A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, dispón no seu artigo 8 que a clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos e doutros organismos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura lle corresponde á Consellería do Mar, en función da calidade das augas e dos organismos mariños, de acordo coa normativa estatal e comunitaria ditada ao respecto.
A Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia foi ditada para dar cumprimento ao disposto no Regulamento (CE) 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios; no Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas dos alimentos de orixe animal; no Regulamento (CE) 854/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, que establece normas específicas para a organización dos controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano; no Regulamento (CE) 2073/2005, da Comisión, do 15 de novembro de 2005, relativo aos criterios biolóxicos aplicables aos produtos alimenticios; así como no Real decreto 640/2006, do 26 de maio, polo que se regulan determinadas
condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, da produción e comercialización dos produtos alimenticios, ademais de ter como base os resultados das análises periódicas realizadas nos plans de mostraxe establecidos.
Co fin de garantir a idoneidade dos produtos extraídos nas diferentes zonas, a Consellería do Mar, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) realiza os controis de todas as zonas de produción conforme o establecido no Regulamento (CE) 854/2004, do 29 de abril, no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, pola que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos bivalvos vivos, no Real decreto 640/2006, do 26 de maio, e na Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.
Os ditos controis evidencian variacións nas condicións sanitarias das zonas de produción, feitos que se constatan nas oportunas revisións, poñéndose de manifesto a necesidade de adecuar a clasificación das zonas de produción aos novos resultados obtidos no programa de control.
O Regulamento (CE) 854/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, foi modificado, recentemente, no capítulo III do anexo II, polo Regulamento (UE) 505/2010, da Comisión, do 14 de xuño de 2010, no que se refire aos controis oficiais relativos aos gasterópodos mariños vivos que non se alimentan por filtración.
Finalmente, o Regulamento (UE) 558/2010, da Comisión, do 24 de xuño de 2010, que modifica o anexo III do Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen as normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, introduciu modificacións que determinan a non aplicación aos gasterópodos mariños non filtradores das disposicións relativas á clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos vivos e nos requisitos específicos dos gasterópodos mariños recolectados fóra das zonas de produción clasificadas.
Polo exposto, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños e da Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modificación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue.
Un. O artigo 1º queda redactado da seguinte maneira:
«Artigo 1º. De acordo co establecido no Regulamento (CE) 854/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen as normas para a organización dos controis oficiais para os produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establécese para as augas da Comunidade Autónoma de Galicia, a relación e a clasificación de zonas de produción que aparece recollida no anexo I, na cal se relacionan as zonas específicas para polígonos de bateas, moluscos bivalvos bentónicos e equinodermos. Para os efectos de dar cumprimento aos requisitos establecidos no Reglamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas dos alimentos de orixe animal, as zonas declaradas para moluscos bivalvos bentónicos aplicaranse por analoxía a moluscos gasterópodos».
Dous.-O número 1 do artigo 3º queda redactado da seguinte maneira:
«1. Co fin de garantir a idoneidade dos produtos extraídos nas diferentes zonas, a Consellería do Mar, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, realizará o control de todas as zonas de produción, conforme o establecido no Regulamento (CE) 854/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, no Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, pola que se establecen as normas de calidade das augas e da produción de moluscos bivalvos vivos; no Real decreto 640/2006, do 26 de maio, polo que se regulan determinadas condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, da produción e da comercialización dos produtos alimenticios, e na Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, ou normativa que a modifique ou substitúa».
Tres.-O anexo I queda redactado nos termos que aparecen recollidos no anexo I desta orde.
Catro.-Engádese o anexo II. Mapas das zonas de produción.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2010.
Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar
Ver referencia pdf "14300D006P032.PDF"
ANEXO II
Ver referencia pdf "14300D006P032.PDF"