DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 25 de maio de 2010 Páx. 9.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Mediante publicación no Diario Oficial de Galicia do 28 de xaneiro de 2010, fíxose pública a Orde do 20 de xaneiro de 2010 pola que se abriu o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais.

Segundo.-Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias para os titulares de plans empresariais e unha vez recibidas as solicitudes na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, comprobouse que das solicitudes presentadas tan só Eurovento, S.L.U. Eólica Gallega del Atlántico, ECYR, ENGASA, HGP, Eólica Galenova e Touriñán se acolleron á disposición adicional que permitía desistir de parte admitida a trámite en ordes de convocatoria anteriores á da Orde do 20 de xaneiro de 2010.

Terceiro.-Con data do 9 de marzo de 2010 constituíuse a comisión de valoración dos anteproxectos de plans eólicos empresariais encargada de verificar os requisitos establecidos na orde de convocatoria.

Cuarto.-Con data do 15 de marzo de 2010 reuniuse de novo a comisión de valoración para comprobar o cumprimento por parte dos solicitantes do requisito de capacidade económica recollido no artigo 3 da Orde do 20 de xaneiro de 2010, así como da comprobación de que os anteproxectos presentados cumpren coa normativa vixente e non se producen solapamentos con áreas de especial protección ambiental recollidas na Rede Natura, tal e como o establece o artigo 4 da citada orde.

Unha vez revisados todos os anteproxectos segundo os aspectos recollidos no parágrafo anterior a comisión de valoración decidiu solicitar emenda aos seguintes promotores:

Eurovento, S.L.U.: solicitóuselles que corrixisen as solicitudes dos anteproxectos da Ruña II, Redonda, Ampliación Virxe, Ampliación de Gamoide e Ampliación de Deva II, debido a solapamentos con Rede Natura e posición fóra das áreas do Plan eólico sectorial.

Enerxía de Galicia, S.A.: solicitóuselles que corrixisen a solicitude do parque eólico Lagoa II fase II, debido a que parte da poligonal proposta no anteproxecto se atopa fóra das áreas do Plan eólico sectorial.

Desa: a nova posición solicitada para o parque eólico de Valsagueiro se atopa dentro da área doutro promotor, polo que se solicitou o acordo para poder empregar por parte de Desa esa área.

Total Fina (Eólica Galaico Asturiana): solicitóuselles que corrixisen a solicitude do anteproxecto de Monciro, debido a solapamentos con Rede Natura.

Quinto.-Con data do 22 de marzo de 2010 remitíuselle aos promotores recollidos no antecedente cuarto os requirimentos de documentación arriba relacionada.

Sexto.-Unha vez presentadas as emendas de documentación por: Engasa o 23 de marzo, Desa o 26 de marzo, Eurovento o 29 de marzo e Total Eólica o 30 de marzo. Remitiuse a documentación á comisión de valoración.

Sétimo.-O 26 de abril de 2010 a comisión de valoración reuniuse e, unha vez comprobada que a documentación de emenda achegada cumpre co recollido na Orde do 20 de xaneiro de 2010, emitiu a proposta de anteproxectos seleccionados.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en relación co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas, coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 252, do 29 de decembro).

Segundo.-A Orde do 20 de xaneiro de 2010 pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG nº 18, do 28 de xaneiro), vén dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria segunda da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 252, do 29 de decembro).

Na mencionada disposición establécese a necesidade de realizar unha convocatoria específica para aqueles plans eólicos empresariais que non teñan esgotada a potencia do seu plan eólico, xa sexa autorizada ou en tramitación, o día de entrada en vigor da lei.

Esta convocatoria non está sometida ao procedemento de selección de anteproxectos en competencia, xa que o que se tenta con ela é dar por concluído un determinado modelo derivado de anteriores normas autonómicas de aplicación a este sector, materializando os dereitos dimanantes dos plans eólicos adxudicados no seu momento pola Administración autonómica.

Igualmente, a disposición adicional da orde ofrécelles aos titulares de plans a posibilidade de desistiren, por causas sobrevidas que leven consigo unha dificultade na súa autorización, da totalidade ou dunha porción da potencia que teñan en tramitación.

A potencia de que se desista será substituída por outra de igual valor que virá incrementar, nos supostos en que así corresponda, o número da potencia remanente do plan.

En ambos os dous supostos a proposta de desenvolvemento que formule o titular do plan eólico terá que realizarse en áreas do Plan sectorial eólico de Galicia que estean incluídas dentro do seu plan eólico empresarial.

Terceiro.-Debido á ausencia dun procedemento competitivo na orde de convocatoria só se recollen os requisitos de carácter técnico-documental e a necesidade de acreditación da capacidade económica do solicitante ao considerarse que esta é unha característica que podería variar co tempo.

Tamén se recolle unha prohibición expresa consistente en que a poligonal dos parques propostos non pode solaparse coas áreas da Rede Natura.

Cuarto.-Para verificar os extremos sinalados no anterior punto constituíuse a comisión de valoración referida no punto quinto da orde os días 9 de marzo e 15 de marzo, tomando os acordos referidos no fundamento de feito cuarto.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas elaborou un informe o día 12 de marzo de 2010 no cal se constataba o cumprimento do requisito da capacidade económica de todos os solicitantes.

Quinto.-Cómpre destacar que algunhas das empresas concorrentes fixeron uso da opción citada na disposición adicional da orde, tal e como se recolle no antecedente de feito segundo. Así:

-Eurovento renunciou á tramitación de 22,7 MW que se atopaban no parque eólico Albariño I.

-ECYR renunciou a 6,22 MW nos parques de Chan do Tenón (3,96 MW) e Barbanza I e II e Bustelo I (2,26 MW).

-HGP solicitou a resituación do parque eólico Pena Redonda, de 15 MW.

-Engasa renunciou á tramitación de 6 MW no parque Ampliación de Xiabre.

-Eólica Galenova renunciou á tramitación de 7 MW en Vilamartiño para incluílos no parque eólico de Santa Comba.

-Touriñán desistiu do parque eólico Touriñán III, de 15 MW, que se atopan en tramitación.

Sexto.-Os promotores Gamesa, Eurovento e UFEE, debido ao elevado número de MW que lles quedaban por desenvolver, realizaron una prelación con distintos proxectos. A dita prelación foi respectada coas seguintes matizacións:

a) Non se tiveron en conta aqueles proxectos que tocaban zonas da Rede Natura ou de especial impacto ambiental.

b) Debido a que os proxectos presentados non sumaban a potencia exacta que quedaba por desenvolver nos plans no último parque dos admitidos a trámite por cada promotor, só se recolle a potencia remanente ata o máximo que lle correspondía polo seu plan.

c) No suposto do parque eólico de Codesas IV, presentado por UFEE. Non se tivo en conta o dito parque, xa que non existía capacidade de evacuación remanente no nó de transporte de Sidegasa.

d) E no caso do parque eólico de Redonda, presentado por Eurovento. Non se tivo en conta o dito parque, xa que non existía capacidade na subestación de Boimente.

Sétimo.-Finalmente, cómpre indicar que o promotor titular do plan eólico de PEGSA presentou unha solicitude de parque eólico por unha potencia total de 20,25 MW, ao entender que esa era a potencia remanente do seu plan e non a de 2,25 MW que se recolle na orde.

Mediante a Resolución do 9 de abril de 2010, esta consellería desestimou o recurso de reposición interposto contra a orde de convocatoria do 20 de xaneiro de 2010, polo que con esta resolución só se admite a trámite os 2,25 MW recollidos naquela, de tal forma que o promotor deberá axustar o proxecto a esta potencia cando o presente para a súa tramitación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Admitir as solicitudes para a autorización dos proxectos de parques eólicos, que a continuación se relacionan:

Ver referencia pdf "09700D005P024.PDF"

Segundo.-No anexo I que acompaña esta resolución atópanse recollidas as poligonais e posicións dos aeroxeradores dos parques eólicos seleccionados na táboa recollida no punto anterior.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Ver referencia pdf "09700D005P024.PDF"