DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2010 Páx. 12.817

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCIÓN NÚMERO UN DE PADRÓN

EDICTO (481/2009).

No xuízo de referencia ditouse a resolución cuxo encabezamento e parte dispositiva son do teor seguinte:

«Sentenza.

Padrón, 5 de maio de 2010.

Vistos por Berta Vidal Gallego, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número un de Padrón, estes autos de divorcio contencioso nº 481/2009, seguidos ante este xulgado, en que son partes, como demandante, Nuria Portas Gómez, representada pola procuradora sra. Fernández-Rial López e asistida polo letrado sr. Bellas Jiménez e, como demandado, Ricardo André Pereira Morales, en situación procesual de rebeldía, con intervención do Ministerio Fiscal, representado pola sra. Margalet Viqueira.

Decido que, estímase parcialmente a demanda formulada pola procuradora sra. Fernández-Rial López, en representación de Nuria Portas Gómez, contra Ricardo André Pereira Morales, en situación procesual de rebeldía, declarando disolto o matrimonio formado polos litigantes, cos efectos legais inherentes a este pronunciamento, e acordo as medidas seguintes:

1. O fillo do matrimonio, xxx, quedará baixo a garda e custodia da nai, quen exercerá de forma exclusiva a patria potestade, mentres non se atope o esposo.

2. Establécese o seguinte réxime de visitas a favor do pai, para o suposto de que sexa encontrado e manifeste a súa vontade de ver o menor: fins de semana alternas, un só día que, en defecto de acordo, será o domingo, durante dúas horas (das 17.00 ás 19.00 horas, salvo que as partes acorden outro horario) sempre en presenza da nai e coa prohibición de saída do territorio nacional, agás autorización xudicial previa.

3. Atribúeselle o uso e desfrute do domicilio e enxoval familiar ao menor e á nai.

4. O esposo deberá aboar unha pensión alimenticia por importe de 200 euros mensuais a favor do fillo, por meses anticipados, dentro dos cinco primeiros días de cada mes, no número de conta que para tal efecto designe a esposa. Esta pensión actualizarase anualmente conforme as variacións que experimente o índice de prezos ao consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa no futuro.

Cada parte aboará as custas causadas pola súa instancia e a metade das comúns.

En canto sexa firme esta sentenza, expídase mandamento ao Rexistro Civil de Padrón para a súa anotación.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes e fágaselles saber que a resolución non é firme e contra ela cabe interpor recurso de apelación. O recurso prepararase ante este xulgado dentro do prazo de cinco días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución. No escrito de preparación o apelante limitarase a citar a resolución apelada e manifestará a súa vontade de recorrer, con expresión dos pronunciamentos que impugnan.

Por exixilo así a disposición adicional décimo quinta da Lei orgánica 6/1985 do 1 de xullo do poder xudicial, a interposición do recurso contra esta resolución exixe a constitución do depósito de 50 euros, mediante ingreso en efectivo en calquera sucursal de Banesto, na conta de depósitos e consignacións deste órgano xudicial, expediente 1575 0000 33 0481/09.

O depósito da expresada suma deberá ser acreditado ao preparar o recurso, e ao seu escrito xuntarase copia do xustificante ou da orde de ingreso, sen este requisito non será admitido a trámite. Están exceptuados da obriga de constituír o depósito, ademais do Ministerio Fiscal, aqueles que teñen recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta.

Expídase testemuño desta sentenza para a súa unión aos autos e lévese o orixinal ao libro de sentenzas deste xulgado.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando, pronúncioo, mándoo e asínoo».

En virtude do acordado nos autos de referencia, de conformidade co disposto nos artigos 156.4º e 164 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, por medio deste edicto notifícaselle a Ricardo André Pereira Morales, que se encontra en ignorado paradoiro, a sentenza ditada nestes autos.

Padrón, 3 de xuño de 2010.

Luis Fernández Arias González

Secretario xudicial