DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 23 de abril de 2010 Páx. 6.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2010 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 1 de marzo de 2010, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas, facultando o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas; e convocar para 2010 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte; e rematará o 30 de xullo de 2010, ou no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es.

Terceiro.-Créditos.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Ver referencia pdf "07600D007P068.PDF"

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo da declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto.-Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas

Este período de dificultades económicas especiais aconsella a revisión e posta en marcha de incentivos económicos que apoien o empresariado galego tanto na mellor resposta á situación conxuntural como, especialmente, facilitando a súa actuación preparatoria para o mellor posicionamento competitivo no cambio de ciclo.

Por isto, o Igape, na procura da promoción económica de Galicia, pendente da evolución xeral do contorno económico, tomou a decisión de establecer unhas novas liñas de incentivos en diferentes enfoques de sensibilización e promoción, que serán publicadas en diferentes bases reguladoras.

Entre os diferentes incentivos económicos que se veñen poñendo en marcha, considérase moi conveniente establecer unha base especificamente dirixida a apoiar as pemes galegas, especialmente as máis pequenas, na análise da súa evolución e situación actual económico-financeira, cun dobre obxectivo:

-En primeiro lugar, axudar a poñer en claro as condicións da empresa, promover a análise evolutiva, as causas e as posibles medidas dirixidas a preparar os negocios para a competitividade futura.

-En segundo lugar, facer que ese exercicio estableza claramente as necesidades financeiras a curto prazo para viabilizar a peme, de xeito que ese plan de viabilidade sexa rigoroso e convincente para acadar axeitada resposta do financiamento alleo ás necesidades determinadas.

Esta base de axudas tentará actuar facilitando o tránsito pola actual conxuntura adversa, cunha necesaria visión estrutural que permita afrontar a negociación con entidades financeiras privadas nun plan profesionalizado, contando co apoio directo dos expertos externos responsables da análise da empresa nesas negociacións.

As convocatorias de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. Estas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. A situación de dificultade xeral da economía aconsella que esta medida sexa establecida en réxime de concorrencia non competitiva, para poder apoiar as solicitudes a medida que se vaian presentando ata, de ser o caso, o esgotamento do crédito que se asigne.

Artigo 1º.-Proxectos obxecto de apoio.

1. Serán subvencionables os proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira do solicitante, co obxecto de establecer as hipóteses e decisións que soporten unha viabilidade futura da empresa e obter financiamento nalgunha entidade financeira acorde coas necesidades a curto prazo da empresa. Os traballos de consultoría subvencionables terán que incluír o acompañamento aos empresarios ás entidades financeiras por parte dos consultores que presten os servizos. O contido mínimo do plan será o establecido no anexo III a estas bases.

2. Os proxectos terán que acreditar a súa viabilidade económica e financeira.

3. Os proxectos subvencionables non poderán ter comezar antes da presentación da solicitude de axuda.

Artigo 2º.-Procedemento e réxime de aplicación.

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Xustifícase a excepcionalidade por canto a situación de dificultades xeral da economía aconsella que esta medida sexa establecida en réxime de concorrencia non competitiva para poder apoiar as solicitudes en todo momento a medida que se vaian presentando, mantendo así a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo ata, no seu caso, o esgotamento do crédito que se asigne.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas aos gastos do informe de consultoría, incardínanse no artigo 26 do Regulamento 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto).

Artigo 3º.-Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

1. A subvención ao abeiro deste artigo para un determinado proxecto será incompatible con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape. Será compatible, non obstante, con programas de axuda financeira do instituto como poden ser, entre outros, a subsidiación do tipo de xuro e tamén, con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados, sempre e cando o seu cómputo non exceda o límite do 50% do gasto subvencionable establecido no artigo 26 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto de 2008, xeral de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto).

2. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia baixo calquera forma de persoa xurídica de obxecto mercantil.

2. Están excluídas das axudas as seguintes actividades, segundo o Regulamento (CE) nº 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto):

a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura, regulados polo Regulamento (CE) 104/2000:

-CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases).

-CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases).

b) O sector da industria siderúrxica conforme a definición que recolle o anexo I das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):

-CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.

c) O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).

d) O sector do carbón e do aceiro:

-CNAE 09: división 05 (todos os grupos e clases).

e) O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da comisión DO C 160 de 28.10.2006:

-CNAE 09: clase 30.11.

3. Cumprindo os requisitos de domiciliación e actividade, poderán ser, así mesmo, beneficiarios as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lles correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 1 número 7º do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5º.-Gastos subvencionables.

1. Os proxectos aprobados contarán cunha subvención a fondo perdido do 50% sobre o custo dos traballos de consultoría externa previstos na solicitude, co límite de 6.000 € por proxecto, sempre que conste acreditado que como resultado do proxecto e do acompañamento dos consultores, a empresa beneficiaria obteña un financiamento nalgunha entidade financeira acorde coas necesidades a curto prazo detectadas na análise e por un valor non inferior á cobertura do 50% desas necesidades. No caso de non obter financiamento ou ser inferior ao establecido no parágrafo anterior, a subvención reducirase ao 30% dos custos dos traballos de consultoría.

2. Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores de contraer o compromiso para a prestación do servizo. Non se exixirá xustificalo se polas especiais características dos gastos non existe no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou no caso en que se celebrase o contrato con anterioridade á solicitude da subvención. Deberá xustificarse en criterios de eficiencia e economía a elección da oferta finalmente seleccionada cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

4. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

5. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

5. A presentación da solicitude tamén autoriza ao órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicitan a subvención a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario e, no caso de que se conceda a axuda, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo I, nas cales será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación.

5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

e) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial, deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 8º.-Órganos competentes.

A Área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 9º.-Entidades colaboradoras.

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei. As entidades colaboradoras designaranse con base na súa experiencia na xestión de proxectos. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras salvo que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións. Neste caso prevese que as entidades previstas no artigo 13.4º da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1% do orzamento previsto.

Artigo 10º.-Instrución dos procedementos.

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape ou das súas entidades colaboradoras, en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no cuestionario.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o cuestionario non reúnen algunha das informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.4º destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. A resolución de concesión seralle notificada ao beneficiario, quen terá un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación cubrindo a dilixencia de aceptación. Unha vez transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

5. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a presentación da solicitude completa no Igape, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de axuda.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Notificacións.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Unha vez firme a resolución de concesión non se admitirán modificacións.

2. Co límite do 20% e sen necesidade de instar procedemento de modificación poderanse admitir compensacións entre partidas de gasto aprobadas, sen que isto implique incumprimento das condicións da concesión.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o 100% do custo total do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante polo menos un período de catro anos desde o pagamento da subvención, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria, así como lendas relativas ao financiamento público nos materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación.

Para dar publicidade do financiamento debe empregarse, o escudo normalizado da Xunta de Galicia coa lenda Consellería de Economía e Industria e o logotipo do Igape, coa lenda Instituto Galego de Promoción Económica. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet:

http://www.igape.es/IL8

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16º.-Xustificación e pagamento da subvención.

1. Unha vez rematado o proxecto subvencionado e aboados os gastos de consultoría externa pola parte non subvencionada, os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión e nunca posteriormente ao 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión.

2. Na solicitude de cobramento a empresa beneficiaria designará a empresa de servizos contratada como cesionaria da subvención.

3. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente. O dito cuestionario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

4. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo II, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas.

5. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 7.6º, e que a documentación que se xunte á solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

6. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará, en orixinal ou copia cotexada, a seguinte documentación:

a) Escritura de constitución.

b) Poder de representación do asinante da solicitude.

c) Unha copia do traballo realizado asinada pola empresa de servizos e polo beneficiario da axuda.

d) A factura expedida ao beneficiario.

e) O xustificante bancario do pagamento do importe da factura non cuberto pola subvención e os impostos da totalidade da factura. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira. Só se admitirán os pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor.

f) De ser o caso, a póliza de financiamento alleo concedida por algunha entidade financeira privada.

g) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario no suposto de custo superior aos 12.000 €. Deberá xustificarse en criterios de eficiencia e economía a elección da oferta finalmente seleccionada cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

h) A certificación bancaria da existencia e número de conta do beneficiario en que vaia ser ingresada a subvención.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 17º.-Aboamento das axudas.

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

3. Unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, o Igape aboará á empresa de servizos colaboradora cesionaria, segundo os datos achegados polo beneficiario mediante certificación bancaria, o importe da subvención correspondente.

4. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50% do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 18º.-Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas.

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

3. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe a reintegrar inferior a 30 € ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 19º.-Réxime sancionador.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Fiscalización e control.

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Comprobación de subvencións.

1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Publicidade.

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na

páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 23º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ver referencia pdf "07600D008P070.PDF"

ANEXO III

Contido mínimo das análises económico-financeiras

Axudas do Igape aos proxectos de consultoría externa dirixidos á análise económico-financeira das pequenas e medianas empresas

Análise da estrutura económico-financeira:

1. Análise de balance e contas de resultados, evolución dos últimos tres exercicios e situación actual:

Exposición dos motivos e causas da evolución dos estados económico-financeiros.

2. Análise comparativa da estrutura co nivel medio de empresas do sector de dimensión semellante:

Conclusións xerais da comparativa anterior. Consecuencias na empresa.

3. Recomendacións tendentes a asegurar o equilibrio futuro:

Hipóteses de mercado e evolución empresarial consideradas. Medidas que se van adoptar.

4. Determinación das necesidades financeiras e operacións necesarias inmediatas ou a curto prazo:

Desagregación en materia de novo circulante, refinanciamento de pasivos e outras.

5. Proxección de contas financeiras como consecuencia das hipóteses e medidas que se van adoptar:

Escenarios optimista, pesimista e medio. Supostos e dependencias.