A protección da saúde pública é un referente inescusable da produción alimentaria. Concretamente, no ámbito da produción leiteira, o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro, estableceu a normativa básica de controis, en aplicación das disposicións do Regulamento (CE) 854/2004, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano e do Regulamento (CE) 882/2004, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde animal e benestar dos animais, ambos do 29 de abril e do Parlamento Europeo e do Consello.
Neste marco configúrase un programa obrigatorio de autocontrol nas explotacións e nos centros lácteos baixo a responsabilidade das persoas operadoras autorizadas e sometido á supervisión da autoridade competente a través dun plan de control oficial que recolle controis aleatorios a explotacións e controis dirixidos tras a constatación de resultados positivos a residuos de antibióticos. Este programa garante razoablemente a seguridade do leite que chega ao consumidor. Porén, o mercado europeo valora cada día máis a produción de alimentos baixo sistemas integrais de calidade, que consideren a sanidade e benestar animal mais a protección ambiental.
Os gandeiros e gandeiras de Galicia levan anos demostrando unha especial sensibilidade na mellora da calidade da produción. O seu esforzo continuado en materia de sanidade animal, seguridade alimentaria, respecto ao ambiente e aproveitamento racional dos recursos forraxeiros propios da explotación, sustentan un modelo de xestión que goza do recoñecemento xeral do mercado. Aínda máis, a experiencia demostra que unha parte importante das explotacións galegas acadan parámetros de calidade no leite que producen que supera os mínimos exixidos polo Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, incorporando un concepto de excelencia que cómpre salientar.
A creación dun rexistro público informativo de explotacións leiteiras que, no marco dos controis oficiais efectuados pola Xunta de Galicia, demostran acadar de xeito continuado uns parámetros de calidade superiores aos exixidos pola norma comunitaria, achegará transparencia ao mercado e contribuirá a revalorizar as gandarías que traballan co obxectivo de ofrecer ao consumidor un produto de alta calidade. Ademais, proporcionará ao sector un instrumento de referencia tanto en canto á consecución de determinados parámetros de calidade respecto do sector produtor como na selección da materia prima necesaria para a transformación, comercialización e venda de produtos de calidade diferenciada para o sector industrial, na liña establecida pola Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria, en canto que contribúe ao establecemento de medidas para favorecer as iniciativas de colaboración e interacción entre o sector produtor e a industria láctea.
Por proposta da persoa titular da consellería do Medio Rural, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de dous mil dez,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Este decreto ten por obxecto a creación do rexistro informativo de explotacións leiteiras de calidade diferenciada no cal se inscribiran de oficio as explotacións leiteiras que, no marco do plan de controis oficiais da calidade do leite cru de vaca efectuados polos servizos veterinarios da Xunta de Galicia, superen os parámetros de calidade exixidos por este decreto.
Artigo 2º.-Creación do Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.
Créase o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada, como rexistro público informativo adscrito á consellería competente en materia de gandaría e xestionado pola dirección xeral competente nesa materia, en que se recollen as explotacións leiteiras baixo supervisión e control dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión da carta verde de saneamento gandeiro.
b) Dispor dun historial de cumprimento acreditado dos seguintes parámetros de calidade no leite:
-Colonias de xermes a 30ºC (por ml) = 90.000 (media xeométrica móbil observada durante un período de dous meses).
-Contido de células somáticas (por ml) = 350.000 (media xeométrica móbil observada durante un período de tres meses).
-Non se ter detectados nos últimos seis meses, nin en mostras oficiais nin en mostras de autocontrol, residuos de antibióticos.
c) Non ter sido obxecto de sanción por incumprimentos en materia de condicionalidade, sanidade e benestar animal e seguridade alimentaria durante os últimos seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza.
Artigo 3º.-Organización do rexistro.
O rexistro integrará os seguintes campos:
a) Nome da explotación.
b) Código REGA.
c) Enderezo da explotación.
Artigo 4º.-Inscrición no rexistro.
1. A inscrición de explotacións no rexistro farase de oficio, unha vez constatado, para cada unha das explotacións, o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2º.
2. As altas notificaranse ás persoas titulares das explotacións interesadas por calquera medio que ofreza constancia da súa recepción. No caso de existiren unha pluralidade de altas simultáneas, a publicación no Diario Oficial de Galicia substituirá a notificación persoal.
3. O rexistro será de acceso público na páxina web da consellería competente en gandaría e presentarase nun formato de arquivo dispoñible para a súa descarga e utilización. Só o arquivo que figure na páxina web terá carácter oficial.
Artigo 5º.-Incorporación de datos ao rexistro.
1. Os laboratorios de análise rexistrados que realicen as actividades de control conforme o previsto no Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro, e que estean radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán comunicar á dirección xeral competente en materia de gandaría, no prazo establecido en cada caso, a seguinte información:
a) Para cada mostra de autocontrol analizada deberánse comunicar, nun prazo máximo de 24 horas desde o remate da análise, aqueles resultados en que se detecten residuos de antibióticos cos métodos establecidos.
b) Antes do día 10 de cada mes deberánse comunicar os datos relativos ás mostras tomadas en cada explotación no último período, correspondentes ás medias xeométricas móbiles dos parámetros células somáticas e colonias de xermes a 30º C, consonte os datos definidos no anexo II.
2. No caso de que as explotacións inscritas no rexistro non realicen as análises das súas mostras de autocontrol en laboratorios rexistrados e radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, a comunicación da información sinalada no parágrafo anterior será responsabilidade do titular da explotación.
Artigo 6º.-Baixa no rexistro.
1. Cando a partir da información do resultado das mostras oficiais, ou por outro procedemento, se coñeza que unha explotación rexistrada incumpre algún dos parámetros establecidos no artigo 2 deste decreto, recibirá unha comunicación da dirección xeral competente en materia de gandaría relativa ao incumprimento detectado. Se o incumprimento se refire a células somáticas ou xermes, agardaranse tres meses para comprobar a súa evolución. De se manter o incumprimento, iniciarase o expediente de baixa no rexistro. Se o incumprimento é dalgún dos demais requisitos, o inicio do expediente de baixa será inmediato.
2. O inicio do expediente de baixa comunicarase á persoa titular da explotación para que nun prazo máximo de 10 días presente as alegacións que estime oportunas. Transcorrido tal prazo, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de gandaría resolverá con carácter definitivo o mantemento ou a baixa da explotación no rexistro. Contra esta resolución poderá presentarse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en gandaría no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación da baixa definitiva. Cando a dita resolución adquira firmeza procederase a instar a actualización inmediata do arquivo dispoñible na páxina web.
3. Tras a baixa do rexistro, unha explotación só poderá volver a darse de alta transcorrido un prazo mínimo de 6 meses desde a data daquela, logo de solicitude da persoa titular da explotación de acordo co modelo que se achega como anexo I e unha vez verificado o cumprimento dos requisitos para a alta.
Artigo 7º.-Tratamento automatizado dos datos de carácter persoal.
O tratamento automatizado dos datos de carácter persoal que se conteñan no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada realizarase de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais disposicións complementarias.
Artigo 8º.-Réxime sancionador.
O incumprimento da obriga de comunicación de resultados prevista no artigo 5º deste decreto poderá ser obxecto de sanción consonte ao réxime regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan concorrer.
Disposición adicional
Única.-Control da calidade do leite cru.
As actuacións para o control da calidade do leite cru de vaca producido, tratado ou transformado en Galicia, serán as establecidas no Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro, polo que se establece a normativa básica de control que deben cumprir os operadores do sector lácteo e se modifica o Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan a identificación e rexistro dos axentes, establecementos e contedores que interveñen no sector lácteo e o rexistro dos movementos do leite.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 31 de xullo de 1998 pola que se establecen as actuacións para o control da calidade do leite cru de vaca producido, tratado ou transformado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de produción agropecuaria para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a execución deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, oito de abril de dous mil dez.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "07100D004P057.PDF"
ANEXO II
Información que se debe comunicar desde os laboratorios
de análise
A comunicación que deberán realizar os laboratorios de análise establecida no artigo 4.2º conterá, como mínimo, a seguinte información:
* Información da explotación de orixe:
-Nome da explotación.
-REGA da explotación.
-Enderezo da explotación (con código postal, concello e provincia).
* Información da empresa responsable da recollida:
-Nome ou código.
* Información dos resultados das mostras:
-Colonias de xermes a 30º C (por ml).
-Data de toma de cada mostra e resultado.
-Media xeométrica móbil das mostras dos últimos dous meses.
-Contido de células somáticas (por ml).
-Data de toma de cada mostra e resultado.
-Media xeométrica móbil das mostras dos últimos tres meses.
-Explotacións con mostras insuficientes.