DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 09 de xullo de 2010 Páx. 12.536

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 111/2010, do 24 de xuño, polo que se modifican diversos decretos en materia de agricultura, formación agraria e conservación da natureza, para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, relativa aos servizos no mercado interior.

Mediante a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, estableceuse o marco xeral para a adaptación da normativa autonómica aos principios garantidores do libre exercicio de actividades de servizos.

Pola súa banda, o Real decreto 108/2010, do 5 de febreiro, polo que se modifican diversos reais decretos en materia de agricultura e industrias agrarias, para a súa adaptación á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso das actividades de servizos e o seu exercicio, modificáronse determinadas normas básicas nesa materia que afectan a normativa de execución autonómica.

Unha vez finalizado o proceso de análise dos diferentes procedementos e autorizacións existentes na materia de agricultura, gandaría, montes e conservación da natureza, procede a modificación de diversas disposicións para dar cumprimento aos preceptos da dita directiva comunitaria, modificando os decretos existentes co fin de substituír determinadas autorizacións por declaracións responsables ou comunicacións previas, simplificando trámites e favorecendo o exercicio das actividades de servicios non limitando a vixencia de autorizacións.

Pola súa banda, razóns de seguridade xurídica aconsellan que as diferentes modificacións se leven a cabo nunha única norma, o que facilitará a súa aplicación.

En primeiro lugar modifícase o Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, porque se substitúen determinadas autorizacións por comunicacións previas nos casos de apertura de determinados establecementos como son os establecementos veterinarios, centros dedicados ao acicalamento ou coidados de animais e residencias caninas. Aproveitando esta modificación tamén neste decreto introdúcense determinadas melloras, á marxe das concernidas pola adaptación á normativa comunitaria para adaptalo á realidade actual dos establecementos e a coordinación coa Lei 1/1993, como ocorre co artigo 3 relativo a determinadas definicións.

Tamén se modifica o Decreto 247/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de capacitación agraria, porque se substitúe a autorización das entidades colaboradoras para impartir cursos en materia de formación agraria, por declaración responsable do cumprimento dos requisitos que a consellería competente en materia agraria determine.

Outra modificación é a relativa ao Decreto 68/2004, do 11 de marzo, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios. Neste suposto trátase de adaptalo ao Real decreto 108/2010, do 5 de febreiro, polo que se modifican diversos reais decretos en materia de gandaría, agricultura e industrias, para a súa adaptación á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso das actividades de servizos e o seu exercicio, porque se prevé a substitución de autorización por declaracións responsables para o inicio de actividades dos operadores en materia de produción integrada.

Por último, o Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, establece o procedemento de autorización das entidades de formación e crea o rexistro destas, aplica o procedemento de simplificación previsto na Directiva 2006/123/CE, outorgando unha duración ilimitada á autorización de entidades que imparten cursos en materia de benestar animal que tiña unha vixencia de cinco anos.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xuño de dous mil dez.

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificación do Decreto 153/1998, do 2 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

Un.-O artigo 3 queda redactado da seguinte maneira:

Para os efectos do establecido neste decreto, entenderase por:

-Animais domésticos: os que se crían, reproducen e conviven co home e que non son susceptibles de ocupación.

-Animais de compañía: os animais domésticos que se crían xeralmente no propio fogar co obxecto de obter a súa compañía.

-Animais salvaxes en catividade: os que, sendo libres pola súa condición, sexan obxecto de captura no seu medio natural, manténdose nun grao absoluto e permanente de dominación.

-Animal abandonado: o que circula libremente aínda que estea previsto de identificación oficial, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non é reclamado por alguén que acredite a súa propiedade.

-Establecemento: calquera recinto, instalación, edificio ou grupo de edificios, incluíndo anexos e espazos que non estean totalmente cerrados ou cubertos, así como instalacións móbiles, onde se aloxen, manteñan ou críen animais.

-Núcleos zoolóxicos: son aqueles establecementos que albergan coleccións zoolóxicas de animais con fins científicos, culturais, recreativos ou para a súa reprodución, recuperación, adaptación ou conservación.

-Establecemento para o fomento de animais: son os establecementos que teñen por obxecto a reprodución, explotación, aloxamento temporal ou permanente e venta, ou ambos, de animais.

-Centros dedicados ao acicalamento ou coidados de animais: son os establecementos dedicados ao tratamento hixiénico, ao acicalamento, coidado e outras actividades afíns dos animais obxecto deste decreto.

