DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 03 de agosto de 2010 Páx. 14.038

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 28 de xullo de 2010 pola que se designa o órgano estatístico sectorial da Consellería do Medio Rural.

O Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, regula os órganos estatísticos sectoriais da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento para a súa designación. No número 1 do seu artigo 2 establece que este órgano estará integrado por unha ou varias unidades administrativas que se designarán por resolución da persoa titular do departamento en que se integre organicamente.

Por Orde do 22 de outubro de 2008, do conselleiro do Medio Rural, designouse a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal como órgano estatístico sectorial da Consellería do Medio Rural; non obstante, como consecuencia da nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria fixada polo Decreto 318/2009, do 4 de xuño, e, de conformidade co establecido nos artigos 1, 2, 3 e 7 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, e na Orde do 22 de outubro de 2008, cómpre efectuar unha nova derrogación expresa.

Polo anterior, e no uso das facultades que me outorga o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Designar, como órgano estatístico sectorial da Consellería do Medio Rural a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, que estará integrada pola unidade administrativa cuxos datos a continuación se especifican:

a) Posto de traballo: Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatística e Publicacións.

b) Coordinadora ou coordinador: a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

c) Localización física: Dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, na avenida Camiño Francés 8-10, semisoto, CP 15703, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural