DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 22 de abril de 2010 Páx. 6.458

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 60/2010, do 8 de abril, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, en materia de uniformidade, acreditación e medios técnicos.

A Constitución española recolle no seu título VIII, artigo 148.1º.22, como unha das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades relacionadas coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica. Neste marco, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, regula no seu artigo 39 as competencias das comunidades autónomas.

De conformidade coas mencionadas disposicións, promulgouse a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, que no seu artigo 13 b) recolle como unha das funcións de coordinación a de establecer a homoxeneización en materia de medios técnicos, dos distintivos externos de identificación e da uniformidade.

No entanto estas concretas cuestións aparecen recollidas como un conxunto homoxéneo no capítulo III do título II da dita lei, que remite en todos os casos a un posterior desenvolvemento regulamentario.

Por iso, transcorridos máis de dous anos da entrada en vigor da Lei 4/2007, parece urxente proceder á regulación da homoxeneización dos medios técnicos, dos medios de acreditación profesional, así como da uniformidade e distintivos externos de identificación, respectando a autonomía local e as competencias estatais en materia de seguridade, tal e como o mesmo artigo 13 da dita lei establece. Deste xeito procédese tamén á substitución efectiva do Decreto 204/2000, do 21 de xullo, que veu regulando estas cuestións, pero que foi perdendo vixencia por mor dos importantes cambios operados tanto na imaxe e na uniformidade como nos medios técnicos á disposición das policías locais.

Este decreto pretende establecer o marco fundamental e xenérico desta homoxeneización, que se complementará inmediatamente da súa entrada en vigor, en cada unha das temáticas que afecta, cunha orde de desenvolvemento máis polo miúdo, na cal se reflectirán as peculiaridades, deseño, condicións técnicas e outros extremos que afecten cada peza, obxecto ou medio técnico nela recollido.

Resulta tamén prioritario concretar de xeito harmonizado a identidade específica e distintiva dos corpos de Policía Local de Galicia, mediante unha imaxe corporativa común que individualice instalacións, medios, distintivos externos e uniformidade dos policías locais e os distinga doutros corpos de seguridade e, así mesmo, de colectivos ou traballadores de institucións públicas ou empresas privadas.

De acordo con tales previsións de desenvolvemento normativo da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, este decreto divídese nos seis capítulos seguintes: capítulo I Obxecto e ámbito de aplicación; capítulo II Da acreditación profesional dos corpos de policía local; capítulo III Da uniformidade e distintivos externos de identificación das policías locais; capítulo IV Dos medios técnicos das policías locais; capítulo V Da imaxe corporativa dos corpos de policía local; capítulo VI Dos/as vixilantes municipais e dos/as auxiliares de policía, ademais dunha disposición derrogatoria e de tres disposicións derradeiras.

Por outra banda, o artigo 15 da mesma Lei 4/2007 dispón que lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia ditar as normas xerais de coordinación no marco da Lei de coordinación, logo do informe da Comisión de Coordinación das Policías Locais, e na disposición derradeira primeira facúltase o Consello da Xunta de Galicia para realizar o desenvolvemento normativo da dita lei.

De conformidade co establecido no artigo 17.1º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a Comisión de Coordinación de Policías Locais emitiu informe favorable na súa sesión do 30 de xullo de 2009.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Constitúe o obxecto deste decreto o establecemento do marco xenérico necesario para desenvolver regulamentariamente a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, nas materias de uniformidade, acreditación e medios técnicos, sen prexuízo do disposto na lexislación orgánica de forzas e corpos de seguridade, na lexislación de bases de réxime local e noutra normativa que resulte de aplicación.

2. Tamén é obxecto deste decreto a habilitación para o establecemento da imaxe corporativa dos corpos de policía no ámbito da nosa comunidade autónoma, no exercicio das potestades de coordinación atribuídas polo artigo 13 b) da mesma lei.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto é de aplicación aos corpos de policías locais dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu persoal, así como a vixilantes municipais e auxiliares de policía local segundo o previsto no artigo 95 da Lei 4/2007 e normas que o desenvolven.

Capítulo II

Da acreditación profesional dos corpos de policía local

Artigo 3º.-Acreditación profesional.

De acordo co previsto no artigo 10 da Lei 4/2007, a acreditación profesional será común para todos os corpos, e quedará integrada polo carné profesional e pola placa-emblema.

Artigo 4º.-O carné profesional.

1. O carné profesional presentará no seu anverso a fotografía do seu titular, a súa categoría profesional, o seu número de identificación, o nome do concello, os escudos de Galicia e do concello respectivo e a lenda Policía Local co logotipo que corresponda. No reverso constará o nome e os apelidos do seu titular, o número do seu documento nacional de identidade e tamén a súa sinatura. Na súa parte inferior irá autorizado coa sinatura do/a alcalde/sa e o selo do concello.

2. Conformarase nunha tarxeta plastificada, cunhas dimensións de 85×53 mm, que levará por ambas as caras como fondo a bandeira de Galicia.

Artigo 5º.-A placa-emblema.

1. Será metálica e estará composta polo escudo do concello correspondente, a lenda Policía Local rodeando a metade inferior daquel, e o número de identificación profesional, cuñado nunha cartela que se situará na base do conxunto, e disporá no seu reverso dun sistema de fixación que permita poder exhibila no uniforme, de ser o caso, pero tamén levala nunha carteira de dobre corpo, conxuntamente coa tarxeta do carné profesional.

2. Non entanto, por cuestións de funcionalidade e operatividade, na uniformidade de traballo poderase empregar unha réplica, en material plástico, impresa, pegada ou cosida na peza correspondente.

Capítulo III

Da uniformidade e dos distintivos externos de identificación das policías locais

Sección primeira

Disposicións comúns en materia de uniformidade e distintivos externos

Artigo 6º.-Uso da uniformidade.

1. De acordo co previsto no artigo 9.2º da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais, todos os membros dos corpos de policía local vestirán o uniforme regulamentario cando estean de servizo, agás nos casos de dispensa previstos na Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade e naqueles casos excepcionais en que o órgano competente autorice o contrario. Neste suposto deberanse identificar co documento de acreditación profesional.

2. O alcalde/sa poderá autorizar que determinados servizos se presten sen o uniforme regulamentario, nos casos específicos que afecten determinados lugares de traballo ou por necesidades do servizo, nos termos establecidos na lexislación vixente.

Artigo 7º.-Uso de divisas, insignias e outros distintivos.

1. Nas pezas do uniforme só se poderán levar as divisas, insignias e outros distintivos previstos neste decreto. Tamén se poderán levar os pasadores das condecoracións ou distincións que se mencionan no punto 2 seguinte.

2. Porén, nos días ou actos que se determine na súa orde de concesión ou norma que as regule, poderán portarse as condecoracións ou distincións que fosen obtidas de forma oficial no exercicio do seu cargo ou función policial, outorgadas polos distintos corpos de seguridade, organismos oficiais das administracións públicas ou polo concello.

Artigo 8º.-Obrigas no uso e coidado da uniformidade.

O persoal dos corpos de policía local está obrigado a coidar e conservar as pezas de uniformidade que lle fosen entregadas, procurando mantelas en bo estado, tendo en conta o disposto nas alíneas d) e f) do artigo 81, así como no artigo 80 o) da Lei 4/2007 xa citada.

Artigo 9º.-Dotación e renovación da uniformidade.

1. O concello de que dependa o persoal dos corpos de policía local dotará este da uniformidade correspondente para a mellor prestación do servizo, e estará obrigado a proceder á renovación da uniformidade cando, polo estado ou características de cada peza sexa conveniente ou necesario.

2. En calquera caso, deberase proceder á súa renovación nos supostos de deterioración, rachadura, perda ou cambio de cor, ou calquera outra circunstancia semellante, derivada ou non da prestación do servizo.

Artigo 10º.-Uso exclusivo da uniformidade.

As pezas de uniformidade previstas neste decreto só poderá utilizalas o persoal dos corpos de policía local. Non se permite a utilización de pezas de uniformidade e emblemas, iguais ou semellantes aos fixados neste regulamento e na orde que o desenvolva, por parte de institucións públicas, empresas privadas ou persoas particulares.

Artigo 11º.-Condicións técnicas e de deseño.

1. Por orde específica da consellería competente en materia de coordinación de policías locais determinarase o deseño, características e demais condicións técnicas das pezas que compoñen a uniformidade, así como das insignias e divisas, atendendo fundamentalmente a criterios obxectivos de funcionalidade, estética, visibilidade, operatividade e duración das pezas.

2. Contarase para iso coa colaboración de representantes das xefaturas, do persoal policial e dos propios concellos, integrados en un ou máis grupos de traballo, de acordo co previsto no artigo 19.4º da Lei 4/2007, respecto do réxime de funcionamento da Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia.

Sección segunda

Tipos de uniformidade

Artigo 12º.-Tipos de uniformidade.

1. Establécense dous tipos de uniformidade: de traballo e de gala ou de representación. Nos concellos que así o consideren, por tradición ou protocolo especial, poderán establecer unha uniformidade especial de gran gala, en función das características e necesidades concretas.

2. O catálogo de pezas de ambos os tipos será común para todos os corpos de policía local. Mentres que na uniformidade especial de gran gala cada concello deseñará a súa específica.

Artigo 13º.-Uniformidade de traballo.

1. A uniformidade de traballo dos policías locais de Galicia, segundo as estacións anuais ou as variacións climatolóxicas entre as distintas partes do territorio de Galicia, terá en conta as modalidades de inverno e verán, cuxo cambio non terá que coincidir necesariamente, atendendo ao anterior, na mesma época en todos os concellos.

2. Así mesmo, presentará os axustes necesarios para acomodarse á función realizada, de acordo coas distintas especialidades do traballo policial, ou ao medio en que teña lugar.

Artigo 14º.-Enumeración das pezas de uniformidade de inverno e verán.

1. O uniforme de traballo do persoal dos corpos de Policía Local de Galicia na modalidade de inverno estará integrado polas seguintes pezas:

a) Para persoal feminino:

-Gorra de prato con funda protectora da auga.

-Gorra tipo béisbol.

-Guerreira.

-Cazadora tipo polar.

-Pantalón recto ou saia pantalón de inverno.

-Pantalón de faena.

-Camisa de manga longa.

-Polo de manga longa.

-Gravata con pasador.

-Xersei.

-Suéter polar.

-Chaleco.

-Chaquetón e cobrepantalón.

-Cinto.

-Calcetíns ou medias tipo panti.

-Luvas.

-Zapatos e botas.

-Botas de auga, forradas ou de poliuretano.

-Quentapescozo-bufanda protector.

-Camiseta interior.

-Peto reflectante.

b) Para persoal masculino:

-Gorra de prato con funda protectora da auga.

-Gorra tipo béisbol.

-Guerreira.

-Cazadora tipo polar.

-Pantalón recto.

-Pantalón de faena.

-Camisa de manga longa.

-Polo de manga longa.

-Gravata con pasador.

-Xersei.

-Suéter polar.

-Chaleco.

-Chaquetón e cobrepantalón.

-Cinto.

-Calcetíns.

-Luvas.

-Zapatos e botas.

-Botas de auga forradas ou de poliuretano.

-Quentapescozo-bufanda protector.

-Camiseta interior.

-Peto reflectante.

2. A modalidade de verán contará con aquelas pezas de roupa anteriores susceptibles de uso nesa estación, pero ademais as seguintes:

-Pantalón de verán.

-Camisa de manga curta e colo aberto, sen gravata.

-Polo de manga curta.

-Camiseta de manga curta.

Artigo 15º.-Uniformidades especiais.

1. Uniforme de unidades de motoristas:

-Casco integral.

-Pantalón de motorista.

-Botas de motorista.

-Chaquetón, que será o da uniformidade básica de traballo, pero reforzado interiormente con proteccións homologadas e desmontables en cóbados, ombros e costas.

-Luvas de motorista.

-Casco para motocicleta lixeira ou de pequena cilindrada, que poderá usalo o persoal de policía de barrio ou semellante, non incluído especificamente en unidades de motoristas, cando utilice para o servizo na cidade motocicleta lixeira ou de pequena cilindrada.

2. Uniforme de praia:

-Calzado e calcetíns deportivos.

-Pantalón curto de cor azul escura con petos laterais e traseiros.

-Camiseta ou polo, que serán da uniformidade de verán básica ou de traballo.

-Mochila ou bolso de cintura de cor azul escura, que poderán usala como complemento.

3. Uniformidade de embarazadas:

O persoal feminino que estea prestando servizo en estado de embarazo, utilizará a uniformidade correspondente adaptada ao seu estado.

Artigo 16º.-Uniformidade de gala.

Utilizaranse para a uniformidade de gala as pezas que a continuación se sinalan:

-Gorra.

Gorra de prato, de cor azul escura, tipo aviación, con viseira de plástico duro.

-Camisa.

Será de cor branca e de manga longa.

-Chaqueta.

De tea de cor azul escura, forrada, de colo con lapela clásica e con ombreiras, pechada con catro botóns dourados.

-Luvas.

De nailon de cor branca, punto liso e con veas no dorso.

-Pantalón.

Recto de cor azul escura.

-Saia.

Saia recta de longa ata o xeonllo, de cor azul escura, con peche traseiro de cremalleira e abertura traseira de 100 mm.

-Zapatos.

De pel negra, lisos e con cordóns. O de muller terá unha altura máxima do tacón de 40 mm.

-Gravata.

De cor negra e forrada.

Sección terceira

Insignias, divisas e outros distintivos externos

Artigo 17º.-Distintivos básicos.

Son distintivos básicos dos corpos da policía local as insignias e divisas para a identificación externa do persoal que forma parte deles, de xeito que, dentro da necesaria homoxeneidade entre todos os corpos de Policía Local de Galicia, se poida diferenciar o persoal pertencente a cada corpo ou concello.

Artigo 18º.-Insignias.

1. Nas pezas do uniforme portaranse as insignias identificativas dos corpos das policías locais, constituídas pola placa co escudo do concello correspondente e os escudos de brazo, que será o da Xunta de Galicia no brazo dereito e o do concello no esquerdo. Nas pezas de cabeza irá o escudo do concello.

2. Na uniformidade de traballo poderá ir a placa que se menciona no artigo 5º.1 deste decreto, pero tamén se pode substituír por unha réplica en material plástico ou semellante, prevista no artigo 5º.2, impresa, pegada ou cosida, que permita máis funcionalidade e visibilidade.

3. Na uniformidade de gala irá a placa metálica, convenientemente fixada, así como as medallas ou insignias das condecoracións ou distincións oficiais que se posúan.

4. Os pasadores correspondentes ás ditas condecoracións ou distincións poderán levarse no uniforme de traballo.

Artigo 19º.-Divisas.

1. As divisas do persoal dos corpos de policía local consistirán en manguitos ou ombreiras de cor azul escura, que levarán na parte interior o escudo do concello correspondente e na exterior galóns ou barras coas especificacións seguintes:

a) Escala superior.

-A ombreira para a categoría de superintendente levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, tres galóns ou barras paralelos en cor dourada.

b) Escala técnica ou de mando.

-A ombreira para a categoría de intendente principal levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, dous galóns ou barras paralelos en cor dourada.

-A ombreira para a categoría de intendente levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un galón ou barra en cor dourada.

c) Escala executiva.

-A ombreira para a categoría de inspector principal levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, tres galóns ou barras paralelos en cor prata.

-A ombreira para a categoría de inspector levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, dous galóns ou barras paralelos en cor prata.

d) Escala básica.

-A ombreira para a categoría de oficial levará, en posición perpendicular ao eixe lonxitudinal da ombreira, un galón ou barra en cor prata.