-Establecementos de recollida de animais abandonados: son os establecementos que teñen por obxecto a recollida de animais abandonados, facilitándolles no tempo e forma que marque a normativa vixente aloxamento, alimentación, coidados e os tratamentos hixiénicos-sanitarios correspondentes.

-Establecementos veterinarios: aqueles onde se realizan habitualmente calquera tipo de tratamentos cirúrxicos, terapéuticos e a hospitalización de animais, e outros servizos veterinarios baixo a responsabilidade dun veterinario.

Dous.-O artigo 33 queda redactado da seguinte maneira:

1. Créase o Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, como rexistro público de carácter administrativo, dependente da dirección xeral competente e organizado por departamentos territoriais.

2. Será constitutiva a inscrición no rexistro nas seguintes seccións correspondentes aos establecementos que se sinalan a seguir:

a) Núcleos zoolóxicos. Quedan incluídos neste apartado: zoosafaris, parques ou xardíns zoolóxicos, zoos de circos radicados en Galicia, reservas zoolóxicas, centros de recuperación da fauna, coleccións zoolóxicas privadas e todo tipo de agrupacións zoolóxicas.

b) Establecementos de recollida de animais abandonados.

c) Establecementos dedicados ao fomento de animais domésticos ou salvaxes en catividade. Quedan expresamente incluídos neste apartado, entre outros: tendas de animais, centros de cría, centros de importación de animais, escolas de adestramento de animais domésticos e salvaxes en catividade e as canceiras deportivas. As persoas particulares que realicen periodicamente venda de crías de animais consideraranse, para efectos de rexistro, como titulares de centros de cría, estando obrigados á súa inscrición nel.

Quedan excluídas as residencias de animais.

3. Será informativa a inscrición no rexistro nas seguintes seccións correspondentes aos establecementos que se sinalan a seguir:

a) Establecementos veterinarios.

b) Centros dedicados ao acicalamento ou coidados de animais.

c) Residencias de animais.

Tres.-O artigo 34 queda redactado da seguinte maneira:

1. Non será necesario o rexistro a que alude o artigo 33 para a tenza de animais autóctonos ou exóticos, legalmente adquiridos, cando o seu uso sexa exclusivamente familiar.

2. Non obstante, cando a tenza por un particular de animais dunha ou varias especies zoolóxicas que polas súas características ou pola súa cantidade poida comportar un risco sanitario ou se precisan unhas condicións determinadas que garantan o benestar e protección dos animais e a xuízo da autoridade competente na materia ou dos servizos veterinarios oficiais, consideráranse como unha colección zoolóxica, debendo rexistrarse nesta epígrafe. Para a tenza de máis de 12 cans maiores de 3 meses nun mesmo establecemento aínda que estean ao aire libre é obrigatoria a presentación dunha comunicación previa, dirixida ao departamento territorial da consellería competente en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Catro.-O artigo 35 queda redactado da seguinte maneira:

Previamente á posta en funcionamento de calquera dos establecementos aos que se refire o parágrafo 2 do artigo 33, con excepción dos núcleos zoolóxicos dependentes da consellería competente nesta materia, exixirase a autorización recollida no artigo 3.1º da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade e a inscrición de oficio no rexistro previsto no artigo 33, unha vez autorizado o establecemento. Esta autorización corresponderalle á persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Cinco.-O artigo 36 apartado 3, queda redactado da seguinte maneira:

Así mesmo, os centros dedicados ao acicalamento ou coidados de animais, ademais das normas xerais establecidas neste decreto, deberán:

a) Dispoñer de auga quente á temperatura adecuada para o lavado dos animais.

b) Dispoñer dun sistema de secado apropiado e, se é o caso, cos dispositivos necesarios que eviten o risco de lle producir queimaduras ao animal.

c) Dispoñer nas mesas de traballo, se é o caso, de sistemas de subxección apropiados que eviten o risco de estrangulamento dos animais en caso de que estes intenten saltar ao chan.

Seis.-O artigo 37 queda redactado da seguinte maneira:

1. Para obter a autorización e a súa correlativa inscrición de oficio no rexistro dos establecementos fixados no parágrafo segundo do artigo 33, as persoas físicas ou xurídicas interesadas presentarán a correspondente solicitude dirixida á persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade e que deberá ser asinada pola persoa física ou o representante legal da persoa xurídica que sexa titular do centro ou establecemento. A solicitude de autorización deberá acompañarse da seguinte documentación:

a) Memoria técnica ou, de ser o caso, proxecto técnico asinado por un técnico competente, que conteña unha memoria descritiva e planos ou bosquexos de:

-Localización ou instalación.

-Situación e distribución das construccións, locais e dependencias e os seus accesos.

-Especialmente a localización da zona para o illamento, secuestro e observación dos animais enfermos ou sospeitosos de enfermidade (lazareto).

-Sistema para a eliminación de esterco, xurro e augas residuais, características da fosa séptica e permisos pertinentes, de ser o caso.

-Peche perimetral, materiais utilizados.

-Subministración de auga potable.

b) Informe técnico-zoosanitario, con referencia ás exixencias que se detallan no artigo 36, subscrito por unha persoa titulada en veterinaria. Concretamente, en relación cos requisitos a que fan referencia as letras f), g), h), i) do artigo 36, especificaranse os métodos, produtos, frecuencia e xuntaranse á documentación pertinente que acredite o especificado nos puntos que o precisen, principalmente o contrato co xestor autorizado que garanta a eliminación hixiénica dos cadáveres conforme o Regulamento (CE) nº 1774/2002 do Parlamento Europeo, do 3 de outubro, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados ao consumo humano. Así mesmo, os centros de recollida de animais abandonados deberán cumprir co especificado nos artigos 29 e 56.

c) Xustificante de ter aboadas as taxas para autorización de establecementos de animais domésticos e salvaxes en catividade.

2. Desde a presentación da solicitude e a documentación preceptiva comprobarase esta no prazo máximo dun mes. Se o órgano competente advertise na solicitude presentada a existencia dalgún defecto, carencia ou inexactitude, comunicarallo ao solicitante concedéndolle un prazo de 10 días para que a emende ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do réxime administrativo común.

Se todo é conforme solicitarase unha inspección aos servizos veterinarios oficiais, comprobando que os establecementos cumpren cos requisitos dos artigos 36 e 43 deste decreto e tamén dos artigos 29 e 56 no caso dos centros de recollida. Tamén comprobarán que as condicións zoosanitarias son adecuadas e que coinciden coa documentación presentada. Este informe realizarase no prazo dun mes.

En caso contrario comunicaranse as deficiencias observadas para que sexan reparadas, extremo que se comprobará cunha nova inspección.

Sete.-O artigo 38 queda redactado da seguinte maneira:

Á vista do expediente, a persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade procederá a resolver sobre a autorización zoosanitaria preceptiva para o funcionamento, a clasificación na sección correspondente e a súa correlativa inscrición de oficio no rexistro de animais en compañía e salvaxes en catividade.

Transcorridos seis meses desde que se iniciou o procedemento sen que recaese e notificase resolución expresa, poderá entenderse que a autorización é estimatoria con excepción dos procedemento de autorización para a tenza de animais silvestres autóctonos e de especies protexidas pola normativa vixente, incluídos os convenios internacionais, que se entenderá desestimada de acordo coa Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución será notificada ao interesado e á dirección xeral competente na materia.

A autorización necesaria para os establecementos a que fai referencia o parágrafo 2 do artigo 33 concederase, sen prexuízo das autorizacións, licenzas o permisos exixidos polo resto de normativa aplicable e, en especial, os referidos á tenza dos animais considerados potencialmente perigosos, instalacións radiolóxicas ou licenza municipal.

Oito.-O artigo 39 queda redactado da seguinte maneira:

1. As persoas físicas ou xurídicas interesadas nos establecementos recollidos no parágrafo terceiro do artigo 33 deberán presentar unha comunicación previa, dirixida á persoa titular do departamento territorial da consellería competente nesta materia, indicando os seus datos identificativos e demais requisitos xerais que se prevén nos parágrafos primeiro e segundo do artigo 36 exixibles para o inicio da actividade. Ademais, se o inicio das actividades afecta os centros dedicados ao acicalamento ou coidado de animais, deberá cumprir os requisitos do parágrafo terceiro.

Esta comunicación irá acompañada dunha memoria descritiva da actividade que se vai realizar, do establecemento e as súas instalacións, así como dos medios de que dispoñan recollidos no artigo 36.

2. Unha vez presentada a comunicación, xunto coa memoria descritiva, as persoas interesadas poderán iniciar as súas actividades, sen prexuízo de que o departamento territorial competente da consellería competente en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade inscriba, a título informativo na correspondente sección do rexistro, o establecemento de que se trate.

3. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte á comunicación previa, ou a non presentación ante o departamento territorial correspondente, determinará a imposibilidade de continuar coa actividade do establecemento desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, procedese.

Artigo segundo.-Modificación do Decreto 247/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de capacitación agraria.

Un.-O parágrafo primeiro do artigo 12 queda redactado da seguinte maneira:

1. Para o recoñecemento como entidade colaboradora requirirase que presente, con anterioridade ao inicio da actividade de colaboración, ante a consellería competente en materia de formación agraria, unha declaración responsable de cumprir os requisitos que a dita consellería estableza, xuntando unha memoria na que se sinalen as ensinanzas que se van impartir, instalacións da entidade, medios didácticos e profesorado do que se dispón para o desenvolvemento das accións formativas.

Artigo terceiro.-Modificación do Decreto 68/2004, do 11 de marzo, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios.

Un.-Introdúcese un novo artigo 5º bis, coa seguinte redacción:

Artigo 5º bis.-Inscrición e rexistro dos operadores.

1. Os operadores, que teñan as súas superficies de produción e as súas instalacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán comunicar a súa actividade como produción integrada ao Rexistro Oficial de Produción Integrada da Comunidade Autónoma de Galicia, en forma de declaración responsable de cumprir os requisitos necesarios para estar en condicións de producir ou comercializar de acordo cos sistemas de produción integrada regulados no artigo 6 deste decreto, o que se acreditará cunha auditoría previa dos órganos ou entidades de certificación, que estará á disposición da autoridade competente.

Unha vez presentada a declaración responsable, poderá operar como produción integrada, e procederase á súa inscrición, pola dirección xeral con atribucións en materia de produción integrada na consellería competente en materia de agricultura, no Rexistro Oficial de Produción Integrada da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Mediante orde da consellería competente en materia de agricultura determinaranse os documentos que os operadores deberán presentar no prazo dun mes desde que se lle comunique a inscrición no rexistro.

3. A autoridade competente poderá anular a inscrición no rexistro a que se refire este artigo, cando se comprobe que o operador incumpriu as normas establecidas neste decreto e na orde que o desenvolve, sen prexuízo das sancións a que, se é o caso, dea lugar.

Dous.-Os parágrafos 6, 8 e 9 do artigo 7, quedan redactados da seguinte maneira:

6. As entidades de certificación deberán cumprir os requisitos exixidos no artigo 10 do Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro, estando acreditadas conforme o especificado no mesmo artigo e será necesario presentar unha declaración responsable de cumprir os devanditos requisitos, dirixida á dirección xeral con atribucións en materia de produción integrada da consellería competente en materia de agricultura.

Unha vez presentada a declaración responsable, a entidade de certificación poderá iniciar a súa actividade e realizarase a súa inscrición, pola dirección xeral con atribucións en materia de produción integrada na Consellería competente en materia de agricultura, no Rexistro Oficial de Produción Integrada da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Mediante orde da consellería competente en materia de agricultura determinaranse os documentos que as entidades de certificación deberán presentar coa declaración responsable.

9. A autoridade competente poderá anular a inscrición no rexistro a que se refire este artigo, cando se comprobe que a entidade de certificación incumpriu as normas establecidas neste decreto e na orde que o desenvolve, sen prexuízo das sancións a que, no seu caso dea lugar.

Tres.-O parágrafo 1 do artigo 11 queda redactado da seguinte maneira:

1. Créase na dirección xeral con atribucións en materia de produción integrada da consellería competente en materia de agricultura, o Rexistro Oficial de Produción Integrada de Galicia, no que se inscribirán as persoas operadoras e as entidades de certificación que presenten a declaración responsable a que se refiren o artigo 5 bis e o artigo 7 punto 6.

Artigo cuarto.-Modificación do Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, establece o procedemento de autorización das entidades de formación e crea o rexistro destas.

Un.-O parágrafo primeiro do artigo 10 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 10º.-Vixencia das autorizacións e actualizacións.

1. A vixencia da autorización será ilimitada a partir da data de resolución da autorización, sen prexuízo do disposto no parágrafo seguinte».

Dous.-Elimínase a letra f) do parágrafo 1 do artigo 11.

Tres.-A letra g) do parágrafo 1 do artigo 11, pasa a ser letra f).

Disposición transitoria

Única.-Autorizacións previas.

As autorizacións outorgadas ao abeiro do parágrafo 1 do artigo 10 do Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, establece o procedemento de autorización das entidades de formación e crea o rexistro destas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, enténdense automaticamente outorgadas por tempo ilimitado sen prexuízo do disposto no parágrafo dous do mesmo artigo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural