DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 02 de marzo de 2010 Páx. 2.770

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 23/2010, do 18 de febreiro, polo que se aproba a modificación de estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Mediante Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia utilizando a vía prevista no artigo 150.2º da Constitución. En concreto, no seu artigo 3 transfire á nosa comunidade as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandado constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida polo Decreto 303/2009, do 21 de maio).

En virtude das ditas competencias, aprobouse a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, que no seu artigo 18 en relación co 28, establece que os colexios profesionais comunicarán a consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade, e inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. A aprobación dos estatutos efectuarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Dando cumprimento ás disposicións anteriores, o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, creado polo Decreto 202/1995, do 16 de xuño, acordou en asemblea xeral a aprobación dos estatutos co obxecto de adaptalos á Lei 11/2001, do 18 de setembro, así como ao Real decreto 104/2003, do 24 de xaneiro (modificado polo Real decreto 901/2007), polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezaoito de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación da modificación estatutaria.

Aprobar a modificación dos estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais

Índice

Preámbulo

Título I.-Disposicións xerais. Capítulo I.-Obxecto, natureza, personalidade xurídica, ámbito territorial, domicilio, réxime xurídico e relacións coa Administración. Capítulo II.-Fins e funcións.

Título II.-Organización do Consello Galego. Capítulo I.-Os órganos de goberno. Capítulo II.-O Pleno do Consello Galego. Capítulo III.-A Xunta Executiva do Consello Galego. Capítulo IV.-As comisións de traballo. Capítulo V.-Cesamento nos órganos de goberno do Consello. Capítulo VI.-O presidente e os vicepresidentes. Capítulo VII.-O secretario. Capítulo VIII.-Os vogais. Capítulo IX.-O persoal técnico e administrativo.

Título III.-Réxime económico.

Título IV.-Réxime disciplinario.

Título V.-Recursos.

Título VI.-Relacións cos colexios galegos.

Título VII.-Reforma dos estatutos.

Título VIII.-Disolución do Consello Galego.

Disposicións adicionais.

Disposicións transitorias.

Disposicións derradeiras.

Preámbulo

O Decreto 202/1995, do 16 de xuño, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 11 de xullo, da Xunta de Galicia, aprobou a creación do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos lndustriais e, igualmente, aprobábanse mediante anexo os seus estatutos. Mediante o Decreto 26/1998, do 22 de xaneiro, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 20, do 30 de xaneiro de 1998, da Xunta de Galicia, modifícanse os seus estatutos.

A aprobación do Real decreto lei 5/1996, do 7 de xuño, despois convertido en Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberalizadoras en materia de solo e de colexios profesionais, introduciu diversas modificacións nos artigos da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, e obrigaba na súa disposición adicional a adaptar os estatutos de todos os colexios, e do Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de intensificación da competencia en mercados de bens e servizos, fixeron necesaria a súa adaptación ás normas vixentes.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 189, do 28 de xuño e BOE nº 253, do 22 de outubro), regula o funcionamento dentro da Comunidade Autónoma de Galicia destas institucións e obriga na súa disposición transitoria os consellos galegos constituídos á súa entrada en vigor a adaptaren os seus estatutos a ela.

O Real decreto 104/2003, do 24 de xaneiro, coa súa modificación do Real decreto 901/2007, aprobou os estatutos xerais dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais, vixentes na actualidade, coas modificacións introducidas por disposicións posteriores, establecendo na súa disposición derradeira primeira que os colexios procederán á reforma dos seus estatutos vixentes para adaptalos aos estatutos xerais, todo isto sen prexuízo, se é o caso, do disposto na lexislación autonómica aplicable.

O Pleno Extraordinario do Consello Galego, na súa reunión do 22 de decembro de 2009, aprobou a adaptación dos estatutos xerais do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos lndustriais.

De conformidade co disposto na Lei 11/2001, do 13 de febreiro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, os ditos estatutos remitíronse á consellería seren aprobados polo Goberno galego.

Título I

Disposicións xerais

Capítulo I

Obxecto, natureza, personalidade xurídica, ámbito territorial, domicilio, réxime xurídico e relacións coa administración

Artigo 1º.-Obxecto, natureza, personalidade xurídica, ámbito territorial e domicilio.

1.1. O Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos lndustriais (Consello Galego, a partir de agora) é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar que integra, coordina e representa na esfera autonómica, os colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais galegos para o cumprimento dos seus fins.

1.2. O Consello Galego está integrado polos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais da Coruña (coas súas delegacións de Santiago de Compostela e Ferrol), Lugo, Ourense e Vigo, e cada un dos colexios poderá constituír no seu seo delegacións para unha mellor organización e xestión.

1.3. O ámbito de actuación do Consello Galego abrangue a Comunidade Autónoma de Galicia.

1.4. Mediante estes estatutos regularase a organización, competencias e funcionamento do Consello Galego.

1.5. O Consello Galego, con respecto ao seu ámbito de actuación, posúe autonomía e ten a súa propia personalidade xurídica, así como unha plena capacidade de obrar para cumprir os seus fins, e poderá, a título oneroso ou lucrativo, transferir, vender, gravar, posuír ou reivindicar toda clase de bens e dereitos. Pode, en xeral, ser titular de todo tipo de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, mesmo a constitucional.

1.6. A estrutura interna do Consello Galego e o seu funcionamento deberán ser democráticos.

1.7. A representación legal do Consello Galego, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se encontra lexitimado para outorgar poderes, xerais ou especiais, a procuradores, letrados e calquera outra clase de mandatarios, unha vez autorizado por acordo da Xunta Executiva.

1.8. O Consello Galego terá como emblema un logotipo que consistirá nunha coroa rematada cunha cruz na súa parte superior, e debaixo as letras C e G sostidas pola letra E, e na parte inferior as letras T e I, inscrito todo dentro dun círculo elíptico, que rodea o logotipo.

1.9. O Consello Galego terá a súa sede na do colexio que ocupe a súa presidencia, aínda que para os efectos de notificación se sitúa na rúa Ramón Piñeiro, n° 5 baixo, de Santiago de Compostela.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O Consello Galego rexerase a partir deste momento pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, pola Lei 7/1997, do 14 de abril, e polo Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño, e demais lexislación aplicable, en canto non se opoña ao disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 189, do 28 de setembro, BOE nº 253, do 22 de outubro), así como polo Real decreto 104/2003, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais e do seu Consello Xeral (BOE nº 28, do 1 de febreiro) e por estes estatutos.

Artigo 3º.-Relacións coas administracións.

3.1. O Consello Galego poderase relacionar directamente coas administracións autonómica, provincial e local, así como coas universidades, todo iso sen prexuízo da capacidade de relación dos colexios que o compoñen.

3.2. O Consello Galego, en todo o que atinxe aos contidos da súa profesión e aos aspectos institucionais e corporativos establecidos nas leis, relacionaranse coa Administración xeral do Estado a través do ministerio que teña competencias en materia industrial, todo isto sen prexuízo da competencia exclusiva do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais no campo da representación nacional e internacional da profesión.

3.3. O Consello Galego terá que comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia:

a) O texto dos seus estatutos e as súas modificacións, para que, despois de ser determinada a súa legalidade, sexan inscritos e publicados no Diario Oficial de Galicia.

b) As persoas que integran a Xunta Executiva do Consello Galego, con indicación dos cargos que ocupan.

Capítulo II

Fins e funcións

Artigo 4º.-Finalidades.

O Consello Galego terá por finalidade agrupar e coordinar os colexios integrados nel, asumir a representación da profesión no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia para as cuestións de interese común, as relacións coas institucións e a Administración autonómica, en especial co Goberno galego e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica para facilitar a mutua colaboración, para a mellor satisfacción dos intereses sociais e profesionais cuxa defensa ten encomendada e para o cumprimento de todos aqueles fins que, de acordo coa lei, estes estatutos e regulamentos establezan, todo sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio.

Artigo 5º.-Funcións.

No ámbito territorial da súa competencia, o Consello Galego terá as seguintes funcións:

5.1. As non atribuídas ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de España, en canto teñan ámbito ou repercusión só no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e cantas outras foren encomendadas en virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e competencias propias de cada colexio.

5.2. Aprobar e modificar os seus propios estatutos, e informar do seu contido os colexios de ámbito territorial inferior.

5.3. Formar e manter o censo de peritos e enxeñeiros técnicos industriais incorporados nos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

5.4. Fomentar, crear e organizar institucións, servizos e actividades relativas á profesión de perito e enxeñeiro técnico industrial que teñan como obxecto a formación e perfeccionamento profesional permanente, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actividades convenientes.

Establecer para tales fins os concertos e acordos máis oportunos coa Administración e as institucións ou entidades que correspondan.

5.5. Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados coa enxeñaría técnica industrial e co exercicio da profesión de enxeñeiro técnico industrial na comunidade autónoma. Así mesmo, terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios, de convocar ou patrocinar outros actos científicos ou culturais.

5.6. Editar libros e traballos de carácter técnico-científico sobre enxeñería para Galicia e publicar normas e disposicións de interese para os enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

5.7. A colaboración cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa.

5.8. Defender os dereitos dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais, así como os dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza, organismos autonómicos galegos e, en xeral, ante toda clase de autoridades, cando sexa requirido polo respectivo colexio ou así estiver legalmente establecido.

5.9. O exercicio e xestión daquelas competencias públicas que sexan encomendados pola Administración xeral do Estado, pola Xunta de Galicia ou polo acordo de calquera outra Administración pública competente.

5.10. Designar representantes da enxeñaría técnica industrial para participaren cando así estiver establecido, nos consellos ou organismos consultivos da Administración pública no ámbito de Galicia.

5.11. Coñecer e resolver os recursos que poidan interpoñerse contra os acordos dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

Así mesmo, coñecer e resolver os recursos que se interpoñan contra os acordos ou resolucións do propio consello non suxeitos ao dereito administrativo.

5.12. Levar un rexistro de sancións que afecten os peritos e enxeñeiros técnicos industriais dos colexios galegos.

5.13. Aprobar o seu propio orzamento de ingresos e de gastos e as súas contas.

5.14. Fixar equitativamente a participación dos colexios para os gastos do Consello, por achegas fixas, eventuais ou achegas extraordinarias.

5.15. Establecer os ingresos propios que puideren ter por dereitos ou retribucións como consecuencia dos servizos e actividades que preste.

5.16. Realizar, no tocante ao patrimonio propio do Consello, toda clase de actos de administración, disposición e gravame.

5.17. Emitir ditames e informes, sobre todo os que sexan reclamados pola Xunta de Galicia ou o Parlamento de Galicia, verbo de proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral que afecten o exercicio da enxeñaría técnica industrial, da súa organización corporativa ou ao exercicio das profesións tituladas en xeral.

5.18. Elaborar normativa e adoptar acordos xerais en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo das normas aprobadas polo Consello Xeral de Colexios de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de España.

5.19. Calquera outra función similar ás contidas nos parágrafos anteriores non expresamente determinadas neles, así como aquelas que lle sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de España.

Título II

Órganos do Consello. Réxime de funcionamento

Capítulo I

Os órganos do Consello

Artigo 6º.-Órganos do Consello.

Os órganos do Consello serán o Pleno do Consello Galego, a Xunta Executiva e o presidente. Dependendo destes existirán os vicepresidentes, o secretario e os vogais coas atribucións que se prevén nestes estatutos.

A presidencia do Pleno do Consello e da Xunta Executiva, así como a xestión e administración do Consello, corresponde aos colexios en quenda rotativa, por períodos bianuais, na seguinte orde: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

A estrutura interna e o funcionamento dos órganos do consello será democrático e respectaranse en todo caso os principios constitucionais que rexan esta materia.

Capítulo II

O Pleno do Consello Galego

Artigo 7º.-O Pleno do Consello Galego: definición e funcionamento.

O Pleno do Consello é o órgano superior de expresión da vontade dos colexios galegos. Os seus acordos, adoptados conforme estes estatutos, serán de obrigado cumprimento para todos os colexios e os seus colexiados, e serán executivos independentemente de cando se produza a aprobación da acta.

O Pleno do Consello estará formado por:

a) Os decanos e presidentes das delegacións dos colexios.

b) 50 membros elixidos entre os colexiados de todos os colexios, cuxa elección e designación dentro de cada colexio se efectuará da forma que se estableza na súa normativa interna. O número de membros de cada colexio deberá ser proporcional ao número de colexiados existentes en Galicia en 31 de decembro do ano anterior.

c) O Consello renovarase anualmente na parte designada polos colexios.

O Pleno do Consello Galego poderá celebrar sesións ordinarias ou extraordinarias.

7.1. Sesións ordinarias:

No primeiro trimestre de cada ano o Pleno do Consello Galego celebrará unha xunta xeral ordinaria para a aprobación do orzamento. Nesta xunta xeral ordinaria aprobaranse as contas, proporcionándose aos membros do órgano citado unha información xeral sobre a marcha do Consello Galego e das actividades da Xunta Executiva do exercicio anterior.

A convocatoria de toda xunta xeral ordinaria cursarase ao domicilio particular de todos os membros do Pleno, por un medio de que quede constancia da recepción, con quince días de anticipación á data de celebración da sesión.

7.2. Sesións extraordinarias:

O Pleno do Consello celebrará unha sesión extraordinaria cando o decida o seu presidente, por acordo da Xunta Executiva, ou por solicitude do 20% dos seus membros. A convocatoria expresará os asuntos concretos que se tratarán na sesión, prevista nun prazo máximo dun mes unha vez convocada mediante sinaturas ou por acordo da Xunta Executiva. As sesións extraordinarias poderán convocarse, por razóns de urxencia, cunha anticipación de 48 horas.

7.3. Corresponde tamén ao Pleno do Consello Galego:

a) A aprobación dos estatutos do Consello Galego e das súas modificacións posteriores, escoitados os colexios galegos, e a súa aprobación polo Goberno da Xunta de Galicia.

b) A aprobación da xestión da Xunta Executiva e do seu presidente, das súas contas anuais e orzamentos e a achega dos colexios para o seu sostemento.

c) O establecemento dos servizos corporativos que se consideren necesarios para o cumprimento dos seus fins, ou a súa posible supresión.

d) As cuestións que afectan a organización colexial ou as profesións de perito e enxeñeiro técnico industrial que teñan dimensión autonómica.

e) Informar sobre os anteproxectos de lei ou de disposicións xerais de calquera rango, de ámbito galego, que afecten con carácter xeral o exercicio das profesións relacionados coa enxeñaría técnica industrial.

f) A representación ante a Administración autonómica galega, sen renunciar á representación ante o Estado ou de organismos internacionais, dos intereses da profesión e dos colexiados.

g) Elaborar as normas deontolóxicas de ámbito autonómico sobre o exercicio da profesión, que posteriormente serán definitivamente aprobadas polo Consello Xeral, conforme o establecido na alínea f) do artigo 26 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia.

h) A coordinación das actividades dos colexios, no ámbito autonómico.

i) Procurar o maior nivel de emprego para os colexiados, colaborando coa Administración en canto sexa conveniente para esta finalidade.

j) Exercer a potestade disciplinaria respecto dos membros das xuntas de goberno dos colexios galegos e dos membros do Consello.

k) Cumprir e velar por que se cumpran as leis e os estatutos polas entidades colexiais e polos demais órganos do Consello Galego nas actividades que lles competen.

l) Resolver os recursos que se interpoñan contra actos e acordos dos colexios, se así se establece na lexislación aplicable.

m) As demais atribucións que se recoñezan ao Consello Galego nestes estatutos ou nos estatutos xerais dos colexios de España, ou que lle atribúa a lexislación vixente.

7.4. O Pleno considerarase validamente constituído cando asistan a metade máis un dos seus integrantes en primeira convocatoria, incluídos o presidente e secretario ou quen legalmente os substitúa e co número dos que asistan en segunda.

7.5. Toma de acordos do Pleno:

a) As decisións tomaranse por maioría dos asistentes, dirimindo, en caso de empate, o voto do presidente.

b) A representación no Pleno non poderá delegarse.

c) Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, salvo que estean presentes todos os seus membros e acorden por maioría absoluta o carácter urxente do asunto que se vai tratar.

7.6. Cando corresponda o cambio da quenda presidencial, na reunión do Pleno ordinario o presidente saínte renderá contas do orzamento do ano anterior, e o presidente entrante presentará o orzamento do ano para a súa aprobación.

7.7. As sesións do Pleno celebraranse no colexio que ocupe a presidencia ou, por razóns xustificadas, na localidade que acorde a Xunta Executiva ou decida o seu presidente.

Capítulo III

A Xunta Executiva do Consello Galego

Artigo 8º.-A Xunta Executiva do Consello Galego.

A Xunta Executiva do Consello Galego é o órgano representativo, executivo e delegado polo Pleno do Consello para a toma de acordos e a execución destes. Os seus acordos, adoptados conforme estes estatutos, serán de obrigado cumprimento para todos os colexios e os seus colexiados, e serán executivos independentemente de cando se produza a aprobación da acta.

8.1. A Xunta Executiva estará formada por:

a) Os decanos dos colexios, ocupando a presidencia o decano a que lle corresponda, e a vicepresidencia aquel decano a cuxo colexio corresponda, por quenda, a seguinte presidencia do Consello Galego. A orde da quenda é o considerado no artigo 6, parágrafo 2º destes estatutos.

b) Nove vogais designados polo Pleno do Consello, en representación proporcional ao número de representantes no Pleno de cada colexio, entre os cales figurarán os presidentes das delegacións e dun vogal de cada colexio.

Un dos vogais do colexio que ocupe a presidencia do Consello Galego exercerá as funcións de secretario.

8.2. A Xunta Executiva considérase constituída cando asistan máis da metade dos seus compoñentes.

8.3. Reunirase por convocatoria do presidente, quen fixará a orde do día, polo menos unha vez cada tres meses.

8.4. A Xunta Executiva adoptará decisións executivas e executará os acordos do Pleno en todas as materias que sexan competencia do Pleno.

8.5. Corresponde á Xunta Executiva a administración do Consello Galego para o cumprimento dos seus fins, en todo aquilo que de xeito expreso non lle compete ao Pleno do Consello.

De modo especial, corresponde á Xunta Executiva:

a) Velar polo cumprimento dos fins da organización colexial no seu ámbito territorial.

b) Aprobar os informes, estudos, ditames, laudos e arbitraxes encomendadas ao Consello Galego.

c) A formación do orzamento e a rendición das contas anuais.

d) Propoñer as cotas que, para o cumprimento dos fins da institución, deben achegar os colexios.

e) Dirixir a xestión económica do Consello Galego.

f) Convocar e fixar a orde do día do Pleno do Consello Galego, sen prexuízo das facultades do presidente de decidir por si a convocatoria de calquera clase de xunta xeral coa orde do día que aquel decida.

g) Mediar na resolución dos problemas que poidan xurdir entre os colexios.

h) Exercer a potestade disciplinaria no seu ámbito.

i) Elaborar os seus propios regulamentos de réxime interior.

j) Acordar o exercicio de toda clase de accións e recursos, ordinarios e extraordinarios, administrativos e xurisdicionais perante calquera organismo administrativo, xulgado ou tribunal, ou perante o Tribunal Constitucional. En caso de recoñecida urxencia, a interposición de recursos poderá ser ordenada polo presidente e deberá ser ratificada pola Xunta Executiva na sesión seguinte.

k) As demais funcións que lle encomenden directamente as leis, estes estatutos e os estatutos do Consello Xeral de Colexios de España.

8.6. Toma de acordos da Xunta Executiva:

a) As decisións tomaranse por maioría dos asistentes, dirimindo, en caso de empate, o voto do presidente.

b) A representación na Xunta Executiva non poderá delegarse.

c) Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, salvo que estean presentes todos os seus membros e acorden por maioría absoluta o carácter urxente do asunto que se vai tratar.

Capítulo IV

As comisións de traballo

Artigo 9º.-As comisións de traballo.

As comisións de traballo estarán formadas por colexiados designados pola Xunta Executiva. Excepcionalmente poderán asistir, con voz e sen voto, expertos designados polo presidente do Consello. O presidente de cada comisión de traballo será elixido polos seus membros.

Consideraranse constituídas as comisións cando asista o presidente e a maioría dos seus membros.

Reuniranse, como mínimo, unha vez por semestre, ben por instancia do presidente do Consello ben por instancia do presidente de cada comisión ben por demanda do 20% dos seus membros.

Os traballos elaborados serán remitidos á Xunta Executiva para o seu estudo e aplicación, se así o determina a Xunta Executiva.

Capítulo V

Cesamento nos órganos de Goberno do Consello

Artigo 10º.-Substitución de membros de órganos do Consello.

En caso do cesamento dalgún dos representantes dos colexios nos diferentes órganos de goberno do Consello, será substituído por outro designado polo mesmo colexio.

As substitucións dos membros natos manteranse durante o tempo que lle restase ao representante do colexio a que estaba vinculado o cesante.

Capítulo VI

O presidente e os vicepresidentes

Artigo 11º.-O presidente.

O presidente exerce a representación legal do Consello Galego, tanto en xuízo como fóra del, e está lexitimado para outorgar poderes, xerais ou especiais, a procuradores, letrados ou calquera outra clase de mandatarios, unha vez autorizado por acordo da Xunta Executiva.

Será presidente o decano do colexio a que lle corresponda segundo a orde das quendas establecida no artigo 6º, parágrafo 2 destes estatutos.

Corresponde ao presidente:

11.1. Exercer a máxima representación do Consello, tendo asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúa este estatuto e sexan necesarios para as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias de carácter xeral para a profesión dentro do ámbito do Consello Galego.

11.2. Exercer as accións que correspondan en defensa de todos os colexios integrados no Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e toda clase de autoridades, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para todos os colexios de Galicia, sen prexuízo da autonomía e competencias que correspondan a cada colexio.

11.3. Convocar, fixar a orde do día e presidir todas as reunións do Pleno do Consello e da Xunta Executiva. Ordenar as deliberacións e abrir, suspender ou fechar as sesións.

11.4. Presidir e dirixir as deliberacións, abrir, suspender e fechar as sesións dos congresos, xornadas e simposios que organice o Consello.

11.5. Visar os documentos e certificacións que expida o secretario.

11.6. Dirimir con voto de calidade os empates que puideren resultar das votacións.

11.7. Autorizar e asinar, xunto co secretario, os libramentos ou ordes de pagamento, e asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes, así como os cheques e demais autorizacións para retirar cantidades económicas.

11.8. Todas aquelas que lle outorguen estes estatutos.

Artigo 12º.-Os vicepresidentes.

O vicepresidente primeiro, segundo ou terceiro substituirán, por esta orde, o presidente en caso de ausencia, enfermidade ou vacante e desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue o presidente.

Os vicepresidentes serano do Pleno, da Xunta Executiva e dos demais órganos colexiados de que formen parte e o cargo ocuparao o decano a cuxo colexio corresponda, por quenda, a seguinte presidencia do Consello Galego. A orde da quenda é a determinada no artigo 6, parágrafo 2º destes estatutos.

Capítulo VII

O secretario

Artigo 13º.-O secretario.

O secretario serao do Pleno, da Xunta Executiva e dos demais órganos colexiados de que forme parte.

Corresponden ao secretario as seguintes funcións:

13.1. Redactar e autorizar as actas das sesións do Consello Galego. Dar conta das inmediatas anteriores para a súa aprobación, se for o caso. Informar, se proceder, sobre os asuntos que en tales reunións se deban tratar e lle encomende o presidente.

13.2. Executar os acordos do Consello Galego, así como as resolucións que, conforme o estatuto, dite a presidencia.

13.3. Informar o Consello Galego e os seus membros, con facultade de iniciativa, en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello Galego.

13.4. Realizar todas aquelas actividades tendentes a lograr os fins sinalados nos puntos anteriores.

13.5. Auxiliar na súa misión o presidente e promover cantas iniciativas de orde técnico-profesional e corporativa for necesario adoptar.

13.6. Levar os libros de actas necesarios, redactar e autorizar as certificacións que precedan, así como as comunicacións e circulares que foren autorizadas polo Consello Galego ou polo seu presidente.

13.7. Formar o censo de colexiados de Galicia inscritos en cada colexio, levando un ficheiro-rexistro cos datos que procedan.

13.8. Levar o rexistro de sancións, anotando en cada expediente as circunstancias do artigo 21 deste estatuto.

13.9. Redactar a memoria anual das actividades e proxectos do Consello.

13.10. Exercer a alta dirección dos servizos que poida crear o Consello e calquera outro que lle encomende o mesmo Consello.

13.11. Asumir a xefatura do persoal administrativo do Consello. Solicitar os informes precisos, segundo a natureza dos asuntos que se resolvan, sen que estes informes sexan vinculantes para o secretario.

13.12. Propoñer e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha administrativa.

Artigo 14º.-Funcións de tesouraría.

Corresponden tamén ao secretario as seguintes funcións de tesouraría:

14.1. Expedir, co visto e prace do presidente, os libramentos para os pagamentos que se vaian verificar e subscribir os mandamentos de pagamento necesarios para o movemento das contas abertas a nome do Consello Galego.

14.2. Levar os libros necesarios para o rexistro de ingresos e gastos que afecten a caixa do Consello Galego e, en xeral, o seu movemento patrimonial.

14.3. Cobrar todas as cantidades que por calquera concepto se deban ingresar nas contas do Consello Galego, autorizar coa súa sinatura os recibos correspondentes, e dar conta ao presidente e ao Pleno do Consello da situación da tesouraría e do desenvolvemento das previsións do orzamento.

14.4. Propoñer e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha contable e de investimentos dos fondos do Consello.

14.5. Formular a memoria económica anual coas contas xerais de tesouraría.

14.6. Elaborar o proxecto anual do orzamento.

14.7. Subscribir o balance anual que se deduza da contabilidade, efectuando os arqueos que correspondan de xeito regular e periódico.

Capítulo VIII

Os vogais

Artigo 15º.-Os vogais.

Corresponde aos vogais da Xunta Executiva:

15.1. O desempeño das funcións que lles delegue ou encomende o presidente ou a Xunta Executiva.

15.2. Substituír os titulares dos restantes cargos da Xunta Executiva en caso de ausencia, enfermidade ou vacante temporal, sen prexuízo do disposto nestes estatutos.

15.3. Asistir, en quenda cos restantes vogais, ao domicilio social do Consello para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

Capítulo IX

O persoal técnico e administrativo

Artigo 16º.-Do persoal técnico e administrativo.

A Xunta Executiva do Consello poderá crear e dotar prazas de persoal técnico ou administrativo para a realización de funcións técnicas e administrativas respectivamente.

En todo caso, os servizos dos diferentes colexios integrados no Consello Galego constituirán órganos de apoio a este.

Título III

Réxime económico

Artigo 17º.-Recursos económicos do Consello Galego.

17.1. A economía do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos lndustriais é independente da dos respectivos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus bens, aínda que contribuirán no orzamento do Consello Galego na forma sinalada a seguir.

17.2. Para cubrir os gastos do Consello Galego, este disporá dos seguintes recursos de carácter ordinario e extraordinario:

a) Son recursos económicos ordinarios:

1. As cotas que se establezan para os colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais de Galicia, que serán fixados cada ano en función do número de colexiados en activo en cada colexio.

2. O importe dos dereitos económicos xerados polos documentos e certificados que expida.

3. Os dereitos por prestación de servizos e actividades que o Consello Galego realice.

4. As subvencións oficiais e particulares.

b) Son recursos económicos extraordinarios:

1. As doazóns e legados que o Consello Galego poida recibir.

2. As derramas extraordinarias que o Consello Galego poida determinar polas circunstancias excepcionais.

3. Outros ingresos que o Consello Galego poida recibir con motivo das súas actividades.

Artigo 18º.-Rendición de contas.

O Consello Galego fechará o exercicio económico cada fin de ano natural e formulará o proxecto de orzamento para o ano seguinte e un balance xeral e a liquidación do orzamento do ano anterior, someténdoos ao estudo e aprobación do Pleno.

As contas do Consello Galego deberán ser obxecto de informe de auditoría cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos. A auditoría deberá ser encargada a un auditor externo designado pola Xunta Executiva do Consello Galego.

Título IV

Réxime disciplinario

Artigo 19º.-Competencia.

O Consello Galego é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa:

19.1. En primeira instancia, cando a persoa afectada sexa membro da Xunta de Goberno de calquera dos colexios de Galicia ou membro do propio Consello.

19.2. En segunda instancia administrativa, na resolución dos recursos de alzada interpostos polos colexiados contra os acordos dos colexios.

19.3. O Consello Galego é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa respecto aos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integran e os do propio Consello.

19.4. Nos expedientes disciplinarios que o Consello instrúa en primeira instancia, daráselle audiencia aos afectados por aqueles, concedéndolles a vista das actuacións co obxecto de poderen formular as alegacións de defensa e propoñer as probas que consideren oportunas.

19.5. Contra as resolucións do Consello Galego nesta materia caberá recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Artigo 20º.-Infraccións.

As infraccións que poden ser obxecto de sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son infraccións moi graves:

a) Os feitos constitutivos de delito como consecuencia do exercicio profesional ou con ocasión deste ou que afecten o exercicio profesional.

b) O encubrimento da intrusión profesional.

c) O uso do cargo ou función pública en proveito propio.

2. Son infraccións graves:

a) O incumprimento grave dos acordos de carácter obrigatorio adoptados polos órganos de goberno da organización colexial en materia da súa competencia, ou o incumprimento grave das obrigas establecidas nestes estatutos.

b) O incumprimento inxustificado das obrigas económicas cos colexios ou destes co Consello Galego.

c) A desconsideración ou ofensa graves aos membros dos órganos de goberno da organización colexial, no exercicio das súas funcións, así como para cos compañeiros no desempeño da actividade profesional.

d) A competencia desleal.

e) A realización de traballos profesionais que atentan contra o prestixio profesional que especifique o Regulamento de normas deontolóxicas de actuación profesional dos enxeñeiros técnicos industriais.

f) O incumprimento dos deberes ou incompatibilidades que por razón do seu cargo se deben observar.

3. Son infraccións leves:

a) As faltas reiteradas de asistencia ou de delegación desta sen causa xustificada ás reunións da Xunta de Goberno do Colexio ou do Pleno do Consello.

b) As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

c) As desconsideracións ou ofensas previstas na alínea c do número anterior que non revistan carácter grave.

d) O mal uso dos bens mobles ou inmobles do colexio ou do Consello.

Artigo 21º.-Sancións.

1. As sancións disciplinarias clasifícanse en leves, graves e moi graves:

a) Son sancións leves a amoestación privada e o apercibimento por oficio do presidente.

b) Son sancións graves a suspensión da colexiación ou dos dereitos colexiais, ata seis meses e a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos, ata un ano.

c) Son sancións moi graves a suspensión da colexiación ou dos dereitos colexiais ata dous anos, a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata cinco anos e a expulsión do colexio ou, se for o caso, do Consello.

2. As faltas que garden relación con obrigas colexiais considéranse corporativas e sancionaranse, segundo a súa gravidade, con amoestación privada ou apercibimento por oficio do decano con anotación no expediente persoal, se son leves; suspensión dos dereitos colexiais ata seis meses e inhabilitación para cargos colexiais ata un ano, se son graves, e suspensión da colexiación e inhabilitación para cargos colexiais ata cinco anos, se son moi graves.

3. As faltas que entren dentro da esfera das obrigas profesionais serán sancionables, con amoestación privada, se son leves; coa suspensión da colexiación ata seis meses, se son graves; e coa suspensión da colexiación ata dous anos ou a expulsión se son moi graves.

Artigo 22º.-Procedemento disciplinario.

1. Non poderá impoñerse ningunha sanción sen instruír un procedemento previo. Na súa tramitación garantiránselle ao colexiado, en todo momento, os seguintes dereitos:

a) A presunción de falta de responsabilidade disciplinaria mentres non se demostre o contrario.

b) A ser notificado dos feitos que se lle imputan, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lle puideren impoñer.

c) A ser notificado da identidade do instrutor, da autoridade competente para impoñer a sanción e da norma que lle atribúa tal competencia.

d) A coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesado, e obter copias dos documentos contidos neles e, así mesmo, copia selada dos que presente.

e) A formular alegacións e presentar documentos en calquera fase do procedemento anterior ao trámite de alegacións contra a proposta de sanción.

f) A obter información e orientación xurídica sobre o modo de defender os seus intereses e a dispoñer das suficientes garantías de defensa no expediente.

g) A que a tramitación do procedemento sancionador teña unha duración non superior a seis meses, salvo causa xustificada de que quede debida constancia no procedemento, que poderá prorrogarse ata un ano como máximo.

2. As sancións leves poderán impoñerse nun procedemento abreviado en que se verificará a exactitude dos feitos, se oirá o presunto infractor e se comprobará se estes están tipificados nalgún dos supostos do artigo 20.3º dos estatutos, e imporase a sanción correspondente.

Artigo 23º.-Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos contados desde o día en que a infracción se cometese. A incoación debidamente notificada ao presunto infractor do procedemento disciplinario interrompe a prescrición, a cal continuará se o devandito procedemento estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

2. As sancións prescribirán, de non as facer efectivas a entidade colexial sancionadora, nos mesmos prazos que as infraccións segundo a súa clase, salvo a expulsión do colexio, que prescribirá aos cinco anos. O prazo comezará a contarse desde o momento en que adquirise firmeza en vía colexial a resolución sancionadora e interromperase a prescrición pola iniciación, con coñecemento do interesado, da súa execución, continuándose se esta se paraliza máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 24º.-Anotación e cancelación das sancións.

1. Todas as sancións disciplinarias anotaranse no expediente persoal do colexiado, con comunicación ao Consello e deste aos colexios no caso de que afecten o exercicio da profesión.

2. Os sancionados poderán pedir a cancelación da nota do seu expediente persoal, nos seguintes prazos contados desde o cumprimento da sanción:

a) Se for por falta leve, aos seis meses.

b) Se for por falta grave, aos dous anos.

c) Se for por falta moi grave, aos catro anos.

3. Executada a sanción de expulsión, non se poderá solicitar a reincorporación a ningún dos colexios ata transcorridos cinco anos, salvo que os seus estatutos sinalen outro prazo superior.

4. A cancelación de antecedentes realizarase logo da instrución dun procedemento en que o colexiado gozará dos mesmos dereitos que no procedemento incoado para a imposición da sanción, e será susceptible a resolución que se adopte de ser impugnada na mesma forma que a resolución sancionadora.

Artigo 25º.-Réxime supletorio.

No non previsto neste título e nos estatutos particulares dos colexios rexerán como supletorios a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e demais disposicións concordantes.

Título V

Recursos

Artigo 26º.-Recursos.

O Consello Galego, en canto corporación de dereito público, está suxeita a dereito administrativo no relativo á constitución dos seus órganos e cando exerza funcións administrativas.

Na súa actividade réxese por estes estatutos, os estatutos xerais dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais, pola normativa estatal e autonómica na materia e polas normas administrativas nos casos previstos legalmente.

26.1. Contra os actos suxeitos ao dereito administrativo emanados do órgano de goberno dos colexios profesionais caberá recurso de alzada ante o correspondente Consello Galego dos colexios.

26.2. Este recurso, que deberá ser razoado e fundamentado, presentarase no propio colexio, o cal, no prazo de dez días, o elevará ao Consello Galego, xuntamente co expediente relativo ao acto ou acordo impugnado e, de consideralo conveniente, xunto cun informe sobre o recurso elaborado pola Xunta de Goberno.

26.3. O Consello terá que resolver o recurso de alzada no prazo dun mes contado desde a súa presentación. Transcorrido o devandito prazo sen notificarse acordo sobre o recurso, considerarase desestimado por silencio administrativo, salvo que o recurso fose imposto sobre a desestimación presunta dunha solicitude por transcurso do prazo, caso en que se entenderá estimado o recurso se, chegado o prazo de resolución, o órgano competente non ditase resolución expresa sobre el. O acordo do Consello, expreso ou presunto, esgotará a vía corporativa e contra el poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

26.4. O recurso de alzada interporase ante o Consello Galego no prazo dun mes a partir da súa notificación.

26.5. Contra os actos administrativos dos órganos de goberno do Consello Galego caberá recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais, previo á interposición do recurso contencioso-administrativo.

No suposto de actos e resolucións ditados no exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación cando o órgano sexa competente para coñecer, se for o caso, o recurso correspondente.

26.6. Todo iso de conformidade coa Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Título VI

Relacións cos colexios galegos

Artigo 27º

Os colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais de Galicia terán que notificar á Secretaría do Consello Galego:

27.1. Os seus respectivos estatutos e as modificacións destes.

27.2. Os nomes dos compoñentes das súas xuntas de goberno, no prazo de 48 horas desde que se produza a súa variación.

27.3. Os actos de proclamación de candidatos e de candidatos electos, no prazo de 48 horas.

27.4. Os recursos que se interpoñan ante o Consello Galego, no prazo de 48 horas.

27.5. A relación de colexiados totais e en activo o 31 de decembro de cada ano e as altas e baixas que se produzan para poder levar o correspondente censo de peritos e enxeñeiros técnicos industriais de Galicia.

27.6. As sancións disciplinarias que impoñan, a firmeza das resolucións sancionadoras, os recursos e acordos de suspensións, os acordos resolutorios daqueles, o inicio da execución, o incumprimento e a cancelación.

Título VII

Reforma dos estatutos

Artigo 28º.-Procedemento para a reforma dos estatutos.

Para a modificación destes estatutos será preciso o acordo do Pleno do Consello Galego, adoptado coa maioría absoluta dos seus membros, unha vez escoitados os colexios, e a súa posterior aprobación polo Goberno da Xunta de Galicia.

Título VIII

Disolución do Consello Galego

Artigo 29º.-Procedemento para a disolución do Consello Galego.

29.1. No caso da disolución do Consello Galego, a decisión adoptarase por acordo do seu Pleno extraordinario, adoptado co voto favorable de máis da metade dos votos dos seus membros presentes.

29.2. En caso de disolución do Consello Galego, o seu patrimonio neto pasaría a integrarse na entidade representativa dos peritos e enxeñeiros técnicos industriais que sexa acordada polo Pleno coa maioría sinalada.

Para tal efecto, o mesmo Pleno designará unha comisión liquidadora para que, no prazo de tres meses desde a súa constitución, conclúa a liquidación dos dereitos e obrigas do Consello e feche as contas, que someterá á aprobación do Pleno.

29.3. En caso de que a disolución do Consello Galego sexa como consecuencia da integración dos peritos e enxeñeiros técnicos industriais noutra organización profesional, a disolución acordarase nun Pleno extraordinario por maioría simple dos votos dos asistentes e para os efectos de subrogación e sucesión no patrimonio, dereitos e obrigas do Consello Galego, terá efecto desde a entrada en vigor da disposición que autorice a integración aludida.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os estatutos dos colexios poderán adoptar calquera outra denominación que os identifique claramente, diferenciándoos de calquera outro regulamento interno do colexio, salvo a de estatutos galegos, que quedará reservada para estes estatutos.

Segunda.-Corresponde ao Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos lndustriais a regulación, o desenvolvemento e a interpretación destes estatutos, e velar polo seu cumprimento.

Terceira.-Con carácter supletorio serán de aplicación os estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Peritos e Enxeñeiros Técnicos lndustriais de España, en todos aqueles aspectos que non estiveren considerados nestes estatutos, e a vixente lexislación ao respecto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Denominación e ámbito territorial dos colexios.

1. A denominación de cada un dos colexios é a seguinte:

* Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

* Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo.

* Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense.

* Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo.

2. O ámbito territorial de cada un dos colexios é o seguinte:

* Colexio da Coruña: abrangue toda a provincia da Coruña.

* Colexio de Lugo: abrangue toda a provincia de Lugo.

* Colexio de Ourense: abrangue toda a provincia de Ourense.

* Colexio de Vigo: abrangue toda a provincia de Pontevedra.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quendas de presidencia do Consello Galego.

A presidencia da Xunta Executiva e do Pleno do Consello, así como a xestión e administración do Consello, son exercidas polos colexios en quenda rotativa, por períodos bianuais na seguinte orde: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

Non obstante, se por circunstancias especiais algún colexio non puider asumir a presidencia, esta orde poderá alterarse por acordo do Pleno do Consello Galego, respectando, en todo caso, o acordo entre o colexio entrante e o que debería sucedelo.

A presidencia ata o 31 de decembro de 2009 corresponde ao colexio de Vigo.

Segunda.-Adaptación dos estatutos dos colexios aos novos estatutos do Consello Galego de Enxeñeiros.

No prazo dun ano desde a aprobación destes estatutos, os colexios adaptarán os seus estatutos e normativa interna e procederán a designar os membros do Pleno e da Xunta Executiva do Consello.