-A ombreira para a categoría de policía levará no ángulo exterior traseiro un galón ou barra en cor prata.

2. As ombreiras levarán un reberete da mesma cor que corresponda aos galóns ou barras, segundo a categoría.

3. Se a peza do uniforme non permitise utilizar as ombreiras ou manguitos, farase emprego dun soporte portadivisas que se prenderá no peito.

4. A persoa que desempeñe a xefatura do corpo, con independencia da categoría a que pertenza, levará, ademais, dúas ramas de palmeira cruzadas da mesma cor que os galóns ou barras, situadas entre estes e o escudo do concello.

Artigo 20º.-Outros distintivos.

1. Os concellos que xa o tivesen previsto, ou aqueloutros que así o determinen, poderán establecer o uso de determinados distintivos relativos ás distintas unidades existentes dentro do corpo da policía local, pero sen que poidan substituír os previstos neste decreto nin mudar a súa localización.

2. O acordo do órgano competente do concello polo que se establezan estes distintivos deberá ser comunicado á unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais no prazo dun mes desde que se adoptase.

Capítulo IV

Dos medios técnicos das policías locais

Artigo 21º.-Medios técnicos.

1. Os medios técnicos son os aparellos, elementos e sistemas que o persoal dos corpos da policía local utiliza para cumprir mellor coas súas obrigas.

2. Estes medios poderán ser para uso individual ou de dotación colectiva, pero todos eles deberán cumprir coas características ou especificacións técnicas a que obriguen as normas vixentes.

Artigo 22º.-Medios de dotación individual.

O persoal dos corpos de policía local, para unha mellor prestación do seu servizo, deberá dispor dos seguintes medios:

a) De dotación obrigatoria:

-Arma de fogo coa súa munición, cargador e funda antifurto.

-Defensa fixa ou extensible e a funda que corresponda.

-Grillóns coa súa funda.

-Asubío metálico ou de plástico duro.

-Luvas anticorte.

-Teléfono móbil e/ou equipamento de comunicación, coa funda correspondente.

b) Equipamento complementario, que será opcional ao criterio do concello.

-Spray de autodefensa, homologado, coa súa funda.

-Tiras de peche con freo (bridas) para detencións múltiples.

-Pinza portachaves.

-Navalla homologada e a súa funda.

c) Medios específicos para a regulación do tráfico.

-Manguitos e polainas reflectores.

-Chaleco reflector.

Artigo 23º.-Medios de dotación colectiva.

1. Medios de mobilidade:

-Coches, furgonetas e todo terreos, segundo as necesidades e o criterio do concello.

-Motocicletas, que poderán ser de tipo e de cilindrada distintos segundo a súa utilización.

-Embarcacións, de consideralo o concello.

2. Medios que irán nos coches policiais que presten habitualmente servizos operativos:

-Cámara fotográfica dixital.

-Chaleco antibalas.

-Pinzas de arranque.

-Lanternas e sistema de carga das súas baterías.

-Conos axustables á lanterna.

-Caixa de primeiros auxilios.

-Extintor homologado.

-Embocadura para RCP.

-Cizalla.

-Manta térmica.

-Caixa de luvas de látex.

-Cinta de balizar.

-Angazo.

-Conos.

-Botas de auga.

-Bastóns luminosos ou outros aparellos ópticos para a regulación nocturna do tráfico.

-Cinta métrica.

3. Medios de inspección e control, en función das decisións e necesidades de cada concello.

-Sonómetros.

-Etilómetros.

-Cinemómetros fixos ou móbiles.

-Medidores de fumes.

-Equipamentos de captación de imaxes.

4. Inmobilizador eléctrico homologado, de consideralo así o concello.

Artigo 24º.-Custodia das armas e prácticas para o seu manexo.

1. Para a custodia das armas regulamentarias e a súa cartucharía utilizaranse armeiros e cámaras con capacidade suficiente, que cumpran os requisitos exixidos polo Regulamento de armas e normativa de aplicación.

2. Os corpos de policía local que dispoñan de galería ou foso para as prácticas de tiro deberán establecer un calendario cuadrimestral para que os seus efectivos poidan efectuar un número mínimo de prácticas, que permita a súa actualización na seguridade e no manexo da arma regulamentaria, e levarán, para estes efectos, un control detallado e individualizado de tales prácticas.

3. A consellería competente en materia de seguridade disporá, a través da Academia Galega de Seguridade Pública, un plan anual para que os concellos poidan cumprir coa obriga sinalada no punto anterior.

Capítulo V

Da imaxe corporativa dos corpos de policía local

Artigo 25º.-Imaxe corporativa.

1. A imaxe corporativa dos corpos de policía local será única e homoxénea, de maneira que se constitúa no símbolo identitario destes corpos.

2. Utilizarase tanto nos carteis da sinalización exterior e interior de oficinas ou dependencias policiais como na documentación profesional, distintivos externos de uniformidade, vehículos e medios técnicos en que resulte indicado o seu uso, que lles faciliten aos cidadáns unha mellor información e recoñecemento.

3. O seu símbolo gráfico, o logotipo, as variables cromáticas e tamén a súa tipografía determinaranse por orde da consellería competente en materia de coordinación de policías locais, que desenvolva este decreto.

Capítulo VI

Dos/as vixilantes municipais e dos/as auxiliares de policía local

Artigo 26º.-Os/as vixilantes municipais.

1. A uniformidade dos/as vixilantes municipais poderá conter as pezas sinaladas para o persoal dos corpos de policía local, en función das súas necesidades e segundo determine o concello a que pertenzan, pero distinguiranse claramente nos seguintes aspectos:

-Non utilizarán logotipo.

-Levarán a lenda vixilante municipal tanto na parte dianteira dereita do peito da peza de que se trate como centrada nas costas.

-As ombreiras serán de cor azul clara, co escudo do concello impreso nelas.

-De ser o caso, a persoa que desempeñe a xefatura entre os vixilantes levará unha barra de cor prata no ángulo traseiro exterior da ombreira.

2. O seu carné profesional será semellante ao do persoal de policía local, pero non terán placa-emblema metálica, que se substituirá por un modelo en material plástico ou semellante, que irá impreso, pegado ou cosido na peza de que se trate.

3. Non poderán levar armas, pero si os medios de dotación que determine o concello de acordo coas necesidades concretas.

4. Os vehículos non levarán logotipo, pero nas portas dianteiras irá o escudo do concello e debaixo a lenda vixilancia municipal.

Artigo 27º.-Os/as auxiliares de policía local.

1. A uniformidade dos/as auxiliares de policía local, de acordo co previsto no artigo 96 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, será a mesma do persoal dos corpos de policía local, en función das súas necesidades, da época en que sexan contratados e segundo determine a xefatura de policía local, pero distinguiranse nos seguintes aspectos:

-Levarán a lenda auxiliar de policía local tanto na parte dianteira dereita do peito da peza de que se trate como centrada nas costas.

-Non levarán distintivos nas ombreiras.

2. O seu carné profesional será semellante ao do persoal de policía local, no cal se substituirá a categoría por auxiliar de policía local, o concello facilitaralle un número de identificación ao cal precederá a letra A.

3. Non terán placa-emblema metálica, que se substituirá por un modelo específico en material plástico ou semellante, que irá impreso, pegado ou cosido na peza de que se trate.

4. Non poderán levar armas, pero si os medios de dotación que considere o concello ou a xefatura do corpo de acordo coas súas concretas funcións.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o Decreto 204/2000, do 21 de xullo, no que se establecía a uniformidade, acreditación e medios técnicos de homoxeneización das policías locais de Galicia, así como as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Prazo de adaptación.

Os concellos con corpo de policía local ou con vixilantes municipais disporán dun prazo de dous anos, a partir da entrada en vigor deste decreto, para se adaptaren aos cambios que se produzan, agás para os vehículos, que será de tres anos.

Segunda.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza