competencia en materia de servizos sociais, de conformidade co disposto nos artigos 107 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Capítulo IV

Revisión do grao e nivel de dependencia e do Programa Individual de Atención

Artigo 42º.-Revisión de grao e nivel de dependencia.

1. O grao e nivel de dependencia será revisable polas causas establecidas no artigo 30 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa normativa de desenvolvemento. O procedemento iniciarase por instancia da persoa interesada ou do seu representante, ou de oficio polo órgano do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

2. Se a solicitude de revisión a presenta o interesado deberá acompañarse dos informes de condicións de saúde e documentos que fundamenten as causas da revisión e dirixirase ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais do domicilio do beneficiario.

3. No caso de non existir circunstancias debidamente acreditadas e xustificadas que permitan proceder á revisión solicitada, o Órgano de Valoración e Asesoramento emitirá un ditame técnico no que proporá a desestimación da solicitude de revisión. O ditame-proposta elevarase á persoa titular do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais que ditará resolución denegatoria da revisión.

4. Será de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas no presente decreto para o recoñecemento da situación de dependencia.

Artigo 43º.-Revisión do Programa Individual de Atención.

O Programa Individual de Atención poderá ser revisado nos seguintes casos:

1. Revisarase de oficio polo órgano do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais nos seguintes supostos:

a) Cando se produza unha revisión de grao ou nivel de dependencia recoñecido, sempre que esta implique unha modificación das prestacións económicas e/ou servizos recibidos.

b) Polo traslado de residencia á Comunidade Autónoma de Galicia desde outra comunidade autónoma.

c) Cando existan circunstancias obxectivamente motivadas que aconsellen a súa revisión.

d) A proposta, debidamente motivada, do/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio do beneficiario, ou se é o caso, do/a traballador/a social do sistema de saúde ou traballador/a social de servizos sociais especializados, responsable do seguimento do PIA.

2. En calquera caso, revisarase o Programa Individual de Atención coa periodicidade que determine o órgano superior con competencias en materia de dependencia e conforme os plans anuais de actuacións que se establezan.

3. Poderá revisarse o Programa Individual por instancia do interesado ou do seu representante, sempre que se acredite unha variación nas condicións de saúde ou na situación do seu contorno que puidesen motivar unha modificación do servizo ou prestación económica recoñecida.

4. Será de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas neste decreto para o procedemento de aprobación do Programa Individual de Atención.

Título II

Xestión das prazas dos servizos

Artigo 44º.-O programa de asignación de recursos.

1. O programa de asignación de recursos é o instrumento a través do cal a consellería con competencias en materia de servizos sociais establece unha orde de preferencia para o acceso aos centros de día, de noite, residenciais, teleasistencia e axuda no fogar do sistema galego de servizos sociais cando non sexa posible o acceso a un servizo público, conforme o previsto nos artigos 37 e 38 deste decreto.

2. O acceso ás listaxes ordenadas de acordo cos criterios de prelación establecidos neste título é público, sen prexuízo das limitacións que se deriven da lexislación vixente sobre o dereito á intimidade e á protección de datos de carácter persoal. Neste sentido, e logo de solicitude de quen acredite un interese lexítimo, o órgano superior competente en materia de dependencia emitirá certificacións relacionadas co seu contido.

3. O órgano superior competente en materia de dependencia informará periodicamente as persoas solicitantes ou, se é o caso, a quen exerza a súa representación, sobre a súa situación no programa de asignación de recursos.

4. No caso de que a aplicación do previsto nos artigos 37 e 38 deste decreto non permitise determinar a prioridade no acceso a un recurso, o programa de asignación de recursos establecerá a prelación de acceso mediante a aplicación sucesiva dos seguintes criterios:

a) O maior grao e nivel de dependencia.

b) A igual grao e nivel de dependencia, terase en conta a non percepción doutra prestación ou servizo do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

c) No suposto de igualdade en relación co criterio anterior, terase en conta a menor capacidade económica.

d) No caso de igualdade en relación cos criterios anteriores, valorará a posible inexistencia de rede social de apoio.

e) Se persistise a igualdade, valorarase a idade do beneficiario.

f) Por último terase en conta a data de presentación da solicitude de valoración da dependencia.

5. Ademais, cando se trate do servizo de axuda no fogar, as persoas para as que o programa individual de atención determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas a quen se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.

