DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2010 Páx. 2.422

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia.

As entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia divulgan e perpetúan os feitos ou motivos máis representativos da súa historia local a través dos seus escudos, bandeiras e outros símbolos que constitúen un importante signo de identificación colectiva e contribúen á integración da súa poboación.

Faise conveniente que a intervención autonómica sexa a mínima para asegurar un maior pluralismo e participación cidadá nas decisións locais relativas á súa simboloxía.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguindo a estela do Decreto 258/1992, do 10 de setembro, pola que se creou a Comisión de Heráldica de Galicia, regula aspectos esenciais desta no capítulo VI do título VI denominado Dos símbolos das entidades locais, configurándoa como órgano consultivo da Xunta de Galicia a quen lle corresponde emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos ou bandeiras das entidades locais.

No seu desenvolvemento, o Decreto 369/1998, do 10 de decembro, determinou a composición e funcións da citada comisión, que se desenvolveron máis amplamente no Decreto 73/2006, do 20 de abril, que o modifica.

Con este decreto preténdese regular o procedemento para a elección e aprobación dos símbolos das corporacións locais, en forma áxil e eficaz, preservando ao máximo o principio constitucional da autonomía municipal, e establecendo, pola súa vez, unha nova regulación da súa organización e funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de informe da Comisión de Heráldica de Galicia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día once de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular a composición e funcións da Comisión de Heráldica, así como establecer as normas reguladoras para a adopción, modificación ou rehabilitación dos símbolos das entidades locais de Galicia.

Capítulo II

Dos símbolos das entidades locais

Artigo 2º.-Símbolos.

1. Para os efectos deste decreto enténdense por símbolos das entidades locais, o escudo e a bandeira.

2. De acordo co artigo 258 da Lei 5/1997, de administración local de Galicia os municipios e demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente empregasen. Basearanse en feitos históricos ou xeográficos carácterísticos e peculiares do seu territorio, conforme as normativas de heráldica.

Artigo 3º.-Símbolos prohibidos.

1. Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias nesta materia a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 259 da Lei 5/1997, de administración local de Galicia.

2. Quedan prohibidos aqueles símbolos que incorporen no seu deseño siglas, anagramas ou logotipos de partidos políticos, sindicatos, organizacións empresariais e demais asociacións e entidades privadas, así coma aqueloutros que impliquen vulneración dos principios constitucionais ou lesionen dereitos fundamentais.

3. Igualmente prohíbense os símbolos que fomenten ou inciten a violencia en calquera das súas manifestacións e aqueles que transmiten mensaxes discriminatorios ou degradantes da imaxe da muller.

4. As entidades locais non poderán adoptar símbolos que sexan idénticos ou induzan a erro ou confusión con outros validamente adoptados.

Capítulo III

A Comisión de Heráldica de Galicia

Artigo 4º.-Natureza xurídica.

A Comisión de Heráldica é un órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de réxime local.

Artigo 5º.-Funcións.

1. Á Comisión de Heráldica emite informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.

2. Poderá elaborar as correspondentes propostas para a aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.

3. En cumprimento do establecido no artigo 260 no seu punto 3º da Lei 5/1997, de administración local de Galicia, tamén poderá asesorar en materia da súa competencia aos órganos dependentes da Xunta de Galicia e a todas aquelas corporacións locais e entidades públicas ou privadas que soliciten o seu ditame.

Artigo 6º.-Membros da comisión.

1. A Comisión de Heráldica estará presidida polo titular do órgano directivo competente en materia de réxime local e integrada por un/unha vicepresidente/a e cinco vogais:

a) O titular da vicepresidencia da comisión será designada pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.

b) Catro vogais designados pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.

c) Unha persoa vogal designada pola asociación de municipios e provincias mais representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma.

2. As persoas que integran a Comisión de Heráldica deberán reunir algún dos seguintes requisitos:

a) Licenciatura en ciencias históricas, filoloxía e letras, belas artes, restauración.

b) Especialista en debuxo e deseño heráldico.

c) Pertencer aos corpos facultativos de arquivos e bibliotecas, ou de museos.

d) Especialista en vexiloloxía.

e) Especialista en toponimia.

f) Ser persoa membro destacada dalgunha das institucións que aborden as ciencias da heráldica de Galicia.

g) Ser persoa membro ou colaboradora da Sección do Patrimonio Histórico do Consello da Cultura Galega.

3. As persoas membros da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia serán nomeadas por un período de 5 anos. Os nomeamentos faranse tendendo a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes. Para asegurar a continuidade nas súas actuacións as persoas membros a que lles expirase o prazo de nomeamento continuarán en funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

4. Poderán asistir ás sesións da comisión, persoal técnico da Administración en funcións de asesoramento e colaboración segundo decida o presidente da Comisión de Heráldica na convocatoria.

Artigo 7º.-Perda da condición de membro da comisión.

1. A condición de membro da Comisión de Heráldica perderase por algún dos seguintes motivos:

a) Por falecemento.

b) Por renuncia.

c) Por expiración do período para o cal se nomearon.

d) Por incapacidade declarada mediante resolución xudicial firme.

e) Por ser condenado, mediante sentenza firme, a pena de inhabilitación absoluta ou especial, para cargos públicos, dereito de sufraxio activo ou pasivo, profesión ou oficio.

2. Se se producise algunha vacante entre as persoas membros da Comisión de Heráldica por calquera dos motivos enumerados, procederase, no prazo de tres meses á súa cobertura.

Artigo 8º.-Funcións da Presidencia e Vicepresidencia.

1. As atribucións da Presidencia son as seguintes:

a) Desempeñar a representación da comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións e fixar a orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar os debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

g) Exercer cantas outras funcións lle sexan inherentes.

2. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente, e no seu defecto, pola persoa membro do órgano colexiado de maior antigüidade e idade, por este orde, entre os seus compoñentes.

Artigo 9º.-Secretaría da comisión.

1. A secretaría da comisión estará adscrita con carácter permanente ao centro directivo competente en materia de réxime local, coa sede establecida nas súas dependencias, sendo exercida po persoa funcionaria con rango de subdirector/a, nomeada pola presidencia da comisión.

2. Correspóndelle a secretaría:

a) Asistir ás reunións con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da comisión por orde do seu presidente, así como as citacións as persoas membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros coa comisión e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións de consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións lle sexan inherentes.

Artigo 10º.-Funcións dos membros da comisión.

Correspóndelles aos membros da comisión:

a) Recibir cunha antelación de sete días naturais, a convocatoria, con inclusión da orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros no mesmo prazo.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto, expresar o sentido deste e os motivos que o xustifican e formular voto particular.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Capítulo IV

Funcionamento

Artigo 11º.-Convocatoria.

1. As convocatorias da comisión efectuaranse sempre por escrito, cunha antelación mínima de sete días naturais, debendo especificar o día, a hora e o lugar, así como a orde do día e irán acompañadas da documentación necesaria para o seu estudo polos seus membros.

2. As persoas membros da comisión poderán enviar propostas de temas para a súa inclusión na orde do día, cunha antelación mínima de 15 días naturais ao da súa realización.

Artigo 12º.-Constitución da comisión.

A válida constitución da Comisión de Heráldica e a celebración das sesións, requirirá a presenza da presidencia e da secretaria, ou no seu lugar das persoas que os substitúan, e a metade, polo menos dos seus membros.

Artigo 13º.-Acordos.

1. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, agás que estean presentes todos os membros da comisión e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

2. Os acordos serán adoptados por maioría de votos.

Artigo 14º.-Actas.

1. A persoa que exerza as funcións de secretario/a levantará acta de cada sesión da comisión na que se especificará necesariamente, as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo na que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións, e o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurarán as solicitudes das persoas membros da comisión, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que o xustifican ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera persoa membro ten dereito a solicitar a transcrición integra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto, ou no prazo que sinale o/a presidente/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a ela.

As persoas membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular que, así mesmo, achegarán por escrito no prazo de dez días desde o seguinte ao da realización da comisión.

3. A acta levantada polo/a secretario/a será sometida para a súa aprobación na seguinte reunión da comisión.

4. As persoas que acrediten a titularidade dun interese lexítimo poderán dirixirse ao/a secretario/a da comisión para que lles sexa expedida certificación dos seus acordos.

Artigo 15º.-Grupos de traballo.

1. Poderán formarse grupos de traballo para o estudo de cuestións concretas, aos cales se poderán incorporar persoas expertas cando se considere oportuno. Neste caso, as persoas expertas poderán percibir unha compensación económica por gastos de asistencia e desprazamento.

2. Os grupos de traballo poderán reunirse no lugar da Comunidade Autónoma de Galicia que considere máis conveniente a presidencia da comisión.

3. Cada persoa membro da comisión poderá formar parte, ao mesmo tempo, como máximo, de dous grupos de traballo.

4. Os grupos de traballo disolveranse automaticamente, unha vez rematen os traballos para os que foron creados.

Capítulo V

Procedemento

Artigo 16º.-Procedemento de aprobación, modificación ou rehabilitación dos símbolos das entidades locais de Galicia.

Os plenos das entidades locais teñen a facultade de adoptar por maioría absoluta os acordos relativos á aprobación, modificación ou rehabilitación dos escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, podendo optar por un dos seguintes procedementos, segundo solicitude do anexo:

a) Solicitar a elaboración das correspondentes propostas á Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. Os trámites do procedemento serían os seguintes:

1. Elaboración das propostas e memorias heráldicas ou vexilolóxicas pola comisión e remisión á entidade local para súa aprobación.

2. Aprobación da proposta pola maioría absoluta do pleno da entidade local.

3. Sometemento do acordo plenario ao trámite de información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio no DOG, e no taboleiro de edictos.

4. Resolución polo pleno das alegacións que se poidan formular.

5. Remisión do expediente completo á Comisión de Heráldica para o seu informe preceptivo e vinculante.

6. Tras o informe favorable elevarase ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

b) Elaboración polo propio concello da súa proposta. A dita proposta conterá unha memoria histórico-heráldica, ou vexilolóxica subscrita por unha persoa especialista na materia, na que se expoñan, de forma detallada, breve e precisa, os fundamentos e as razóns que xustifican a súa proposta de adopción, modificación ou rehabilitación do escudo e/ou bandeira. Basearase en feitos históricos ou xeográficos característicos do seu territorio, conforme as normas de heráldica. A tramitación será a seguinte:

1. Aprobación polo pleno da proposta por maioría absoluta.

2. Sometemento do acordo plenario ao trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos.

3. Resolución polo pleno das alegacións que se poidan formular.

4. Remisión do expediente completo á Comisión de Heráldica para o seu informe preceptivo e vinculante.

5. Elevación ao Consello da Xunta para a súa aprobación se o informe é favorable. Se o informe é desfavorable daráselle tramite de audiencia ao concello.

Artigo 17º.-Trámite de audiencia e desestimento.

1. No caso de que o informe da Comisión de Heráldica non fose favorable porase de manifesto á entidade local para que, no prazo de dous meses, poida adoptar un novo acordo do pleno modificando a súa proposta para adecuala ás recomendacións da comisión.

2. No suposto de non adoptar a entidade local un novo acordo do pleno no prazo establecido no parágrafo anterior entenderase que desiste da súa solicitude de aprobación, modificación ou rehabilitación dos símbolos.

Artigo 18º.-Documentación.

1. As entidades locais que soliciten a adopción, modificación ou rehabilitación do seus escudos ou bandeiras e optasen polo procedemento da letra a) do artigo 16, achegarán coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado da secretaria da entidade sobre o acordo do pleno, co quórum exixido, polo que se solicita a elaboración do símbolo correspondente.

b) Certificado da secretaria da entidade sobre o acordo do pleno de aprobación da proposta correspondente co quórum exixido.

c) Certificado do trámite de información pública e, se é o caso, a presentación ou non de alegacións e o acordo definitivo adoptado polo pleno da corporación.

2. As entidades locais que optasen pola elaboración da súa propia proposta remitirán xunto cos certificados sinalados nas letras b) e c) os seguintes documentos:

a) Memoria histórico-heráldica, ou vexilolóxica subscrita por unha persoa especialista na materia.

b) Dous exemplares orixinais do debuxo do escudo ou bandeira proposto no que se aprecien claramente as cores ou esmaltes empregados.

c) Aqueles documentos que se consideren oportunos para complementar a proposta.

Artigo 19º.-Ditames.

1. A documentación necesaria será remitida pola entidade local á consellería competente en materia de réxime local que deberá solicitar informe da Comisión de Heráldica no prazo de trinta días hábiles. A Comisión de Heráldica poderá, con carácter previo a emisión do seu informe, solicitar ditame da Real Academia da Historia ou doutra institución análoga. Se no prazo de dous meses non se emitise o ditame requirido, que, en ningún caso, será vinculante, a Comisión de Heráldica procederá de acordo cos seus criterios.

2. O informe da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia terá carácter vinculante, e deberá emitirse no prazo de tres meses. Se no dito prazo, non se recibise este informe ou outra comunicación ao respecto daráselle curso ao expediente sen máis trámite, debendo, neste caso, o titular da consellería competente en materia de réxime local, elevar a proposta de aprobación do expediente ao Consello da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria

Única.-Os membros da Comisión de Heráldica deberán ser nomeados nun prazo de dous anos desde a entrada en vigor deste decreto segundo o procedemento establecido no artigo 6.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas expresamente as seguintes disposicións:

a) O Decreto 369/1998, do 10 de decembro, pola que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

b) A Orde do 12 de maio de 1993 pola que se desenvolven determinados aspectos do Decreto 258/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o procedemento de adopción, modificación ou rehabilitación de armas e bandeiras das corporacións locais e outras entidades locais.

c) A Orde do 7 de xuño de 1994 polo que se aproba o Regulamento de funcionamento e réxime interior da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela o once de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "03800D001P006.PDF"