DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2010 Páx. 13.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 20 de xullo de 2010 pola que se modifica a Orde do 18 de abril de 1996, relativa á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.

O artigo 148.1º.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social.

En coherencia co citado precepto, o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que nace coa vontade de dar resposta ás necesidades derivadas dos cambios producidos na sociedade galega nos últimos tempos en materia de servizos sociais, co fin de construír un sistema galego de benestar.

Entre outros aspectos, a Lei de servizos sociais de Galicia regula a forma en que se prestarán os servizos sociais, permitíndolles ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

Neste ámbito, a normativa reguladora atopámola no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, ditado en desenvolvemento da entonces vixente Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, e no que se establecen as condicións xerais exixibles aos centros de servizos sociais en canto á súa creación, apertura e posta en funcionamento.

Con todo, as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, atópanse recollidos na Orde do 18 de abril de 1996 que, por unha banda delimita cales son os centros a que nos estamos a referir e, por outra, determina os requisitos específicos que se lles exixirán co fin de garantir a adecuación das instalacións, a calidade na prestación dos servizos e unha asistencia axeitada ás necesidades e características dos usuarios, sen esquecer tamén as condicións arquitectónicas, materiais, de equipamento e distribución de espazos.

Esta orde modificouse por outra do 13 de abril de 2007, que nace coa vontade de adaptar aspectos da anterior regulación á normativa e estrutura competencial do momento, pero tamén co obxecto de crear centros novos e clarificar o réxime dalgúns xa existentes, como foi o caso das vivendas comunitarias.

O transcurso do tempo e a experiencia acumulada poñen de manifesto un deficiente aproveitamento dalgúns dos equipamentos existentes, segundo a configuración dada pola Orde do 13 de abril de 2007, concretamente no que atinxe ás vivendas comunitarias, que quedaron concibidas como centros destinados a albergar persoas totalmente autónomas. A partir da casuística que se foi xerando nestes últimos anos, constátase na actualidade que este tipo de centros non se están optimizando, precisamente pola súa vinculación só ao ámbito da autonomía, o que na práctica supón que queden relegados a un aproveitamento limitado no que á súa funcionalidade se refire.

Con esta nova modificación da orde que regula as vivendas comunitarias preténdese ampliar o seu campo de acción, aínda que sen desvincular este dos requisitos e condicións materiais e arquitectónicas que garantan a calidade na prestación do servizo e unha correcta asistencia ás necesidades dos usuarios. Trátase, en definitiva, de alcanzar un uso máis eficiente, co fin de contar cun maior número de recursos cos que facer fronte ás necesidades creadas coa posta en marcha da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que nace cun espírito de actualización e de novo deseño estratéxico dos dispositivos e recursos sociais.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Secretaría Xeral de Familia e Benestar competencia en relación co réxime de autorizacións, control e inspección dos centros, servizos e programas sociais, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Por todo o que antecede, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do punto 3 do anexo I da Orde do 18 de abril de 1996, modificada pola do 13 de abril de 2007, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, que queda redactado como segue:

«3. Vivendas comunitarias.

Son equipamentos de pequeno ou mediano tamaño destinados a albergar en réxime de convivencia case familiar a un número máximo de 12 persoas que, sendo autónomas ou tendo unha dependencia moderada do grao I, niveis 1 e 2, non presenten graves problemas de mobilidade».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o órgano competente en materia de autorización de centros e equipamentos de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia, para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar