DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 30 de xuño de 2010 Páx. 11.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 24 de xuño de 2010 pola que se aproban inicialmente as directrices de ordenación do territorio e se procede á apertura dun prazo de audiencia pública de dous meses.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, ten por finalidade establecer os obxectivos fundamentais e crear os instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espazo da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de favorecer a utilización racional do territorio galego e protexer o medio natural, mellorar a calidade de vida e contribuír ao equilibrio territorial.

Entre os instrumentos creados pola dita lei figuran as directrices de ordenación do territorio de Galicia, que se configuran como un instrumento de carácter global, expresión da política territorial, que deben constituír o marco xeral de referencia establecendo as pautas espaciais de asentamento das actividades, de acordo coas políticas sociais, económicas e culturais emanadas da comunidade, integrando, se é o caso, as emanadas desde o Estado, así como as propostas que xurdan desde as entidades locais.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, no seu artigo 1 establece que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, vivenda e solo, infraestruturas e mobilidade consonte o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos sinalados na Constitución española. O artigo 4 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, sinala que o conselleiro é a autoridade superior da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e con tal carácter está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

De conformidade co artigo 10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, corresponde á consellería competente en materia de política territorial a dirección e preparación na tramitación das directrices de ordenación do territorio, e segundo o artigo 6 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, para os efectos establecidos na Lei 9/2006, do 28 de abril, as funcións correspondentes ao órgano promotor serán exercidas respecto dos instrumentos de ordenación do territorio polo departamento autonómico responsable da súa tramitación.

A formulación e aprobación das directrices de ordenación do territorio axustarase ao procedemento establecido no artigo 10 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

E así, de conformidade co disposto no artigo 10.1º da Lei 10/1995, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de febreiro de 1996, acordou iniciar o procedemento de elaboración das directrices de ordenación do territorio, que se publicaron no Diario Oficial de Galicia número 45, do 6 de marzo de 1997. Consonte o disposto nos números 2º, 3º e 4º do citado artigo 10, a consellería competente en materia de política territorial elaborou o avance das directrices, que foi remitido a todas as consellerías, á Administración do Estado, ás administracións locais e ás entidades públicas e privadas para que achegasen cantas observacións, propostas e alternativas considerasen oportunas.

De conformidade coa Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, as directrices de ordenación do territorio deben someterse á avaliación ambiental estratéxica. Con data do 30 de abril de 2006 entrou en vigor a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente (BOE nº 102, do 29 de abril) que transpuxo a Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001. A avaliación ambiental estratéxica (AAE) é un instrumento de prevención para integrar os aspectos ambientais na toma de decisións de plans e programas públicos que poidan ter efectos significativos sobre o ambiente, ben directamente a través das súas propias determinacións, ben porque establezan o marco para a futura autorización de proxectos legalmente sometidos a avaliación de impacto ambiental.

A Lei 6/2007, de 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia (DOG do 16 de maio), establece no seu artigo 5 que de conformidade co disposto nos artigos 3 e 4 da Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, serán obxecto de avaliación ambiental estratéxica os instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio.

O artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, establece que o proceso de avaliación ambiental estratéxica dos instrumentos de ordenación do territorio se tramitará simultaneamente co procedemento legalmente establecido para a súa aprobación.

Por Orde do 9 de novembro de 2009, publicada no DOG do 19 de novembro, acórdase retrotraer o expediente de tramitación das directrices de ordenación do territorio ao inicio do proceso de tramitación ambiental de avaliación ambiental estratéxica. Elaborado o novo documento de inicio, foi presentado ao órgano ambiental, cumprindo coa orde de retroacción, para un novo proceso de tramitación de avaliación ambiental estratéxica. Unha vez rematada a fase de consultas, e após o estudo dos informes e suxestións, o órgano ambiental redactou o documento de referencia. O órgano promotor tendo en conta o contido do documento de referencia, elaborou o informe de sostibilidade ambiental (ISA) e a proposta de plan ou programa en qué identifica, describe e avalía os probables efectos significativos sobre o medio.

Analizadas as observacións e suxestións presentadas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas redactou as directrices de ordenación do territorio e solicitou da Consellería de Facenda o preceptivo informe previo á aprobación inicial, que foi emitido en sentido favorable con data do 19 de maio de 2010.

As directrices de ordenación do territorio elaboradas por este departamento conteñen as determinacións e a documentación exixida na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e definen o modelo territorial de Galicia de acordo coas políticas territoriais da Unión Europea e tomando como referencia:

a) O desenvolvemento económico equilibrado e sustentable, para que Galicia se aproxime aos niveis de renda e de riqueza das rexións máis desenvolvidas.

b) A cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación, de xeito que todas as persoas dispoñan dun nivel axeitado de servizos e de oportunidades.

c) E a utilización racional do territorio e a sustentabilidade ambiental, mediante a xestión responsables dos recursos naturais e a protección do ambiente.

En virtude das atribucións que me confire a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Aprobar inicialmente as directrices de ordenación do territorio de Galicia, incluíndo o seu informe de sustentabilidade ambiental.

Segundo.-Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia, no BOE, así como en dous xornais dos de maior circulación na comunidade autónoma.

Terceiro.-Someter a información pública as directrices de ordenación do territorio aprobadas inicialmente con todos os documentos que as integran, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, durante o prazo de dous meses contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para os efectos establecidos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

Durante o citado prazo, a documentación das directrices de ordenación do territorio, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, poderán ser examinados nos seguintes lugares:

a) Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

b) Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e

c) Departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Así mesmo, poderá ser consultada a documentación no enderezo electrónico http://www.cmati.xunta.es

Cuarto.-Someter as directrices de ordenación do territorio de Galicia, incluíndo o informe de sustentabilidade ambiental, ao trámite de audiencia á Delegación do Goberno na comunidade autónoma, as deputacións provinciais e os concellos de Galicia, e demais administracións públicas interesadas, a fin de que no prazo de dous meses poidan presentar as alegacións e informes que consideren convenientes

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas