O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.
O seu artigo 4.2º establece que: «as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como os que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidos á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia».
Á vista do anterior, e para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3º do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro) para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a axudar a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que conten co financiamento cualificado do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.
Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias das devanditas subvencións aquelas persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral, ou adquirentes de vivendas usadas ou vivendas de prezo limitado acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.
2. As circunstancias persoais do solicitante e da súa unidade familiar que serán tidas en conta para resolver sobre estas subvencións, serán as acreditadas no expediente polo que se otorgou o financiamento estatal así como as acreditadas pola documentación indicada no artigo 4º.3 desta orde.
Para tal fin, para a tramitación destas solicitudes, terase en conta a documentación xa presentada coa solicitude de financiamento estatal, sen que sexa preciso volver presentala para a tramitación desta subvención.
Artigo 3º.-Requisitos.
Para a concesión das subvencións é preciso que o solicitante formalizara o préstamo convido do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 entre o 6 de novembro de 2009 e a data de publicación desta orde, e ademais:
a) Cando se trate de promotor individual para uso propio de vivenda protexida, que conte coa cualificación definitiva da vivenda.
b) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conte coa escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a transmisión da vivenda.
Artigo 4º.-Solicitudes.
1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que corresponda pola localización da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante e xuntando os documentos que nel se requiren. Presentaranse en calquera rexistro do IGVS, sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puidesen obter de oficio, requirirase o interesado a súa presentación.
Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións indicadas.
3. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante ou autorización para consultar os datos de identidade.
b) Certificación da entidade de crédito de ter ao seu nome unha conta na que desexe que se realice o pagamento.
c) Certificación da entidade de crédito conforme o solicitante obtivo o préstamo convido ao abeiro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.
d) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, a escritura pública inscrita no rexistro da propiedade que acredite a transmisión da vivenda.
e) No caso de persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, o informe social e económico do concello sobre a familia afectada así como sobre a súa situación legal de residencia e capacidade de integración.
f) No caso de emigrantes galegos retornados nos dous anos anteriores ao momento da solicitude en especial situación de necesidade, informe da Secretaría Xeral de Emigración.
Artigo 5º.-Prazo de solicitude.
O prazo de presentación de solicitudes abrirase desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 29 de maio de 2010, ambas as dúas datas incluídas.
Artigo 6º.-Procedemento de tramitación das subvencións.
1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde e debidamente cuberta, á que se deberá xuntar a documentación que nela se indica consonte o artigo 4º.3 desta orde.
Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, terase por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Non obstante, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.
2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da Área Provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 15º desta orde, resolverá o que, segundo en dereito, proceda.
3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da área provincial do IGVS competente para a súa tramitación e, en caso de empate, priorizarase aqueles que teñan os menores ingresos en número de veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) tomando como referencia aqueles tidos en conta para os efectos do cálculo das subvencións.
Artigo 7º.-Contía das subvencións.
A dita resolución concederá o dereito a obter a subvención que corresponda segundo o que se establece a continuación:
1. a) Para as persoas beneficiarias con dereito a protección preferente de acordo co establecido no artigo 1.2º do Real decreto 2066/2008, excepto a sinalada na letra l), correspóndenlle 2.000 euros.
b) As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros.
c) Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo dos establecidos neste número, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles.
2. A persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan de 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e se atopen na circunstancia sinalada na letra l) do artigo 1.2º do Real decreto 2066/2008, e ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude en especial situación de necesidade, corresponderalles como subvención o 25 por 100 do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, da suma dos valores da edificación e do solo que constarán na escritura de obra nova. A contía desta subvención terá un límite absoluto de 17.000 euros. As circunstancias acreditaranse mediante informe social do concello e por certificación do organismo competente en materia de emigración. Estes colectivos non poderán acollerse ás axudas recollidas no punto 1.a) deste artigo.
Artigo 8º.-Resolución das subvencións.
1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.
2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.
Artigo 9º.-Pagamento das subvencións.
Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.
Artigo 10º.-Compatibilidade e incompatibilidade.
1. Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera administración ou entidade pública ou privada.
Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos, que correspondan, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.
2. No caso de que a adquisición, adxudicación ou promoción individual para uso propio dunha vivenda se fixese en réxime de cotitularidade, só se concederá unha subvención por vivenda.
Artigo 11º.-Reintegro da subvención.
O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos nos artigos 33 da Lei de subvencións de Galicia e 39 do Decreto 402/2009.
O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 12º.-Modificación da resolución.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O/a director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial ditará resolución expresa, debidamente motivada, na que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.
Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.
Artigo 13º.-Publicidade.
1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, este organismo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.
3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun programa informático de carácter permanente, a disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.
Artigo 14º.-Deber de colaboración e facultade de inspección.
1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.
Artigo 15º.-Crédito orzamentario e contía.
1. As subvencións que se convocan mediante esta orde, concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 07.90.451B.780.1 do proxecto de orzamentos de gastos do IGVS para o ano 2010, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na que se reserva o importe total de 2.000.000 euros para atender as concesións que procedan.
2. O crédito, para elevar propostas de concesión de subvención ao director xeral do IGVS, distribuirase por provincias dividíndose de modo que lle corresponda un orzamento de:
-850.000 euros á provincia da Coruña.
-450.000 euros á provincia de Lugo.
-250.000 euros á provincia de Ourense.
-450.000 euros á provincia de Pontevedra.
3. No caso de que, tramitados os expedientes, quedara algún remanente dos créditos asignados a algunha provincia, o director xeral do IGVS poderá reasignalos a outra ou outras provincias mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas
Ver referencia pdf "08000D007P076.PDF"
Ver referencia pdf "08000D008P080.PDF"

