DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 29 de xullo de 2010 Páx. 13.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 26 de xullo de 2010 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador.

O actual Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador foi aprobado mediante a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 29 de outubro de 2001 (DOG nº 217, do 9 novembro), modificado logo pola orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 22 de febreiro de 2002 (DOG nº 50, do 11 de marzo) e foi posteriormente ratificado pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 24 de abril de 2002 (BOE nº 113, do 11 de maio).

Ademais, a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia foi inscrita no rexistro europeo de denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas mediante o Regulamento (CE) 148/2007 da Comisión, do 15 de febreiro de 2007.

Con posterioridade á aprobación do regulamento desta indicación xeográfica protexida e do seu consello regulador producíronse cambios normativos importantes no réxime xurídico das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas e no réxime de funcionamento dos seus consellos reguladores no ámbito da nosa comunidade autónoma. Eses cambios tiveron lugar coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e, posteriormente, coa do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Esta lei e o decreto de desenvolvemento citado establecen o novo marco legal a que deberán axustarse as denominacións de orixe e as indicación xeográficas e os seus consellos reguladores. Aínda que mediante a orde da Consellería do Medio Rural do 14 de agosto de 2009 (DOG nº 170, do 31 de agosto) se fixo, por motivos de urxencia, unha

modificación puntual dun artigo do regulamento para dotar o Consello Regulador de personalidade xurídica propia -o que constitúe unha das novidades principais da nova regulación-, faise necesario aprobar un novo regulamento para a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e o seu Consello Regulador, a fin de adaptalo a este novo marco legal.

Por outra parte, desde a aprobación en 2001 do regulamento desta indicación xeográfica protexida houbo determinados cambios normativos no sector da pataca e tense producido unha importante evolución neste sector en Galicia, o que aconsellou realizar tamén cambios nas especificacións técnicas relacionadas coa produción e a comercialización deste produto que deben ser recollidas no novo regulamento. Estas modificacións afectan o prego de condicións do produto que foi comunicado no seu día á Comisión Europea e que serviu de base para a súa inscrición no Rexistro Europeo de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Por iso, nos pasados meses tramitouse de acordo coa normativa comunitaria (R(CE) 510/2006), estatal (Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo) e autonómica (Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro), o expediente de modificación do prego de condicións, o que incluíu a súa publicidade no DOG (DOG nº 60, do 27 de marzo) e no BOE (BOE nº 73 do 26 de marzo de 2009) para

posibles oposicións; a adopción dunha decisión favorable mediante a orde da Consellería do Medio Rural do 18 de xaneiro de 2010 (DOG nº 14, do 22 de xaneiro), modificada polas ordes da mesma consellería do 14 de xaneiro de 2010 (DOG nº 14, do 22 de xaneiro) e do 19 de xullo de 2010 (DOG nº 140, do 23 de xullo) e a remisión do expediente á Comisión Europea.

De acordo coa citada normativa, unha vez transmitido o expediente de modificación á Comisión Europea, poderase outorgar no Estado membro unha protección nacional transitoria ao novo prego de condicións en canto non se produce a inscrición da modificación no rexistro europeo. Esta protección conséguese mediante a publicación do novo regulamento no Diario Oficial de Galicia e a do novo prego de condicións no Boletín Oficial del Estado.

Segundo o anterior, tras a proposta do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador, que figura como anexo a esta disposición.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación da Orde do 29 de outubro de 2001.

Queda derrogada a Orde do 29 de outubro de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (DOG nº 217, do 9 de novembro), pola que se aprobou o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador, modificada pola orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 22 de febreiro de 2002 (DOG nº 50, do 11 de marzo) e pola orde da Consellería do Medio Rural do 14 de agosto (DOG nº 170, do 31 de agosto).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Protección nacional transitoria no territorio do Estado.

Conforme o establecido no artigo 12 do Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas e a oposición a elas, solicitarase ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño a publicación no BOE do novo prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, para acadar a súa protección nacional transitoria no territorio do Estado.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) 510/2006 do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e as denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparadas coa indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia as patacas que, tendo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, envasado e comercialización todos os requisitos exixidos por este regulamento, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

1. A indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, neste regulamento e na demais normativa concordante.

2. A protección outorgada esténdese ao nome da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, tanto en galego como en castelán, aplicados á pataca de consumo da variedade Kennebec, coas características definidas neste regulamento.

3. Queda prohibida a utilización noutras patacas de consumo de nomes, marcas, termos, expresións ou signos que pola súa similitude fonética, gráfica ou semántica cos protexidos poidan inducir a confusión cos que son obxecto deste regulamento, aínda nos casos en que vaian precedidos polas expresións «tipo», «estilo», «gusto», «sabor», «producido en», «envasado en», «orixe» ou outras análogas.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento así como o fomento e control da calidade das patacas amparadas, queda encomendado ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, á Xunta de Galicia, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano competente para o control e a certificación das patacas da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia será o seu Consello Regulador, a través dun órgano integrado na súa estrutura de acordo co disposto no artigo 15 b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, segundo o establecido no capítulo IV deste regulamento.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante Manual de calidade, documento en que se recollerán as normas complementarias de aplicación da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, en particular as relativas ao proceso de control e certificación.

Capítulo II

Características do produto e presentación

Artigo 5º.-Característica do produto.

1. O produto amparado pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada Kennebec, destinados ao consumo humano e que cumpran os requisitos exixidos por este regulamento, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.

2. As características particulares e de calidade das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia deben ser as seguintes: sas, enteiras, co aspecto varietal característico, limpas, firmes, sen manchas nin feridas, sen sarna nin pel gretada, sen manchas internas de ferro, sen enverdecemento, sen podremia, sen xermolar e exentas de humidade exterior, así como de cheiros e sabores estraños.

En relación co anterior considérase que:

-Un tubérculo está afectado de sarna ou pel gretada cando a alteración alcanza máis dunha cuarta parte da súa superficie total.

-Un tubérculo está afectado de mancha interna de ferro cando a alteración alcanza máis dunha oitava parte da superficie dun corte medio en sentido lonxitudinal.

-Un tubérculo está enverdecido cando a alteración alcanza máis da oitava parte da superficie total.

-Un tubérculo está afectado de podremia cando presenta o menor síntoma visible de infección.

-Un tubérculo está xermolado cando presenta un ou máis xermolos superiores a tres milímetros.

3. Ao finalizar o envasado, as patacas presentarán, ademais, estas características:

-Forma dos tubérculos: de arredondeada a oval.

-Calibre mínimo: 35 mm. Non obstante, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fóra de calibre», ou outra designación de venda equivalente. A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

-Presenza de ollos: moi superficiais.

-Aspecto da pel: de aparencia lisa e fina, de cor amarela clara.

-Cor da carne: branca.

-Textura: firme e cremosa ao ser cocida, consistente na boca.

-Calidade para consumo: excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñada.

-Contido en materia seca: superior ao 18%.

-Contido en azucres redutores: inferior ao 0,4%.

Artigo 6º.-Tolerancias.

Non obstante o disposto en relación coas características do produto no artigo 5º deste regulamento, admitiranse as seguintes tolerancias de calidade e de calibre:

a) Tolerancia de calidade.

Admitirase unha tolerancia do 6% en peso de patacas de consumo non acordes coas características mínimas establecidas.

En todo caso, dentro do límite desta tolerancia non se admite máis do 1% de terra e materias estrañas.

Non se admite ningún tubérculo atacado por podremia seca ou húmida.

b) Tolerancia de calibre.

Admitirase unha tolerancia do 5% en peso de tubérculos que non cumpran os requisitos de calibres establecidos.

O calibre virá dado pola lonxitude en milímetros do lado da retícula dunha malla cadrada, pola que de forma natural e máis axustada poidan pasar os tubérculos.

c) Tolerancia en peso doutras variedades distintas.

Non se admitirá tolerancia ningunha para a presenza de variedades distintas da Kennebec.

Capítulo III

Produción e envasado

Artigo 7º.-Zona de produción e envasado.

1. A área de produción e envasado do produto amparado pola indicación xeográfica protexida abrangue catro subzonas da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo ámbito territorial é o seguinte:

a) Subzona de Bergantiños: abrangue os concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica e Ponteceso.

b) Subzona da Terra Chá-A Mariña: constituída polos concellos de Abadín, Alfoz, Barreiros, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Vilalba e Xermade.

c) Subzona de Lemos: formada polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao.

d) Subzona da Limia: constituída polos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Cualedro, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, Castrelo do Val, Laza, Monterrei, Oímbra e Verín; e as parroquias de Coedo e Torneiros, do concello de Allariz; as de Bóveda, Padreda, Seiró e Vilar de Barrio pertencentes ao concello de Vilar de Barrio; e as da Abeleda, Bobadela-A Pinta, A Graña e Sobradelo do concello de Xunqueira de Ambía.

2. A cualificación dos terreos, para efectos da súa inclusión na zona de produción, será levada a cabo polo Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador, que realizará as oprtunas comprobacións na cartografía correspondente.

Artigo 8º.-Variedades.

1. Unicamente se poderán amparar baixo a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia patacas de consumo da variedade Kennebec procedentes de semente certificada ou de reemprego controlado procedente da propia explotación.

2. O Consello Regulador poderá propor á consellería competente en materia de agricultura que se modifique este regulamento e o prego de condicións para incluír novas variedades, se se consideran de interese e reúnen as características de calidade e rendementos requiridos, unha vez realizados os estudos pertinentes. Esta modificación realizarase de acordo co procedemento establecido na normativa vixente.

Artigo 9º.-Prácticas culturais.

1. A produción dos tubérculos realizarase seguindo as prácticas de cultivo tradicionais, de acordo co establecido no prego de condicións, debendo ser o máis esmerada posible para conseguir unha calidade óptima.

2. Respectaranse as seguintes normas:

a) Non se poderán cultivar patacas de consumo dous anos consecutivos na mesma parcela.

b) Non se permitirá o uso de pataca de semente de reemprego procedente doutras zonas ou doutras explotacións.

c) O Consello Regulador poderá recomendar prácticas de fertilización e os tipos de fertilizantes que se utilicen, de xeito que se respecte o uso dos fertilizantes orgánicos como fertilización de fondo e que a relación C/N sexa equilibrada. Tamén poderá establecer recomendacións sobre tratamentos fitosanitarios.

d) O labor de aporcado ou práctica cultural substitutiva será obrigatorio.

e) A data límite de aplicación da última rega será dun mes antes da recolección.

3. As patacas das parcelas en que non se apliquen as prácticas culturais anteriores ou en que as plantas non presenten un desenvolvemento vexetativo correcto e acorde coas súas características varietais, non poderán ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

4. O Consello Regulador poderá establecer normas complementarias en relación coas prácticas culturais encamiñadas a mellorar a produtividade e a calidade das patacas amparadas. Estas normas serán incluídas no Manual de calidade.

Artigo 10º.-Recolección.

1. A recolección debe efectuarse coa pel da pataca moi suberizada (tubérculos maduros), procurando que os apeiros de recolección estean perfectamente regulados.

2. A recolección realizarase co maior esmero, danando o menos posible os tubérculos. Evitarase en todo momento mesturar pataca procedente de parcelas inscritas no rexistro do Consello Regulador con outras que procedan de predios non inscritos, aínda que a variedade colleitada sexa Kennebec ou o propietario sexa titular doutras leiras inscritas.

Artigo 11º.-Producións máximas.

1. Os rendementos máximos admitidos son:

a) En secaño:

-Vinte e dous mil kg/ha de pataca para comercializar.

b) En regadío:

-Trinta e cinco mil kg/ha de pataca para comercializar.

2. Estes límites poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador, por iniciativa propia ou por petición en tempo e forma dos produtores interesados, despois das oportunas comprobacións. No caso de que tal modificación se produza, non poderá superar en máis do 25% os límites establecidos no parágrafo anterior.

Artigo 12º.-Transporte.

O transporte dos tubérculos susceptibles de seren protexidos pola indicación xeográfica, desde o produtor ata o almacenista ou envasador, debe ser realizado por separado doutros tubérculos non amparables, en vehículos acondicionados para o efecto e dotados cun sistema de carga e descarga que minimice os danos.

Artigo 13º.-Almacenaxe.

1. A almacenaxe e envasamento das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia deberán efectuarse en instalacións axeitadas, situadas dentro da zona de produción delimitada no artigo 7º deste regulamento e inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador.

2. Antes do almacenamento, o local que acollerá a produción deberá estar totalmente limpo e desinfectado.

3. A almacenaxe das patacas realizarase nun local debidamente acondicionado, ben ventilado, fresco, sen humidade e en condicións de semiescuridade. A temperatura de almacenamento recoméndase que estea entre 12 e 18º C para favorecer a cicatrización. Durante o período de conservación é recomendable que a temperatura se sitúe ao redor de 6-7º C e a humidade relativa sobre o 85-90%.

4. Para o seu almacenamento, os tubérculos estarán exentos de terra adherida, debendo eliminarse aqueles que presenten anomalías a simple vista, ou estean afectados por xeadas ou síntomas de enfermidades, que deberán sacarse fóra do local por seren importantes focos de infección.

