DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 05 de marzo de 2010 Páx. 2.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2010 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ao sector do comercio polo miúdo, complementarias á liña de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas (Plan Re-Solve).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 20 de outubro de 2009, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ao sector do comercio polo miúdo, complementarias á liña de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, (Plan Re-Solve), facultando o director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ao sector do comercio polo miúdo, complementarias á liña de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas (Plan Re-Solve).

Segundo.-Prazo presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte; e rematará o 30 de novembro de 2010 ou no intre do esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.

Terceiro.-Créditos.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01-E5/10/01-656700 cun crédito de 720.000 € para o exercicio 2010.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, previa declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas ao sector do comercio

polo miúdo, complementarias á liña de financiamento

de circulante subsidiado e avalado para autónomos

e microempresas

Antecedentes.

Mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aprobou as bases reguladoras das axudas para a habilitación de liñas de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (DOG nº 191, do 29 de setembro).

Nestas bases habilitáronse os mecanismos para que os autónomos e microempresas poidan acceder ao crédito e, deste xeito, resolver os problemas xerados pola crise. Esta crise afecta especialmente o pequeno comercio xa que acusa especialmente o descenso no consumo das familias. Ante esta situación, as saídas a curto prazo pasan, inevitablemente polo recorte dos gastos. Neste senso, a compensación dos gastos financeiros pode supoñer un apoio importante para o sector.

Esta convocatoria ten por obxecto regular o contido e procedemento de tramitación dunha liña de compensación de xuros asociados ao financiamento obtido polas microempresas do sector comercio polo miúdo, mediante a liña de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas (Resolución do 25 de setembro de 2009, DOG nº 191, do 29 de setembro, Plan Re-Solve).

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Á vista destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 20 de outubro de 2009, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas ao sector do comercio polo miúdo, complementarias á liña de financiamento de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas, (Plan Re-Solve).

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación dunha liña de compensación dos xuros asociados ao financiamento obtido polos autónomos e microempresas do sector do comercio polo miúdo, mediante a liña de circulante subsidiado e avalado para autónomos e microempresas (Resolución do 25 de setembro de 2009, DOG nº191, do 29 de setembro) en diante, Plan Re-Solve. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

2.1. Poderán acceder ás axudas previstas nestas bases as microempresas e autónomos beneficiarios do Plan Re-Solve que desenvolvan algunha das actividades recollidas nos seguintes epígrafes do CNAE 2009:

45-Venda e reparación de vehículos de motor e moticicletas coa exclusión da actividade 45.31.-Comercio por xunta de recambios e accesorios de vehículos de motor.

47-Comercio polo miúdo, salvo de vehículos de motor e motocicletas.

2.2. Os beneficiarios terán que estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para seren beneficiarios da axuda.

Artigo 3º.-Axuda do Igape, compatibilidade e límites.

3.1. O Igape compensará o tipo de xuro das operacións acollidas ás presentes bases mediante unha axuda adicional do 2,5% do principal do préstamo ou crédito formalizado.

3.2. A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

3.3. As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5 do 28 de decembro). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 4º.-Tramitación das solicitudes da axuda financeira ante o Igape.

4.1. Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente o cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. A instrución e resolución do procedemento basearase na información que figura para o expediente da liña de circulante avalado para autónomos e microempresas (Plan Re-Solve).

4.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

4.3. No caso de que non conste a aprobación do expediente ao amparo das bases reguladoras das liñas de circulante avalado para autónomos e microempresas (Plan Re-Solve) , a aplicación non permitirá a emisión do IDE.

4.4. A solicitude de axuda presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso 4.2 anterior. A solicitude que careza do IDE ou na cal este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) será devolta sen tramitación.

4.5. A presentación da solicitude da axuda polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Tamén se autoriza ao órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou o do seu representante legal. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

4.6. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.7. O solicitante poderá obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizará a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexa recibir o xustificante.

4.8. O Igape unicamente dará curso a aquelas solicitudes que figuren cubertas na súa totalidade, devolvéndolle, noutro caso, a solicitude ao interesado, quen poderá volver a presentala unha vez que se cubra correctamente.

Artigo 5º.-Resolución.

5.1. Unha vez recibida a solicitude e comprobados os requirimentos destas bases, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

5.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do préstamo ou crédito subsidiable, o seu prazo de vixencia e carencia e a porcentaxe e importe da axuda.

5.3. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

5.4. Con base nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no DOG.

Artigo 6º.-Notificación, aceptación, silencio administrativo e recursos.

6.1. O Igape notificará ao solicitante a concesión ou denegación da axuda.

6.2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación completa da solicitude de axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificara resolución expresa, poderá entenderse desestimada. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

6.3. A resolución de concesión deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, a axuda entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 7º.-Pagamento da axuda financeira.

7.1. Unha vez notificada a concesión da axuda, o beneficiario disporá dun prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para solicitar o pagamento da axuda segundo modelo do anexo II.a.

7.2. Unha vez recibida a solicitude de cobro, o Igape procederá, con base na información ou documentación que xa teña no seu poder, á comprobación dos requisitos seguintes:

-Importe do préstamo ou crédito formalizado adecuadamente ao amparo do Plan Re-Solve.

-Código CNAE 2009 da actividade da empresa.

-Acreditación de atoparse ao día das obrigas coa Facenda Pública, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

7.3. Verificada toda a información referida no punto anterior, o Igape procederá ao aboamento da axuda a través do nº de conta indicado xunto coa solicitude de cobro segundo o anexo II.b.

7.4. De non contar con toda a información establecida no punto 7.2, o Igape requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, achegue a documentación e información adicional que considere oportuno, con indicación de que, no caso contrario, se considerará que o interesado desistiu da solicitude, logo de resolución declarativa de tal circunstancia.

Artigo 8º.-Publicación.

8.1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Promoción Económica publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, expresando beneficiario, finalidade, contía e aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do solicitante e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca para os efectos da formalización das operacións, así como o tratamento dos datos das entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca, e da súa publicación nos citados medios.

8.2. De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía publicarán no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 9º.-Modificacións.

9.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

9.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. Non obstante, calquera modificación relativa ao expediente correspondente á liña de circulante avalado para autónomos e microempresas (Plan Re-Solve) habilitará para modificar, a resolución de concesión da axuda financeira regulada nestas bases.

9.3. A persoa titular da dirección xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial, non supuxeran a denegación da axuda.

9.4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10º.-Perda da subvención.

10.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario das cantidades aboadas polo Igape con motivo da súa operación de préstamo/crédito, xunto cos xuros de demora devengados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxeran na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

10.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

10.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

10.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

10.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no título VI do seu regulamento.

Artigo 11º.-Control.

Os beneficiarios das operacións apoiadas mediante as presentes bases quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúen o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 12º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación das presentes bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, para poder presentar a solicitude deberán ter sido notificados da concesión dos apoios establecidos nas bases reguladoras das liñas de circulante avalado para autónomos e microempresas (Plan Re-Solve). O prazo finalizará o 30 de novembro de 2010.

No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de crédito derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nestas bases financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01-E5/10/01-656700 cun crédito de 720.000 € para o exercicio 2010, e a súa concesión estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficiente. Os ditos créditos, á vista das solicitudes presentadas poderán ser modificados e/ou ampliados polo Igape, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Ver referencia pdf "04400D009P021.PDF"