DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2010 Páx. 12.932

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xullo de 2010 pola que se establecen medidas de ordenación académica para o alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música e de danza e as ensinanzas de réxime xeral.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 47 que as administracións educativas facilitarán a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas artísticas profesionais e a educación secundaria, e que para tal fin se poderán adoptar as oportunas medidas de organización e de ordenación académica, que incluirán, entre outras, as validacións e a creación de centros integrados.

Para tal fin, o Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, polo que se establecen validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, así como os efectos que sobre a materia de educación física deben ter a condición de deportista de alto nivel ou alto rendemento e as ensinanzas profesionais de danza, dispón as validacións entre as ensinanzas profesionais de música e de danza e a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato.

Xa que logo, mediante a Orde do 27 de marzo de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 7 de abril), ditáronse instrucións para as validacións académicas entre as ensinanzas profesionais de música e danza e a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e as ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas.

Por outra parte, a citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, establece no seu artigo 85.3º que o alumnado que curse simultaneamente ensinanzas regradas de música ou danza e ensinanzas de educación secundaria terá prioridade para ser admitido nos centros que impartan ensinanzas de educación secundaria que a Administración educativa determine.

A experiencia acadada desde a promulgación da citada orde, así como a posta en marcha do bacharelato na súa modalidade de artes, na súa vía específica de artes escénicas, música e danza, aconsellan establecer procedementos que favorezan unha concepción integradora do sistema educativo das ensinanzas de réxime xeral coas ensinanzas de réxime especial de música e de danza, sempre co obxecto de favorecer a simultaneidade de ambos os estudos para paliar os efectos que pode producir a sobrecarga lectiva dos estudantes que optan polos estudos de música e de danza.

Esta orde regula, pois, os aspectos referentes ás validacións entre as ensinanzas de réxime especial de música e de danza e determinadas materias da educación secundaria obrigatoria, do bacharelato ou entre a oferta curricular propia de cada centro do ensino básico para as persoas adultas. Así mesmo, regúlanse os aspectos referentes ás adaptacións do currículo nas materias de música e educación física na educación secundaria obrigatoria. Finalmente, disponse a adopción de medidas de coordinación para o alumnado que curse a modalidade do bacharelato en artes na súa vía específica de música, danza e artes escénicas.

En consecuencia co exposto, e en virtude das atribucións conferidas pola normativa anteriormente citada, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo i

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por finalidade ditar medidas organizativas e de ordenación académica para facilitar a simultaneidade dos estudos profesionais das ensinanzas de música e de danza coa educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e o nivel III do ensino básico para as persoas adultas, de acordo co establecido no artigo 47 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Esta orde é de aplicación nos centros públicos ou privados que estean autorizados para impartir as ensinanzas profesionais de música ou de danza, de educación secundaria, de bacharelato ou as ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas.

Capítulo ii

Validacións

Artigo 2º.-Validación da materia de música da educación secundaria obrigatoria con determinadas materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza.

De conformidade co artigo 2 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, establécense as validacións da materia de música da educación secundaria obrigatoria coas materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza que se especifican no anexo I.

Artigo 3º.-Validacións entre diversas materias do bacharelato e determinadas materias das ensinanzas profesionais de música ou de danza.

De conformidade co artigo 3 do citado Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, establécense as seguintes validacións:

a) As validacións de diversas materias do bacharelato coas materias das ensinanzas profesionais de música son as que se especifican no anexo II.

b) As validacións de diversas materias do bacharelato coas materias das ensinanzas profesionais de danza son as que se especifican no anexo III.

c) As validacións de diversas materias das ensinanzas profesionais de música coas materias do bacharelato son as que se especifican no anexo IV.

d) As validacións de diversas materias das ensinanzas profesionais de danza coas materias do bacharelato son as que se especifican no anexo V.

Artigo 4º.-Validacións das materias optativas da educación secundaria obrigatoria.

De conformidade co establecido na disposición adicional segunda do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, as validacións de materias optativas da educación secundaria obrigatoria por determinadas materias das ensinanzas profesionais de música e de danza son as que se especifican no anexo VI.

Artigo 5º.-Validacións das materias optativas do bacharelato.

De conformidade co establecido na disposición adicional segunda do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, as validacións de materias optativas do bacharelato por determinadas materias das ensinanzas profesionais de música e de danza son as que se especifican no anexo VII.

Artigo 6º.-Validacións das ensinanzas da educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas.

Autorízase a validación da oferta curricular propia de cada centro na educación secundaria para as persoas adultas polas materias das ensinanzas profesionais de música e de danza, conforme se establece a continuación: o alumnado que teña superados os catro primeiros cursos das ensinanzas profesionais de música ou de danza, poderá solicitar a súa validación polos 100 períodos lectivos de oferta curricular propia de cada centro das ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas, reguladas na Orde do 24 de xuño de 2008 (DOG do 23 de xullo).

Artigo 7º.-Procedemento para as validacións.

1. Para solicitar as validacións, deberase presentar no centro o certificado académico que acredite a superación das materias necesarias. O alumnado que curse simultaneamente os cursos correspondentes para a validación poderá presentar o certificado académico que acredite a superación das materias ata a data en que se leve a cabo a avaliación final extraordinaria, noutro caso a materia figurará como pendente.

2. Nos documentos de avaliación correspondentes, utilizarase o código CV e/ou o termo validada no recadro referido á cualificación das materias obxecto de validación.

3. As validacións recollidas nesta orde serán aplicadas pola persoa que exerza a dirección dos centros que impartan a educación secundaria obrigatoria ou o bacharelato, por petición dos/as pais/nais ou titores/as legais do alumno ou alumna, á vista do certificado académico expedido polo correspondente conservatorio de música ou de danza, ou centro autorizado, en que se acredite a superación da materia susceptible de ser validada.

4. Cada materia só poderá ser utilizada unha única vez para as validacións establecidas nesta orde.

5. Conforme o artigo 3 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, as materias obxecto de validación non serán tidas en conta no cálculo da nota media.

Capítulo iii

Exencións

Artigo 8º.-Exención da materia de educación física da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

1. De conformidade co artigo 4 do Real decreto 242/2009, do 27 de febreiro, poderán solicitar a exención da materia de educación física da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, o alumnado que curse estes estudos e simultaneamente realicen estudos das ensinanzas profesionais de danza.

2. O alumnado exento da materia de educación física non será avaliado desta materia.

3. A materia de educación física non será computada para o cálculo da nota media do bacharelato, no caso do alumnado ao cal se lle recoñeza a exención nesta materia.

Artigo 9º.-Procedemento para as exencións.

1. Para solicitar a exención da materia de educación física deberase presentar no centro o documento que acredite ter formalizada a matrícula para cursar estudos das ensinanzas profesionais de danza nun centro público ou nun centro privado autorizado.

2. Nos documentos de avaliación correspondentes ao bacharelato, utilizarase o código EX e/ou o termo Exento/a no espazo referido á cualificación da materia de educación física.

Capítulo iv

Adaptacións do currículo

Artigo 10º.-Adaptacións do currículo na educación secundaria obrigatoria.

1. O alumnado matriculado na educación secundaria obrigatoria e nas ensinanzas profesionais de música ou de danza, que non obteña as validacións establecidas no artigo 2º, poderá ser obxecto de adaptacións do currículo da materia de música que consistirán en medidas de ampliación. Estas adaptacións realizaranse no centro en que cursen os estudos de educación secundaria obrigatoria.

2. Igualmente, o alumnado matriculado na educación secundaria obrigatoria e nas ensinanzas profesionais de música ou de danza, poderá ser obxecto de adaptacións do currículo da materia de educación física. Estas adaptacións deberán estar dirixidas a potenciar e preservar a parte anatómica relacionada co instrumento e coa práctica da danza que o alumno ou a alumna estea a cursar.

3. Estas adaptacións serán aplicadas polos/as directores/as dos centros que impartan a educación secundaria obrigatoria, a través do titor ou titora de curso, por petición dos/as pais/nais ou titores/as legais do/a alumno/a, á vista do certificado académico expedido polo correspondente conservatorio de música ou de danza ou centro autorizado, en que se acredite a matriculación nas ensinanzas profesionais de música ou de danza. Para elaborar estas adaptacións non será necesaria a avaliación psicopedagóxica do alumnado nin cubrir anexo da Orde do 6 de outubro de 1995.

Capítulo v

Ordenación das ensinanzas de música e de danza e as de réxime xeral

Artigo 11º.-Disposicións xerais.

1. De conformidade co establecido no artigo 50.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o alumnado que finalice as ensinanzas profesionais de música e danza, obterá o título de bacharelato se supera as materias comúns, aínda que non realizase o bacharelato na modalidade de artes na súa vía específica de música e danza.

2. Co fin de dar cumprimento ao establecido no artigo 85.3º da precitada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o alumnado que curse simultaneamente ensinanzas regradas de música ou danza e ensinanzas de educación secundaria terá prioridade para ser admitido nos institutos de educación secundaria en que se imparta a modalidade de bacharelato de artes, na súa vía específica de artes escénicas, música e danza.

Artigo 12º.-Medidas de axuste horario.

1. Para os efectos de facilitar o establecido no artigo anterior, as direccións dos centros de educación secundaria en que se imparta a modalidade de bacharelato de artes, na súa vía específica de artes escénicas, música e danza, establecerán medidas de axuste no referente aos horarios do alumnado que curse simultaneamente as ensinanzas de educación secundaria e as ensinanzas profesionais de música ou de danza, co fin de facilitarlle, na medida do posible, unha dispoñibilidade horaria que lle permita unha maior dedicación aos estudos de música ou de danza.

2. Especificamente, cando se trate da realización das materias comúns do bacharelato, as direccións dos institutos de educación secundaria en que se imparta a modalidade de bacharelato de artes, na súa vía específica de artes escénicas, música e danza, organizarán unha oferta horaria consistente en agrupar as materias comúns na primeira franxa da mañá, co fin de facilitarlle ao alumnado a realización das materias específicas de música ou danza nos correspondentes conservatorios ou centros autorizados.

3. Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte do alumno ou alumna menor de idade do centro en que curse as ensinanzas de réxime xeral, os pais, nais ou titores legais asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída da alumna ou alumno do centro educativo.

4. Cando, por outra parte, o alumnado que curse educación secundaria obrigatoria abandone a aula durante a impartición das materias validadas pero permaneza no centro, a xefatura de estudos establecerá os procedementos necesarios para a atención deste alumnado durante o período lectivo das ditas materias.

5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores deste artigo, os centros de educación secundaria que non impartan a modalidade de bacharelato de artes, vía artes escénicas, música e danza, poderán dispoñer medidas de adaptación horaria para o alumnado de bacharelato que curse simultaneamente ensinanzas regradas de música ou de danza e ensinanzas de réxime xeral.

Disposición adicional

Única.-Autorización de ensinanzas.

Autorízase a impartición da modalidade de bacharelato de artes, vía artes escénicas, música e danza, nos centros públicos seguintes:

IES Salvador de Madariaga da Coruña, con código 15005211.

IES Alexandre Bóveda de Vigo, con código 36011798.

IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, con código 36006730.

Disposición transitoria

Única.-Extinción de ensinanzas.

Conforme o establecido na disposición adicional única desta orde, a partir do curso 2010-2011 deixarase de impartir, de forma progresiva, o bacharelato de artes, vía artes escénicas, música e danza, nos conservatorios que se indica a continuación:

CMUS Profesional da Coruña, con código 15032303.

CMUS Profesional de Vigo, con código 36024471.

CMUS Profesional de Pontevedra Manuel Quiroga, con código 36019700.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogada a Orde do 27 de marzo de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 7 de abril), pola que se ditan instrucións para as validacións académicas entre as ensinanzas profesionais de música e danza e a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e as ensinanzas de educación secundaria para as persoas adultas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "13400D006P020.PDF"