5. O Consello Regulador poderá aprobar normas complementarias relacionadas coa almacenaxe, encamiñadas a favorecer a conservación dos tubérculos. Estas normas incluiranse no Manual de calidade.

6. No mesmo local admitirase a almacenaxe de patacas aptas para seren amparadas pola indicación xeográfica con outras que non reúnan tal condición, sempre que se realice independentemente, en diferentes zonas do almacén, delimitadas e identificadas previamente, co obxectivo de garantir e permitir en todo momento o seu estrito control por parte dos inspectores do Consello Regulador.

Artigo 14º.-Envasamento.

1. O envasamento e a etiquetaxe de pataca protexida deberán ser realizados exclusivamente nas instalacións situadas dentro da área de produción que estean inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador, perdendo a pataca, no caso contrario, o dereito ao uso da indicación xeográfica.

2. Os modelos de envases serán aprobados polo Pleno do Consello Regulador con carácter previo á súa utilización comercial e non poderán ser utilizados para ningún outro fin.

3. O acondicionamento, manipulación e envasado das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica deberán realizarse separadamente, de xeito que non poida existir confusión, á hora do seu procesamento, con outras patacas non amparadas.

4. Con carácter previo ao envasamento é necesario realizar a selección, de xeito que se cumpran as características do produto establecidas no artigo 5º, tendo en conta as tolerancias especificadas no artigo 6º. Para iso disporase dos medios técnicos e humanos necesarios.

5. A pataca de consumo amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberá ser comercializada en envases novos, limpos e de material axeitado para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do produto, e cumprir coas normas de etiquetaxe vixentes, así como o establecido no presente regulamento e na documentación técnica de certificación do Consello Regulador recollida no Manual de calidade.

6. Os envases autorizados polo Consello Regulador serán os que permitan un contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg de tubérculos.

Excepcionalmente, logo de solicitude ao respecto, poderase autorizar o uso de envases de 20 e 25 kg para o seu emprego con destino á restauración, hostalaría e outras colectividades.

7. O contido de cada envase debe ser homoxéneo canto a características e calibre, formando lotes en función da súa procedencia e envasado.

Capítulo IV

Control e certificación

Sección primeira

Organización do Consello Regulador para a realización do control e a certificación

Artigo 15º.-Órgano de Control e Certificación e Comité de Certificación.

1. Para o ámbito competencial da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia constitúese no seo do seu Consello Regulador un Órgano de Control e Certificación, que terá a responsabilidade sobre o control e a certificación das patacas amparadas pola marca de conformidade da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. O Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador actuará con autonomía dos seus órganos de goberno, de acordo co establecido no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

3. O Órgano de Control e Certificación contará con persoal técnico con funcións inspectoras e de control, que serán habilitados pola consellería competente en materia de agricultura e que actuarán baixo a dirección da persoa que exerza a dirección técnica.

4. O Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador contará co Comité de Certificación, órgano colexiado encargado da toma de decisión en relación coa certificación realizada polo Consello Regulador da indicación xeográfica protexida.

Artigo 16º.-Actividade dos inspectores do Órgano de Control e Certificación.

1. De acordo co que se establece no artigo 54º da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, no exercicio das súas funcións, o persoal do órgano de control e certificación que realice actuacións de inspección e que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguridade.

2. Cando, no exercicio das súas funcións, o persoal inspector do órgano de control e certificación, debidamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, detecte irregularidades que poidan ser constitutivas de infracción, os feitos serán postos en coñecemento da devandita consellería para o inicio, se procede, do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 17º.-Funcións e composición do Comité de Certificación.

1. Son funcións do Comité de Certificación as seguintes:

a) Emitir informe preceptivo e vinculante sobre as solicitudes de inscrición dos operadores nos rexistros do Consello Regulador e de ampliación ou modificación que afecten o alcance da certificación concedida, así como sobre a suspensión temporal ou a retirada definitiva da dita certificación.

b) Emitir informe preceptivo e vinculante sobre a certificación ou non de produtos, nos casos en que se presenten faltas de conformidade que os afecten.

c) Colaborar co Pleno na aplicación e desenvolvemento das normas técnicas e procedementos de control, que se integrarán no Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida.

2. O Comité de Certificación estará integrado polo menos por tres membros e a súa composición será a establecida no Manual de calidade.

Artigo 18º.-Funcionamento do Comité de Certificación.

1. Os membros do Comité de Certificación estarán obrigados a actuar con total imparcialidade e manterán a confidencialidade sobre as deliberacións e calquera aspecto que afecte os expedientes examinados.

2. O Comité de Certificación reunirase cunha frecuencia mínima semestral ou con maior frecuencia cando as solicitudes de certificación ou as actividades de control e certificación así o requiran.

3. A convocatoria para a reunión do Comité de Certificación farase por escrito, mediante correo postal, electrónico ou fax, e cunha antelación mínima de 48 horas previas á reunión.

4. Para a válida constitución do Comité de Certificación será necesaria a presenza de todos os seus membros.

5. Os acordos do Comité de Certificación serán adoptados por unanimidade.

6. Os informes emitidos polo Comité de Certificación conterán todos os acordos tomados na sesión, actuando como acta desta, a cal estará asinada por todos os seus membros.

7. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida poderán recollerse normas complementarias en relación ao funcionamento do Comité de Certificación.

Artigo 19º.-O Comité Consultivo.

1. Para garantir a imparcialidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia no proceso de certificación, este contará co apoio do Comité Consultivo, no cal estarán representadas todas as partes significativamente interesadas no dito proceso, de acordo co establecido na norma UNE-EN 45011.

2. De acordo co recollido na alínea anterior, neste comité estarán representados os operadores inscritos, os consumidores e expertos en certificación de produto, sen que haxa predominio dun interese en particular.

3. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida estableceranse as normas en relación coa constitución e funcionamento do Comité Consultivo.

Artigo 20º.-Funcións do Comité Consultivo.

As funcións do Comité Consultivo son:

a) Colaborar na formulación das políticas relacionadas coa imparcialidade das actividades de certificación.

b) Contrarrestar calquera tendencia por parte dos órganos do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida a permitir que consideracións comerciais ou doutra índole interfiran na prestación sistematicamente obxectiva das actividades de certificación.

c) Aconsellar en aspectos que afecten a confianza na certificación, como a transparencia ou a percepción do público.

d) Estudar as reclamacións presentadas contra as decisións do Comité de Certificación.

Sección segunda

Control e certificación da produción

Artigo 21º.-Autocontrol.

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade, en primeira instancia, dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do Manual de calidade.

Artigo 22º.-Procedementos para o control da produción.

1. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia recolleranse os procedementos que se empregarán para a realización dun control efectivo sobre todos os procesos de produción, almacenamento e envasado das patacas que pretendan utilizar o aval de certificación da denominación.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, as instalacións e os produtos estarán sometidas ao control levado a cabo polo Órgano de Control e Certificación co obxecto de verificar que os produtos que posúan a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia cumpren os requisitos deste regulamento e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións, almacéns e plantas envasadoras, revisión da documentación e un control do cumprimento das características do produto descritas neste regulamento.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria do produto, que se someterán a análises das súas características. O Comité de Certificación, á vista do resultado das análises, así como dos demais datos relativos das auditorías, resolverá o que proceda en relación coa certificación.

Artigo 23º.-Control dos volumes de produción.

O Órgano de Control e Certificación verificará en cada campaña as cantidades de pataca certificadas pola indicación xeográfica protexida que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita no rexistro de almacéns e plantas envasadoras. Confirmará así que é coherente en relación coas cantidades producidas ou adquiridas aos produtores censados no rexistro de plantacións. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos na campaña.

Artigo 24º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, colleita, almacenaxe e envasamento, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade das patacas certificadas pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares das plantacións e das instalacións de almacenaxe e envasamento estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións susceptibles de producir patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia presentarán ao Órgano de Control e Certificación unha declaración de sementeira anual. Nela especificarase o seguinte:

-Cantidade e procedencia da semente.

-Superficie sementada.

-Datos de identificación das parcelas utilizadas con tal fin.

-Calquera outro dato que o Órgano de Control e Certificación poida considerar necesario para unha axeitada realización da súa función.

b) Todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras levarán un libro de control, segundo modelo recollido no Manual de calidade, no cal figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia das patacas adquiridas.

-Data de envasamento, cantidade e procedencia.

-Calquera outro dato que o Órgano de Control e Certificación poida considerar necesario para unha correcta execución das súas tarefas.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ao Órgano de Control e Certificación unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, sendo suficiente cunha copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. O Órgano de Control e Certificación poderá solicitar calquera outra declaración complementaria que sexa necesaria para un adecuado control da produción.

3. As declaracións especificadas neste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 25º.-Control na circulación do produto.

Toda expedición de patacas con dereito a protección que se realice antes da súa etiquetaxe regulamentaria entre persoas físicas ou xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros, aínda que pertenzan á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación, segundo se estableza no Manual de calidade, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

O establecido no parágrafo anterior tamén será exixible no caso de expedicións que teñan lugar entre unha firma inscrita e outra que non o estea.

Artigo 26º.-Control na almacenaxe e envasamento.

1. As instalacións de almacenaxe e as industrias de procesamento inscritas someteranse ás normas establecidas no Manual de calidade para efectuar o seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe e separación do produto, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos produtos protexidos pola indicación xeográfica protexida.

2. Os envases das patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida levarán unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Consello Regulador, de acordo coas normas establecidas no Manual de calidade. O dito distintivo será colocado, ou estará impreso no envase, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 27º.-Falta de conformidade detectadas e o seu tratamento.

1. De acordo coa norma UNE-EN 45011, sobre criterios xerais que deben cumprir as entidades de certificación que realizan a certificación de produto, defínense como faltas de conformidade as desviacións respecto aos requisitos establecidos para o produto ou respecto aos requisitos de certificación establecidos pola entidade que a realiza.

2. As faltas de conformidade serán documentadas pola dirección técnica do Órgano de Control e Certificación e avaliadas polo Comité de Certificación, que emitirá informe sobre a situación da certificación dos produtos e/ou medios de produción afectados. O dito informe pode determinar a suspensión temporal e mesmo a retirada definitiva da certificación ao operador, o que suporía, tras o acordo do Pleno e a instrución do correspondente expediente, a baixa definitiva do rexistro. Tanto a suspensión como a baixa deberán ser comunicadas pola Presidencia do Consello Regulador ao operador afectado. A dirección técnica poderá tomar a decisión da suspensión provisoria ata a toma de decisión definitiva polo Comité de Certificación.

3. As patacas que o Órgano de Control e Certificación non considere aptas para ser amparadas, ademais de perderen o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizadas e perfectamente identificadas, baixo a súa supervisión. O Órgano de Control e Certificación vixiará en todo momento o destino desas patacas que, en ningún caso, poderán ser protexidas coa indicación xeográfica.

4. Cando o Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador detecte unha falta de conformidade que poida ser constitutiva de infracción, dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

5. No Manual de calidade do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia especificarase o procedemento que se aplicará faltas de conformidade detectada.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 28º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de Plantacións.

b) Rexistro de Almacéns e Plantas Envasadoras.

2. O Consello Regulador poderá establecer subdivisións dentro dos rexistros citados anteriormente, se así o considera oportuno para un mellor control e xestión dos inscritos.

3. As empresas que, ademais de envasar, se dediquen á produción de pataca, deberán estar inscritas en ambos os rexistros.

4. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribírense naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente.

5. O Órgano de Control e Certificación efectuará inspeccións ou auditorías periódicas para comprobar a efectividade de canto se dispón neste capítulo.

Artigo 29º.-Solicitude de inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, presentando os datos, a documentación e os comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos de que dispoña o Consello Regulador.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao Órgano de Control e Certificación para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do Comité de Certificación, o Consello Regulador emitirá un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido na alínea 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, o Órgano de Control e Certificación denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderase interpoñer reclamación ante o Comité Consultivo, de acordo co recollido no Manual de calidade.

Artigo 30º.-Rexistro de Plantacións.

1. No Rexistro de Plantacións unicamente poderán inscribirse as parcelas que estean situadas na zona de produción e que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e na documentación técnica de certificación recollida no Manual de calidade do Consello Regulador, poidan destinar toda ou parte da súa colleita de pataca de consumo para ser envasada e comercializada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurarán:

-Os datos identificativos do titular da explotación.

-A denominación de cada parcela, lugar, termo municipal e referencia catastral.

-A superficie de cada unha das parcelas en que estea previsto cultivar patacas de consumo da variedade Kennebec susceptibles de seren amparadas baixo a indicación xeográfica protexida.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

3. O Consello Regulador entregará ao titular da plantación un certificado acreditativo da inscrición, sempre e cando cumpra todos os requisitos establecidos e conte co dictame favorable do Comité de Certificación. No certificado indicarase a actividade para a cal queda inscrito.

Artigo 31º.-Rexistro de Almacéns e Plantas Envasadoras.

1. No Rexistro de Almacéns e Plantas Envasadoras inscribiranse todas aquelas instalacións de almacenaxe e envasamento situadas dentro da zona de produción que así o soliciten e que o Órgano de Control e certificación considere que son aptas, de acordo cos requisitos deste regulamento e os establecidos na documentación técnica de certificación recollida no Manual de calidade do Consello Regulador, para almacenar e envasar patacas de consumo que poidan optar a seren amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurarán:

-A denominación ou razón social da empresa.

-O seu domicilio legal.

-A localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-O sistema e a capacidade de almacenaxe.

-O sistema, a maquinaria e a capacidade de envasamento.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións.

Así mesmo, no caso de sociedades exixirase documentación acreditativa de tal condición e o nome do xerente ou responsable.

3. Ademais dos datos que figuran no punto 2 anterior, achegarase a documentación xustificativa da inscrición naqueles rexistros en que esta sexa obrigatoria para o exercicio da actividade.

4. O Consello Regulador entregará ao titular un certificado acreditativo da inscrición, sempre e cando cumpra todos os requisitos establecidos e conte co ditame favorable do Comité de Certificación. No dito certificado indicarase a actividade para a cal queda inscrito.

Artigo 32º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento os requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación, debendo comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición nun prazo máximo dun mes. O Consello Regulador, logo do informe vinculante do Comité de Certificación e despois da instrución e resolución do correspondente expediente, poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada catro anos, tanto no caso do de plantacións como no de almacéns e plantas envasadoras. O Órgano de Control e certificación fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 33º.-Baixa nos rexistros.

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberán transcorrer dous anos para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Quen sexa dado de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 34º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas con parcelas inscritas no Rexistro de Plantacións poderán producir pataca de consumo que poida optar a ser envasada e amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no correspondente rexistro poderán almacenar e envasar pataca de consumo apta para ser amparada por esta indicación xeográfica e expedila ao mercado debidamente identificada para a súa comercialización.

Artigo 35º.-Obrigas xerais.

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto no Regulamento da denominación, así como no Manual de calidade do Consello Regulador. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura e o Consello Regulador.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros de Consello Regulador, están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 47º.4, o incumprimento do indicado nas alíneas 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A reiteración na mesma falta poderá ocasionar a baixa definitiva. Contra a resolución de suspensión ou baixa poderase recorrer perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 36º.-Obrigas específicas en relación coa produción e o envasado.

1. Só poderá aplicárselle a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia á pataca procedente das instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, que fose producida, recolleitada, transportada, almacenada e envasada conforme as normas establecidas neste regulamento, e cumpran as condicións físico-químicas e organolépticas establecidas no artigo 5º, coas tolerancias establecidas no artigo 6º.

2. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintas e etiquetas é exclusivo das firmas inscritas nos rexistros de almacéns e plantas envasadoras do Consello Regulador e baixo a aprobación deste. Non obstante, o Consello Regulador poderá autorizar que nos envases de patacas procesadas se indique que están elaboradas con patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia cando a materia prima estea controlada polo Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no seu Manual de calidade.

Artigo 37º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 38º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas das patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada planta envasadora, utilizadas nas patacas amparadas, debe figurar obrigatoriamente e de forma destacada, como mínimo nun terzo da cara principal do envase, o logotipo da denominación e a mención «indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia», e optativamente, o identificador europeo das indicacións xeográficas protexidas, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Ademais, poderá figurar o nome da subzona -Bergantiños, Lemos, A Limia ou Terra Chá-A Mariña-, sempre e cando a produción e envasado se realicen dentro da subzona correspondente.

3. No caso de envasado por encarga, deberá figurar sempre o nome ou razón social da planta envasadora. Non se admite, para as patacas protexidas por esta indicación xeográfica protexida, a súa substitución polo número de rexistro da planta envasadora.

Artigo 39º.-Logotipo da denominación.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia adoptará como logotipo da denominación o que figura no anexo deste regulamento.

2. O Consello Regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de almacenaxe e envasado inscritos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica protexida, de acordo coas normas que se recollan ao respecto no Manual de calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da denominación poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor.

Capítulo VII

O Consello Regulador

Artigo 40º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é unha corporación de dereito público, á cal se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado ás patacas protexidas pola denominación en calquera das súas fases de produción, colleita, almacenaxe, selección, envasamento, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, nas cales deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32º.5 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ao control da administración, de acordo co establecido nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

5. Consonte os parágrafos 3 e 4 anteriores, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular de consellería competente en materia de agricultura na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 41º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia Primeira, a Vicepresidencia Segunda e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 42º.-O Pleno: composición e funcións.

1. O Pleno está constituído por:

a) Seis vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de parcelas de cultivo inscritas no Rexistro de Plantacións.

Todas as subzonas deben estar representadas proporcionalmente ás hectáreas de cultivo inscritas en cada unha delas, sen que ningunha subzona teña máis do 50% dos vogais.

b) Seis vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións de almacenaxe e envasamento inscritas no Rexistro de Almacéns e Plantas Envasadoras.

Todas as subzonas deben estar representadas proporcionalmente aos quilogramos envasados baixo o amparo da indicación xeográfica en cada unha delas, sen que ningunha subzona teña máis do 50% dos vogais.

2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario ou secretaria do Consello Regulador.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 43º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por qué ter a condición previa de vogal. No caso de que así sexa, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia, así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 44º.-As vicepresidencias.

1. O Consello Regulador terá dúas vicepresidencias, a Vicepresidencia Primeira e a Vicepresidencia Segunda, que serán exercidas polas persoas elixidas por e entre os vogais do sector produtor unha, e por e entre os vogais do sector envasador a outra.

2. As vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato. No primeiro pleno que celebre o Consello Regulador logo da súa constitución e nomeamento da Presidencia e vicepresidencias, acordarase cal das dúas vicepresidencias é a primeira durante os dous primeiros anos de mandato. De non haber acordo, decidirase por sorteo.

3. As persoas que exerzan as vicepresidencias substituirán, pola súa orde de prelación, o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

4. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 45º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará formada pola Presidencia, ou calquera das dúas vicepresidencias e, se así o decide o pleno, un ou varios dos seus vogais, e o secretario/a do Consello Regulador.

2. O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son a misións específicas que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente seranlle comunicadas ao Pleno do Consello Regulador na primeira reunión que este celebre.

Artigo 46º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia contará co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo ao establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. O Consello Regulador terá un secretario/a-xerente, designado/a polo Pleno, que terá como misións específicas as sinalados no punto 2º do artigo 28 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. Para os labores de control o Consello Regulador disporá dunha unidade composta polo persoal necesario que, integrada no Órgano de Control e Certificación, actuará baixo a responsabilidade do director técnico e de acordo cos requisitos sinalados na letra b) da alínea 1 do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo VIII

Réxime Económico e Contable

Artigo 47º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Conforme a citada normativa, establécense as cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Os titulares de plantacións:

-Cota de inscrición: ata 100 €. Satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación do rexistro: ata 100 €. Satisfarase con periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación: satisfarase anualmente ata o 2% do valor potencial teórico en orixe das patacas certificadas.

-Cota pola prestación de servizos relativos ao control e a certificación: satisfarase de acordo coas tarifas que estableza o Consello Regulador. Entre estas tarifas incluirase unha relativa ao control da sementeira declarada, que será de ata 100 € por hectárea e satisfarase anualmente coincidindo coa dita declaración.

b) Os titulares de plantas envasadoras:

-Cota de inscrición: ata 100 €. Satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación do rexistro: ata 100 €. Satisfarase con periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación: satisfarase anualmente nun ou en varios pagamentos segundo determine o Consello Regulador, e poderá chegar ata o 2% do valor potencial teórico en orixe das patacas envasadas.

-Cota pola prestación de servizos relativos ao control e a certificación: satisfarase de acordo coas tarifas que estableza o Consello Regulador. Entre estas tarifas incluirase unha relativa ao servizo de expedición de contraetiquetas que será satisfeita polas plantas envasadoras que utilicen contraetiquetas nas patacas envasadas baixo a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e o seu importe será o dobre do seu valor material de produción e distribución.

3. O Pleno do Consello Regulador fixará para cada ano os prezos unitarios das patacas e as contraetiquetas, para os efectos do cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de carácter fixo e as porcentaxes das variables. Cando non se fixen novos valores, enténdense vixentes os do ano anterior.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada tipo de cota. En caso de non se satisfacer o pagamento no prazo voluntario, o Consello Regulador poderá fixar outro prazo adicional para exixir o pagamento. En caso de que no dito prazo adicional non se realizase o pagamento, o inscrito poderá ser suspendido nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano o inscrito non liquidar a débeda, poderá ser dado de baixa definitivamente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo co establecido nos artigos 33 e 35.

Artigo 48º.-Réxime contable.

O réxime contable do Consello Regulador é o que se determina no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e mais no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Capítulo IX

Réxime electoral

Artigo 49º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo X

Infraccións, sancións eprocedemento

Artigo 50º.-Base legal.

O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Ver referencia pdf "14400D012P084.PDF"