DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2010 Páx. 4.156

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 500 millóns de euros.

Con base no artigo 34 da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá tamén autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 79, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 19 de febreiro de 2010 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 500 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe: 500 millóns de euros.

Data de emisión: 26 de marzo de 2010.

Data de desembolso: 26 de marzo de 2010.

Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

Nominal das obrigas: 50.000 euros.

Subscrición: a subscrición das obrigas realizarase a través das entidades colocadoras mediante o procedemento de book building.

Cupón: o cupón será anual e vencerá o día 26 de marzo de cada ano. Non obstante, cando estas datas teñan a consideración de inhábil no sistema TARGET2, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigas efecturase o día hábil seguinte segundo o calendario do devandito sistema, salvo que coincida no mes seguinte; neste caso adiantarase ao primeiro día hábil anterior. O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia deste atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública en anotacións (Iberclear) na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización: dunha soa vez á par, aos 10 anos da data de emisión.

Tipo de xuro: 4,805%.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda serán realizados polo Banco de España, consonte o establecido no convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda