DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 04 de maio de 2010 Páx. 7.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de abril de 2010 pola que se establece o procedemento que cómpre seguir nas reclamacións das cualificacións outorgadas no segundo curso do bacharelato establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 38 que o acceso aos estudos universitarios exixirá, ademais da posesión do título de bacharelato, a superación dunha proba que permita valorar, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica, os coñecementos e a capacidade dos estudantes para seguiren con éxito as ensinanzas universitarias.

A mesma Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na súa disposición derradeira primeira recoñece aos alumnos o dereito a que a súa dedicación, esforzo e rendemento sexan valorados e recoñecidos con obxectividade.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, no seu artigo 15 establece que no ano académico 2009-2010 se implantarán, con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes ao segundo curso de bacharelato reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e deixarán de impartirse as ensinanzas correspondentes ao segundo curso de bacharelato reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, establece os obxectivos xerais do bacharelato, así como os obxectivos, contidos e criterios de avaliación das materias de bacharelato.

A Orde do 24 de xuño de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, establece o procedemento de avaliación do alumnado de bacharelato.

O Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, regula as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e establece o procedemento para realizar as probas de acceso.

A Orde do 28 de agosto de 1995 regula o procedemento para garantir o dereito dos alumnos de educación secundaria obrigatoria e bacharelato a que o seu rendemento escolar sexa avaliado conforme criterios obxectivos e establece o procedemento para revisar as cualificacións finais obtidas nunha materia.

O 2º curso de bacharelato é un curso terminal, que dá acceso a estudos superiores a través da realización dunha proba de acceso. Para permitir a revisión das reclamacións ás cualificacións finais co tempo suficiente para que o alumno coñeza a súa situación académica antes do inicio das probas, é preciso elaborar un procedemento áxil.

De acordo co anteriormente exposto, por proposta do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

DISPOÑO:

Primeiro.

Esta orde é de aplicación aos alumnos do 2º curso das modalidades de bacharelato previstas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Segundo.

1. No suposto de que exista desacordo coa cualificación final obtida nunha materia, o alumno ou alumna, o seu pai ou nai ou o representante legal poderá solicitar por escrito a revisión da dita cualificación perante a dirección do centro, no prazo de dous días.

2. A dirección do centro someterá as reclamacións á consideración do departamento correspondente, que emitirá unha resolución motivada.

3. O departamento analizará as actuacións seguidas no proceso de avaliación, con especial referencia á adecuación dos obxectivos, contidos, criterios de avaliación e cualificación e procedementos e instrumentos de avaliación aplicados cos recollidos na correspondente programación didáctica. O departamento elaborará o correspondente informe que recolla a descrición de feitos e actuacións previas que tiveran lugar, a análise realizada conforme os puntos anteriores e a decisión adoptada de modificación ou ratificación da cualificación final obxecto da revisión.

4. No suposto de que o departamento ante o que se presentou a reclamación ratifique a cualificación, e o alumnado manifeste por escrito o seu desacordo coa cualificación final obtida, a dirección remitirá o expediente á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

5. Correspóndelle á dirección do centro, establecer os distintos prazos e datas, de acordo co procedemento establecido pola Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

Terceiro.

A Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo constituirá unha comisión de supervisión, presidida pola subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e constituída por un inspector ou inspectora e unha persoa funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, membro dos grupo de traballo na proba de acceso á universidade dos alumnos do bacharelato previsto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Esta comisión estará asistida por unha subcomisión técnica, formada por un/unha inspector/a de Educación e un/unha profesor/a, preferentemente membro dos grupos de traballo das diferentes materias obxecto de exame na proba de acceso á universidade, afectadas polas reclamacións presentadas. No caso de reclamación a materias optativas que non son obxecto de exame na proba de acceso á universidade, convocaranse dúas persoas especialistas na materia en cuestión, para que emitan os correspondentes informes.

Cuarto.

A comisión de supervisión analizará o expediente e emitirá un informe en función dos seguintes criterios:

a) Adecuación da proba aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación e cualificación establecidos na correspondente programación didáctica.

b) Adecuación dos procedementos e instrumentos de avaliación aplicados aos establecidos na programación didáctica.

c) Correcta aplicación dos criterios de avaliación e cualificación establecidos na programación didáctica.

Quinto.

A comisión de supervisión resolverá antes do inicio da proba de acceso á universidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria