DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 04 de maio de 2010 Páx. 7.569

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 21 de abril de 2010 pola que se regula o proceso para a formación inicial en materia de prevención de riscos laborais para o persoal funcionario e laboral que accede á Xunta de Galicia a través dun proceso selectivo.

Os poderes públicos teñen a obriga de velar pola seguranza e saúde laboral de acordo co disposto no artigo 40.2º da Constitución española. En desenvolvemento deste precepto aprobouse a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, que recolle no seu artigo 14 o dereito á protección fronte aos riscos laborais, e no artigo 19 a obriga dos empresarios de garantir que cada traballadora/or reciba unha formación teórica e práctica, suficiente e adecuada, en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación como cando se produzan cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipamentos de traballo.

Coa formación preténdese desenvolver as capacidades e aptitudes das/os traballadoras/es para a correcta execución das tarefas que lles son encomendadas, pero tamén se persegue lograr un cambio de actitudes favorable para que os/as traballadoras/es se impliquen e asuman que a seguranza e saúde laboral son esenciais para o logro dun traballo ben feito.

Por outra banda, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ten atribuídas as competencias de formación do persoal da Xunta de Galicia pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior e, en concreto, no seu artigo 3.1º e), organizando e impartindo cursos, seminarios e outras actividades de formación e perfeccionamento do persoal.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través do Servizo de Prevención de Riscos Laborais en colaboración coa EGAP, é o órgano ao que lle corresponde velar polo cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais en virtude do artigo 8.2.2 do Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e en virtude do Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia.

Por tanto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta orde é organizar e establecer o réxime de convocatorias das accións formativas en materia de seguranza e saúde laboral, de forma que o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia reciba a formación adecuada no momento do seu acceso.

Artigo 2º

As/os traballadoras/es que accedan á condición de persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia a través dun proceso selectivo terán que realizar, con carácter obrigatorio, a formación a que fai referencia o artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais.

No caso dos grupos ou escalas que no momento de superación da fase de oposición teñan establecidos cursos selectivos de formación, convocados pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a formación a que se refire o parágrafo anterior realizarase a través dun módulo específico en materia de seguranza e saúde laboral, que se introducirá no correspondente programa formativo para os funcionarios en prácticas.

Artigo 3º

A Dirección Xeral de Función Pública comunicará ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) da Administración xeral da Xunta de Galicia e á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a relación de persoas que superaron os procesos selectivos, así como a data e o lugar da elección de destino. Neste acto daráselles aos traballadoras/es as instruccións necesarias para a realización dos cursos de formación inicial en materia de prevención de riscos laborais a través da plataforma de teleformación da EGAP e titorizadas polo SPRL.

Disposición adicional

Única.-O disposto nesta orde enténdese sen prexuízo do disposto pola lexislación vixente en materia de formación do persoal dependente da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 19 de maio de 2008 pola que se regulan as bases para as convocatorias das accións formativas en materia de seguranza e saúde laboral para o persoal funcionario e laboral de novo ingreso na Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza