O Decreto 157/2006, do 7 de setembro establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural, como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.
A disposición derradeira primeira do citado Decreto 157/2006, do 7 de setembro, outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e a súa aplicación.
A Orde do 13 de decembro de 2006, da Consellería de Vivenda e Solo, pola que se regula a cédula de rehabilitación de calidade, determina o procedemento de obtención, as actuacións previstas, os requisitos exixidos e canto for necesario para a obtención da resolución de conformidade ás actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, que constitúe un requisito necesario da vivenda para ser beneficiario das subvencións en materia de rehabilitación e renovación.
A Orde do 18 de agosto de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se modifica a Orde do 13 de decembro de 2006, pola que se regula a cédula de rehabilitación de calidade, estableceu o prazo de finalización da presentación de solicitudes para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade o 31 de agosto do citado ano; non obstante, a pesar de ter rematado o prazo de presentación de novas solicitudes para obter a cédula de rehabilitación, quedan moitos expedientes de vivendas que están en fase de execución dos traballos de rehabilitación ou renovación e que poderán solicitar unha subvención que contribúa ao citado gasto. Por este motivo é necesaria a convocatoria dunha nova liña de axudas para estas vivendas con obras en execución, en canto non se publica unha nova normativa que regule a citada actividade.
Por outra banda, o artigo 7 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece que as subvencións se convocarán de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico. Tendo en conta as limitacións orzamentarias do exercicio actual, non poderán subvencionarse máis actuacións que aquelas que se completen neste exercicio económico, sen poder comprometerse créditos de exercicios futuros. Por este motivo esta convocatoria deberá limitarse a aquelas actuacións en que a data do remate das obras establecidas na resolución de conformidade non sexa superior ao 31 de decembro de 2010.
Na Orde do 27 de maio de 2008, da Consellería de Vivenda e Solo, pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, modificada pola Orde do 10 de maio de 2010, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aprobáronse as bases reguladoras das subvencións, con vixencia indefinida, e detallouse o procedemento da súa concesión.
Nesta resolución convócanse as subvencións para o exercicio económico 2010, establecése o prazo de presentación de solicitudes de subvencións, indícase o seu importe máximo e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que a amparan.
Unha vez suprimida a Consellería de Vivenda e Solo polo Decreto 83/2009, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é o órgano competente para a realización da política de vivenda e solo, segundo o artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e o artigo 1 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, de estrutura orgánica do IGVS.
En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo coa Lei 9/2007, de subvencións de Galicia:
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Esta resolución ten por obxecto abrir a convocatoria no exercicio económico de 2010, nun procedemento de concorrencia non competitiva, das subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.
2. As bases reguladoras desta subvencións aprobáronse por Orde do 27 de maio de 2008, publicada no DOG nº 107, do 4 de xuño, e modificada pola Orde do 10 de maio de 2010, publicada no DOG nº 118, do 23 de xuño.
Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.
De acordo co artigo 2 da Orde do 27 de maio de 2008, serán subvencionables aquelas actuacións de rehabilitación ou renovación de vivendas unifamiliares rurais e edificios ou vivendas en núcleos históricos reguladas no artigo 5 da Orde do 13 de decembro de 2006 e que figuran na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.
Artigo 3º.-Requisitos para obter a subvención.
1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 27 de maio de 2008, as vivendas e locais deberán estar en posesión da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.
2. As devanditas actuacións deberán estar rematadas neste exercicio orzamentario, polo que o prazo de execución das obras que figure na citada resolución de conformidade non poderá ser superior ao 31 de decembro de 2010. Enténdese que tamén cumpren este requisito as vivendas que xa estean en posesión da cédula de rehabilitación de calidade.
3. Os requisitos citados nos números anteriores acreditaranse coa presentación da resolución de conformidade ou da cédula de rehabilitación de calidade.
4. No caso de solicitude de subvencións para vivendas situadas en ámbito rural, os ingresos familiares ponderados non poderán exceder 3,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, de acordo co establecido no artigo 5 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro.
Para os efectos anteriormente indicados, para a determinación dos ingresos familiares, de acordo co artigo 5 da Orde do 27 de maio de 2008, computaranse os ingresos da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49 respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.
Artigo 4º.-Importes máximos das subvencións.
En relación á porcentaxe do orzamento que figure na resolución de conformidade ás actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, establecidas no artigo 7 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, as subvencións non poderán superar as seguintes cantidades máximas:
1. Nos casos de rehabilitación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 50% do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, sen superar a cantidade de 6.600 euros.
2. Nos casos de renovación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 50% do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, sen superar a cantidade de 8.600 euros.
3. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, sen prexuízo das compatibilidades establecidas regulamentariamente con outras axudas que se puidesen conceder para a mesma finalidade, o conxunto de todas as axudas para rehabilitación non poderá superar o 75% do custo do orzamento protexible, de acordo co establecido no artigo 75 da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.
Artigo 5º.-Solicitudes.
1. De acordo co establecido no artigo 6 da Orde do 27 de maio de 2008, as solicitudes para estas axudas presentaranse nas áreas provinciais do IGVS que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose ao modelo que figura no anexo I desta resolución.
2. Os documentos que se deben achegar á solicitude son os seguintes:
a) Fotocopia compulsada do DNI ou do NIF do solicitante, ou autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a consulta dos datos de identidade (DNI) no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve.
b) Fotocopia da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade en que figure unha data de execución das obras non superior ao 31 de decembro de 2010 ou fotocopia da cédula de rehabilitación de calidade se xa a ten.
c) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.
d) No caso de que as persoas beneficiarias sexan empresas, de acordo co referido no artigo 4 da Orde do 27 de maio de 2008, pola que se aproban as bases reguladoras, deberán xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que tivese recibido non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de acordo co establecido no artigo 3.2º c) do Regulamento 1998/2006 da Comisión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, así como de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.
e) Nas solicitudes para vivenda unifamiliar no ámbito rural:
*Autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas, ou fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data de solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 3/2004, do 5 de marzo, pola Axencia Estatal Tributaria, correspondentes ao conxunto dos membros da unidade familiar.
*No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF:
-Se ten presentado o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.
-Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.
*No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.
*Acreditación da composición da unidade familiar e número de perceptores de ingresos, mediante copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a presentala, declaración responsable, e copia cotexada do libro de familia.
3. Así mesmo, os membros da unidade familiar e os solicitantes adicionais deberán acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Consonte co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a solicitude de subvencións comportará a autorización para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, a Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.
4. As citadas solicitudes deberán conter os datos da persoa solicitante adicional, entendendo por tal aquela persoa que sexa cotitular sobre os dereitos de propiedade, usufruto ou arrendamento, sen asignación concreta de cotas, como pode ser o caso de sociedades de gananciais ou comunidades de herdeiros en que concorran as citadas circunstancias.
Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta disposición.
Artigo 7º.-Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.
De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 27 de maio de 2008, a instrución do procedemento corresponde á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que corresponda por razón da situación da vivenda, sendo competente para resolver o presidente do IGVS ou persoa en quen delegue.
Artigo 8º.-Resolución.
1. A resolución do presidente do IGVS ou persoa en quen delegue pon fin á vía administrativa, e é susceptible do recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.
2. O prazo para resolver fíxase en tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro correspondente. Vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 11 da Orde do 27 de maio de 2008.
Artigo 9º.-Notificación da resolución.
A resolución notificarase no enderezo da persoa asinante da solicitude, a non ser que esta tivese sinalado outro enderezo para a notificación, segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 10º.-Publicidade das subvencións concedidas.
De acordo co establecido no artigo 15.1º da Lei 9/2007, o órgano administrativo concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.
Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.
Artigo 11º.-Prazo de xustificación da subvención.
De acordo co establecido no artigo 9 da Orde do 27 de maio de 2008, o prazo máximo de xustificación da subvención será o establecido no procedemento para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.
Artigo 12º.-Importe máximo e dotación orzamentaria.
1. Subvencións para vivenda unifamiliar rural.
-Para os efectos do determinado no artigo 4 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, o importe máximo será de 2.580.000 euros e instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación 07.90.451A.780.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
-Os citados importes distribuiranse nos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, coa seguinte repartición: A Coruña 464.400 euros, Lugo 903.000 euros, Ourense 696.600 euros, Pontevedra 516.000 euros.
2. Subvencións en conxuntos históricos.
a) Familias e institucións sen fin de lucro:
-O importe máximo será de 2.300.000 euros, na aplicación 07.90.451A.780.2 do orzamento de gastos do Instituto Galego de Vivenda e Solo para o ano 2010.
-Os citados importes distribuiranse nos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, coa seguinte repartición: A Coruña 759.000 euros, Lugo 782.000 euros, Ourense 414.000 euros, Pontevedra 345.000 euros.
b) Empresas privadas:
-O importe máximo será de 100.000 euros na aplicación 07.90.451A.770.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego de Vivenda e Solo para o ano 2010.
-Os citados importes distribuiranse nos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, coa seguinte repartición: A Coruña 38.000 euros, Lugo 23.000 euros, Ourense 27.000 euros, Pontevedra 12.000 euros.
Artigo 13º.-Solicitudes presentadas anteriormente.
As solicitudes presentadas dentro da convocatoria de 2009 que non se puideron conceder por falta de recursos dispoñibles poderán solicitarse de novo nesta convocatoria. Neste caso tomarase como referencia a documentación entón presentada sempre que non se producisen alteracións que a invaliden.
Disposición adicional
Única.-As contías establecidas no artigo 12º desta resolución poderán ser obxecto de ampliación por resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira
Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2010.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo
Ver referencia pdf "13600D007P033.PDF"