6. Atendendo aos criterios expostos nos puntos anteriores, o programa de asignación de recursos xerará unha actualización automática da listaxe de agarda, a medida que o órgano superior con competencia en materia de dependencia incorpore novas resolucións de PIA pendentes de asignación de centro ou servizo.

7. As persoas incluídas no programa de asignación de recursos poderán comunicar ao órgano superior con competencias en materia de dependencia a relación de centros aos que desexen incorporarse, o cal será tido en conta para os efectos previstos no artigo seguinte.

Artigo 45º.-Asignación de prazas vacantes nos centros e servizos.

1. A asignación de prazas vacantes a persoas incluídas no programa de asignación de recursos en centros do sistema galego de servizos sociais será efectuada polo órgano superior competente en materia de dependencia, que aprobará o correspondente ingreso.

Tal asignación deberá efectuarse a favor da persoa que se atope mellor situada dentro do programa de asignación de recursos, con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate.

2. A proposta de asignación de praza vacante será elevada ao órgano superior competente en materia de dependencia pola unidade administrativa responsable en cada caso, segundo o tipo de centro de que se trate.

3. Mediante resolución o órgano superior competente en materia de dependencia asignará unha praza concreta á persoa solicitante, conforme o establecido no correspondente PIA, onde se deberá de indicar o centro ou servizo que lle corresponde.

Artigo 46º.-Asignación de prazas vacantes no servizo de axuda no fogar.

No caso do servizo de axuda no fogar, os concellos titulares do servizo procederán a dar de alta ás persoas en agarda de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. Para estes efectos garantirase aos servizos sociais comunitarios municipais acceso en tempo real ao devandito programa de asignación de recursos.

Título III

Pagamento e xustificación das prestacións económicas, procedemento de reintegro das prestacións indebidamente percibidas e devolución de ingresos indebidos

Capítulo I

Pagamento e xustificación das prestacións económicas

Artigo 47º.-Pagamento e xustificación do mantemento do dereito á libranza vinculada ao servizo.

1. No prazo de trinta días naturais desde a notificación da resolución do procedemento referida no artigo 38º, o interesado debe acreditar ante o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, mediante fotocopia compulsada do orixinal da factura emitida para o efecto ou certificación acreditativa da entidade prestadora do servizo, que efectuou o gasto do servizo ao que se vincula a libranza concedida.

2. O importe da prestación aboarase mensualmente.

3. O beneficiario deberá xustificar cuadrimestralmente que durante este período mantivo os requisitos para o desfrute da libranza concedida e que utilizou o servizo ao que está vinculada, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden. Esta xustificación presentarase inicialmente, dentro do mes seguinte a aquel no que remate o cuadrimestre en curso ao que corresponda o primeiro pagamento, aínda que este período inicial de xustificación corresponda a un período inferior a catro meses. As sucesivas xustificacións realizaranse no mes seguinte ao remate dos vindeiros cuadrimestres.

4. A xustificación realizarase mediante os seguintes documentos:

a) Declaración responsable de que se mantiveron os requisitos, cuberta polo interesado ou o seu representante, no modelo que figura como anexo IV.

b) Certificación acreditativa expedida polo prestador do servizo no modelo establecido como anexo V.

c) Duplicado orixinal das facturas que se emitiron pola entidade prestadora do servizo nos últimos 4 meses.

5. De ser o caso, e se o beneficiario presta expresamente o seu consentimento, a achega da certificación acreditativa expedida polo prestador e o duplicado orixinal das facturas poderá ser remitido pola entidade prestadora.

6. O beneficiario, ou o seu representante, deberá comunicar ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, no prazo máximo de trinta días naturais, os cambios relativos ao prestador do servizo, para os efectos de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento. No caso de que o prestador do servizo non cumpra co previsto neste decreto e na súa posterior normativa de desenvolvemento, o departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais interrompirá o pagamento da libranza ata que se cumpra o requirido anteriormente.

Artigo 48º.-Pagamento e xustificación do mantemento do dereito á libranza de coidados no contorno.

1. No prazo dun mes desde a notificación da resolución do procedemento referido no artigo 38, deberá ser acreditado polo coidador non profesional que cumpre cos requisitos de afiliación, alta e cotización á Seguridade Social establecidas na normativa vixente, pola que se regula a Seguridade Social dos coidadores das persoas en situación de dependencia.

2. O importe da prestación aboarase mensualmente.

3. O beneficiario deberá xustificar anualmente que durante este período cumpriu os requisitos que motivaron a concesión da libranza, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden. Se é o caso, deberá acreditar que segue reunindo as condicións de afiliación, alta e cotización á Seguridade Social do coidador. Esta xustificación presentarase inicialmente dentro do mes seguinte a aquel en que remate o ano natural ao que corresponda o primeiro pagamento, aínda que este período inicial de xustificación corresponda a un período inferior a un ano. As sucesivas xustificacións realizaranse no mes seguinte ao remate dos vindeiros anos.

4. A xustificación realizarase mediante declaración responsable de que se mantiveron os requisitos, subscrita polo interesado ou o seu representante, conforme o anexo VI.

5. Os efectos económicos do recoñecemento ao dereito á libranza de coidados no contorno produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel desde o que se recoñeza a súa efectividade.

Así mesmo, aboarase como último pagamento a mensualidade total correspondente ao mes en que se extinga a libranza por falecemento do beneficiario ou se produza a súa baixa por calquera outro motivo.

Artigo 49º.-Pagamento e xustificación do mantemento do dereito á libranza de asistente persoal.

1. No prazo dun mes desde a notificación da resolución do procedemento referido no artigo 38º, o beneficiario deberá presentar no departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos referidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento, así como unha copia do contrato subscrito co asistente persoal ou coa empresa de servizos e, de ser o caso, acreditar, mediante fotocopia compulsada do orixinal da factura emitida para o efecto ou certificado acreditativo da entidade prestadora do servizo, que efectuou o gasto ao que se vincula a libranza concedida.

2. O importe da prestación aboarase mensualmente.

3. O beneficiario deberá xustificar cuadrimestralmente que durante este período mantivo os requisitos para o desfrute da libranza concedida e que utilizou o servizo ao que está vinculada, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden. Esta xustificación presentarase inicialmente, dentro do mes seguinte a aquel en que remate o cuadrimestre en curso ao que corresponda o primeiro pagamento, aínda que este período inicial de xustificación corresponda a un período inferior a catro meses. As sucesivas xustificacións realizaranse no mes seguinte ao remate dos vindeiros cuadrimestres.

4. A xustificación realizarase mediante os seguintes documentos:

a) Declaración responsable de que se mantiveron os requisitos, subscrita polo interesado ou o seu representante, no modelo que figura coma anexo VII, e declaración responsable do pagamento por asistencia persoal conforme o anexo VIII.

b) Certificado da Seguridade Social que acredite que o asistente persoal continúa reunindo as condicións de afiliación, alta e cotización á Seguridade Social.

c) Duplicado do orixinal das facturas emitidas, cando o coidador sexa autónomo ou estea contratado a través dunha empresa dedicada a este obxecto.

5. De ser o caso, e o beneficiario presta expresamente o seu consentimento, a achega do duplicado orixinal das facturas poderá ser remitida pola entidade prestadora.

6. O beneficiario deberá comunicar ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais no prazo máximo de trinta días naturais, os cambios relativos ao asistente persoal, para os efectos de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento. No caso de que o asistente persoal non cumpra co previsto neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento, o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais interrumpirá o pagamento da libranza ata que non se cumpra co establecido.

Capítulo II

Procedemento de reintegro das prestacións indebidamente percibidas

Artigo 50º.-Ámbito de aplicación.

1. O procedemento establecido no presente título aplicarano os departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais, cando, como consecuencia da revisión do dereito previamente recoñecido, resulten prestacións indebidamente percibidas.

2. O procedemento a que se refire o punto anterior será aplicable nos supostos en que os departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais constaten:

a) Omisións ou inexactitudes nas declaracións dos beneficiarios.

b) Cando proceda a rectificación de erros materiais ou de feito e os aritméticos.

c) Cando se constate unha percepción indebida nas prestacións económicas derivada dos procedementos de revisión de oficio regulados nos artigos 102 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 51º.-Procedemento de reintegro.

1. O procedemento iniciarase, por acordo do titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, tan pronto como teña coñecemento dos feitos ou circunstancias que fundamenten o inicio do procedemento, segundo o disposto nos artigos anteriores, tramitarase nun só expediente nos termos sinalados nos parágrafos seguintes e resolverase no prazo máximo de tres meses, contados a partir da data do mencionado acordo. Este acordo seralle notificado ao interesado.

2. O órgano instrutor, unha vez redactada a proposta de resolución, remitiralla ao interesado dándolle coñecemento dela así como póndolle de manifesto as actuacións practicadas e os feitos ou datos coñecidos e as consecuencias que deles derivan, conforme a normativa vixente, co obxecto de que poida presentar as alegacións ou documentos que considere convenientes.

Así mesmo, se procede, efectuarase proposta de reintegro da débeda de acordo coas regras establecidas nos artigos 52 e 53, co fin de que o interesado manifeste a súa conformidade ou formule, se é o caso, propostas alternativas para as porcentaxes que se aplicarán aos descontos, sempre que delas resulten unhas contías superiores ás que se derivan das mencionadas regras.

3. Para os efectos sinalados, concederase ao interesado un prazo de quince días, contados a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación.

4. Recibidas as alegacións ou documentos do interesado ou transcorrido o prazo concedido sen que o interesado presente alegacións ou novos documentos, o instrutor elevará a proposta de resolución ao titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais para a súa resolución. A resolución que corresponda á vista de todos os datos que figuran no expediente será motivada e fará mención expresa dos seguintes extremos:

a) Determinación das causas que motivaron a débeda, especificándose o período ao que esta se refire e a contía.

b) Fixación, se é o caso, da nova contía da prestación que corresponda percibir e data dos efectos económicos.

c) Procedencia do reintegro das cantidades indebidamente percibidas, especificando o procedemento para facelo efectivo e, se é o caso, determinación do importe e prazos do desconto.

d) Prazo e órgano ante o que pode interpoñerse recurso de alzada.

5. Na notificación da resolución a que se refire o punto anterior, informarase o debedor sobre a posibilidade de proceder ao aboamento voluntario do importe íntegro da débeda nun só prazo, dentro dos trinta días seguintes ao da notificación, acompañando para o efecto os formularios precisos para efectuar o dito ingreso.

Transcorrido o prazo sinalado sen que o debedor acredite o pagamento da débeda, mediante o correspondente recibo xustificativo, aplicaranse os descontos fixados na resolución.

Artigo 52º.-Desconto da prestación económica.

Cando, como consecuencia da revisión do dereito previamente recoñecido, resulten prestacións indebidamente percibidas segundo o disposto no artigo anterior e o debedor sexa, simultaneamente, acredor dalgunha das prestacións económicas do sistema para a autonomía e a atención á dependencia xestionadas polos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais, estes efectuarán os correspondentes descontos sobre as ditas prestacións económicas para resarcirse da débeda contraída polo beneficiario, salvo nos supostos en que o propio debedor opte por aboar a débeda nun só pagamento.

Artigo 53º.-Regras de determinación dos descontos.

1. Se para o pagamento da débeda se resolvese a aplicación de descontos sobre as sucesivas mensualidades das prestacións que corresponda percibir ao deudor, teranse en conta as seguintes regras:

a) Aplicarase o desconto mensual dunha cantidade comprendida entre o 21 e o 30% do importe total da prestación ou prestacións económicas que se perciban debidamente, cando a contía da prestación ou prestacións percibidas sexa igual ou superior á metade da libranza máxima establecida nese momento.

b) A porcentaxe aplicable oscilará entre o 15 e o 20%, cando o importe das prestacións económicas que se perciban debidamente non alcance a contía sinalada na letra anterior.

c) En todo caso, nos supostos de prestacións inferiores á contía da pensión mínima de xubilación establecida en cada momento, a porcentaxe oscilará entre o 10 e o 14%.

d) O órgano xestor incrementará o importe dos descontos cando a aplicación das regras anteriores non permita cancelar a débeda nun prazo máximo de tres anos, contados a partir da data en que teña efecto o desconto que se vai practicar, na cantidade necesaria que permita o seu reintegro dentro do dito prazo.

e) As porcentaxes aludidas poderán incrementarse cando no expediente, tramitado de acordo co procedemento regulado no presente decreto, conste manifestación do interesado en tal sentido.

Artigo 54º.-Notificación ao departamento territorial da Consellería de Facenda.

Nos supostos en que non for posible aplicar o procedemento de reintegro por desconto ou nos que aplicándose o dito procedemento, por falecemento do debedor, extinción da prestacións económicas que percibise ou por calquera outra causa, non for posible seguir efectuando os descontos necesarios para cancelar a débeda no prazo correspondente, de acordo co previsto no artigo anterior, o órgano xestor notificará ao departamento territorial correspondente da Consellería de Facenda a resolución definitiva pola que se declarou a procedencia do reintegro e informará sobre a contía pendente de pagamento, coa finalidade de que este inicie o procedemento de xestión recadatoria, previsto na Orde do 21 de xullo de 1998 (DOG nº 182, do 7 de agosto), pola que se regula o procedemento de recadación nos supostos de reintegros de axudas ou subvencións públicas, pensións asistenciais e subsidios económicos.

Capítulo III

Devolución de ingresos indebidos

Artigo 55º.-Devolución de ingresos indebidos.

Nos supostos de exceso no pagamento por parte dos beneficiarios da súa participación nas prestacións ou servizos que reciba, dará lugar a un expediente de ingresos indebidos da Administración de acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e o Real decreto 520/2003, do 17 de decembro, polo que se aproba o seu desenvolvemento en materia de revisión en vía administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Equipos técnicos de valoración da discapacidade.

Os equipos técnicos de valoración da discapacidade, constituídos segundo o establecido na Orde do 29 de decembro de 2000, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao da discapacidade, poderán exercer as funcións que se atribúen polo presente decreto aos órganos de valoración e asesoramento da dependencia para os casos e procedementos que lle sexan asignados polo órgano superior con competencias na área de valoración da discapacidade, segundo o establecido polo decreto que regule a estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Segunda.-Solicitudes de persoas con praza residencial, centro de día ou axuda no fogar concedida.

No caso de solicitudes de persoas que teñan praza residencial, de centro de día ou axuda no fogar en servizos da Xunta de Galicia, das entidades locais, tanto en centros de xestión propia como de xestión indirecta ou concertada, será responsabilidade da persoa encargada da dirección do centro ou da coordinación do servizo de axuda no fogar remitirlle a solicitude, por instancia do interesado, ao traballador social dos servizos sociais comunitarios do domicilio do interesado.

Terceira.-Persoas que teñan recoñecida a necesidade de asistencia de terceira persoa de acordo co Real decreto 1971/1999.

1. Nos supostos de persoas que teñan recoñecida a necesidade de asistencia de terceira persoa, de acordo co Real decreto 1971/1999, do 23 de setembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, o recoñecemento da situación de dependencia realizarase por instancia da persoa interesada ou do seu representante.

2. Nestes casos, ás persoas que teñan recoñecidos de 45 a 72 puntos de complemento de necesidade de concurso doutra persoa, recoñeceráselles un grao III, nivel 2 de dependencia, conforme o disposto no punto 2 da disposición adicional primeira do Real decreto 504/2007, do 20 de abril, non será preciso realizar unha nova valoración, nin presentar o informe de saúde a que se refire o artigo 21 deste decreto.

Cuarta.-Solicitude de recursos do Sistema de Atención á Dependencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a solicitude e acceso a calquera dos recursos dos incluídos no catálogo de servizos do presente decreto, deberase acreditar o recoñecemento da situación de dependencia, conforme o calendario previsto, incluso no caso do servizo de axuda no fogar financiado como consecuencia dos convenios/Plan concertados entre a consellería con competencia en materia de servizos sociais e os concellos ou mancomunidades que corresponda para o desenvolvemento dos servizos sociais de atención primaria e de promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

Quinta.-Pagamento dos atrasos devengados aos beneficiarios.

1. Mediante resolución da persoa titular do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais onde se especifique a contía devengada, o réxime de pagamento e periodicidade poderase fraccionar o pagamento dos atrasos devengados correspondentes ao dereito recoñecido.

2. Os atrasos devengados serán satisfeitos nun prazo máximo de dous anos desde a data de recoñecemento destes, cunha periodicidade cuadrimestral nos pagamentos periódicos de devengo dos atrasos recoñecidos.

3. No suposto de falecemento do beneficiario coa prestación e atrasos recoñecidos aboarase nun único pagamento os atrasos recoñecidos pendentes de pagamento á comunidade hereditaria debidamente constituída.

Disposicións transitorias

Primeira.-Procedementos iniciados.

1. Os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto rexeranse polas disposicións contidas neste decreto, mantendo a súa validez os trámites xa realizados conforme a normativa anterior, aplicándose o novo procedemento aos actos posteriores.

2. Cando por aplicación do novo procedemento sexa preciso a realización dun trámite imprescindible para a súa resolución non previsto no anterior procedemento regulado polo Decreto 176/2007, do 6 de setembro, seralle requirido ao interesado de oficio pola Administración.

Segunda.-Adxudicación de prazas en centros e servizos.

En canto non se produza a adaptación da normativa reguladora do acceso aos centros e servizos de atención a persoas maiores e a persoas con discapacidade usuarias do sistema de servizos sociais de Galicia, gozarán de prioridade na adxudicación de prazas, nos termos expresados no artigo 14.6º da Lei 39/2006, do 14 de decembro, as persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia nalgún dos graos e niveis para os que se recoñece a efectividade do dereito, conforme o calendario de aplicación progresiva establecido na disposición derradeira da lei.

Terceira.-Participación no custo dos servizos.

1. Para os efectos de determinar a participación dos usuarios no custo dos servizos continuarase aplicando o réxime vixente establecido para cada un deles de acordo coa normativa que resulte de aplicación, mentres non aprobe a comunidade autónoma os novos criterios aplicables de acordo cos criterios fixados na Resolución do 2 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Política Social, Familias e Atención á Dependencia e á Discapacidade, pola que se publica o acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, sobre determinación da capacidade económica do beneficiario e sobre os criterios de participación deste nas prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, que deberán ser aprobados ao longo do ano 2010.

2. Naqueles supostos en que á data da entrada en vigor deste decreto xa estiver aprobado o novo réxime de participación dos usuarios no custo dos servizos ou se aproben posteriormente, segundo os criterios fixados na Resolución do 2 de decembro de 2008, serán os de aplicación en relación co servizo que afecten.

Cuarta.-Acreditación de centros e programas.

En canto non fixe a comunidade autónoma os criterios de acreditación de centros e plans de calidade, de acordo co establecido na Resolución do 2 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Política Social, Familias e Atención á Dependencia e á Discapacidade, pola que se publica o acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, sobre criterios comúns de acreditación para garantir á calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, consideraranse acreditados, para os efectos da atención en centros e prestación dos servizos á que se refire a presente norma, todos os centros e servizos autorizados para a atención ás persoas en situación de dependencia de acordo co Decreto 143/2007, do 12 de xullo (DOG nº 147, do 31 de xullo), polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, e na súa normativa de desenvolvemento.

Quinta.-Formación dos asistentes persoais.

De forma transitoria, e ata que se regule especificamente o requisito de formación dos asistentes persoais e a forma da súa adquisición, entenderase cumprido este requisito por quen se atope prestando este tipo de servizo e así o acredite, mediante contrato, cunha antigüidade de, polo menos, seis meses.

Os asistentes persoais que non se atopen na situación anterior deberán formalizar o compromiso de realizar a formación que no seu momento se determine para o seu desenvolvemento, segundo o modelo do anexo X.

Sexta.-Solicitantes falecidos anteriormente á entrada en vigor deste decreto.

1. A efectividade do dereito ás prestacións económicas dos solicitantes falecidos antes da entrada en vigor deste decreto durante a tramitación do procedemento, producirase cos mesmos efectos e requisitos que os supostos recollidos nos artigos 39 e 40 do articulado.

2. Os prazos establecidos normativamente para o exercicio das accións correspondentes empezaranse a contar desde a data do falecemento do solicitante.

Sétima.-Incompatibilidade dos servizos e das prestacións económicas periódicas co programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial, regulado no Decreto 176/2000, do 22 de xuño, e réxime transitorio para os beneficiarios actuais do programa.

1. Os servizos e prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia e as prestacións derivadas do programa do cheque asistencial son incompatibles.

2. Transitoriamente, os beneficiarios actuais do programa do cheque asistencial permanecerán sendo atendidos ata que se produza a súa baixa definitiva no programa ou a súa integración no SAAD, de acordo co disposto nos puntos seguintes.

3. Os órganos encargados de determinar a incompatibilidade respectarán o importe das prestacións do programa do cheque asistencial no caso de ser máis favorable.

4. O procedemento de tramitación, no suposto descrito nos puntos anteriores, será o seguinte:

a) Os órganos competentes informarán a persoa interesada, durante a tramitación do Programa Individual de Atención, da incompatibilidade existente e proporanlle a opción de converter a súa prestación vixente (de concorrencia) nunha libranza vinculada ao servizo do catálogo de dependencia (de dereito subxectivo), aplicando as condicións particulares expostas nos dous puntos seguintes.

b) Se, tras ser informada, a persoa solicitante acepta (por escrito) a conversión proposta, o órgano competente declarará extinguida por incompatibilidade a prestación de concorrencia. A data de efectos da extinción será a data inicial de efectos da libranza vinculada ao servizo do catálogo de dependencia equivalente.

c) No suposto anterior, se o importe da prestación do programa do cheque asistencial está por encima do importe da prestación do SAAD complementarase a diferenza na contía da prestación como nivel adicional da comunidade autónoma.

d) Se tras ser informada, a persoa solicitante non acepta a conversión proposta e o manifesta por escrito, o órgano competente suspenderá o procedemento de elaboración do PIA.

e) Na ausencia dunha manifestación de vontade expresa por escrito, o órgano competente, en interese da persoa beneficiaria, actuará de acordo co disposto nos puntos b) e c).

Oitava.-Valoración da situación de dependencia das persoas que teñan un expediente en tramitación do sistema de libre concorrencia.

1. O presente decreto será de aplicación para as persoas que solicitaron atención residencial ou en centro de día por libre concorrencia antes da súa entrada en vigor, coas seguintes especialidades:

a) As persoas que xa teñan solicitada a valoración da súa situación de dependencia con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, ou que a soliciten dentro dos dous meses seguintes á súa data de entrada en vigor, deberán desistir expresamente da solicitude que se atopa en trámite por libre concorrencia. Para estes efectos non se terá en conta a data con que solicitaron a atención residencial ou diúrna por libre concorrencia senón a data da solicitude de valoración da dependencia. Nestes casos non será preciso que no momento de presentar a súa solicitude acheguen informe de saúde a que se refire o artigo 21º.

b) Os solicitantes que permanezan coa súa solicitude presentada segundo Resolución do 26 de agosto de 1987, da extinta Dirección Xeral do Instituto Nacional de Servizos Sociais, pola que se regulan os ingresos, traslados e permutas nos centros residenciais para a terceira idade, informaráselles do requisito da acreditación da valoración do grao de dependencia disposto na disposición adicional cuarta deste decreto, que deberá de cumprirse no prazo máximo dun ano a partir da data de entrada en vigor deste.

c) Transcorrido o prazo dun ano desde a entrada en vigor do presente decreto unificarase a lista de espera en praza residencial por libre concorrencia co programa de asignación de recursos regulado no artigo 44.

d) Quedarán excluídos do disposto nos puntos anteriores os procedementos correspondentes a persoas que solicitan curtas estadías residenciais ao abeiro da Circular do 2 de maio de 2004, da antiga Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade, pola que se regula o programa de estadías temporais para persoas maiores dependentes na rede pública da Xunta de Galicia, así como a atención residencial e diúrna para persoas maiores con autonomía.

Novena.-Intensidades de protección dos servizos, réxime de compatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas do sistema.

1. Mentres este decreto non sexa desenvolvido normativamente estará vixente a Orde do 17 de decembro de 2007 (DOG nº 246, do 21 de decembro) pola que se establecen os criterios para a elaboración do Programa Individual de Atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de compatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non obstante, modifícase o artigo 24.5º da citada orde en canto á determinación da contía das prestacións económicas para a adquisición do servizo de axuda no fogar e centro de día nos seguintes extremos mentres non sexa regulado pola orde de desenvolvemento deste decreto:

a) Considérase dedicación completa no servizo de axuda no fogar 90 horas/mes.

b) Considérase dedicación completa no servizo de centro de día 190 horas/mes.

3. En tanto a comunidade autónoma non desenvolva normativamente niveis de protección adicional aos fixados pola Administración xeral do Estado, os beneficiarios da prestación económica de asistente persoal percibirán, a partir da entrada en vigor deste decreto, unha contía máxima de 1.300 €, que se corresponde coa dedicación completa dun asistente persoal, durante 120 horas mensuais ou máis (30 horas semanais), modificándose polo tanto neste extremo os artigos 22 e 24, puntos 3 e 4, da citada orde.

O importe da prestación que lle corresponderá a cada beneficiario determinarase atendendo á súa capacidade económica, de acordo coa seguinte indicación:

a) As persoas beneficiarias da prestación de asistencia persoal que teñan recoñecido un grao III, nivel 2 e 1, e con ingresos inferiores a dúas veces o IPREM [establecido, para o ano 2009, en 527,24 €/mensuais], percibirán a contía que lles corresponda, de acordo co Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), e, unha vez feitas as deducións correspondentes a outras prestacións percibidas, segundo o establecido no artigo 25 da Orde de 17 de decembro de 2007, a comunidade autónoma achegará a diferenza entre o importe efectivo que realmente resulte, ata acadar o importe total de 1.300 euros ou, se é o caso, a cantidade inferior que resulte, en función da intensidade da prestación, que lle corresponda, segundo o reflectido no seu Programa Individual de Atención (PIA).

b) As persoas beneficiarias da prestación de asistencia persoal, que teñan recoñecido un grao III, nivel 2 e 1, e con ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM, percibirán a contía que lles corresponda de acordo co Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) e, unha vez feitas as deducións correspondentes a outras prestacións percibidas, segundo o establecido no artigo 25 da Orde do 17 de decembro de 2007, a comunidade autónoma achegará a cantidade porcentual que lles corresponda, segundo a táboa anexa, da diferenza entre o importe efectivo que realmente resulte e o importe total de 1.300 euros ou, se é o caso, a cantidade inferior que resulte, en función da intensidade da prestación, que lle corresponda, segundo o reflectido no seu Programa Individual de Atención (PIA).

Excepcionalmente, mentras non se proceda á súa regulación na posterior orde de desenvolvemento deste decreto, poderase conceder a libranza de asistente persoal en supostos de dependencia severa cando a xuízo dos técnicos competentes se entenda que esta prestación económica, en función de circunstancias obxectibables, é a idónea dentro do catálogo de servizos e prestacións económicas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do seguinte xeito:

a) As persoas beneficiarias da prestación de asistencia persoal, que teñan recoñecido un grao II, nivel 2 e 1, e con ingresos inferiores a dúas veces o IPREM (establecido, para o ano 2009, en 527,24 €/mensuais), percibirán a contía total de 1.300 euros ou, se é o caso, a cantidade inferior que resulte, en función da intensidade da prestación, que lles corresponda, segundo o reflectido no seu Programa Individual de Atención (PIA), como prestación exclusiva da Comunidade Autónoma.

b) As persoas beneficiarias da prestación de asistencia persoal que teñan recoñecido un grao II, nivel 2 e 1, e con ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM percibirán a contía que lles corresponda, segundo a táboa anexa, do importe total de 1.300 euros ou, se é o caso, a cantidade inferior que resulte, en función da intensidade da prestación, que lles corresponda, segundo o reflectido no seu Programa Individual de Atención (PIA), como prestación exclusiva da comunidade autónoma.

Para os efectos previstos nos puntos anteriores, a contía da prestación económica reducirase de acordo coa seguinte táboa:

Capacidade económica de acordo Libranza de asistencia

coa contía do IPREM persoal

De dúas a tres veces o IPREM 80%

De tres a catro veces o IPREM 70%

De catro a cinco veces o IPREM 60%

Máis de cinco veces o IPREM 50%

Disposición derrogatoria

Única.

Este decreto derroga as seguintes normas:

a) Decreto 176/2007, do 6 setembro (DOG nº 187, do 26 de setembro), polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Decreto 176/2000, do 22 de xuño (DOG nº 129, do 4 de xullo), polo que se regula o programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial, e a súa posterior normativa que o desenvolve.

c) Calquera outra norma de igual ou inferior rango que se opoña ao disposto nesta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Procedementos de coordinación sociosanitaria.

En cumprimento do disposto no artigo 11.1º c) da Lei 39/2006, do 14 de decembro, mediante disposición conxunta dos departamentos autonómicos competentes en materia de saúde e de servizos sociais estableceranse os procedementos de coordinación entre o Sistema Público Social e Sanitario, así como os instrumentos que procedan para garantir unha efectiva atención ás persoas en situación de dependencia.

Segunda.-Desenvolvemento e execución.

Autorízase a persoa titular da consellería con competencias en materia de servizos sociais para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2010.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "03400D002P007.PDF"

Ver referencia pdf "03400D004P042.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MAR