O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.
O 18 de febreiro de 2009, por orde da Consellería de Vivenda e Solo, convocáronse subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e a renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia para 2009.
No artigo 5 estableceuse como data de remate do prazo de presentación de solicitudes o 1 de setembro de 2009.
No artigo 11 estableceuse que o importe máximo de subvencións para vivenda unifamiliar no ámbito rural será de 6.200.000 euros, na aplicación 17.02.451A780, hoxe 17.90.451A 780.0, logo da reorganización administrativa establecida polo Decreto 83/2009, do 29 de abril, do orzamento de gastos para 2009.
O 25 de novembro de 2009 constátase o esgotamento do orzamento autorizado para 2009 para seguir atendendo as solicitudes de subvencións para vivenda unifamiliar no ámbito rural.
O artigo 3º.b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribiu o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en Adiante IGVS), á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que lle corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e axeitada.
A competencia do director xeral do IGVS para ditar esta resolución resulta do artigo 7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 5 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.
En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo co establecido no artigo 31.4º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único.-Dáse a coñecer o esgotamento, o 25 de novembro de 2009, da partida orzamentaria 17.90.451A.780.0, do importe máximo das subvencións para vivenda unifamiliar rural para 2009.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2010.
Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda
e Solo

